XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

xoves, 19 de novembro de 2009

Sacabeiras e saramagantas



Sacabeira, así chamamos en Cedeira, no noroeste do Noroeste, ao fermoso anfibio urodelo de nome científico Salamandra salamandra. Por Valdoviño chámanlle sacarrancha, que tampouco é mal nome. Píntega, apelativo que tivo máis éxito na fala galenova, pesia a ter un uso, histórico e xeográfico, menos extendido, non deixa de ser uhna palabra descriptiva tirada das pintas marelas coas que adorna o seu pelexo. Aclararei: uso pel para a das personas, pela para a das plantas e pelexo para a dos animais, sobranceiramente se teñen pelos, senon coiro. Cousas miñas.
Amítase máis a un reptil: ten rabo ( por iso urodelo) ca a seus parentes os anfibios e coma aqueles arrástrase, ela amodo e lene, pola toneira da terra. É sobradamente coñecida e recoñecida e mantén aínda poboaciós estabeis e firmes, que non obstante andan diminuindo ao compás do debalar das zonas húmidas.

Na nosa bisbarra, uhna das de humidade permanente máis elevada do país, é, por iso, relativamente abondosa e, ocasionalmente, fácil de ver. E aínda máis de recoñecer: as súas características cores aposemáticas negras e marelas ( quere dicirse que advirten a todo bicho vivinte do seu veleno) fana famosa e recoñecible. Poucas xentes haberá que non saiban dela.

Hai quen, por tela collida entre as maos e non morrer ao instante, pensa que o seu carácter velenoso é un mito de inorantes. Menos mal que non levou logo as maos a boca ou rozou algunha das súas mucosas, ou ollos, co seu pelexo. Adoecería, e daquela habería de saber o porque da súa sona de bicho envelenador.
Animal mítico e simbólico para os antigos, e modernos, alquimistas que deixaron as trazas deseñadas da súa presencia nas mensaxes arcanas de innúmeras obras artísticas. Cóntase que é quen de sobrevivir no lume, e sen duda se este é pequeno, as exudaciós húmidas e velenosas do seu pelexo hana de protexer e en casos salvarlle a vida.
Animaliño considerado desavogoso na cultura tradicional, provoca acenos de espanto e de noxo nas nosas xentes campesiñas, que non dubidan en darlle co raño no lombo pesia a ser uhna devoradora constante de bichería. Cando cativos decíamos que "se uhna sacabeira che traba non che arrea ata que non toquen as sete campás das sete parroquias". Non sei: nunca me trabou nengunha, nen vin a nengunha trabar a ninguén.
Ovovivípara, pare as larvas no inverno en pozas ou regos mainos e mesmo en campeiras enchoupadas. Logo da primeira e única metamorfose as crías xa se amitan aos adultos aínda que son un aquel máis rechonchiñas. De costumes nouturnas, horas máis húmidas, pódense atopar atravesando mesmo as rúas das vilas vellas. onde aínda quedan restos das hortas dalgún tempo. Tal, a da foto de cima. Que sigan así, abundando entre nós, por moitos anos.
Cinco palabras agora, e sete fotos, dun animaliño extraordinario e dende logo non tan coñecido: a saramaganta.
Chioglossa lusitanica, veleiquí o nome científico dunha das especies emblemáticas (e menos coñecida polo público), da fauna galega: a saramaganta. Uhna sacabeira endémica do noroeste ibérico que foi descrita por primeira vez polo zoólogo portugués Barboza du Bocage en 1864, quen ao cristianala lle puxo o apelido lusitánica.
Chioglossa gallaecica, definiría mellor a área de distibución mundial deste curiosos e raro urodelo que comprende as terras portuguesas do Norde, a case totalidade da Galizia e algúns vales de León e avanzando cara leste polo territorio astur chega mesmo as lindes cantabras. A vella Gallaecia, e algo máis, ao completo.
Extraordinario urodelo de rabo moi longo, máis de dúas veces o tamaño do corpo, que habita nos bosques máis vellos e mellor conservados nos que os regos van aínda cheos de augas puras e ácidas, das que se alonxa moi pouco, non sendo nas fragas escuras e húmidas nas que pode ser que se mova lonxe das canles dos regos.
A chioglossa ten unha característica, única entre os anfibios urodelos, que a asemella aos reptís: e quen de arrear o rabo e rexeneralo se algunha vez se atopa en perigo. O rabo ceibado queda durante moito tempo remexéndose coma se tivese vida propia e os depredadores entretéñense con el, mentres a saramaganta foxe abrelada buscando un abeiro no que gorecerse.
Non é nada fácil poder ver algunha vez á saramaganta. Servidor só uhna vez, ocasión na que fixo as fotos que se achegan, e gracias a que a saramaganta se lle ofreceu á vista ao caer por uhna pequena rebordela da fraga do encoro da Ribeira, nas Pontes, que se non, de que. (Un non adoita buscar: non levanto pedras, non remexo herbas, non toco nen movo nada; camiño, e o que no camiño se ofrece miroio e, se se deixa, fágolle fotos).
Ten uns ollos moi saltós e grandes que lle dan un aspecto característico e gracioso e presenta dúas bandas dorsolaterais dunha cor diferente a do resto do corpo. Particular é tamén o feito de que nas maos teña catro dedos e nos pés cinco. Orixinal en todo este fantástico representante da riqueza faunística do noroeste do Noroeste.
Unha chufa da que podemos presumir, unha presencia biolóxica extraordinaria, endémica da nosa patria, que ao parecer aínda mantén poboacións viables. Considerada vulnerable, pola escasez de hábitats, o reducido da súa zona de expansión e a progresiva contaminación das augas compre ir sabendo dela para asumir a responsabilidade da súa conservación e a transmisión deste tesouro biolóxico as xeracións vindeiras.
E pouco máis xente. Agradecido por seguirdes este bló e polos asisados, e cada día máis numerosos, comentarios que enviades que non fan senon enriquecelo e amelloralo.
De todo corazón, mil gracias mil.
Non perder as mañas.
Saudiñas.



