XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

domingo, 15 de febreiro de 2009

CABUXAS, CASTRÓS e CABRITOS


Contaba Estrabón (un antigo xeógrafo grego que falou da Galizia sen vir nunca por acolá, nisto xa era moderno) que os antigos galegos castrexos estimaban ben a carne de castrón, papándoia sen pensar no bravío, gustándolles. Por iso que de vello nos ven a crianza das cabuxas. (E a papancia arestora dos cabritos, en evolución civilizadora da cobardía do gusto: do bravo castrón ao manso cabuxiño. Ao lado do porco, un outro totem: o cabrito ritual da comida común no Santo Patrón).
De vello tamén nos ven a gandeiría ceibe e asilvestrada. O usar do monte coma un cortello: as vacas e cabalos polo ouzal, as cabuxas polo cantil. Ceives pero controlados. Que ninguén se engane. Cada quen soubo sempre cal era a súa vaca ou cal era a súa besta e, máis ou menos, por onde andaban. Sabíase tamén de quen eran as cabuxas e cada un coñecía a súa manda.



Cos tempos anovándose, a gandeiría da vaca e do cabalo cambiou tanto que xa nada ten que ver, ou moi pouco, coas vellas prácticas gandeiras. Un grande esforzo de melloramento e de control sanitario se ten dado nos últimos tempos. A gandeiría extensiva, que moi pouco tiña cambeado nos seus hábitos en centos de anos, (esa pielga, cruel, si, pero dun inxenio natural asombroso, confeccionada sen nengunha ferramenta de metal, e dunha funcionalidade perfecta, debe de ser, con poucas dúbidas, uhna pervivencia das primeiras técnicas neolíticas de amansamento das bestas) soubo mergullarse nos mecanismos económicos globalizadores e garantirse uhna posición desafogada ao abeiro dun produto de calidade: a carne da Capelada.




Non fixo o mesmo a gandeiría da cabuxa. Ao contrario: nen máis saneamento (¿quen as pilla polo cantil?), nen máis control. Arestora ceives, abofé. As mandas de cabuxas téñense xa asilvestrado de todo, reproducindo os xeitos e os ciclos da vida salvaxe. Constituíndose nuhna amenaza real para a vexetación autóctona do cantil. Para a pouca que queda. A práctica totalidade dos estudios conservacionistas sinalan as cabuxas asilvestradas coma un dos factores determiñantes, cando non o factor, da desaparición de numerosas especies vexetais en todo o mundo. Nos cantís da Capelada tamén.


Non teño nada contra das cabuxas. Ao contrario. Sendo eu tamén un humano comedor de cadáveres gosto da súa carne doce e recendente a seidón ( esa herba longa, azuada, resbalosa que medra no cantil) e engaiolo coa figura baril, rexa, impresionante dos castrós, recortando a súa testa cornada contra dos azuis do mar e do ceo. Téñoos entre os máis plásticos e fermosos residentes do noroeste do Noroeste. A súa fotoxenia e dunha convicción inmediata.



Nada habería que obxetar a unha gandeiría controlada e racional. Coas súas zonas de pacer delimitadas e claras. Co saneamento requerido e actualizado. Cos propietarios responsables ben coñocidos. A actual situación de deixadez, irracionalidade e anarquía está a causar serios prexuicios. Xa se sinalaron publicamente as responsabilidades das cabuxas asilvestradas no andazo brutal de tuberculose que padeceu o gado saneado da Capelada e en consecuencia a economía dos gandeiros. Compriría facer algo máis que sinalar.



Tanto polo perigoso foco de infección que representan para as outras especies gandeiras verdadeiramente domésticas, coma pola gravísima amenaza certa que representan para as especies vexetais autóctonas, das que na nosa costá hai varias clasificadas por lei en perigo de extinción, as cabuxas asilvestradas deben de ser erradicadas do cantil e coutadas en territorios mansos que posibiliten o seu manexo con técnicas de gandeiría moderna.
¿Quen pode entender que si a min me da a gana e merco uhna ducia de cabuxas, podo ceivalas pola Punta do Sarridal adiante para que anden pacendo por onde queiran, por tarreos que non son meus, aínda que fosen públicos, e acabando cos últimos pés de Crepis novoana, un patrimonio colectivo cedeirés único no mundo enteiro ? Eu sei que non hai dereito.


