sábado, 18 de xullo de 2009

Entrega do 1º Ollar de Seoane

Ao pé das penas do Curutelo, nun acto sinxelo e verdadeiro, tivemos a honra de entregar a X.M.Tojeiro o 1º Premio Ollar de Seoane, quen tivo palabras de agradecemento moi sentidas e garimosas. O agradecemento é noso polo seguimento que fas do bló e a túa activa presencia nel cos teus comentarios e consellos. Aí queda a foto testimonial de Tojeiro co seu exemplar das Colores Cooperativas. Que aproveite.


 
De camiño de volta, escollín a pista que pasa polos pastizais das Lamas e vinme vindo amodo, dándolle a volta tamén ao pastizal da Braxe. Por ver se se vía algo.

E poiden fotografar esta extraordinaria floración de Drosera rotundifolia, que cómo fose o caso de ser o obxeto da pregunta do premio, e tema de conversación con Tojeiro, traioa ao bló á espera de facer uhna entrada completa sobre as plantas carnívoras do noroeste do Noroeste.


Buscando utricularias, (xénero de planta insectívora que aínda non teño rexistrado), apareceume este fermosísimo himenóptero, da familia dos icneumónidos (observade o estreitísimo alongamento do abdome na súa inserción co pronoto) con probabilidade do xénero therion e eu apoñería pola especie circonflexum. Uhna chulada, se lle mire por donde se lle mire.

Pero o día debería de estar para as ledicias, por que as beiras dun rego que non quero esquecer, alumbráronme os ollos un pequeno grupo, sete pés, de Veratrum album: o verdegame, ou surbia, ou veratro ou... Levaba anos suspirando por ver esta planta da familia das liliáceas. É propia da alta montaña, de 1500 a 2000 m., dándose en Galizia polos Ancares e Courel. Citándose fora daí nos arredores de Santiago e no Alto da Herbeira. É pois, planta rara e valiosa, incluida no Libro Rojo da Flora Vascular Ibérica. Atopar uhna nova colonia e sempre uhna satisfacción: parecería, para máis, que as posibilidades de haberen outras aumentan.

Aí quedan unhas outras poucas fotos do veratro, ao mellor hai sorte e algún de vós recoñecea, sabe seu nome de seu, e da en facer un comentario para aprendérmolo. Adiantamos as gracias.



Ollo con ela: é extraordinariamente velenosa (se se papa: por tactala e mirala non mata).

E máis nada, graciñas e ata mellor ver.
Aí van estes achegos:
http://www.anthos.es/v22/index.php?set_locale=es para toda información sobre o veratro, un enlace a Anthos, páxina, extraordinaria, do Real Xardín Botánico.
http://www.asturnatura.com/especie/veratrum-album.html; para completar, da magnífica Asturnatura, páxina especialmente recomendable para os lectores do Noroeste, por dedicarse especialmente á flora e fauna cantábrica.
http://www.biga.org/Plantae/Galeria/Familias/Liliaceae/Veratrum/Veratrum_album.html moi boas fotos, nesta magnífica web galega referida a plantas. Uhna observación atenta da xeografía das mesmas confirma que os pés a no concello de Cedeira e non no de Cariño, cómo di o pé de foto; pero a este cura tanto lle ten donde se déa á misa, o caso que sexa na parroquia do noroeste do Noroeste.

luns, 13 de xullo de 2009

Uhna (non) soneca no meu xardín.

Quería botar uhna soneca veraniega á sombra dos acivros do meu pequeno xardín. Uhna bolboreta meniña, un licénido, pousouse non lonxe coas alas pechadas. Un Leptotes pyrithous, vello e xa moi gastado, din en pensar. Nen caso. Outra olladiña antes as pálpebras deixar caer e... daquela a lepi moveuse e abreuse: uhna liña clara e escaqueada en pardos que recorría o final das alas e un inusual e fermoso cor pardo encendido das escamas, asesináronme o sono. ¿ Qué licénido era aquel ? Non me sonaba a nada coñecido. Soerguinme, e ao lonxe, houbenlle facer dúas malas instantáneas. Non me deixou máis. (E sí, é verdade: cando adormezo no campo teño a cámara debaixo da tumbona).



Mirei as imaxes coa lupa da cámara e quedei pampo. Na miña vida mirara aquela bolboreta. Nen nas Guías de campo que manexo, quero dicir. Adeus, sonequiña adeus. Entrei na rede e rebusquei en Moths and buterflies e alí estaba, perfectamente retratada e cristianada: Cacyreus marshalli, o barreno minador dos xeranios. Por que iso é o que é: uhna praga, do xeranio ou pelargonium, e para máis chegada de fora, de Sudáfrica.




