martes, 6 de xaneiro de 2009

SETAS DE XANEIRO nos Sistemas Dunares.

Manto de brión nas dunas secundarias, Areal de Vilarrube, 7 de xaneiro 2008


Os Sistemas Dunares, plaia, areal e areeiro, lonxe de ser un mundo ermo e murcho, como podería pensarse das condicións extremas de solo e salseiro nas que se conforman, resulta ser un biotopo riquísimo en biodiversidade e, precisamente como resposta a bravura ambiental, en especies raras e únicas, varias delas en perigo de extinción. ( Ver, se se quere, neste mesmo bló, Alfaias ártabras).


Areal de Vilarrube, dunas móveis.

Arestora na que os eucalitos suplantaron aos tarreos e o monte, na que os ouzais boquean estruxados por pinos, pastizais, pistas e andaravillas, na que o bosco rieiro é tan só unha fiada de ameneiros todo ao longo da ribeira e na que as fragas, últimas e esmorescentes, aínda son tumbadas con satisfacción, o Sistema Dunar devén en ser un dos últimos acobillos da natureza.


Areeiro e eucalital: luces e sombras.

Deixo, de mostra da riqueza biolóxica dos areeiros, esta pequena colección de setas...de xaneiro. Non me atrevo a clasificar nengunha, non sendo unha. As outras aí van, espidas de nome, como se non fosen ninguén. Que me excusen a iñorancia, prego.


Tulostoma brumale, erguéndose entre o brión e o sedum, en Pantín.


3 comentarios:

  1. Interesante serie de fungos, vistos de esta forma é difícil darlle nome, a maioría dos elementos de clasificación se encontran debaixo do sombreiro, cor, forma e inserción de lámeas, e nos adornos do pé. Aparte da Agrocybe aegerita (seta de chopo)as outras posibles son Lepista sordida var. lilacea, Stropharia aurantiaca, Hygrocybe virginea. Outros xénero posibles Entoloma, Galerina, Psilocybe, Conocybe, Clitocybe, é algún mixomceto, saúdos

    ResponderEliminar
  2. As fotos son dunha calidade excelente, eu son afeizoada e encantaríame facer unhas fotos así de boas!

    ResponderEliminar
  3. Moitas gracias, xentil amanita, pro non é pra tanto...vou facendo o que podo e o que a miña compacta me vai deixando. Obrigado con vosté. Non perda as mañas: siga a facer turismo polo noroeste do Noroeste, sempre será benvida.
    Un saúdo agarical.

    ResponderEliminar