mércores, 19 de agosto de 2009

Un ciño no Lago de Lanzós


Entérome, leendo o bló Extremebirding, que anda un ciño de fuciño marelo, Cygnus cygnus, polas canabeiras e carrizais da lagoa areeira da plaia da Frouseira, o fermoso e malpocado Lago de Lanzós, que na hora está cheo e inmenso, ao que tal para servir de repousadoiro e folgarío ás xentes de auga e aire.

Tal, imaxno eu, debeu pensar este fermoso exemplar adulto de Cygnus cygnus, que dende hai días, da en folgar polas xunqueiras e carrizas do Lago, manténdose das raíces das herbas do fondo, as que chega sen problema co seu longo e flexible pescozo.


Gabeei, amodo e silandeiro xa que é especie escorrentadiza, ao alto dun vello salgueiro da beira de vendabal. Agocheime como poiden entre as pólas e as follas dos loureiros de enfrente, e entremedias de tanta ramallada, poiden disfrutar a gusto, sen molestar nen ser notado, do pequeno almorzo do ciño.
No alto da árbore espreitando atento oa ciño, sentin que a miña ollada era de marta.
O ciño erguía á cabeza do fondo da auga, relambía as últimas herbas que lle penduraban do peteiro, e asexaba durante uns segundos os arredores tornando a ollada de lado a lado. Confiado en que non había novidade, volvía a mergullar a cabeza para pacer gorontoso as sabedoras e tenras herbas moles do fondo.
Sendo sempre especie rara por estas terras,( aniñan na tundra nórdica e en Islandia, e invernan nas costás do Mar do Norde e do Mar Negro), no noroeste do Noroeste, ao igoal que en toda a Costá Cantábrica, son especie de aparición puntual e permanente. No mes de marzo do 2008 outro Cygnus cygnus pasara xa uns días no Lago de Lanzós. Miradeo neste achego, de Travelling birds http://travellingbirds.blogspot.com/2008/03/se-acaba-el-invierno.html ¿ Será o mesmo ?


Xa Don José Pardo no ano 1948, no "Catálogo de lagos de España" e na ficha correspondente ao Lago de Lanzós deixa constancia da presencia dos ciños na lagoa con estas palabras que transcribo: "...viéndose anualmente el cisne, habiendo sido cazado alguno en dicha localidad por los deportistas que frecuentan tan excelente cazadero".


Afortunadamente hoxendía ese deporte é un delito grave. Na hora, en que sentimos esmorecer a vida salvaxe, e a súa contemplación serena é cada día máis un galano milagroso dos días, imos pouco á pouco aprendendo a estimar os dereitos á vida e á sobrevivencia como especie, das diferentes xentes terrenais.

A lenda do canto do ciño según a que, cando este vai morrer entona unha derradeira, outa e fermosísima cantarela, debe de ter á orixe neste Cygnus cygnus que na tundra deixa ouvir o seu canto, en realidade laiante e longo, dende moi lonxe, e mesmo segue a cantar, lastimeiro, atrapado nos xeos ou esmorrendo esfameado.
Non me gustaría sentilo sobre a limpa louza azul da flor da auga do Lago de Lanzós.
Non ha pasar.
Ata outra mellorada, miñas e meus.
Agradecido.





2 comentarios:

  1. Bonitas fotos. Se podo irei mirar.
    Eu teño fotos dunha parella hai tempo, fixenas coa cámara de carrete así que xa hai máis de 7 anos, que foi cando empecei coas dixitais. Aqueles permitían que te acercaras, mesmo se acercaban á orilla aínda que houbera xente, polo que moitos dos paseantes pensaban se os poñería ali o concello para tirarlles faragullas de pan.
    Un saúdo.
    P.D. : Xa son famoso, jejeje, o outro día ná Gándara recoñeceume Pepe (ferrolterranatura)gracias á foto da entrega do Ollar de Seoane.

    ResponderEliminar
  2. Ola Tojeiro...ben me acordo deles...pero pareceme lembrar que eran ciños comúns e non o ciño canoro que hai estes días...que é moito máis tímido e fuxidizo e anda sempre lonxe da presencia humana...eu mireino dende a banda de vendabal e moi escondidiño que se me chega a ver ou sentir habería de se ir.
    Saude e sorte
    PD Vai preparando o ollo que o 2º concurso está a caer.

    ResponderEliminar