Cacyreus marshalli documéntase por primeira vez en España no ano 1990 na Illa de Mallorca. Suponse que introducida, como larva ou ovo, nalgunha partida de floricultura. En 1991, ver enlace, considerase xa especie aclimatada. Rapidamente se extendeu por territorio europeo e peninsular documentándose en 1996, unha fronteira de expansión que iría dende o Pais Vasco a Huelva. En 2009, confirmamos a súa presencia, en vóo, ao noroeste do Noroeste da Península Ibérica. Non son boas noticias para os xeranios.


Cacyreus marshalli, pon os ovos de un en un, dos que aos poucos días sairán os vermes que nas primeiras mudas se manteñen de follas e cortiza, ata que son o suficientemente grandes e fortes coma para furar o talo e barrenar por dentro del para se manter das partes internas do mesmo. Daí que se lle de en chamar o barreno dos xeranios. Un inimigo mortal que acaba murchando as plantas que roe. Velahí documentada a uhna nova especie invasora do noso solar. Uhna outra: e son xa miles.
O conto de nunca acabar e o de sempre nas mesmas.

Esta tarde perdín a soneca, atopei un saber e armei estas letras.

Que si a vos non vos deron o sono veraniego que a min me arroubaron, mellor empleadas van.
Agradecido, pola véla.




Estes achegos ampliaranvos, se vedes que tal, o que acó se falou. Que aproveiten.
Sobre da expansión na P.Ibérica. (Vai en catalá).
Confirmación da especie en Europa.
En ralación coa xardinería.

venres, 10 de xullo de 2009

Resultado do 1º Ollar de Seoane



Dase por finalizado o 1ºConcurso Ollar de Seoane, declarando vencedor a X.M.Tojeiro, xa que si ben Anónimo respondeu as 9:59, a súa condición asumida de aparecer, coma no mito de Ulisses, sendo Ninguén incapacítame para recoñecelo.

Ambos os tres (tamén o tuneador de coches que me deu a alegría de confirmar que entre tal gremio artístico tamén florea a guasa científica), acertaron de pleno coa especie en cuestión: Drosera rotundifolia, uhna das especies de plantas carnivoras que existen na bisbarra. Permitídeme felicitalos e agradecerlles na alma o dedicar o seu tempo, ao cabo a súa vida, a participar neste enredo. A min non me parecería tan fácil, a folla de drosera aínda se está abrindo e formando, e apoñer por rotundifolia frente a intermedia tiña os seus riscos. O xénero sí parecía doado.

Intentarei que a prósima edición do Ollar de Seoane, non rebaixe, coma rebaixou este, o récord mundial do concurso máis breve da historia dos concursos cortos.
Moitísimas gracias a todos e a miña noraboa e os meus parabéns para o gañador.
Ata logo, totus meus.


xoves, 9 de xullo de 2009

1º CONCURSO: OLLAR de SEOANE

Ao noroeste do Noroeste ven de ter a entretenida ocurrencia veraniega de argallar un concurso, tanto para agradecervos a todos vós a fidelidade e a continuidae na lectura deste bló canto para estimular o estudio e coñecemento do medio natural.


A idea é moi sinxela: cada certo tempo ( trimestralmente?) editaremos uhna foto e os lectores do bló deberán identificar a especie. Buscaremos que a foto teña sempre o seu aquel. E se pode ser, que sea propia da época en que se edita.
Ollar de Seoane, quere ser uhna homenaxe sentida a mirada exacta do tan grande coma descoñecido naturalista ferrolán López de Seoane ( Ferrol 1832-A Coruña 1900), pai do naturalismo galego e un dos grandes do naturalismo europeo no século XIX. Co debido respeto e a admiración confesa.

O primeiro lector en enviar o nome exacto da especie de que se tratare, terá gañado o premio: ser nomeado 1º Ollar de Seoane e recibir en lembranza un exemplar de Colores Cooperativos, uhna unidade didáctica para uhna educación en valores. Galardonada co premio Escola Crítica, componse de 64 debuxos que a súa vez conforman catro carteis temáticas sobre as estacións do ano. Trátase dunha edición artesanal e numerada de tan só 500 exemplares ( dos que quedan moi poucos) que para máis será firmada e dedicada polo autor, un servidor de todos vostedes.
Uhna ocasión única só ao alcance dos lectores do noroeste do Noroeste.


