XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

sábado, 27 de febreiro de 2010

Angelica pachycarpa

Seguramente esta chamativa e portentosa umbelífera será moi coñecida de moitos, cando menos dun xeito visual. Seguramente máis dunha vez a súa apostura descarada chamou da nosa atención andando polo monte. Seguramente poucos saberán que estamos diante dun endemismo das costás do noroeste da Península Ibérica; e precisamente nestes eidos nosos do noroeste do Noroeste, este rechamante herbaxón posúe algunhas das mellores e máis cumpridas poboaciós mundiais.
As estremas das súas colonias acadan polo leste as costás cántabras e polo sur as Illas Berlengas, xa enfronte da capital lisboeta. O seu hábitat preferido son os cantís e territorios prósimos á beiramar, rareando en canto nos imos metendo terra adentro.

Herbas de namorar (Armeria maritima). pirixel do mar (Crhitmun maritimun), toxo (Ulex europaea) ou asubiotes (Silene sp.) comparten habitualmente coa pachicarpa os currunchos de chan ácido e salseirado onde se crían.
Pódese ver xa, nalgúns exemplares, a floración a mediados do mes de abril e nalgúns outros no medio e medio do vrao. É especie fácil de recoñecer, xa sexa polo aspecto lustrado, coma se lle desen cera, das follas verdes brilantes canto pola grande e orixinal flor, que sempre chama a atención.


Perennne, e de rizoma poderoso, pode acadar máis dun metro de outo, chegando en casos as súas follas basais aos 45 cm: un espectáculo botánico á vista de todo o mundo. Na Punta de Marnela dáse coma a grama e medra vizosa mesmo ao pé da pista que vai pola costá ate Valdoviño.

Non tardarán en verse xa os talos floríferos da pachicarpa soerguerse do mesto verdor das follas. No mes de abril andarán xa uns poucos en flor. Ogallá esta coreña entrada, que neste punto vai rematando, vos dese a recoñecer esta especie, á forza moi vista, e ao mellor deixamos de vela coma un outro herbaxón digno de ser agadañado (... e non será a cicuta?) e vemos nela un espectacular emblema do cabedal botánico da nosa bisbarra.
Ogallá.
Agradecido.

Nota marxinal: a "tormenta perfecta" é aquela que se anuncia e non aparece. A ver se hai sorte.

5 comentarios:

  1. Verdadeiramente chama a atención o brillo e mesmo a dureza das follas da pachycarpa a quen estamos máis afeitas as anxélicas moito máis "herbáceas" das terras baixas do interior. Benvido sexa ese brillo nunha tarde compostelá na que por momentos parece que quere entrar esa borrasca que esperamos, no senso que ti dis, sexa perfecta.

    ResponderEliminar
  2. Pois venme moi ben a túa entrada: hai tempo veu un dos meus tíos cunha foto que lle fixera a un exemplar desta planta. Seguro que xa a vira moitas veces, pero un día deulle por reparar nela, e gustoulle, fíxolle fotos, e enseñoumas pensando que eu sería quen de darlle algunha explicación. Souben decirlle que que tiñamos que mirar dela que era unha desas plantas que son exclusivamente nosas, porque xa alguén mo explicara algunha vez, e quedei de buscar máis información e darlla, así que xa me aforrache o traballo.

    Da tormenta non sei se daremos safado...

    Un saúdo

    ResponderEliminar
  3. Boas...alédame que esta escrita sobor dunha homilde herba, prenda no voso interés. Hai moitas outras, tamén endémicas, ou escasas a nivel galego e peninsular, das que pouco á pouco procurarei ir dando noticia.
    Pois parece que nos fumos safando da "cicloxénese explosiva" e da "tormenta perfecta". Que por certo,¡ Vaia cos nomes! Poseidos ambos dunha petición de principio de terror isobárico.
    Aterroriza, que se vende mello.
    Saúdos, graciñas por seguirdes aí.

    ResponderEliminar
  4. Olá, entrei hoje por casualidade neste blog e já fiquei nel durante um bom ratinho. :-) Parabéns pola qualidade das fotos, polo interesse dos temas e polo ameno dos comentários. Por aportar algo (ainda que é totalmente inecessário) só comentar que esta planta já não é só nossa. Foi introduzida na Nova Zelándia, onde seica está bastante espalhada. Até o ponto que os viveiristas anglo-saxões a vendem como "New Zealand angelica"!! Cousas veredes.
    Um saudo.

    ResponderEliminar
  5. Benvido ao bló, Miguel...non sabía nada da introducción da pachicarpa na Nova Zelanda... de novidade inecesaria ren de ren, ao contrario dato valioso e moi interesante...que a anden traficando os viveiristas é dato que debe facernos reflexionar, sobre as múltiples riquezas que posúe a Galizia e o pouco que sabemos de concederlles un valor engadido.
    Obrigado pola visita ao bló e polas túas garimosas e sentidas verbas. Non perdas as mañas.
    Un saúdo portulego.

    ResponderEliminar