XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

venres, 2 de xaneiro de 2009

DÍAS DE DIARIO 2 de xaneiro do 2009

 
Cecilia, a extraordinaria gaivota de Delaware que dende o ano 2003, polo menos, pasa o inverno no esteiro do Río Condomiñas, segue a alegrar os ollos dun servidor que de cada pouco lle vai a botar unha miradiña...¡ cousas de namorado!

Había uns días que non sabía nada dela, non se deixaba ver por entrepontes, e na plaia, ao lonxe, no medio das outras e a simple vista, non se da a diferenciar.

Pero hoxe andaba debaixo do Pinzón, rechula, presumindo de tipazo e co seu aquel de mosqueo.




Fun ver o mar dende o Ouzal: a miña querida enseada das Cortes ( sí das Cortes, pois iso é o que foi nalgún tempo toda ela un inmenso cortello amuradado; falta por escribir e documentar todo o que respecta a estructuras agrarias tradicionais e/ou arqueolóxicas) que tantas veces camiñei polo seu peirao, pola plaia das Bolas, polas areas negras e vermellas, polo paredón dos Farallós ata ao pé mesmo da Mina. Que non é obra de romanos, senon de natura, pero igoalmente digna de ver.


Os Farallós. Unha das paisaxes imaxinadas. O mar é bo, moi bó. Nas pedras andan os percebelleiros. No peirao, os inmensos triángulos de fractura esperan, calmos, o paso do tempo que os faga farallós.



As lanchitas arrodean as pedras onde se apañan os percebes. Cos sentidos posto no cachador. Para o que faga falta.
Chalanero no mar, cachador na pedra. Os roles de toda a vida. O equipo perfecto para vivir na rompente da alentía.


Os percebelleiros ( ¿ pero qué broma é esa de deixarnos alcumar de percebeiros? ¿ quen nunca oeu aquí cantar " Son de Cedeira...percebeira"? ¿ Por qué hai que aceptar unha expresión que cheira que abate a castelán traducido, cando temos nós, os cedeireses, a fermosísima e enxebre percebelleiro que, solo oila, recende a craca e a salseiro. Xa o escribín unha vez: o consumo pailaroco do estupefaciente normativo provoca estupidez: por sobredose de prangana. Sí, ben sei que é pranghana, coa gheada ), e punto.


Na Barca de San Andrés o mar era podre, e claro, tamén se percebellaba.


No Ouzal sempre hai unha besta que mirar. Este é un poldro, no pouco que se apartou de su madre. Sempre da gusto velos, aínda que hai remorsos dos antigos e pequenos cabalos da serra, do autóctono cabalo capelado. Xa non se ven.



Este crocus debe ser o último do ano. Plantas outonais sobranceiramente, fanse moi raras inverno adiante. Non me atrevo a dar a especie. A máis común na Capelada, Crocus serotinus. Pode ser.

Tiimarchia gougeletti, realmente asombroso esta cópula a primeiros de ano. Descoñezo a bioloxía da especie pero son rarísimos os insectos que teñen vida invernal de imagos. Tiimarchia é bastante común na comarca e teñoa rexistrada por toda ela adiante. Hoxe, antes de esta parella xa mirara outro; un macho pareceume: son ben máis pequenos.


E por hoxe nada máis.

 

2 comentarios:

  1. Paréceme máis ben que debe ser, Colchicum autumnale.

    ResponderEliminar
  2. Pois seguramente Daniel, certamente ten máis pinta de colchicum que de crocus...obrigado polo interés e por seguires o bló...un saúdo.

    ResponderEliminar