xoves, 18 de marzo de 2010

O cangrexo da lama

Procambarus clarkii é o nome científico deste crustáceo da familia Cambaridae que orixinario das augas doces da zona caribeña, de México e Estados Unidos tense expandido, dun xeito absolutamente artificial, por ríos, lagos, esteiros e encoros de África, Asia e Europa. Falta de momento en Australia. É sen dúbidas un dos exemplos máis exitosos de dispersión antrópica dunha especie animal salvaxe.



Dispersión favorecida polo seu valor gastronómico, e xa que logo económico, pola súa grande capacidade de adaptación a ambientes alleos e degradados, así como pola súa alta resistencia a determinadas infecciós que provocaron a drástica diminución doutras especies de cangrexos de río e asimesmo pola súa altísima capacidade reprodutiva, que compensa a súa escasa lonxevidade, non máis de seis anos.


Omnívoro, e moi bo comedor, gusta tanto dos ovos das rás, coma dos seus cazos (leva a culpa da constatable diminución de anfibios nalgúns espazos; persoalmente teño a impresión de que o número de rás verdes do encoro das Forcadas, non hai tantos anos abondosísimas, sufríu un descenso brutal ao compás do incremento apreciable e protexido -está prohibido pescalo- das poboaciós de procambarus). Gosta das larvas de libeliñas (e tamén sospeitoso da baixada no número das mesmas) e non lle fai noxos, coma bo crustáceo, ás carnadas de calisquer animal morto; asimesmo, gosta de pacer da vexetación das ribeiras, e aínda de materiais vexetais en descomposición. E para máis, asombroso nun crustáceo fluvial, tolera determinados índices de salgación das augas. Todo un sobrevivinte.

Agrádanlle as ribeiras de augas mainas e recollidas, onde coloniza rapidamente os seus hábitats, facendo tuneis e covas nas lamas e limos da beira, sendo quen de acobillarse neles para pasar oculto ata catro meses en ausencia de auga. Capacitado asimesmo para sobrevivir e camiñar fóra das augas, (eu mesmo constatei a súa presencia entre os felgos e camiños dos arredores das Forcadas), busca currunchiños xeitosos entre as raiceiras das árbores ou entre as pólas derrubadas e cubertas de follas en descomposición, xeralmente entre a vexetación da ribeira, para facer os seus acobillos.

De comportamentos solitarios e agresivos, maiormente nos exemplares adultos e vellos que poden acadar os 20 cm, amosa, ameazador e defensivo, as súas robustas patadoiras, ergueitas e abertas, ao mínimo sinal de perigo. Son frecuentes as leas entre individuos por acadar un refuxio individual entre o limo da lama do fondo.

O cangrexo da lama foi introducido por primeira vez na Península Ibérica en Sevilla en 1974, nos campos alagados para o cultivo do arroz, nas marismas e augas mansiñas do curso baixo do Guadalquivir. Cun éxito reprodutivo e de aclimatación total, convertendo a esta bisbarra, ao día de hoxe, no maior produtor e comercializador europeo de procambarus. Ao abeiro deste éxito foi introducido pouco despois na Albufeira de Valencia, no delta do Ebro e nas Aiguamolls do L´Emporda de Girona.

Afeccionados á pesca levárono vivo para os ríos franceses e a partir daquí e seguindo a rede de canles fluviais artificiais extendeuse por toda Europa. Utilizado asimesmo polas autoridades medioambientais para encher o oco ecolóxico que o cangrexo de río autóctono tiña abandonado (por estar practicamente desaparecido, mor das infecciós polo fungo Aphanomyces astaci). Arestora ten colonizadas todas as grandes concas fluviais ibéricas, desprazando ao cangrexo de río autóctono ata as cabeceiras outas dos ríos, as augas bravas e remexidas dos que non son aprezadas polo procambarus.


A presencia masiva do cangrexo americano nos ríos e encoros ibéricos supuxo, para moitas especies, unha impensada e inesperada novidade de alimento e reserva de proteina, antes nunca vista nen catada. Tense argumentado que a explosión demográfica de procambarus posibilitou a recuperación das poboaciós da londra, Lutra lutra, en todas as concas fluviais ibéricas (xa non se considera en perigo de extinción) e está documentada a súa depredación por parte de garzas, folicas, (Fulica atra), buxatos, (servidor persoalmente veunos), ou gaivotas.

Velaquí outro exemplo da complexidade dos temas medioambientais que queda acó para a reflexión. Foi positiva ou negativa para o medio ambiente a introdución de procambarus?

Eu, confésoo, non teño resposta en firme. Se fose rá ou libeliña aseguraría en calquera xuízo que foi, e é, un desastre; se fose londra ou garzota afirmaría perante calisquer xurado as benzós do cangrexo e as súas infinitas bondades.