Para participar abonda con envíar un comentario ao bló coa vosa opinión. E dende logo é condición necesaria que téñades ganas, e vos dé por aí.







E ben esta é a foto do primeiro concurso: ¿ Qué especie é?

Naturalmente que as fotos nunca serán fotos completas, pareceríame demasiado fácil. Xa dixen, hailles que buscar o seu aquel. De todos modos penso que esta foto ten os elementos necesarios para deducir de que especie se trata.
Ánimo e a non desanirmarse, ollo ao piollo.
A mandare.
Aí queda este achego a una breve biografía de D. Victor López Seoane.

martes, 7 de xullo de 2009

A Esfinxe da Calivera

Sentado uhna mañá de vrao no pouco campo do meu escaso xardín din en ver voar un corpo negro, que polo tamaño pensei si sería un morcego...durante o día?...non!..fun tras del para decatarme de que o que estaba a ver voar, por primeira vez na miña vida, era a mítica e soñada Esfinxe da Calivera.
Os esfínxidos son uhna ampla familia de bolboretas, habitualmente de hábitos noiturnos ou crepusculares. Non son por iso, (pesia o seu tamaño habitualmente grande), fáciles de ver. En canto vermes, prefiren pacer polas noites, escondéndose perante o día: a súa enormidade non pasaría facilmente desapercibidas polos depredadores.


Non son moitas as posibilidades de ver esfínxidos na nosa bisbarra. De feito eu só poiden fotografar a dous deles: a Macroglossum stelatarum, ( ou tamén chamada esfinxe colibrí por libar os zumes das flores aguantándose quietos no aire e estendendo a súa espiritrompa, tal como fan os colibrís: é bastante común e nas seráns de verán dáse a ver con facilidade, chuchando nas flores das enredaderas ), e á fantástica Acherontia atropos, a moi coñecida Esfinxe da Calivera ou Esfinge de la muerte por outros lares.
Coñecida a nivel científico, pois a xente corriente, cada día máis alonxada do coñecemento e máis achegada a alienación, non sabe nen siquiera que existe, e se o sabe é acompañado dun feixe de supersticións, nacidas coma o seu nome do particular debuxo do seu pronoto que lembra dalgún xeito uhna calivera.



Acherontia atropos é un esfínxido grande, que chega a acadar os ¡ 13 cm ! de extensión alar e nalgún tempo foi moi común. Se se sinte atacado ou molestado e quen de producir un desagradable sonido, caso extraordinario entre as bolboretas, que moitas veces confunde, cando non asusta, ao posible agresor. Ten un vóo moi poderoso, chegando anualmente dende Africa algúns exemplares á nosa bisbarra. Outros nacen eiquí das crisálidas que pasaron o inverno enterradas nos campos de patacas. Cando neno era habitual que ao ir coller as patacas aparecesen as crisálidas, grandes e avermelladas, provocando o noxo e a repulsión de todo o mundo: mata iso, que é un bicho. E dabáselle co raño.

Poden verse por iso dúas camadas por ano, uhna a primeiros de vrao que serían os exemplares capaces de sobrevivir ao inverno baixo a forma de crisálidas e a outra a finais de vrao ou primeiros días de outono que se correspondería cos nacidos aquí, ben de exemplares chegados anualmente do sur ou dos que poideran reproducirse na nosa bisbarra, que eu teño ainda por documentar.
O verme é fermoso e espectacular, grande, amarelo con bandas oblicuas verdes e con capacidade para dar uhna trabada se é molestado. Hai anos, moitos anos, regalaronme un, perfectamente conformado, que atoparon nun tarreo de patacas (a súa planta nutricia favorita: daí que cada día se reduza o seu número, ao compás da progresiva desaparición da sementeira da pataca), e poiden salvalo nun bote de terra no que inmediatamente se enterrou, ben ao fondo, para crisalidar. Dalí a un tempo saíu uhna extraordinaria e fermosa bolboreta que poiden disfrutar amodo.
Moitas son as supersticiós e contos de vello que, por cousa do diseño de calivera, se dan arredor deste fermoso e espectacular ser, sendo normal consideralo desavogoso e causante do mal nas casas nas que entra ou se pousa.
Para iso se escribe esta entrada para, sen esquecer os contos, se saiba ver a este extraordinario animaliño dentro das súas coordenadas naturais e científicas e que se é verdade que ten un debuxo que lembra á calivera, que é quen de botar un zume repelente, amarelo e mouguento, ou que ten a extraordinaria capacidade de emitir sons, todas esas raras habilidades non son producto da súas capacidades de meiguería se non tan só fantásticas calidades naturais que observadas como o que son sorprenden e amilagran, divirten e ilusionan máis, moito máis que se fosen cousa de demos, trasgos ou meigas.


