sábado, 28 de febreiro de 2009

ÁLBUM DE CROMOS ( HETERÓPTEROS) PENTATOMIDAE


Os heterópteros son un amplísimo grupo de insectos que por nome vulgar coñecemos coma chinches. Numerosas serán, xa que logo, as familias de chinches que se estudien. Non teremos tempo nen espacio para tratalas todas, naturalmente, conformarémonos con ir amosando algúnhas das máis representativas e ás veces algunha especie cun interés particular.


A familia Pentatomidae será seguramente a máis recoñecida de todos eles. De cativos chamábamoslles xenericamente escudos, por recordaren tal obxeto defensivo, e decíamos que non picaban, así és que collíamolos sen recelo e cunha certa ledicia. Sobranceiramente aos escudos verdes. Abundan polo noroeste do Noroeste, unhas especies máis ca outras, e non son raros de atopar: compre mirar amodo entre as herbas.



Posuidores de metamorfose incompleta, sufren (ou gozan, ¿ qui lo sá ?), de varias fases de muda nas que se van amosando cunha librea diferente cada vez, o que fai ben dificultoso o recoñecemento das ninfas antes de chegaren ao estado adulto definitivo. Un exemplo do que conto é o exemplar que antecede a estas líñas: non son quen de averiguar a especie. Aí queda, buscando entre os lectores do noroeste do Noroeste un padriño que o cristiane.

Ben identificados, gratias sexan dadas aos especialistas de Insectarium Virtual, son os que a seguir veñen. Algúns, sen dúbida, serán moi coñecidos de todos vostedes pero agardo que cando menos outros poidan supoñer uhna novidade entretenida. Imos para diante con eles.

Graphosoma lineatum

Graphosoma lineatum paréceme o máis fácil de recoñecer de todos os pentatomidade e aínda de todos os heterópteros. Rechamante é característico polas líneas negras e vermellas, deu en ser chamado tamen italicus por lembrar os tradicionais deseños dos vestidos florentinos. Bichiño de ben entrada a calor, aguántase ata finais do verán e primeiros outonos, nos que se pode ver a individuos vellos coas cores desleimadas, que recordan as ninfas xuvenís, aínda sendo estas claramente acastañadas.

Palomena prasina



Palomena prasina sería o outro gran coñecido da familia pentatomidae. Aí está o escudo verde da miña nenez, (na foto de arriba un adulto co escudeto encarnado por mor dun efecto óptico que aínda que irreal a min faiseme agradable, e abaixo un xuvenil). Común e relativamente frecuente non resulta fácil de ver entre as herbas nas que anda, xa que o seu mimetismo de cor é absoluto

Dolycoris baccarum


Dolycoris baccarum é máis común do que se pensa e pode verse con relativa facilidade se un anda remirando cunha certa atención polas flores das umbelíferas polas que parece ter un gosto especial, acobillándose con certa frecuencia no seu seo. É un escudo fermoso e atractivo que chama a atención cando se deixa ver, que por outra parte son bastante veces por que afortunadamente é común.


Euridema oleracea

Euridema oleracea é un bonito chinche dos areeiros, na foto sobre Cakile marítima, de cores negras e vermellas con tornasoles verdes. Non abunda e os únicos exemplares que poiden atopar foron sempre na última liña de vexetación dos sistemas dunares. Vilarrube, ese espazo único do que algún día haberá que facer uhna entrada exclusiva, deume os únicos exemplares que poiden fotografar. Un cada dous anos.Este que antecede e o que vai máis atrás. ( Que por certo a veces dubido que sexan a mesma especie: xa se sabe que por foto a bichería non é de fíar).


Nezara viridula


Nezara viridula, (arriba adulto, abaixo segunda muda), é un dos escudos máis grandes senon o máis de todos. Fácil de diferenciar e de recoñecer non é moi abondoso pesia a ser común. Gosta das campeiras ben conservadas e dos tarreos que hai anos que non se levan. Difícil de ver, coma Palomena prasina, por ter un mimetismo perfecto coas herbas onde anda.



Piezodotus lituratus


Piezodotus lituratus, é a xoia da miña colección de cromos de escudiños por ser especie rara e escasa, difícil de ver e asimesmo de fotografar. O único exemplar que poiden ver, o da foto, deixoume facerlle dúas fotos, uhna por abaixo e estoutra de lado e... ata outra mellorada. Por certo apareceu no Areal de Morouzos no 2005 e outra ocasión aínda non ma deu.



Carpocoris fuscispinus
Carpocoris fuscispinus, é tamén un escudo relativamente común que é habitante habitual de cardos espiñentos. Téñome atopado con el en diversos sitios e habitats da nosa bisbarra, dende Cedeira ao Barqueiro.



E pouco máis me queda por dicir non sendo agradecerlles a súa compaña e o seu apoio a este o seu bló, que polo que vou sentindo cada día ten máis lectores... e de máis lonxe.
(Ao mellor xa non somos media ducia, ou mellor xa somos sete. Ogallá)
A mandare, meus.

 
Nota marxinal: Logo da entrada das cabuxas publiquei outras dúas, sobre licénidos e sobre narcisos. Por algo misterioso que non dou entendido, e que ten que ver coa miña analfabetez dixital apaeceron mergulladas polo medio do mes de xaneiro. Explico isto por que si de seu son dado a escribir pouco non vaia a ser o caso que se crea que son máis indolente do que de natural son: que tal cousa non é posible. Pois iso, que si interesan os temas por aí andan: enxaneirados.  



Ningún comentario:

Publicar un comentario