xoves, 29 de xaneiro de 2009

Felices tardes de Rissas e uhna bágoa.


A gaivota de patas mouras, a Rissa tridactyla, é xente de mar adentro que non se quere nas costás non sendo cousa de ter que criar. Pasa a súa vida piélago adiante vivindo da pesca de pequenos peixes. Nalgún tempo debeu de ter polo noroeste bós lugares de aniñada, e aínda os ten, pero xa non fai uso deles. Estímase en tan só 8 as parellas que poden criar na costa galega.


As poucas ocasións en que por acolá se deixan ver soen cadrar en inverno, cando son arrastradas á terra polos temporais do mar. O furacán Sen Nome, esa furia desafalazada que nos bourou, tras do seu ronsel de aplastamentos trouxo uhna farturenta arrivada de aves mariñas de espazos oceánicos e mesmo circumboreais.

Larus glaucoides no porto de Cedeira
As gaivotas polares brancas - a de Groenlandia, Larus glaucoides e a hiperbórea, Larus hiperboreus- xunto á de patas mouras, Rissa tridactyla, deixanse ver estes días por todos os portos e plaias ao noroeste do Noroeste. Dende Ferrol ao Barqueiro, este ano está marcando cifras moi altas de arribamentos, autenticamente de récord. Fálase xa da autopista atlántica Groenlandia -Galizia. ( Ver,http://travellingbirds.blogspot.com/2009/01/se-buscan-gaviotas-blancas.html)


Imaxes das brancas tomadas moi ao lonxe, a dabaixo é a adulta de 3º inverno.
Rissa tridactyla era cromo que faltaba no meu álbum, e xente coa que nunca collera trato, pesia a sere un arrivante habitual. Tiña uhna teima con ela. Os meus escasos coñecementos naturalistas non me permitían recoñecela doadamente. Para máis nunca foron moi abondosas. Pero este ano todo cambiou: hai tantas que é facilísimo velas: uhna oportunidade realmente. No porto de Cedeira hai un grupo numeroso que voan ao pé do muelle e mesmo repousan no abrigo da punta.


Rissa tridactyla adulta, coa "roupa" de inverno.
Poiden, nuhna tarde ventada e orballeira con raiolas de ourovello cedeirés, encher o ollo de Rissas sen fin. Co mestre Ricardo Hevia para máis gozo, que cun outro amigo controlaban a tropa de infindas gaivotas. Hai uhna hiperbórea, dúas ou tres glaucoides, uhna delas adulta, e moitas rissas, parte de novidades de Ricardo, palabra de dios, que me enche de ledicia: rissas por fin. E uhna hiperbórea, que para min é nuncavista.

Patas mouras descansando na flor das augas.

As rissas non fallan: pousanse na abrigueira da punta do espigón, a dúas e a tres, pasan voando a rentes de min, aproveitan a chegada do Brual e do Narducho para ver se cae algo, deixanse ver ben, algo axocadas do ferragacho da cámara, hai rissas noviñas, hai adultas con plumaxe de inverno e hai unha... ¡coas plumas reproductoras do vrao!
Fotos do exemplar en plumaxe reproductivo, típico do vrao, en Rissa tridactyla. Nótese que desaparece a "bufanda gris-pèrola" e a media lúa negra, no seu lugar un inmaculado plumeiro, branco coma a neve, mudan a patas mouras nunha das gaivotas máis fermosas.

Estas son noviñas, en pleno vóo, coas marcas características, peteiro negro, marcada W escura nas alas e liña caudal asimesmo negra.
Nos días que seguiron houben de ilas ver en cantas ocasiós tiven (tamén ás brancas pero estas voan máis lonxe e hai días que non se ven, e ao mellor xa se foron...). Andan arrimadas ao muelle e parecen cada día máis confíadas, andan petiscando e collendo folgos para mandarse á altamar. Achéganse mansas ás escalerillas e míranme alí sentado, e míroias, e mirámonos. E pasan os intres sen sentilos e dan as horas felices das Rissas.


...pero non todas as que viñeron volverán...esta apareceu morta no areal de Vilarrube na mañá seguinte as furias do vendabal...conócese que morreu rebentada...a vida mata, saibase.

...e estoutra noviña, malpocada, leva xa, só dous días en terra, un anzolo do palangrillo cravado na boca: o sabor doente do aceiro civilizado, a gastronomía da deixadez...o humano mata, saibase.

Unha bágoa.




( E moitas mercedes)



Para saber máis da pata moura e disfrutar de boas fotos, este achego o bló do mestre Antonio:

mércores, 28 de xaneiro de 2009

ÁLBUM DE CROMOS ( BOLBORETAS ) Licénidos



As lindas meniñas, os licénidos, son uhna familia de delicadas bolboretas de pequeno tamaño, as meniñas por iso, nas que abundan as cores azuis e pardas. A cor azuada, rara nas bolboretas, é característica. Cando vexades voar uhna pequena lepi de cor azul, presumide de que é un licénido. Non quedaredes mal.

As meniñas ocupan todos os hábitats pero nos sistemas dunares e no ouzal atópanse especialmente a gusto. Hamearis lucina parece preferir os boscos de ribeira. Ao noroeste do Noroeste poseemos uhna boa representación deles, pesia a que a destrucción de hábitats é un desangue permanente. Neste senso, cada vez é máis raro atopar grupos de meniñas voando, véselles, pero de uhna en uhna, ou de a dúas, raramente máis.


