XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

luns, 2 de marzo de 2009

ESQUÍOS



Hai quen pensa que os esquíos son xente que viveu sempre ao noroeste do Noroeste. Non hai tal. Non digo eu que non vivisen por acolá hai centos de anos. A onomástica medieval, velahí Fernando de Esquío, poeta lírico medieval, pode darnos a entender que xa andaban por acó hai moitos anos.
Digo que cando eu era neno non se vía nen uhna e que ao tempo que as repoboacións da Capelada por Pinus insignes ( outra especie de fora, non propia) os inxenieiros forestais do Icona, pensaron que non era mala idea sementar, a canda os piñeiros, uhna boa manchea de esquíos. E fixérono, vaia se o fixeron.



Paréceme, pero é só un parecer, que ao tempo da deforestación brutal que sufríu a nosa bisbarra durante séculos ( ¡ esa Armada Invencible do El-rei FelipeII entrabada nos asteleiros ferroláns cos rexos carballos ártabros ! Eses boscos de cerdeiras que contaba o P. Sarmiento dende Porto do Cabo ata Teixido ¿ Onde son?), os simpáticos e graciosos esquíos desapareceron da nosa comarca, xa que eles, coma calquera persoa, non se sinten de donde nacen, senon de onde pacen...de onde poden ou os deixan pacer. E pouca cousa atoparían para comer no monte rapón en que todo se volveu.
O novo hábitat do piñeiral de repoboación e o abandóo das vellas prácticas agrícolas de queima e roza, ofrecéronlles aos esquíos novas posibilidades de asentamento e ocupación do territorio. Lembro que nos primeiros anos era relativamente fácil poder ver pola Capelada adiante algún que outro esquío brincando de pola en pola ou agachando casca arriba.
Vése que ceibaran un bó número e que ían sendo respetados. Non por moito tempo. Houbo quen disfrutou " de lo lindo" escopeteando a esta xentiña peluda e rabuda. Chamábase a se mesmo cazador. Sei quen.
Co tempo as poboacións rareáronse e estabilizáronse e hoxendía o seu número parece acomodado nunha poboación estable non moi numerosa pero que de cando en vez se deixa ver: en primaveira, verán e outono que no inverno dormen.
Non son moitas, e sempre en condiciós imposibles para a miña compacta, as ocasiós que tiven para facerlles uhna foto a esta áxil xente do piñeiral.
Estes catro exemplares diferentes que van fotografados neste artigo son todos cantos teño. Son tres machos ( reconocibles polas orellas con pincel, tomada nota por se algún día os mirades) e uhna femia de cría cos tetos cheos. Os catro exemplares teñen o seu aquel.
Un deles por estar xantando, era en setembro, uhna Amanita rubescens, como se fose un setero capelado calquera. Fíxenlle a foto na área de lecer do curro. Baixou por un pino, tronzou a seta e cando me sentiu achegarme, eu por ver que facía, gabeou polo piñeiro arriba para almorzala, ao que tal, no alto dunha pola segura. Non sei se estará moi documentado o consumo de A. rubescens polos esquíos. Aí fica o noso.
Outro por andar papando nunha caroza, o seu condumio máis corrente, que queda así ilustrado neste bló. A femia por ensinar os tetos ao aire, que non é documento menos apreciable. E o outro macho, algo noviño polo pincel escaso, por entrar no patio do colexio de As Somozas, rubir polas paredes arriba e agardar alí a que salisen os cativos ao recreo e poderlles ofrecer un lección de historia natural en vivo e en directo. Aínda hoxendía disfruto lembrando como a gozaban os cativos, que, moi intelixentes eles, andaban máis pendentes do animaliño que das explicacións que eu lles daba.
Sei que os sensibles lectores deste bló apreciaran sen ofensa que adique esta entrada, que xa vai rematando, aos meus queridos alumnos de As Somozas, que sei que o leen nas clases de informática e que con tanta pacencia e cariño aguantaron de min, e do meu clásico malhumor, durante tantos anos. A vida lle lo pague con moita saúde e sorte.
E a todos vos asimesmo da mesma maneira.
Obrigado.
Nota marxinal: non teño dúbidas nengunhas de que uhnas eleciós tamén se deixan de gañar por insistir tanto en Galizas, nazóns e grazas, palabrutas imposibles que nunca tal se dixeron, (propias de señoritos de intelectos ensoberbecidos, de macarras intelectuais alonxados da fala sinxela do pobo, de vangardistas da merda da nada, de patéticos esnobistas da diferencia), o maior mérito das qué non é acomplexar treidoramente a xente que sostuvo a lingua viva nos séculos escuros, senon pronuncialas sen producir un esguince de gorxa. O neuronal venlles dado.

2 comentarios:

  1. Que suertre atoparte no Lago de Lanzós¡
    Moitas cousas aprendín e agora xa sei onde mirar para non esquecelas. Agradezocho ben.
    Que a tua paciencia se vexa recompensada e atopes o que desexas.Bicos.
    Elena P.

    ResponderEliminar
  2. Vaia Elena a ledicia foi para min. Sempre é grato volver a ver aos compañeiros e se teñen, coma tí, sensibilidade natural, máis. Agradecido polas túas palabras.Non deixes de facer comentarios e aportacións: un bló vive dos lectores e das súas opiniós. A mandare.

    ResponderEliminar