Pero como son humano, Homo ignorens digo, só sei que non sei nada... e xa me vén parecendo moito.


Agradecido.




Nota marxinal: ben se entende que esta entrada achégase para completar a da papoia rosa. Paréceme que para que un individuo se chegue a tinxir coa intensidade de cor que se lles ve a estas gaivotas ha de ter que consumir unha cantidade importante de cangrexos durante un período de días amplo. Non imaxino ás papoias depredando exemplares adultos de 20 cm. coas patadoiras abertas e agresivas. Paréceme que han de preferir exemplares noviños e cativos, moito máis fáciles de capturar e deglutir. As únicas zonas que posibilitan a existencia de grandes cantidades de inmaduros de procambarus, durante as épocas de invernada da ridibundus na Península, son os campos arroceiros, esteiros e ariños do Guadalquivir e da Albufeira. Na miña iñorante opinión as ridibundus rosadas que se achegan ao noroeste do Noroeste deben de vir dalgunha desas zonas sureñas ou mediterráneas. Pero non estaría de máis ter algunha confirmación en firme.

Van estes achegos:

A ficha da Wiki
Unhas páxinas de Acuariofilia

Este outro sobre os seus efectos nas plántulas de arroz. É unha memoria dun proxecto de investigación
Eiquí un exemplo de depredación
E este especializado en ecoloxía reproductiva do procambarus.
Despós de data: seica algúns dos comentarios que tan xentilmente facedes non se teñen publicado no bló. A razón é ben sinxela: non os recibo e non sei porqué. Pido disculpas aínda que a culpa non sexa miña. Ata o de agora publiquei todo canto comentario recibín con intención de ser publicado. Miraremos de amañar este entorto. Escusádeme, prego.

5 comentarios:

  1. Moi dacordo con todo o que comentas. Pero un pequeno apunte: no encoro das Forcadas o cangrexo vermello americano pódese capturar durante todo o ano, sen dimensións mínimas nin cota de captura e ca obriga de sacrificalos inmediatamente despois da sua captura quitándolle o apéndice central da cola. Así aparece tamén este ano nas normas de pesca fluvial 2010 en Galicia e na corrección de erros posterior.

    ResponderEliminar
  2. Instrutiva e moi interesante a entrada.
    Na anterior sorprendérame a "existencia de gaivotas rosas" e hoxe coñezo a un outro convidado, dos que viñeron para quedarse, do que xa oíra falar pero do que non sabía máis e ao que parece débeselle aquela estraña pigmentación.
    Samesuga de saberes alleos, espero atopar opinións que axuden a facerse idea sobre a importante cuestión medioambiental que expresas.
    Saúdos agradecidos desde Compostela.

    ResponderEliminar
  3. Moi agradecido, Xermán e benvido á nómina de enriquecedores do bló.
    Descoñecía as normas de pesca nos ríos e encoros para este ano, (ou calquer outro).
    Escribín que o cangrexo da lama está protexido por ter lido nos carteis colocados arredor do encoro que estaba prohibida a súa captura. Certamente son carteis colocados xa hai anos.
    Moi bó dato o que aportas da obriga do sacrificio inmediato, que o imaxino coma un seguro para evitar o espallamento da especie.
    Un saúdo agradecido.

    ResponderEliminar
  4. Samesuga de saberes alleos,(que perfecto endecasílabo para iniciar un soneto),
    son eu tamén e tamén somos todos.
    Saudiñas.

    ResponderEliminar
  5. Práceme a entrada, moi interesante a información e, sobre todo, a pregunta que lanzas ao final. Como ti ben sabes, nestes casos a miña opinión é deixar que os ecosistemas se regulen sós, tendo coidado especialmente de non introducir especies foráneas cuxo comportamento pode ser impredecible. En efecto, o descenso de anfibios e libeliñas no Encoro das Forcadas é dramático nos últimos anos, coincidindo coa explosión demográfica deste cangarexo asasino. O colmo dos despropósitos é a prohibición da súa pesca, cousa que ademais resulta rara, xa que hai algúns anos a Consellería de Medio Ambiente recomendaba a súa extracción sen medida no Encoro de Cecebre. A qué se debe este cambio de actitude? Nin idea, eles saberán que presións recibiron e de que sectores.
    Por outra banda, a pesar de que poida beneficiar a varias especies de mamíferos e aves, a perda doutras moitas especies de anfibios e insectos (especialmente odonatos), sobre os que este "becho" depreda, fai que a balanza da súa presenza sexa claramente negativa.
    Por último, quero citar que segundo o meu comopañeiro Xabi Prieto, este cangarexo puido vir nas patas nos corvos mariños. Sen dúbida, é unha teoría máis que plausible.
    Unha aperta,
    Miguel A. Fernández.

    ResponderEliminar