xoves, 4 de marzo de 2010

A pimpinela púrpura.

Sanguisorba officinalis é o nome científico no que se esconden os apelativos galegos de herba da espinela, nespereiro, sanguinaria, tamén sanguisorba e aínda pimpinela, o máis estendido de todos eles.

Hoxendía pimpinela tira máis da memoria confusa a lembranza literaria, e cinematográfica, do heroe de dobre vida creado pola Baronesa de Orczy "La Pimpinela Escarlata" que, ao igoal que "El Zorro" coa Z, firmaba as súas mensaxes cun gravado en lacre dunha pequena flor da campa inglesa a "scarlet pimpernel" que non vén sendo outra que a Anagallis arvensis, esta pequeniña primulácea escarlata ...


...que ren ten que ver coa nosa pimpinela púrpura, planta esta da familia das rosáceas, que medra, na opinión de Xosé Ramón García, en moi poucos lugares de Galizia, sobre solos calcáreos e, di, tamén ultrabásicos. Certamente na Serra da Capelada esta interesante especie protexida é unha herba común e doada de ver.
.
Chamará sempre da nosa atención a fermosa inflorescencia en panícula na estrema dos longos talos fertis, que adoitan poseer outros laterais pedunculados que nacen a partir dunha primeira flor única xurdida do gromo.

Coñecidísima en medicina naturalista, (¡eses recolectores salvaxes!), entre outras polas súas propiedades antidiarreicas, gosta dos prados húmidos, entre brañas e ouzais, dende os 500 ate os 2250 m., de gran parte de Norte América, Europa e Asia, chegando ate a China e o Xapón. Na Península Ibérica ten os seus territorios nas montañas cantábricas e pirenaicas, rareando conforme baixamos a Sur.
Ao noroeste do Noroeste florea de preferencia na forza do vrao, non sendo raro poder ver a esta fermosa e curiosa flor no mes de setembro. Ata o daquela ídea gardando na arca da memoria, ( ...en Favoritos tampouco estaría mal...) que esta entrada, de pouca parola, vai rematando no punto, non sen agradecervos a compaña garimosa das vosas lecturas.


Apertiñas.




Nota marxinal: O nome galego de nespereiro co que tamén se coñece á sanguisorba, pode resultar chocante por darmos en pensar nel coma a árbore froiteira que dá os nésperos, pro nespereiro e tamén outra das voces coa que se denomina aos niños das avésporas. A semellanza formal entre as panículas en flor da pimpinela púrpura e os niños de varias especies de avésporas avala este denominar.



Un achego á páxina de Flora Ibérica, por si acaso.
http://www.floraiberica.es/floraiberica/texto/pdfs/06_087_17%20Sanguisorba.pdf
E outro a páxina de Anthos
http://www.anthos.es/v22/index.php?set_locale=es

12 comentarios:

  1. Hola Rafael:
    Teño eu tamén algunha foto da planta esta no meu arquivo, aínda que chamarlle arquivo a esa pila de fotos, recortes e papeles so organizados na miña cabeza non creo que sexa moi correcto.
    Apunte etnográfico-cultural-veterinario: como ben dis a sanguinaria ten propiedades antidiarreicas, e tradicionalmente foi colleitada na Capelada, para preparar un líquido que queda dun color sanguinolento que se lle administra aos becerros diarréicos. Disque é máis efectiva cando se recolle no couce da luá de agosto.
    Aínda que non estou seguro se á que lle chaman por aquí sanguinaria é esta mesma pranta.

    Un saúdo

    ResponderEliminar
  2. Ola Juanma...descoñecía o uso da sanguinaria para o coidado dos becerriños...eu supoño que sea a mesma planta, tanto polos seus usos canto por coincidir co nome. Sanguinaria tense recollido por varios autores coma o nome propio da sanguisorba, así es que non me extraña que este sexa tamén o nome dado ao noroeste do Noroeste.
    Saúdos.

    ResponderEliminar
  3. Primeiramente un saudo e unha felicitación polo blog. Non hai moito que o atopei e estouno desfrutando, moi bo traballo.

    As avésporas e ao seu niño eu coñezoos como nesporas e nesporeiro, con o. Ou polo menos así se di en Sedes, en Narón. É moi probable que a vacilación vocálica e as variacións locais fagan que non estea moi claro á hora de escribilo, pero creo que os diccionarios o recollen asi.

    Como xa dixen, moi bo traballo!

