XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

xoves, 22 de xaneiro de 2009

NARCISOS



Os narcisos - amarelles, trombós, flor do cuco, marteliños...- son un dos xéneros máis coñecidos do mundo vexetal. Por outra banda de moi difícil clasificación, por canto aínda está en especiación, e por poseer moitas variedades e subvariedades e mesmo padecer hibridación coas moi abondosas formas de xardinería. Para Europa considéranse 25 especies diferentes das que dez serían endemismos ibéricos, e un, Narcissus ciclamineus, propio de Galizia e do norte de Portugal.


Narcissus sp. atopado perto do areal de Morouzos, posiblemente escapado dalgún xardín

Son das primeiras flores en aparecer no ano, e agora que vai febreiro, o felepeiro, xa van aparecendo e alumbrando de cores os prados aínda escondidos na invernía. Convén lembrar a todo o mundo que os narcisos están protexidos por lei, que non deben ser cortados para facer un inocente ramiño, nen moito menos arrincar os seus cebolos para transterralos: dúas formas moi humanas de amosarlles a súa estima .

Narcissus poeticus, posiblemente, asimesmo escapado dalgún xardín

Por tal motivo, xunto a destrucción permanente das zonas húmidas e dos bosques e campeiras de ribeira, as poboacións autóctonas de N.pseudonarcissus están a sufrir nos seus hábitats uhna regresión e uhna disminución que, sen facer alarmismo, só se pode calificar de terrible: da medo. Raros son xa os prados onde se lles ve medrar vizosos na terra anagada. Algún queda, alegrando os grises da invernía co doce limón das súas cores. Unha espranza da primaveira.


Narcissus sp. no areal de Vilarrube

Na Galizia admitense un bó número de especies. Mª Inmaculada Romero Buján no seu "Catálogo da Flora de Galicia" ( Monografías do IBADER, Lugo 2008) ofrece ata oito especies diferentes. Para Xosé Ramón García ( Catálogo da flora de Galicia, Ed. Xerais), aínda admitindo outras, cinco serían, digámolo así, as nominais: N. pseudonarcissus, N. triandus, N. bulbocodium, N. asturiensis e N. ciclamineus, este último endémico do norte de Portugal e do sur da Galizia.
Posible Narcissus tazetta ( double Roman) aparecido este ano a finais de xaneiro.

Ao noroeste do Noroeste danse máis ou menos abondosamente as tres primeiras e aparecen subvariedades e formas asilvestradas de narcisos que requerirían o exame dun especialista no xénero. Algúns van ilustrando estas palabras.

Narcissus tazetta nas veigas do río Mera, considerase uhna especie xa naturalizada.

N. asturiensis é propio da alta montaña occidental, pero aparece fora do seu hábitat natural , citado nas catro provincias galegas. Non desespero que ao mellor nos cumes do Monte Caxado ( cimeira da provincia de A Coruña) ou no Alto da Herbeira podan aparecer algúns pés desta pequena especie ( é baixiña, coa corola engrosada na base e de flor máis pequena que N. pseudonarcissu). Non espero poder atopar por aquí a N. ciclamineus, endemismo como se dixo do Sur de Galizia e Norte de Portugal.



Narcissus sp. presentando características de pseudonarcissus e ciclamineus

Das tres especies de narcisos ben diferenciadas que podemos atopar pola nosa bisbarra N. triandrus, é a única completamente branca, tanto da corola coma os seis sépalos característicos de todo narciso. Planta é flor de pequeno tamaño que adoita medrar nas rebordelas dos camiños, en terras pobres, florea en grupos de a tres.


                          Narcissus triandrus, coa cartacterística floración triple

Narcissus pseudonarcissus, é uhna das belezas máis espectaculares da floración do noroeste. Flor de bó tamaño, alta, con floracións abondosos en pés numerosos, sobrevive da rapina humana en moi contadas beiras dos mellores ríos da nosa bisbarra. Escusarei dar localizacións concretas. Nunca se sabe quen poda ler esta entrada.


Narcissus pseudonarcissus, con fermosa variación bicolor

Narcissus pseudonarcissus típico
Narcissus bulbocodium é abondante nos altos da Capelada. Chamado tamén flor do cuco, é un narciso pequeno, baixo, coa corola apuntando para adiante, cos seis tépalos característicos, pequeneiros e estreitos. Un tesouro a conservar.


N. bulbocodium, amosando a característica presencia botada para adiante deste pequena flor.

Remato esta entrada, que foi máis laboriosa do agardado pola extrema dificultade en poder dar uhna opinión sobre quen é quen, co exemplo deste exemplar de narciso que presenta características de N. asturienses: a corola engrosada na base ou estreitada ao centro, asegún se mire, pero que presentaba un tamaño superior ao do nominal. Fotografada nalgunha ribeira do río Mera.

                                                          Posible N. asturienssis


E nada máis, agradecido pola paciencia que mostrades comigo e este o voso bló. Agardo poder anovalo con maior axilidade que a que me permitiron estes fermosos e complicados amarelles, que esperan de vós as rectificacións oportunas que de seguro necesitan.
A mandare.

Ningún comentario:

Publicar un comentario