xoves, 24 de decembro de 2009

Capreolus capreolus: corzas e corzos

Pedíronme, algúns dos visitantes máis novos do bló, que puxera fotos de corzos, que disque lles gustan moito. Para cumplir unha promesa que xa non é nova e para facer canteira entre a cativería, atrévome hoxe a facer esta entradiña. Repasei para elo o arquivo persoal e entresaquei algunhas fotos de anos pasados destes fermosos animais, que a min tamén, coma os nenos, me gustan moito; e sempre me aledan as horas cando dou con eles no monte.
As corzas, e tamén os corzos, tiveron presenza histórica na nosa bisbarra. Así o demostra a documentación do insigne Rafael Usero, quen no Informe Vallina de 1799, encontra explicitada a existencia do corzo, a canda o lobo, o loberno e o porco bravo, na Serra da Capelada. Pero hai cincuenta anos non había rastro de nengunha destas catro especies. Hoxe, nen lobos nen lobernos oubean ou miañan pola serra, pero corzos e porcos, estes coma unha praga perigosa para a vexetación autóctona, teñen acobillo entre o mesto e fragoso eucolital da bisbarra.

Ten unha ampla distribución na rexión paleártica, ocupando toda Europa, excepto o norte de Escandinavia e as illas do Mediterráneo, e o norte de Asia ate chegar á China. Ocupa territorios moi diversos dende boscos de folla caduca ata piñeirais, eucolitais, campeiras, ouzais e mesmo grandes parques das cidades. Seguidor intelixente da civilización dos humanos, sabe aproveitarse de cultivos e froitais amosando unha grande capacidade de adaptación o que lle permitiu aumentar notablemente as súas poboacións. Hoxe acredítase que nunca tantos corzos houbo.

O pelo do pelexo varía lixeiramente de cor: pardo avermellado se fose o vrao e pardo griseiro se fose o inverno. Dise que poden darse casos de pelos brancos, negrosos ou mesmo a manchas, pero a min dende logo nunca un caso destes me encheu o ollo. Os corcitos e as corcitas teñen o pelexo decorado de pintiñas branqueadas e un tono de pelo algo máis escuro.


Na cueira levan unha notable mancha branqueada, algo máis clara e grande no inverno, a que se lle chama espéculo. Nel vai incluido o rabo, case inexistente, de feito semellan rabenos, e nas femias ten unha guedella inferior algo máis grande e saínte que semella un rabiño: isto permite saber quen é quen no inverno, cando o macho non ten corna.

A corna do macho, a encornadura se se prefere, ten seis puntas; e é un oso macizo, non unha sustancia córnea, que vai medrando de novo cada ano ao compás do aumento dos niveis de testosterona, a hormona sexual, dende a primaveira ata o verán, tempo no que estará xa perfectamente conformada e lista para presumir e combatir.


Nas medras recóbrese dunha pel branqueada e pelosa, o liber, da que o macho se desfai ao chegar o maio restregando a corna contra a casca das arboriñas novas, deixándoas de cotío peledas e moi frecuentemente causando a súa secura e morte. Os cultivadores de árbores frutais sábeno ben. No outono coincidindo co descenso dos niveis de testosterona e o fin do período de copulación o macho perde a encornadura. Ata a primaveira que ven; se Dió-lo quer.



No inverno poden verse en grupos, na nosa bisbarra nunca moi numerosos, pero durante o resto do anos son animais solitarios e territoriais. Os machos marcan o seu territorio rozando a súa frente, onde teñen unha glándula hormonal, contra dos tóros das árbores e mesmamente co seu típico berro que os desprevenidos e pouco habituais paseantes do monte adoitan confundir co ladrido dun can.


Os corzos e as corzas aparéanse nos meses de verán -na cornisa cantábrica no mes de agosto sobranceiramente-, e unha vez fecundado o óvulo, este quedará durante meses no útero da femia sen desenrolarse. Este fantástico comportamento reproductivo do corzo, único entre os ungulados, coñécese co nome de fecundación retardada e pode variar dunhas poucas semáns ata meses.
As crías, xeralmente mellizas, nacen perante os meses de verán e indefectiblemente encámanse durante as primeiras semáns de vida: quere decirse que a mai deixaos acobillados e solitarios entre entre as follas do cubil, indo canda a eles só para darlles de mamar. Para iso os corcitos fican completamente inmóveis e neste tempo non producen olor corporal ningún. Mesmamente un can de caza podería pasar a dous metres deles sen ser quen de descubrilos.

Hai que saber que se atopamos ( e será sempre sen querer), a un destes corciños no seu niño non debemos de pensar que demos cun animaliño cruelmente abandoado por seus pais, e moito menos, aínda, deberemos de collelo caritativamente ao colo: se tal fixéramos, asañaríamos á cría: o noso odor quedaría pegado ao seu corpo e cando súa mai regresase a darlle o leite, habería de detectar no seu fillo, o noso cheiro a humano, e, aterrorizada, habería de deixalo abandoado. Haino que saber.

Velaí como sen pretender e por cousa dun puro sentimento caritativo hacia os animais haberíamos de condenar á morte a un indefenso e malpocado corcito.

Con que tan só unha persoa tropezase algunha vez cos acobillados corciños e mor da lectura deste bló aprendese a non tocar ás non abandoadas crías, este bló vería xustificada a súa existencia: que arestora cumple un ano de vida.
Agradecido, na hora e sempre, a todos cantos neste espazo vos achegástedes as súas páxinas: xa para ler, xa para mirar, xa para comentar, xa para inorar.


E para todos vos moi felices días de festa lediciosa e moi abondosos anos vindeiros e o que prega, dende o noroeste do Noroeste, un servidor.

Saúde e sorte, miñas e meus.
Apertiñas.




Despós de data: Para saber moito máis este achego a magnífica páxina da Enciclopedia de Vertebrados Ibéricos. http://www.vertebradosibericos.org/mamiferos/capcap.html

Non debo de ocultar que para a redacción desta entradiña consultei moi frecuentemente a Guía dos Mamíferos de Helga Hoffman, editada pola editorial Everest, sen que por iso debamos responsabilizar á súa autora das previsibles equivocaciós que servidor poidera cometer. Agradecido.

4 comentarios:

  1. Ola Rafael
    Interesantes datos que, xunto co ollar tranquilo das fotografías, permiten coñecer un algo máis a uns animais que descubrín en excursións compartidas (nunha fraga, nunha campeira ou na gabia dunha estrada en Manzaneda...).
    Parabéns polo aniversario do bló... e agradecemento polo traballo que realizas.

    ResponderEliminar
  2. Moi agradecido e espero que poidas disfrutar de moitas máis excursiós compartidas que enchan os teus ollos das fermosas e ceives linduras do monte.
    Agradan os parabéns, a ver se hai sorte e cumplimos máis cabodanos en amor e compaña fraterna.
    Saúde e sorte

    ResponderEliminar
  3. Hola Rafa, me gusta mucho tu blog. Las fotos de los corzos son muy bonitas. Gracias Iker.
    Me gusto mucho cuando fuimos a arrancar el carpobrotus. Gracias Noa.

    ResponderEliminar
  4. Ola a Noa e a Iker, Qué ledicia encontrar a vosa mensaxe! Aledoume que vos gustasen as fotos, e tamén arrincar o carpobrotus. Para a prósima ocasión agrdo non andar liado e poder ir eu tamén.
    Apertiñas para ambos e non deixedes de mirar o bló. aínda que só sexa para mirarlle os santos, as fotos quero dicir.
    A cuidarse.

    ResponderEliminar