    Un saudo.

    ResponderEliminar
  4. Boas Estevo...moi agradecido polas túas palabras... realmente dan azos para seguir escribindo, máis, se cadra, cando se analisan e lles fan aportes tan interesantes coma o teu... unha ledicia saber que en Sedes aínda se di nesporeiro e nésporas, paréceme, como apuntas, que a vacilación vogalica poido transformalas...pero xa debeu de ser de vello pois no Marcial valladares ( 1884) aparece a voz nespereiro co siñificado de niño de avésporas e dende el recolleno o Filgueira Valverde(1926) o Eladio Rodriguez(1958) e o Franco Grande(1978)... eu en sabendo que en Sedes se di nesporeiro, máis que non viñera en ningún dicionario, metoio xa nas voces miñas, entre as nosas: as propias do noroeste do Noroeste.

    Non perdas as mañas de andar polo bló (aínda que as fotos...) e de compartirdes as túas palabras con todos nós.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  5. Con permiso de Rafael:

    Hola Estevo: alégrome de verte por aquí, non sabía que anduveras metido tamén nestes temas.

    Non sei se me reconocerás polo nome, pero sí que nos conocemos, cousas de ter un sogro de Sedes...

    Saúdos

    ResponderEliminar
  6. Hola Juan Manuel, supoño que es o compañeiro de Carolina, non? Se é que este mundo é moi pequeno e ao final todos nos coñecemos ou somos parentes, jeje.

    Un saudo.

    ResponderEliminar
  7. Perdonade que me meta na conversa, pero o caso é que unha resposta de Juanma confirmando que é el, non foi subido ao bló por moito que premei no botonciño de turno.
    Non sexa cousa que derades en pensar que andaba aburrido da conversa, ao contrario, estou encantado de asistir ao nacemento do recién xurdido Clube Social de Amigos do noroeste do Noroeste.
    A mandar, meus.

    ResponderEliminar
  8. De ter que desculparse alguén sería eu por andar metendo baza no teu blog, cando teño tanto por atender no meu, jejeje.
    Pois eu vexo a miña resposta, así que ao final deu subido.
    Está ben iso do Clube Social de Amigos, me consta que hai moitos máis, que os que aquí lle damos á tecla somos unha pequena parte dos seguidores das túas ensinanzas.
    Volvendo ás flores: o día da homenaxe a Leslie Howard na Capelada non sei se reparache en que as autoridades e demáis invitados oficiais levaban na solapa unha pimpinela escarlata, que foi a película que pola tarde proxectaron no auditorio e que tiña por protagonista ao homenaxeado. Nada, un comentario para buscarlle as voltas ao asunto.

    Saúdos lugueses (e aínda a luns...)

    ResponderEliminar
  9. Olá de novo,

    Por engadir algo a geografia do nome das avésporas, parece-me interessante que em Loiva, Ortigueira, convivam duas formas: vespa e véspora. Também é curiosa a forma contraida, escuitada em Ogrove: nespra, e o ninho nespreiro.

    Sobre a sanguinária, planta mui linda que às vezes atopei nas serpentinas entre o Ulha e o Careom, justo na zona por onde querem fazer passar uma autoestrada (a A-54, Santiago-Lugo), cortando este espaço natural polo médio. Enfim.
    Um saudinho

    ResponderEliminar
  10. Vaia, Juanama, pois non reparara en que as autoridades levaban na solapa a herba da rabia, tal é o nome tradicional galego da "scarlet",non a recoñecín certamente, ela tan diminuta e homilde, sempre a ras de terra, alí no alto dos traxes encopetada e tan axigantada de tamaño, fíxoseme flor exótica e allea.
    Noutro orde de cousas a cofradía da "Pimpinela escarlata" era unnha quintacolumna reaccionaria da nobleza feudal francesa contra o movemento revolucionario burgués.

    ResponderEliminar
  11. Ola Miguel...imaxino a posibilidade que nun tempo vespa e véspora poideran desinar a dúas especies diferentes, ou dos tipos de avésporas diferenciables a ollo. Imaxino si vespa poidera denominar as "grandes" ( Vespa crabo, por exemplo) e vésporas as màis "normaliñas". Xa digo, imaxinaciós. En todo caso a riqueza léxica do galego no que atinxe ao mundo natural é un outro tesouro da natureza galega que hai que ir recobrando.
    Moi agradecido e honrado de saberte por acó.

    ResponderEliminar