luns, 26 de outubro de 2009

Brantas berniclas en Cedeira

Na mañá seguidora á maretada nocturna do mércores ao xoves, (que levou cenmil euros de area, levantou un escano de cen centímetros e deixou cenmil quilos de xebra), apareceron nadando e pacendo tranquilas, e coma o que non quere á cousa, tres exemplares de Branta bernicla da subespecie hrota.

Branta bernicla, a barnacla da cara escura, é un anseriforme (da familia das ocas para nos entender), e é a máis pequena do xénero branta. Aniña máis ao norde que nengunha outra branta. Mesmamente no Círculo Polar.
Existen duas subespecies: bernicla bernicla que aniña nas últimas tundras siberiáns, inverna no Báltico e posúe o ventre escuro e bernicla hrota que cría no outo nordés de Groenlandia e nas Illas Spitzberg, inverna no Mar do Norde e posúe o ventre claro. Destas son as que arribaron a Ría de Cedeira. Tres brantas de Groenlandia.



As brantas da cara escura, pesia a ter uhna presencia practicamente anual nas costás cantábricas, son uhna verdadeira rareza. Cítase a súa presencia en varias localidades costeiras do norde, pero sempre con moi poucos exemplares e rareando a súa aparición de leste á vendabal. Guipúzcoa sería o territorio cantábrico onde sería menos rara.

Chegan mesmamente a invernar no enorme esteiro do Río Teixo, nos humidais de Lisboa. Cítanse ás costas do Noroeste, Ría de Ortigueira sobranceiramente, como espazo natural establecido de invernada dun pequeno número de exemplares.

Estes tres exemplares, todos co borrón branco do colo que sinala o seu estado adulto, son uhna novidade para a Praia da Madalena, -non sei si tanto para a Ría de Cedeira, xa que supoño que de cando en ves terán andado de recalada por Vilarrube e Esteiro- e ofrecen uhna oportunidade única de contemplalos amodo e a gusto.
Branta bernicla adoita achegarse as ribeiras das costás para pacer herbas, raiceiras e xebras. Na hora presente andan a darse uhna farta de leitugas mariñas, vindo a pacer de cotío as augas de pouco calado da marea.

Non teñen reparo dos paseantes da plaia e non pasando coidados por cousa deles, seguen mansiñas ao delas, petiscar xebras, sen se amilagrar do paseo mediciñal dos humanos, que ao mellor nonos ven: tan mansas e quedas nadan que parecen ausentes.
Se te ven coa cámara, alí parado, apuntando tal enorme ollo escuro cara a eles, amosan a intelixencia suficiente para separarse, de vagariño iso sí, algúns poucos metros do incordiante humano e do seu artefacto. ¡Qué se aínda nos sacase guapas!
Veremos cantos días quedan con nós. Mentres anden por acó teremos uhna magnífica oportunidade de coñocer e disfrutar coa contemplación, ao pé da Plaza, duhnas fermosas aves salvaxes, raras por estas latitudes, e arribadas a nós coa mensaxe de paz dunha extraordinaria confianza nos seres humanos.
Paguémoslles coa mesma fianza.

Agradecido, miñas e meus.



Deixo este achego: é uhna cousa moi sinxela, pero paréceme un resumo moi axeitado.

3 comentarios:

  1. Sen dúbida que se trata dunha presenza que anima as mañás na escola. Pola miña parte, e xa levo algún tempo observando aves, é a primeira vez que vexo estas aves. Dende logo, observando o seu comportamento, calquera diría que escaparon dunha granxa (algo imposible), fartas da dieta do granxeiro. Semella que a xebra sábelles moi ben.
    Boas fotos, Rafa.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  2. Dende logo uhna oportunidade única para ver estas fermosas anseriformes... a ver se quedan uhna boa tempada e nos dan moitos intres de lecer...
    A mandar

    ResponderEliminar
  3. Gacias por presentarme a esas fermosas brantas.Elas si que saben escoller un bon recuncho.Un saúdo Rafa.

    ResponderEliminar