luns, 11 de maio de 2009

Fragas da Capelada: Selvas da Macaronesia


Recollendo as choivas caídas entre os Altos de Coucepenido, do Campo da Armada e da Cruz de Aceiro van nacendo os Regos do Forte, das Lamas e de Quiza, (este fai o deslinde entre os Concellos de Cedeira e de Ortigueira), para regaren os tarreos asurados dos lugares de Viduido e da Capelada, e xuntárense nunha escondida escorrentía que baixa cara a Ría de Ortigueira para darlle de beber ao Río Seixo, con quen emboca xusto enfrente do desmedrado oco escuro da canteira de dunita: que xa ameaza con comerse a Serra toda, que se agranda ano a ano, que non respeta nada na súa defamada logronería, subsidaria dunha industria metalúrxica moi lonxana.


Arrexuntados ambos  os tres corren daquela co nome de Río do Forte, (ao mellor por nacer aquel nas abas do Penido do Medio, ao pé dos restos, aínda visibles, das muradas e croas do castro que alí houbo).

Ao pouco de se xuntaren esquecen o descorrer maino que ata alí os levou e encetan unha brincadeira salvaxe e bruante descendendo adoecidos, (a todo filispín se escribira en inglés-carollés), dende as outuras da Capelada ate  ás campas chás de Landoy e Feás.


Todo el é un fervorón de augas brancas, escumantes, ruxidoras, de fervenzas sobre fervenzas, que can, a brincos sen número, polo medio dunha selva antiga, mesta, escura, de acivros, de carballos, de esvedros, inzada de extraños felgos primitivos, recendente a humidade vella, balorecida....




...na que sobrevive un mundo botánico antiguísimo de valor simplemente incalculable: relictos da flora tropical da Era Terciaria, lembranzas de cando toda a Galizia de hoxe era uhna selva tépeda.



Woodwardia radicans, Culcita macrocarpa, Davallia canariensis, Driopteris guanchica, Stenogramma pozoi, Hymenophillum wilsonni, son nomes míticos da pteridoflora, que acó, nesta esgrevia escorrentía do Río do Forte acadan todos eles o seu límite norte de distribución. 
Todas elas, valiosísimas especies de distribución escasa a nivel mundial, protexidas por lei e reliquias relictas dun pasado climático impensado e descoñecido, a memoria biolóxica viva da máis anterga patria galega: o trópico Macaronésico.


Hymenophilum wilsonni, ten as únicas poboaciós ibéricas coñecidas neste noso bravo río capelado, Culcita macrocarpa posúe exemplares espectaculares e fermosísimos, e por veces é tan abondosa que pecha a selva e non te deixa andar, Stenogranma pozoi é un dos últimos taxons descuberto para a flora felgosa galega, Woodwardia radicans, (acolá unha vulgaridade abondosísima), posúe nestas fragas as mellores poboaciós coñecidas, Davallia canariensis e Dryopteris guanchica aparecen por moitas das cortizas das vellas árbores, entremedias dos liques vellos, longos e veludos, e dos suaviños molidos de brion.




Estas esgrevias ribeiras non só posúen relictos e rarezas de valor incalculable (tamén en valor monetario poidera dicir), se non que outros moitos felgos protexidos e valiosos, aínda que ao mellor non en perigo de extinción (tal Blecnhum spicant ou Osmunda regalis), aparecen abondosos e vizosos, puxantes e fortes, tecelando o fondo da fraga selvosa. Por algo será que a Serra da Capelada posúa o maior número de especies de felgos de toda Galizia.




E ao seu lado danse especies de fanerógamas raras raras, que nestes apartados mundos perdidos da capelada macaronésica, déixanse ver sen medo. Allium victorialis, un fermoso allo bravo que conta con poucas citas na Galizia, ten nas beiras do río poboacións importantes e ben asentadas, Polygonatum odoratum, o Selo de Salomón famoso, medra con confianza nesta selva aledando a vista do naturalista coa súa curiosa e linda maneira de dar as flores, e a canda eles, un raro Petasites de quen dubido a especie, ou os máis comúns xacintos monteses, Hyacinthoides non-scripta, as delicadas Saxífragas, as fermosas Primulas ou as elegantes Aquilegias adubían a toneira coa alegría primeira dos recendos das súas flores. Unha deliciosa ledicia: a selva macaronésica. Un mundo perdido e ignorado. Vivo de milagre.

A canle da escorrentía, díxose, deslinda ao Concello de Ortigueira do de Cedeira, ata chegar a embocadura co Seixo, onde testa tamén o Concello de Cariño. Velaí as tribus pixís, vilanchas e descalzas irmandadas na responsabilidade de gardar, protexer e amellorar un coreño curruncho da súa patria no que se gardan algunhas das máis valiosas, escasas e fráxiles reliquias botánicas ibéricas. Ao mellor non hai un espazo natural en toda a Península Ibérica onde en tan poucos ferrados se atopen axuntados tantos tesouros botánicos en perigo de extinción. Apóñoio.