E para hoxe pouco máis, agradecervos a vosa compaña e mandar un saúdo moi agarimoso a todos os meus amigos das Somozas que en outubro do 2004 fixeron esta foto para min na compaña da Acherontia atropos que Diego do Abeledo atopara adormecida nalgún puntal da súa serra.

Apertiñas.




Despós de Data: aí vai este achego a correspondente ficha da Acherontia atropos na páxina de Asturnatura. Compensa así a falta de fotos do verme e a crisálida. Os que teñades plantado, ou mellor, collido nas patacas, seguro que recoñecedes inmediatamente á crisálida.

xoves, 2 de xullo de 2009

Rebuscando Gymnodenias conopseas

Gymnodenia conopsea, é uhna orquidácea que ten a súa distribución, polo que respecta a Galizia, restrinxida aos altos da Capelada. A súa floración é veraniega, particularmente a mediados e finais do mes de xuño.

Noutros anos téñome atopado con ela tanto no Ouzal como a sur da Herbeira. Aquí, ao mellor pola dureza do vento é o tempo, os exemplares son baixicos e pequeneiros, pouco rechamantes, doados de os confundir con calquera das moitas outras herbas que florean en rosa. No concello de Cedeira están as mellores poboacións galegas desta fermosa e pouco frecuente orquídea. Saibase.


Uhna mañá destas subín polos rebordes do cantil rebuscando co ollar se xa se vían alumbrar as valiosas ximnadenias. Non vin nen uhna. Ou o tempo veu fríxido e tenas aínda pechadas, ou este é moi mal ano para a ximnadenia, ao contrario que para outra orquídea, a Dactylorrhiza maculata, que tivo, particularmente no Monte do Limo, floracións de centos ou miles de individuos. Disfrutaron delas os membros da expedición da Sociedade Galega de Historia Natural das Mariñas que guieie, non haberá un mes, polos neboeiros mestos da serra.
Pero se as ximnadenias non apareceron, algunha outra xentiña do monte si se deixou ver, coma este Chasmatoppterus sp., un escaraboideo, moi común nestas terras e que sempre se mira encima de diversas variedades de flores compostas.

Esta parella de Leptura melanura, anda a namorarse nas primeiras horas do día. Pertencen a famlia dos cerambícidos, caracterizada polo notable desenrolo das súas antenas.
As Zigaenas filipendulae, andan este ano a voar en grande número -moito máis visibles que o ano pasado- sempre baixas, a ras de herba. Na nosa comarca sempre atopo a mesma especie de zigaena, a filipendulae, doada de recoñecer polos cinco puntos vermellos. A da foto xa ten as escamas moi gastadas.
Non parece en troques un bó ano para as Maniolas jurtinas que, sendo das máis comúns, esta tempada vense menos ca outros anos. Aí andaba a chupar nas flores do Thymus caespititus, un dos tomiños bravos do monte, abondosísimo na Capelada. Moi semellante as uces en hábito e aspecto, pero moi diferente botánicamente falando: é uhna labiada.
Entre thymus andaba tamén esta Vanesa carduii, na mellor anada que lles recordo. Andan a voar en todas partes e por veces en grupos, cousa que cada día é máis rara de ver.
Este bonito grupo de Orobanchaceas apareceu ao pé dunhas uces. Supoñémolas pois dependentes dela. Debe saberse que as orobanchas, plantas extrañas que hai quen as confunde con orquídeas, non producen clorofila, daí as súas cores pardas, malvas, roibas, marelas...para obter os alimentos parasitizan a outras plantas das que obteñen os nutrintes necesarios.
Parece tamén un bó ano para a Lasionmata maera, a da foto unha femia, que si outros anos era moi rara de ver e cada visión era unha emoción, esta anada é relativamente común. No alto da Herbeira voaban varias esta mañá. Moi activas e coas cores vivas, santo e seña de saúde excelente, pero por iso tamén máis difíciles de fotografar.
Danse tamén no verán moitas setas diferentes. Vede este Lycoperdón (perdonando: chamádelle peido de lobo), pechado, lucido, fermoso...que adubaba as campas do Ouzal e os altos do Vico onde eu andaba percurando Centaureas borjae, as famosas flores endémicas da nosa bisbarra...
...que ía aparecendo por todas partes, abondosamente, mesmo en grupos, amosando ter nos arredores do repetidor uhna das mellores colonias da especie. Estes días están fermosísimas...
...deixándose ver en todos os momentos da floración: observade neste rexistro o espiñento capullo, co seu aquel de alcachofa, e uhna flor cumprida e exuberante nacendo dun mesmo pé...

