domingo, 11 de xaneiro de 2009

ALBUM DE CROMOS ODONATOS ( Anisoptera)


Os Odonatos, os lindos cabaliños do demo de toda a vida, divídense en dous grandes grupos: Anisópteros e Zigópteros. As diferencias de tamaño (os Anisópteros son máis grandes e robustos, cun vóo poderoso), da forma das alas (practicamente iguais anteriores e posteriores en Zigóptera, máis anchas na base as anteriores en Anisóptera), ou de pousarse (abertas as catro en Anisópteros e plegadas en Zigópteros) permiten distinguilos doadamente.



Este Album de Cromos presenta a todos os Anisópteros que poiden fotografar. Deixamos os Zigópteros para outra mellorada. Son moitos os que pensan que non haberá máis de seis ou sete cabalos do demo diferentes. Ben enganados van. Tan só o meu album de afeccionado conta con 27. A nosa bisbarra, con moitos espacios permanentemente húmidos, é un habitat perfecto para a vida desta xente alada, que se ve amenazada pola permanente desecación e reducción dos lameiros e humedais. A pesares de, o monte do Forgoselo, os arredores do Lago de Lanzós ou o espacio intermareal do esteiro do Río Mera gardan, polo de agora, un catálogo amplísimo: ao mellor un dos máis completos da península. Fotografalos e clasificalos é fariña doutro saco.

Xeralmente chamamos a todos eles libélulas, aprendida nos libros en castelán, pero certamente os libellulidae propiamente falado son só unha outra familia dentro dos Odonatos Anisópteros. Muy numerosa certamente, pero unha familia ao fin.


Exuvia de aesnido: é o casco que deixan ao mudar da vida acuática de larva ( pasan dous anos nos ríos), a vida voadora de adulto, onde só duraran un vrao: o tempo de reproducirse.

As outras familias de Anisópteros, teñen magníficos, e aínda extraordinarios, representantes na nosa comarca. Ao fabuloso Brachyton pratense, raro, raro, raro, moi poucas veces visto en toda España, documentado en Asturias e indocumentado en Galizia, poideno retratar non lonxe da Poza do Río Magno e dende aquela é un dos escasos da miña colección de cromos. A protección desta poza estacionaria -no vrao enxoita-, e dos seus arredores enlamados é determinante para a súa seguranza.


Poza do Río Magno, nela cría o rarísimo Brachyton pratense.
Todos eles son depredadores defamados de todo tipo de insectos: mesmamente outros odonatos. De vóo poderoso e incansable -son quén de manterse quedos e mesmo de voar para atrás-, só se deixan ver de perto cando pillan caza e se poñen a xantar. Anax imperator, o demo azul, nin así te deixa achegar.

Velaí van os meus anisópteros.

Brachytron pratense sobor de Equisetum, Areal de Valdoviño.

Brachytron pratense, unicamente se pode ver de milagre. As pozas de auga doce que resisten nos areeiros mellor conservados ofrecen as únicas oportunidades de velo: unha milagre natural: existen ao noroeste do Noroeste. Verase por canto tempo: nos lameiros apozados do Río Magno, hábitat da única poboación que coñezo, os humanos xa andan fozando, tumbando o piñeiral e deixando as polas todas á carón, entupindo as augas e sepultando a vexetación natural, no fondo da que vive a larva deste extraordinario veciño de Meirás. Para saber máis: http://ecoevo.uvigo.es/PDF/Brachytron_pratense_Libro_rojo_2006.pdf



Anax imperator o depredador inagotable.



Anax imperator polo contrario é común e doado de observar e recoñecer pola abundancia de azul e as relativamente boas poboacións que parece ter. Vese en hábitats moi diferentes, do ouzal á beira mar, sempre que haiba augas doces non moi lonxe. No Lago de Lanzós non falla.


Aeschna cianea folgando nunha silveira.



Aeschna cianea e moi difícil de clasificar por foto, e ésta douna con todas as reservas. Estaba nas beiras dun rego lameiro que da as súas augas ao Río das Somozas, máis abaixo da hermida de San Isidro, un territorio fertilísimo en biodiversidade que está sendo tumbado sin misericordia.





Cordulegaster boltoni nos campos do carrizal de Pantín.



Cordulegaster boltoni, é o único representante da súa familia; habita por toda a comarca sendo común e relativamente abundante. Unha tarde, nos arredores de Feás poiden ver catro. De gran tamaño, e máis confianzudo ca outros, pode dar boas observacións se un ten a educación de lle saber andar amodo.






Sympetrum fonscolombei, na Xunqueira do Condomiñas.

Sympetrum fonscolombei, non falla por toda a volta, difícil de diferenciar no campo doutros libélulos, téñoo máis visto polas xunqueiras e campeiras prósimas, case sempre en espazos amplos e abertos, ca polo ouzal. O pterostigma claro ( a manchiña do final das alas) define a esta especie .




Sympetrum striolatum polo Val de Lamas, San Sadurniño.


Sympetrum striolatum é común, aínda que non moi numeroso. Ocupa todos os habitats da comarca, das areas as uceiras. Coma boa parte dos odonatos é difícil de recoñecer no monte e dende logo asimesmo por foto.






Crocothemis erythraea, arriba femia en Cedeira, abaixo macho en Ortigueira.Crocothemis erithraea é especie pouco abundante, contrastando fortemente a discreción de tonos tarreos da femia coa espectacularidade do macho, todo él rubí encendido. A femia cedeiresa fotografeina nos tarreos dos Agros, o macho ortegano en Morouzos, non lonxe da Lagoa de San Martiño.







Orthetrum caerulescens, femia, en San Román, cerca do Río das Mestas.

Orthetrum caerulescens é común nas beiras dos ríos; o macho, como é típico no xénero, é azul lousa, máis refeito e máis discreto. As femias, por veces co sol, parecen mesmamente de ouro limpo.


Orthetrum cancellatum, na vexetación morta do Lago de Lanzós.

Orthetrum cancellatum é moi común en Valdoviño, onde é bastante manso e acomodado, de vóos moi curtos xeneralmente. O da foto é un macho, aprécianse ben as tonalidades azul lousa, típicas do xenero aínda que non exclusivas, e o aspecto fortote.




Onychogomphus uncatus patrullando as pistas no picor do sol.

Onychogomphus uncatus abunda por todos os territorios prósimos aos ríos; parece gustar especialmente de voar polas pistas de terra onde encontra, canda outros Anisópteros, un magnífico territorio de caza, aberto, ao xustiño para as súas extraordinarias capacidades voadoras.





Libelulla depressa, en san Isidro, As Somozas.

Libelulla depressa non aparece moito por diante dos meus ollos. Especie escasa, conto cos dedos dunha mao as veces que a poiden ver. A da foto é unha femia, moi fuxidiza, a que só poiden roubarlle, de lonxe, esta foto.








Libelulla quadrimaculata, na renacida Lagoa de San Martiño


Libelulla quadrimaculata paréceme aínda máis rara que a anterior. As catro manchas acastañadas das alas fanna inconfundible. Vela voar pola rexenerada lagoa de San Martiño no areal de Morouzos, onde antes había un barredureiro, é a demostración que na defensa da natureza, xa non abonda coa protección do pouco que queda, senon que hai que poñerse, ¡xa ! a rexenerar espacios: a vida devolve o esforzo agradecida.



Moitas mercedes.




Ningún comentario:

Publicar un comentario