Na nosa comarca voan e chuchan bastantes máis especies de licénidos das que hoxe amoso. No meu arquivo teño algúns máis que por ofrecerenme dúbidas na súa determiñación, tal a que antecede, deixo para mellor ocasión. Ogallá que como espello da miúda beleza das lindas meniñas abonde con esta ducia de princesiñas voadoras, pura tenrura natural.
Que  as estimedes.
Aí voan elas.

Aricia cramera


Celastrina argiolus




Everes algiades




Glaucopsiche melanops




Hamearis lucina




Lampides boeticus




Leptotes pyrithous



Lycaena phaleas



Lycaena tityrus




Polyommatus icarus


Quercusia quercus



Strimonidia spini

Agradecido.



venres, 23 de xaneiro de 2009

TRYPOCOPRIS PIRENAEUS var. CORUSCANS

Non importara que se saiba que, dende que de cativo argallaba carreiras de escarabellos da pataca, compitindo co meu irmao sobre quen era mellor entrenador, teño cos escarabellos un cariño especial. Con todos, gózoa mirando para eles. Pero se tivera que escoller un entre todos, non o dudaría: Trypocopris pirenaeus var. coruscans, a xoia da braña.



Este fermoso e espectacular becho -seguramente coñecido de todos, " quen o ve xamáis o esqueze"- pertence a familia Xeotrupidae da que non se dan máis de 40 especies en Europa. Na miña colección só teño a catro deles. De seguro, ao noroeste do Noroeste, hai moitos máis. A ver se un día se deixan caer.

Geotrupes stercorarius paseándose polos altos da Herbeira, as once e media da mañá do 23 de agosto do ano pasado.


Geotrupes mutator, atopado morto en Fernando Lago, Cedeira, o 4 de maio do 2008.
Trypocopris pirenaeus, exemplar da especie nominal, un pouco máis grande e moi diferente de coloración, uniforme, escura e mate, ca variedade coruscans... á que só lle pode cadrar ben o adxetivo galego... coruscante.
Engadado eu tamén de sempre por esta xoia da braña, cada vrao alento polo intre en que ei de tropezar con él pois afortunadamente é relativamente frecuente na nosa comarca, e non hai ano que falle.




Case que sempre miraba a exemplares solitarios, pasando ao meu lado voando con presa, fungando, relocindo coa raiola as súas cores, algúns mortos polas pistas e de vés en cando algún pousado, sempre co seu aquel de derreado, sen moitos folgos paa remontar. Así é que un día de agosto do 2006, despóis de seguir a brincos a un que pasou voando polo meu lado, e chegarme a onde aterrara, tiven un encontro bonito...


...na campeira, a metro e medio de onde aquel pousara, máis de duas ducias da miña xoia das brañas, afaenábanse arredor dunha bosta de vaca, uns tentando chegar a ela, outros furando, activos, sen folgar, arrequecéndolles...


... simplemente non o podía creer... as oportunidades de observar a vida natural espida son un galano dos días e son raras e poucas... senteime á caron da herba durante horas e poiden gozala...


No adentro da bosta, con códea reseca ao sol e molo húmido, tantos ou máis escarabellos remexíanse sen parar...algúns pirenaeus nominais víanse tamén entre tantos coruscentes...


... agora podía comparar a gusto a uns e outros...tamaño...formas...cores...faceres...

Nas horas que pasei ao pé da obra, moitos outros foron chegando polo aire...case ningún aterraba ao lado...a metro ou metro e medio case sempre, para ter que facer logo un penosísimo camiño entre uhna selva de herbas...

...ata chegar a ansiada meta onde se refuciñában con ganas buscando a súa parte do pastel...

...que era todo un ferve-ferve de élitros coruscantes, lustrosos, tan increiblemente loídos que salían do corazón do esterco tan limpos e relocidos coma entraran...

... ningún andaba parado...todos indo de acó para aló...trafegando sen folgar.

De vez en cando algún cortaba ou refacía un pedazo de bosta e arrastrábaia lonxe, a cousa dun metro, onde a metía nun furado, o seu niño,tapandoio as veces...

...cómo é que chegaban alí todos eles ?...porqué a aquela palastrada e non a outra ? ...cómo é que sabían dende lonxe que alí se xuntarían?... habería máis bostas-asambleas pola serra ?...cántas ?...no mesmo día ? ...?
Alleos as miñas iñorancias, que aínda son, mansos e confíados, sempre ao deles, non facían caso de min nen dun estafilínido (Ontholestes murinus, apoñería), que se dedicaba á caza, sen piedade e sen crueldade, das lambonas mosquiñas dos defecos.
Sei que será difícil poder volver a vivir unha escea parecida, por iso estimo en máis a gracia que un día o monte quixo ter en min: a convidada a unha farrada inesquecible nun día moi especial: o 17 de agosto do ano 2006.
Sí, o día da Xira das Festas da Patrona. Aquel día, na Capelada, tomei unha bufa de bichos. Laida. Aínda me dura.


Agradecido, (miña posible media ducia de lectores).