domingo, 21 de xuño de 2009

Unha Lycaena alciphron no solsticio.


Entrou o vrao. Renxeron as bisagras das témporas co nordés e cuarteou o sol nun día luminoso e limpo. Funo celebrar as beiras do Lago de Lanzós e aos marouzós da Frouseira. Do triste Lago de Lanzós que día a día, a vista dos ollos, se torna un areeiro desértico. Don Jenaro Dalda xa o pronosticara no ano 1968 ao demostrar que a apertura artificial dun canal de desaugue, estaba a provocar cámbeos dramáticos que deverían en ser tráxicos. Xa estamos nos tempos da previsión científica cumplida.


Non extraña que os humanos, ao mellor non tan inocentes nen tan iñorantes, pensen que toda area é plaia e den en andar polo medio da enxoita lagoa, felices e despreocupados, paseando aos seus perrumanos, se pode ser en xauría mellor, sen coidarse da xente salvaxe que vixía alerta os seus indovindos veraniegos.

Así o fai a garzota, que dende hai días repousa e pesca polas coreñas augas que xa amosan ao trasluz os fondos de area medrando e colmatando a pouca bacía que vai restando.


Dei en irme solear polos marouzós da Frouseira, abeirando ao Río Magno, por ir vendo cómo viña vindo o día....e por ver se vía ao fabuloso Brachyton pratense... que quen me dera.

Uhna crhysis... ¿ què crhysis, Zapatero ?... anda pacendo nas albarrosas umbelas...



...as flores dos xuncos, repoludas e discretas, son dignas de ver e merecen o pararse con elas...
... uhna parella de sympetrum, logo de cambear de xunco axocados polo meu pasar, están a facer gostosos os deberes do vrao...

...as orquídeas, Dactylorrhiza elata, moi comúns na nosa bisbarra e escasas Galizia adiante, estimádeas por iso tamén, aledan as pradeiras do areeiro de pouco en pouco...

...no adentro dunha silveira, as morenas Maniolas jurtinas disfrutan das calores do día, trasmudando, cos gustiños, as cores das escamas das alas...mirade á femia, feliz, azuleando polas orelas...


...e no azul profundo, no cenith do solsticio, o aire é xa un recendo de helicrysum... que florea con mil soles entre os brións amurchados e pardos da duna... un día coma outros, de a diario...
...ata que uhna incandescencia púrpura pasa revoando ao meu redor e póusase un pouco adiante...

...un licénido sen dúbida...pero cal ?... quen ten ese corpo tan intensamente azul ?...e esas cores tan encendidas ?...

...ás lindas meniñas, os licénidos, son luz dos meus ollos e xente para min difícil de determiñar, pero esta paréceme non tela vista nunca...

... seméllame uhna licaena...teño fotografado en Vilarrube uhna Lycaena phaleas, así de rechamante...

...pero sen o intenso azul do corpo... e coa correspondente banda parda do borde alar das phaleas...da que este exemplar carece...

...penso se poidera ser uhna Lycaena tityrus, que tamén se da por estes cómaros...

...aínda que máis adentrados no vrao... e é máis marela ca vermella...e cun diseño alar diferente...
...así es que, díxenme, debe de ser a Lycaena alciphron, unha rara meniña que nunca antes mirara e que viría a aumentar a colección de licénidos do noroeste do Noroeste. Un galano do sol do solsticio. Co engadido da súa beleza fulgurante, para máis.
Esa tarde e outra, pescudei en toda canta guía, en rede ou en papel, pasou polos meus dedos. Paréceme que a deducción é acertada. Lycaena alciphron, apoñería. Uhna fermosa femia, para máis.
Lycaena alciphron, saibase, é escasa mesmo alí onde se da: nas campeiras das abas da media montaña do interior. ¿ Qué fai esta por acolá?
Está visto: no vrao todo o mundo vai á plaia.
Menos eu, que por iso, vou no inverno.
A mandare, miñas donas, meus señores.
Despós de Data: Aí van quedar uns achegos a páxinas ou blós que portan fotos da Lycaena alciphron. Vós mesmos.
http://waste.ideal.es/lycaenaalciphron.htm
https://www.miradanatural.es/fotousuario.php?id=25434&galeria=286
http://www.miradanatural.es/galeria.php?Buscar=Lycaena%20alciphron&id=buscadortags

2 comentarios:

  1. Ola, descubrín o teu blog hai días e gústame moito. Pero iso do fondo negro e as letras claras acábame coa vista, che...
    :-)
    Saúdos.

    ResponderEliminar
  2. E logo...co fondo negro e as letras escuras non sería pior?... é broma...gracias por che gustare...penseino de saída e escollín estas cores por seren as que me parecían que facían locir mellor as fotos, que non son todo o boas que me gustarían...benvido

    ResponderEliminar