Despós de data: Vede acó un achego a páxina de Vertebrados Ibéricos, onde poderedes ampliar , por mil, as informacións sobre a saramaganta. http://www.vertebradosibericos.org/anfibios/chilus.html
Despós de data: no bló de Alberto Rivero, Fauna vertebrada de Ourense, hai fotos de cazos ( de crías recién nacidas, que por outras terras chaman cágados) da sacabeira. Moi interesantes e completan o que se dí na entrada: que paren no inverno. Vede eiquí o achego: http://faunaourense.blogspot.com/2009/11/primeiros-cagados-de-pintega-en-ourense.html
Despós de data: entérome no bló Lendas herpetolóxicas de que pola banda do Grove dan en chamar a sacabeira "ponsoña", evidentemente en puro castelá seseado, máis tamén que por Coristanco dan en dicir " pezoia", ambalas dúas acepcións amplian pero non melloran o comentario impagable da familia Tojeiro que nos ensinan que ao noroeste do Noroeste ( Os Casás, Meizoso..) as sacabeiras corrían polo nome de "pezoña" http://lendasherpetoloxicas.blogspot.com/2009/10/ponsona.html
Despós de data: Bieito Quintiana ven de me informar que as sacabeiras, tenllo oído a súa mai cando neno, tiñan sona de "gafosas". Rafael Usero, sempre sabio, comunícame que a palabra "gafos" era de uso corrente na Idade Media e ven siñificando cousa recurvada, daí a palabra "gafas" e que se dicía dos "dedos gafos" cando se encollían e curvaban por maladía e que asimesmo el, que agora ven de cumplir algo máis de 65 anos, na súa infancia pasada en Tameirón, Ourense, comarca da Mezquita (na pura diagonal co noroeste do Noroeste) ten sentido que a sacabeira tiña alí fama de "gafosa". Entendo pois que por toda Galizia adiante houbo a crenza en que a pezoña da sacarrancha gafaba os dedos: entollíaos e recurvábaios para adentro e para sempre. Así é: entre todos aprendemos, os uns dos outros. Un bló defínese máis pola calidade dos lectores que polos méritos de quen o mantén. Agradecido, miñas e meus.