Arestora deberían ser os tempos chegados, nos que os concellos de Cariño, Ortigueira e Cedeira, superando xenerosa e intelixentemente as rivalidades tribais e políticas, principiasen unha acción conxunta e coordinada na percura da figura legal pertinente que asegure a protección e a mellora destes habitats capelados, únicos, sobranceiros, extraordinarios, asombrosos, incribles, valiosísimos ...e...esmorrentes. A destrución case total da fraga ribeirán do Río Casón, e a canda ela a súa poboación de culcitas que fora estudada polo grande naturalista ferrolán Soñora, deberíanos servir de lección para non tropezar dúas veces co mesmo pelouro.

¿Que tal pensar na creación do Parque Natural das Selvas Macaronésicas, coas concas do Casón e do Seixo? O grande legado botánico que temos estaría asegurado e as posibilidades turísticas de futuro confirmadas.
¿ Quen se apunta ?

Agradecido, miñas e meus.


Despós de data: Os meus agradecementos máis sentidos para a ANPA "O Picapeixe" do Colexio de Cedeira por ter agasallado "Ao noroeste do Noroeste" co premio ao mellor bló socioeducativo. Unha sorpresa agradabilísima. Unha honra e un estimulo. Mil veces mil, gracias. De todo corazón.

En débeda tamén coa amiga Elisa, bióloga da Fundación Ortegalia, que me mandou a foto que cancela esta entrada, na que un humano insignificante ilustra a xigantesca vizosía dunha Culcita Macrocarpa do Rego do Forte.


domingo, 3 de maio de 2009

¡ Por fin !



¡Fritillarias pyrenaicas, por fin!. A tulipa brava do monte volveu a darse. Había anos que non atopaba con elas. E non por que non as buscara. Pero son poucas e quérense lonxe. E se non se anda polo ouzal nos quince días do ano en que alumbran, botádelle uhna area de sal...e ata o ano que ven.
Este domingo día 3 de maio, con fe firme, espranza xusta e nula caridade por min, boteime, capa de auga ao lombo, na percura das escondidas fritillarias polos ouzais do Monte de Limo nunha mañá neboenta e ventosa, fría, desavogosa e griseira. Andandoio dende a banda de Cariño, que lestea, ata os abismos do Renegado e a Longa Vertua, que bican por vendabal. Rastreando aquelas zonas onde se me deixaran ver noutros tempos. O mesmo que fixera inúnilmente os últimos cinco anos ao chegar a primaveira. Pero este ano con premio. Merecido, din en pensar. Media ducia delas enchéronme os ollos aledando uhna mañá que si ata o daquela era refriada e tristeirona, empezoume a parecer tan só chumbiziña.




Fritillaria pyrenaica (para moitos autores Fritillaria nervosa), é herba da familia das liláceas, a que pertencen as moi coñecidas abrótegas, xilbardeiras, crocus, allos do monte... e tantas outras. Planta de non máis de 40 cm de outura, de follas alongadas e alternas. Da uhna soa flor, campaeira, de ata 3 cm, dunha cor púrpura escura, que pode irse aclarando e mesmo presentar zonas verdellas. O interior presenta cores escaqueadas en cadros, marelos e encarnazados, lembrando un taboeiro de xadrez. Daí lle vén o nome latino fritillaria, axedrezada, e o seu nome en castelán: Tablero de damas.



Considerada un endemismo do norte ibérico, extende as súas poboacións, sempre en campeiras de montaña e recheos de penedías, ata os 1500m, dende os Pirineus, nas súas dúas vertentes, ata as costás galegas. En Galizia considérase planta rara e moi mal estudiada (coma case todo por outra banda), citándose nas Illas Sisargas, no Monte do Pindo, nas Serras Occidentais e, como non, na Capelada. Aparecendo acolá en terreos, de rochas ultrabásicas de peridotita serpentinizada o que, na miña opinión, confírelles un interés botánico especial.


Nesta serra, este descalzo que escribe, tenas atopado exclusivamente en territorio pixí. (Nota para os de fora de portas: ao noroeste do Noroeste, aos de Cariño chamámoslles pixís , aos de Ortigueira vilanchos, aos de Ferrol carollos e aos de Cedeira descalzos; maiormente, pero non sempre, cun garimoso ton humorístico). A primeira ves déronseme polas abas do Limo que arrolan cara Cariño, non lonxe dos curros da Fornela, a segunda perto da Fonte da Moura, achegados xa o peadísimo peirao das Figueiras; outras aparecéronseme no lombo do Alto do Limo encarando xa a chaira -que non é tal, que é bacía- e uhnas poucas polas penedías escraquenadas do Renegado e a Longa Vertua. Como se ve, ben espaleadas andan por todo o Limo.
Pero todas estas visiós, polo tempo transcurrido xa avisiós, eran da Era Antidixital e non gardaba rexistro delas. Así é que dar de novo coas fermosas e raras fritillarias foi uhna teima frustrante nas cinco últimas primaveiras. Ata que nesa mañá de primeiros de maio, que coma sempre entrou refriado, meus ollos alumearon por entre un neboeiro mesto, ventado, e á abrigueira das fendechas dos penedos de serpentina, media ducia exacta de escuros corazós púrpuras, encopetados no alto dun fráxil talo verdazul.
¡Eureka, eureka! ¡ Fritillarias! ¡Por fin !... pareceume sentir berrar con alivio á alma.
Uhna ansia menos.


Moitas mercedes (a quen aínda se caia polos bits deste bló).

Este é un achego onde poderedes ampliar a información sobre as axedrezadas tulipas bravas.