luns, 22 de marzo de 2010

Retallos dun santo

Permitídeme que atenda a pedicha dunha cativa, esculcadora habitual do bló, e amose uns recortes da iluminación da testeira, coa intención de darlle, e darvos, conta ao detalle das xentiñas que andan remexidas nela, coma sempre ao pilón que grande é bon, sen outro criterio que amosar en compaña a algúns dos habitantes do noroeste do Noroeste, encartados nalgunha paisaxe da nosa bisbarra.



Desta volta a paisaxe elexida é a da Plaia do Castro, na ortegana parroquia de Loiba, unha outra das sucesivas areas nortadas (a Ribeira Grande, a Plaia do Carro, a Favega, a do Castro, o Gavioteiral) que andando cara a leste chegan ata o Picón, xa no Barqueiro, e coas que, non teño dúbidas, debeu de soñar Stevenson antes de encetar a escribir algunha das súas historias de piratas e naufraxios.


Nesta ilustración unha papoia (Larus ridibundus) acompaña no seu voar a uns serruchos ( Sterna sp.) por encima das areas da plaia. Unha bandada de gaivotas, tan impostas coma calquera outro icono, repousa no fondo. As manchas do ceo non son lixos, son voutres.



Nesta outra, co fondo da dobremente furada Pedra do Carro e a liña do ceo da Serra Capelada, dúas chíscalas (unha aristotelix noviña e unha carbo) toman folgos, mentres unha bandada de chorlitos griseiros anda a pousarse, algúns xa o están, nas beiras da marea. Unhas gaivotas completan a escea: ridibundus, michaelis e delawarensis.




Os gallados aguillós do trileucum de Cabo Ortegal enmarcan no horizonte o voar de serruchos e papoias. Aboiando nas augas, unhas cantas gaivotas escuras (Larus fuscus) e en primeiro plano dúas costureiras (Motacilla flava) alancorean nas pólas do toxo. Na esquiniña da dereita abaixo, as cores dunha merendiña e a irisación dunha alfaia da braña (Trypocopris pirenaeus var. coruscans).



A personaxe central é Cecilia, a gaivota de Delaware (Larus delawarensis), bautizada polo mestre paxareiro, e fotógrafo, Pablo Gutiérrez, que invernaba no esteiro do Condomiñas dende hai anos e este deixou de vir. Botámola en falta. Entre as gaivotas do fondo unha branca de Groenlandia (Larus glaucoides) e un serrucho cativo (Sterna albifrons). Na pedra dous paxariños: unha cincenta e un pedreiro. Enmarcando a toxos e uces unha merendiña e un cuarto de orquídea lixugada. Unha besbella (Locusta migratoria) sobre o pé do boi (Oenanthe crocata) e un escudo (Coreus marginatus) sobre a flor dunha labaza (Rumex scutatus) fan compaña co voar dunha linda meniña azul.




Na brancura inmaculada do pancracio pasea un escarabello (Tiimarchia gougeletti), á sinistra a orquídea lixugada (Dactylorrhiza maculata) e diante do xofre das chorimas, as lindas flores das merendiñas (Romulea clussiana) polas que ruben e aganchan dúas xoias. A volainiña azul que o enche todo é unha Polyonmatus icarus.



Preside o santo a fermosura plena dunha gaivota clara (Larus michaellis) e alumbraio a brancura de escuma mariña da prumaxe da branca de Groenlandia, (Larus glaucoides). Anda de visita un golpe (Vulpes vulpes), soléase unha lagarta endémica (Iberolacerta monticola) e fitando entre a area anda unha escribenta millarenga (Emberiza cia), tamén hai unha cincenta. Toxos, uces, pancracios, merendiñas e unha orquídea (Ophrys sphegodes) serven de acomodo ao escarabello vermello (Melosoma populii), a oferente barbantesa (Mantis religiosa), a bolboreta do alivio (Melanargia lachessis), a unha meniña (Polyonmatus icarus) e a unha grande e fermosa avelaíña (Lasiocampa quercus).
E penso que non fun esquecendo a ninguén.
No nome de todos, agradecido.
Ata outra mellorada.




Nota marxinal: Laióuseme, e con razón, algún esculcador culto do bló de que faga ilustraciós diacrónicas, quere dicir que moitas das especies que rexunto non se dan na mesma tempada, o que, supón, réstalles valor científico. Ten razón, xa dixen. O caso é que nunca pensei nelas coma láminas directamente didácticas ou científicas, senón coma un xogo, un divertimento estético que ofrecese unha instantánea imposible no mundo real e poidese representar un berro colectivo, unha manifestación, a favor da supervivencia de todos. Unhas imaxes que para máis recenderan exotismo a base de axuntar personaxes nosos de cada día.

Unha idea traspasa por iso a todas elas: o noroeste do Noroeste pode ser o sitio máis exótico do mundo se ti es un indíxena hawaiano...ou un indíxena de acolá especializado en diferenciar ronaldos de messis, pero incapaz de distinguir entre unha agabanza e unha orquídea.

2 comentarios:

  1. Da gusto ver as praias bravas de Loiba tan concurridas, non importa que so sexa un soño.
    Saúdos

    ResponderEliminar
  2. Enhoraboa por este fermosísimo traballo, saúdos

    ResponderEliminar