24 comentarios:

  1. Como sei que che gusta dos nomes e dos lugares, informa miña mai que polos Casás tamén son chamadas sacarranchas. E que outra palabra coa que se refiren a ela é "pezoña".
    Din os que entenden algo destes bichos que o patrón das manchas amarelas tamén é característico de cada zona, e as nosas da Capelada tenden a ter unha distribución en lines lonxitudinais máis que a manchas, que son propias doutras zonas.

    Un saúdo

    ResponderEliminar
  2. Ah, e da Chioglossa lusitanica (debería de ir en cursivas pero isto non me deixa) tamén temos exemplares na Capelada, pero son moi moi difíciles de ver

    ResponderEliminar
  3. Boas Tojeiro...moi bon dato o da "pezoña"...moi bon...non aparece, penso nos dicionarios coma sinónimo de sacarrancha...sí como "sabandija" no Marcial Valladares...e efectivamnete o siñificado é veneno... e o seu sinónimo castelán "Ponzoña"...unha nova palabra para o meu dicionario de palabras naturais...dalle as gracias a túa mai e quedate tí con algunhas...xa teño sentido que a saramaganta haina pola Capelada, pero ela non deu comigo e así es que non nos demos a coñecer...saúdos...a nos ver.

    ResponderEliminar
  4. Boa entrada, moi ilustrativa, aínda que creo que esta vez non te documentaches tanto, debeu ser pola gripe. Hai que averiguar a ver cantos nomes ten a píntega en galego, que seguro que son moitos e bonitos.
    Coincido contigo en que se trata dun auténtico privilexio tropezarse con esta animal tan curioso polas nosas fragas (falo da rabilonga), moi de cando en vez iso si. Eu creo que a vin 3 veces, son un pouco máis afortunado ca ti.
    Por certo, felicidades polas fotos, moi boas e o animal sae moi simpático.
    Unha aperta, Miguel.

    ResponderEliminar
  5. Boas MIguel...certamente ten nomes variados en galego, pero dentro dunha orde...si que tiña andado tras deles, pesia a gripe e como ao mellor si que é de interés dicir os que sei aí van: por Santiago, píntiga...pola Limia e Viana do Bolo, salamanca... polo Val MIñor e Sárdoma, saramaganta... por Villarmayor, non sei cal deles, pintárraga... en Láncara pinchorra... e por Pontevedra, sabandixa... e en San Jorge de Piquin ( Anibal Otero, dixit), sapagueira...no Constantino García ( Glosario de voces galegas de hoxe, Universidade de Santiago, 1985), salamántiga... en Alvare,salamera...e na Barcia, sapaqueira( recollea o Franco Grande)...
    aínda non está mal a riqueza léxica galega... a todas estas engádase a moi boa de "pezoña" informada pola mai de Tojeiro e propia da parroquia dos Casás de San Xoan, en Cerdido, que certamente sáese da familia léxica das comenzadas por "SA..." que nas "Hipotesis etimológicas del gallego pòrtugués" de Aníbal Otero Álvarez ( 1951)CEG XVII. pax 83-114, sospeitaia derivada do vasco SAPOA.

    En fin, moitas gracias polo teu comentario que me deu a oportunidade de escribir aquí o que non me atrevín a escribir na entrada: por non parecer moi "plomizo", esa gracia tan "coñaza" coa que tivo o ceo a bondade de aduviarme á prosa.

    A mandare.

