luns, 29 de decembro de 2008

ÁLBUM DE CROMOS DÍPTEROS ( Syrphidae)

Os sírfidos son unha familia de dípteros, (moscas, máis que menos) de tamaño grande e de cores e deseños vistosos. Nestas grandes moscas abundan os marelos e os negros, cores aposemáticas, avisadoras dun veneno que elas en realidade non teñen: practican a táctica do mimetismo batesiano, técnica que consiste en simular ser o que non se é: perigosas avésporas. E funciona. Sobre todo con/en humanos.
Confeso que dende cativo non lles tiven moita simpatía ás moscas. Parecíanme feas, porcas e demas. Só agora, de vello, ao tratar á familia dos sírfidos, reconcilieime con elas.

Velaí van.
Milesia crabroniformis, a raíña do fiuncho.

Milesia crabroniformis, con 3,5 cm. de ala a ala, é o sírfido de maior tamaño da comarca e o máis rechamante de cores. Vése voar de preferencia polas mañás e á caída da tarde, ben entrado xa o vrao. Anda pacendo polos fiunchos, donde é bon mirar se queremos velo.



Epysirphus balteatus, repousando na herbadouro, Ranunculus repens.
Epysirhus balteatus é un dos máis comúns e abundantes. Moi fácil de observar: voa durante todo o vrao, por todos os sitios e a todas as horas do día.



Eristalis tenax sobre crepis sp.

Eristalis tenax, máis apagado e discreto, de corpo groso e robusto. Moi abundante en todo habitat ... campos abandonados... beiras de camiños... silveiras. Voa durante todo o vrao.


Eristalis taeniops, nas pallas da vexetación do Lago de Lanzós.
Eristalis taeniops, é posible nas ribeiras húmidas de augas paradas. Non chama a atención sobre os fondos onde se pousa. É o único sírfido europeo que ten os ollos raiados.





Eristalis arbustorum en Vilarrube, sobre Menta suaveolensEristalis arbustorum é asimesmo frecuente, aínda que en menor medida que tenax. De colores vivos e elegantes ten as alas manchadas en dorado cun centro negro.
Helophylus trivittatus, no encoro das Forcadas.

Helophilus trivittatus é especie de ben entrado o verán. Atópase nas ribeiras húmidas con chapuceiras. Gusta de voar nas horas centrais do día.

Helophilus pendulus,na silveira, Rubus ulmifolius.
Helophilus pendulus, comparte xénero, hábitat e horarios co anterior, véselles revoar polos mesmos lares, se anda un, raro que non ande o outro.





Syrphus ribesii, repousando á paparrandona.
Syrphus ribesii, e un gran sírfido de porte elegante e calmado. Non é doado de ver se un non anda por zonas húmedas, con arborado e campeiras amplas. O Val de Moeche, por exemplo. E aínda así. Fácil de recoñecer.



Magnífico exemplar de Volucella zonaria nas herbas do camiño.

Volucella zonaria é moi fácil de recoñecer polo intenso contraste cromático. Sírfido anchote, de apariencia robusta, que gusta das cunetas e das rebordelas das pistas.



Scaeva selenitica e Merendera montana, o último vrao, o primeiro outono.

Scaeva selenítica. Sería para min imposible distinguila das outras dúas especies de scaeva que poden andar por aquí. Esta foto foi determinada por Miquel Carles-Tolrá de Insectarium Virtual. Mercedes para él e para todos os bene-factores de IV.

Ningún comentario:

Publicar un comentario