XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

domingo, 18 de xaneiro de 2009

UNHA VÍBORA DE SEOANE en Vilarrube




O sábado pasado, nun cativo andar que dei pola praia de Vilarrube, tropezei, (sorpresivamente pois non agardaba dar con ela en xaneiro), cun exemplar xuvenil -parece unha cría do ano pasado-, inane, morto e faltándolle un pedazo do rabo, da moi famosa e temida Víbora de Seoane ( Vipera seoanei, na honra do gran zoólogo galego que a describíu). Temida por ser o único réptil venenoso ao noroeste do Noroeste. (No sur de Galizia, nas máis quentes terras de Ourense, dase a Víbora Fociñuda ( Vipera latasti ), por aquí nunca vista).

O deseño da pel é moi variable entre os individuos.

Famosa, e aínda mítica, por ser un endemismo do Noroeste ìbérico que ten as súas únicas poboacións mundiais asentadas entre o norte de Portugal, Galizia e a vertente cantábrica, ata Navarra. Unha verdadeira xoia da nosa fauna que debemos de saber admirar e respetar. E tamén diferenciar das inofensivas culebras, que pagan venenos alleos. ( Por acolá nunca diferenciamos entre víboras e culebras, todas eran e son cobras, término que as facía equivalentes en todo, mesmo na súa capacidade dañina e por tanto cos mesmos dereitos a seren descabezadas e deslombadas).

Na cabeza a V de víbora.
Recoñeceredes sempre a unha víbora se vos decatades de que non posee grandes placas cefálicas (vale, as escamas da cabeza), que a súa pupila é vertical e non circular ( í, para isto hai que ter moito ollo) e que a súa cola disminuie rápidamente. Eu o primeiro que fago é mirar o debuxo no entronque da cabeza co corpo, se ten unha V marcada (V de víbora), 95% de posibilidades de sere víbora. Todas cantas vin, en vivo ou en foto, posúena dalgún modo.
Obsérvese a ausencia de grandes escamas na cabeza.

Non son moitas as posibilidades de atoparse coa seoane . De feito só tres veces antes tivera ocasión de observala. A primeira, ao meu parecer era unha femia preñada, polo grosor, entre uns toxos no cantil da parte dabaixo de Teixidelo, outra, morta, na pista de asfalto que vai dos Casais ao Covelo, en Cerdido e a terceira, viva, recién despertada do soño invernal, nunha mañá de abril do ano 2006 no areal de Morouzos, tirando cara Ladrido.

No cantil de Teixidelo, nos prados de Cerdido, en Vilarrube e en Morouzos: haina.

Víbora de Seoane atopada morta nunha pista entre prados, Os Casás, Cerdido.

Víbora de Seoane entre as xuncas de Morouzos, Ladrido.
Víbora de Seoane, no areal de Vilarrube, 17 de xaneiro do 2009
Compre saber da presencia da Víbora de Seoane ao noroeste do Noroeste, respetar seus territorios e hábitos e non confiarse nos inocentes paseos e xogos: penso agora nos surfistas nosos de cada plaia que andan descalzos atallando polas herbas, nas familias en chanclas sempre polo camiño máis curto, nos que pasean a duna sen máis nen máis... en todos os que non usamos dos corredores de madeira, que ao lado de asegurarnos da seoane, aseguraría á duna de nós.

A mellor prevención: unha boa educación medioambiental.
Agradecido.

2 comentarios:

  1. Moi boas e noraboa pola túa iniciativa na rede,

    Pois tes que saber que en Cariño tamén temos tal ofidio, ainda que soamente me topei con ela en 6 ou 7 ocasións, dúas delas con exemplares vivos. Todo un pracer e un susto ao primeiro.

    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  2. Ola José Miguel, agradecido polas túas palabras.Certamente a seoane aparece por todos lados...o caso raro é tropezarse con ela viva...pero habelas hainas. E ao parecer ocupando habitats moi diversos.
    Unha aperta e saúdame ao Ricardo.
    Ata vernos polo monte.
    Saúde e sorte.
    Rafael

    ResponderEliminar