    ResponderEliminar
  6. Temos un problema causado pola miña mala redacción, jejeje:
    Resulta que o de "pezoña" foi unha aportación conxunta de miña nai e de meu pai, e reclama a súa parte de mérito, jaja.
    Xa en serio, é así: parece que o termo de pezoña era usado nos Casás pero tamén na Capelada, cando menos en Meizoso e arredores próximos.
    Como ben indicas supoño que terá a mesma orixe que "ponzoña", usandose "ponzoñoso" para definir animais tóxicos ou venenosos, pero neste caso úsano exclusivamente para a sacarrancha, sei que isto de definir unha parte polo todo ou algo así ten un nome que algún día me ensinaron en lingua e literatura, pero que non recordo. Cousas de levar tantos anos estudiando exclusivamente ciencias.

    Un saúdo

    ResponderEliminar
  7. Parabéns pola fermosa nota informativa e as mágníficas fotos, a rabilonga só a vin unha vez e pareceume tan bonita como a pintega,
    Espero que con artigos e fotos tan fermosas axuden a cambiar a opinión destes pequenos animais, un cordial saúdo

    ResponderEliminar
  8. Boas Tojeiro... mellor aínda que pezoña sexa palabra extendida polo noroeste do Noroeste...dende logo o seu siñificado é sustancia venenosa e daí a metonimia de nomear ao todo pola parte...a chioglosa deuse en chamar saramaganta, pero eu non dei de certo co seu nome, supoño que é tan mala de ver que raramente habería de ser coñecida... un millón de gracias que repartirás tamén con teu pai, que sei que é bó amigo deste bló e amoroso amante do mundo natural...Saudiñas para toda á familia e non perder as mañas...apréndese moito de vos, moito.

    ResponderEliminar
  9. Graciñas polas túas palabras José Ramón...vindo dun magnífico fotógrafo, e igoal naturalista, supoñen unha inxección de ánimo que se agradece...Apertiñas ( o ofrecemento de guiar pola Capelada segue en firme). Saudiñas

    ResponderEliminar
  10. Cumprindo a promesa, acabo de ver e ler este teu documento e paréceme fantástico. As fotos da Chioglossa gallaecica parecen sacadas noutro planeta pola sua rareza, polo menos pra un profano coma mín. Noraboa, Rafa.
    Bieito.

    ResponderEliminar
  11. Ola Bieito... qué ledicia saber que andes de ves en cando por este bló...para xente boa e xenerosa coma ti se escribe este bló, porque commo ves é verdade que hai vida interesante e entretida fora do Marca, do País ou da Voz, e dende logo fora do as veces irrespirable, en todos os sentidos, aire urbano...unha aperta.

    ResponderEliminar
  12. Deixar pasar o tempo sen pasear polo noroeste máis noroeste tróuxome a sorpresa de atopar dúas entradas a cal máis interesante e fermosa de ver.
    Na anterior comprobei como un deses paxariños que vexo voar ou revoar ás veces e penso que é "algún xílgaro" ten nomes propios e variados entre as xentes. Ademais poder observalo de preto e detidamente faino aparecer moito máis fermoso e gracioso.
    Nesta, as fotos da saramaganta descobren a un ser ben simpático e delicado, a mais de descoñecido para min que só tiña visto píntegas.

    ResponderEliminar
  13. Gratia plena...para iso estamos para dar a coñecer a grande, grandísima riqueza biolóxica da nosa bisbarra, única por tantos motivos, e que está a dar, se non o remediamos, as últimas boqueadas...nas nosas maos está.

    ResponderEliminar
  14. Isto sigue dando de si:
    Estaba hai un momento enseñándose o teu blog a unha compañeira "case veterinaria", compañeira nada en Irún pero con familia na zona de Lalín, e cando veu as sacabeiras dixo:
    -"Anda mira, esas son ranchas o ronchas o algo así[¿sacarranchas?], que si las tocas con una mano herida se te quedan los dedos torcidos".
    Por outra parte o de "gafoso" (o jafoso, segun zona) non se me ocurreu comentalo antes pero si que o teño oído moitas veces: era habitual oírllo á miña abuela Maruja, de Meizoso, cada vez que lle enseñaba a foto dunha sacabeira ou dun sapo ou de algo así. Decíndome que mira en que me entretiña, que non lles topara, q eran gafosos.
    Da gusto ver que a xente colabora e se inetersa tanto pola tema. Fas un moi bon traballo.
    Un saúdo