Pero non todo o mundo pensa así. O descoñecido propietario das cabuxas que estes días andan arreandola pacendo pola punta das Baterías e nos arredores do Castillo, é un deles... e eu que sabía que por aí había uhna planta desas...pensaba que non facían mal ningún...se eses tarreos cantos anos hai que nos leva nadie...se se avisara desa flor, aínda bueno... con parecidas razós de inocencia , que coñecedes, xustifícase sempre a perigosa iñorancia.


E tantas outras veces quérese eludir a responsabilidade personal, interpretando o vello argallo galego de facerse o parvo para ver se o tonto de enfrente non acaba sabendo se andamos a baixar ou a subir a escadeira, porque, como me avisou certo día un gandeiro no Alto de Chímparra "...ás cabuxas hoxendía ninguén se chama a elas, non sendo cousa que collas uhna ou dúas que daquela verás que de camiño aparece o dono".




E de remate deixovos uhna secuencia de tres fotos que me parece ilustran, ao que tal, o agustiño con que se atopan as cabuxas no cantil capelado; o da foto, a Punta Falcoeira.

Obrigado con todos vós.
( ¿ Sabes quen veu ? ¿ ? ¡ Veu o Antroido e maila muller ! Así nos anunciábamos,vinte ou trinta días antes, os cativos da miña infancia a chegada prósima do tempo de antroido os uns aos outros, cun miudo enredo onde a gracia ( ¿ou tería que escribir graza?) estaba en pillar "in albis" o interlocutor alelado. Pois iso, que veu e... ¡que aproveite! )

2 comentarios:

  1. Hola Rafael:
    Estou básicamente dacordo contigo, non se pode coller unha cabra/vaca/besta e levala ao monte porque un queira. Hai moito tempo que digo que na Capelada (3 concellos) fai falta un órgano de xestión que regule todo isto e poña orde no tema, que diga canto gado pode haber, quen o pode ter e en que condicións. Eu xa teño claro como se debería facer, e ganaríamos todos, pero non o queren ver.
    Non estou dacordo en que as responsables da tuberculose sexan as cabras, nin os corzos nin os porcos bravos como se empeñan en dicir algúns, que practicamente din que hai que matar todo menos as súas vacas.
    Os responsables son os propietarios de vacas e bestas(que non se poden chamar gandeiros) que non fan as cousas ben, e despois nos explota a todos na cara, e pagamos as consecuencias.
    En fin, que é un tema que me ten encendido desde hai tempo, porque nos costa moitos miles de euros cada ano, pois nosoutros podíamos ter vacas no monte, e non as temos por todos estes problemas que traen certos veciños e que todos sabemos quen son, pero naide denuncia.
    Bueno, podería seguir horas falando do tema.
    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  2. Boas Tojeiro:
    ...certamente un tema o que hai que poñer solución...non teño probas de que a tuberculose veña do gado asilvestrado ou bravo...tan só repetía uhna noticia que se deu en prensa...pero se de veras hai xente que non ten o seu gado saneado, nos tempos que corren non teñen perdón de dios... é moita a perda que se ten dado... tes razón o meu entender na necesidade dun órgano de xestión conxunta dos tres concellos ou da consellería correspondente...a actual situación de anarquía e deixadez está a levar moitos perxuizos ao monte...uhna xestión racional e moderna da Capelada, que soubese combinar respeto medioambiental e rendimento económico faise imprescindible... a min paréceme uhna idea razonable a creación dun órgano de xestión como propós que non só mire do gado senon tamén da riqueza silvícola, xestionando dun modo máis intelixente e respetuoso a madeira, tendo conta de aumentar os espazos con madeiras autóctonas e pechando o paso ao eucalito... e asimesmo do xeito en que se fan as cortas, case sempre uhna demostración de esbandalle de todo canto anda a redor...

    ... non supoñía que habia "ganaduros", que non gandeiros, facendo as cousas ao revés, pero vese que a miña imaxinación en canto a estulticia humana aínda ten moito que mellorar...

    ...en fin que o tema daría para horas certamente, pero faise necesario empezar a poñelo sobre a mesa para que se teña conta...

    ..a idea dun órgano regulador ou xestionador da Capelada pareceme interesante e digna de estudio e debate...

    ...agradecido por expoñela neste o teu bló... para o que queiras...

    Saúde e sorte

    ResponderEliminar