...o que parece bastante común, pois non é raro atopar pares de centaureas a pouco que se mire.
Se queredes conocelas personalmente, nada mellor que a hora presente para subirse aos arredores do repetidor de San Andrés e ir camiñando con algo de atención, tanto para non as pisar canto para diferencialas da súa parente Centaurea nigra, cara as pedras que dan ao mar. O que non as vexa necesita uhna urxente revisión oftalmolóxica.
As lindísimas flores do liño asoman de cando en vez. Nestas outuras o liño, Linnum bienne, ten un tamaño diminuto, non máis de 10cm., contrastando coa extraordinaria lonxitude do que se da nos vales e nas veigas, ata 60cm. É sorprendente o escaso número de persoas que hoxendía coñecen a flor e a planta do liño, sendo como foi especie fundamental na conformación do mundo rural tradicional galego, ata deixar a súa pegada en innumerables toponimias e museos etnográficos. Proba da iñorancia natural absoluta na que unha sociedade urbanita, dun modo suicida, sobrevive.
Poiden dar tamén con este bonito inmaduro de saltón, que si xa de adultos resultan complicados de determiñar, de noviños a cousa aínda se complica máis..así es que este, polo de agora, fica sen cristianar.
Esta diminutísima bolboreta, non moito máis grande como se ve ca uhna follica da uz, é un crámbido, tal vez un Crambus lathoniellus, non foi fácil de pillar: co seu pouco ser e a miña moita presbicia, todo era brétema. Ven a aumentar a miña colección de crámbidos que xa chega a media ducia: para completar o álbum só me faltan unhas cantas ducias.
Chámanlle a mosca alacrán, pero nen e mosca nen é alacrán, é un neuróptero: a moi coñecida e abondosa Panorpa conmunis. O alcume de alacrán provén da curiosa forma que adopta o abdome dos machos (mirádeo na foto, ao traluz) que lembra extraordinariamente a forma recurvada e veleñosa do alacrán. Rechama tamén o enorme proboscide que ten na cabeza, usado como elemento chuchador dos zumes das súas víctimas: maiormente vermes.
Esta delicada fermosura, Anagallis tenella, da familia das primuláceas (fixádevos como as flores saen da axila das follas, típico en primuláceas) é abondosísima nos altos da Herbeira, onde forma garimosos céspedes, convivindo co Thymus caespitosus, o tomiño do monte. (Non empecemos: non se usa na cociña, ese é o Thymus vulgaris).
No cruceiro de Teixidelo, poiden fotografar estas curiosísimas formacións de Cuscuta ephitimiun que semellaban chamaradas de lume saíndo do verdor áspero do toxo. Na vida mirara a esta parásita do toxo, vede que tampouco necesita clorofila, formándose con eses curiosos carapuchos picudos. Sempre era uhna masa, máis ou menos abondosa, deitada e mixturada por entre as espiñas da ulex. Pero recollida en formas definidas, afirmando claramente tres espazos de cor, xamáis mirara cousa igoal. Sempre da gusto aprender.
E antes de volver ao urbano botei uhna ollada polas penas por se aparecían as Iberolacertas montícolas, ese endemismo do norte ibérico que na nosa serra ten poboacións estables e de momento ben definidas. Un macho adulto foi amosándose polas regañas, ollando para min con curiosidade, e en vista de que eu non me movía foi collendo confianza e botamos uhna parrafada: coa boca pechada e os ollos falangueiros.
Creédemo: foi a conversa máis intelixente e proveitosa do día.
Este día non aparecerían as ximnodenias, pero outra moita xente diminuta e pequena, chegouse a min para que eu as chegase a vós. Así o fago, cumprindo o seu mandado.
Por se queredes botar, vosoutros tamén, uhna conversiña con eles, aí quedan.
Obrigados todos, eu e eles, con vós.
A mandare.