    ResponderEliminar
  15. Ola Tojeiro...moi boa aportación a da "case veterinaria"· da comarca do Deza, confirma plenamente o que se dí no Despós de data referido ao concepto "gafoso" explicandoo e aportando a idea de que polas feridas pode entrar a pezoña da sacarrancha e infectarte e deixarche os dedos gafos.
    O nome de "rancha" ou "rancho" ven a enriquecer o campo léxico da Salamandra salamandra en Galizia e van xa un bó lote. Obrigado, meu.

    ResponderEliminar
  16. Hola outra vez:
    Estoulle dando un repaso ao blog de lendas herpetolóxicas, e vexo anda metido por ahí tamén Cosme Damián Romai(xa teño feito referencia a el no meu blog). O caso é que se ledes a entrada "como matar a lobo" vese que lle chaman "casavella" ao bicho do que tanto estamos falando.
    Aquí o enlace:
    http://lendasherpetoloxicas.blogspot.com/2009/10/como-matar-un-lobo.html
    Un saúdo

    ResponderEliminar
  17. Veño de ler a técnica de como matar ao lobo coa "casavella"...moi curioso e interesante...pasara por ese bló e non me decatara do ocntogracais Tojeiro

    ResponderEliminar
  18. ...e non me decatara do conto..gracias Tojeiro

    ResponderEliminar
  19. Xa pasou tempo desta entrada pero segue a dar que falar.
    Ontes estaba cunha compañeira de Tordoia conversando diante do café de mediamañá, e xurdeu a conversación dos nomes das cousas en cada sitio, e como non, tocoulle un repaso ao bichiño das manchas amarelas: PINCHORRA, é como lle chaman na súa zona. Penso que esta aínda non saíra.

    Saúdos

    ResponderEliminar
  20. Pois sí que saira, ven citada no Dicionario de Dicionarios e recollina eu nun dos comentarios...o que é novidae é a localidade de uso, Tordoia, pois recollérase en Láncara.
    Saúdos.

    ResponderEliminar
  21. GOSTAVA QUE ME DISSESSEM SE AS SARAMAGANTAS SÃO PERIGOSAS?

    ResponderEliminar
  22. De que eu saiba non son perigosas...o único que hai que facer e non andar con elas nas maos e logo non as lavar...Salamandra salamandra dende logo ten unha sustancia tóxica, irritante das mucosas,pola pel...daí as súas cores aposemáticas negras e marelas...pro con lavar as maos é máis que suficiente...De Chioglossa lusitanica non teño lido nada ao respecto, pro os anfibios non son xente perigosa en absoluta...non son agresivos e non atacan, sempre fuxen,e pra máis os sustancias irritantes son nos poderían afectar se os manipulamos e inmediatamente levamos as maos a frotar os ollos ou as metemos na boca... a única especie realmente venenosa é Phillobates terribilis, que posue batracotoxinas poderosísimas na súa pel, pro anda polas selvas de Colombia...os anfibios destes lares non son en absoluto perigosos.
    Graciñas por andar por aí.

    ResponderEliminar
  23. ¿QUE CHULO SON VENENOSAS?

    ResponderEliminar
  24. Ola Pablo...non, non son velenosas...é certo que teñen na pel unha sustancia tóxica que pode irritar as mucosas, pro podes andar con elas, collelas sen medo, o único que tes que facer e lavarte moi ben as maos logo de andar con elas. A min nunca me trabou nengunha, pro non descartes que podan trabar se se senten agredidas, así que mellor non andar colléndoas, no sendo necesario pra apartalas dalgún perigo (unha carretera, por exemplo). Os animais sempre mellor deixalos en paz.
    Unha aperta e moitas gracias por seguir aí.

    ResponderEliminar