XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

martes, 27 de abril de 2010

Léngoas do loberno en flor.

Visitei este 25 de abril que pasou a colonia de Pinguicula vulgaris, léngoa do loberno para os amigos, que atopara o ano pasado nalgunha rebordela da Serra Faladoira. Quería saber delas, cómo lles fora, logo de tanto trafego de madeira, desbroces e fochancas como hai polos montes dende a desfeita do Klauss. E tiña moito interese en mirar se andarían xa floreadas. Debecía por non deixar pasar o ano sen retratalas en flor. Dende que dei con elas, son para min unha teima.

As léngoas do loberno son prantas carnívoras de elevados outores que na Galizia fóra da súa zona natural de expansión, Os Ancares e O Courel, teñen na nosa bisbarra as únecas outras poboaciós coñecidas. Sempre de poucos individuos e certamente moi raras de atopar. D'aí o interese teimudo.

A rebordela zumegante na que viven atópase afortunadamente en perfecto estado, -chorando auga amodiño, mirando a leste- e acó e aló vese renacer algún ca outro pé novo, as veces en grupo, coas follas carnosas e vizosas, do centro das que agroman novas follas ou os talos floríferos.



Tan só dous ou tres pés andan xa floreados pero a min fanme a mesma ilusión ca se fosen un cento: é a primeira vez que vexo a léngoa do loberno en flor. Un vello ensoño cumprido.
.

Animado pola boa estrela do día e a magnífica luz dun sol de domingo remirei con atención anovada outras moitas rebordelas, por se os fados das horas quixeran poñer nos meus ollos algunha outra colonia de pinguiculas.
E a non máis dun quilómetro, nunha escura e húmida parede arxilosa, amosóuseme unha ducia de pés noviños. Toda unha espranza. De seguro ten que haber outras máis.


Esta nova colonia de pinguiculas prendeu na rebordela dunha pista, nas paredes da cuneta, o que parece indicar razoablemente que deu en medrar logo da construción da pista, e ao mellor ao seu abeiro. Sábese que as léngoas do loberno gostan dos ribazos zumegantes, e os cortes das pistas, cando non van a pico de canteiro, ofrécenlles un hábitat axeitado.

É só unha opinión ao paso, claro, pero vai cimentada no feito de que as dúas colonias de Pinguicula vulgaris que coñezo aparecen nese ambiente.
Pro ao mellor só quero imaxinar que no corazón da desfeita hai unha semente de espranza.
Agradecido, miñas e meus.
A mandare.


7 comentarios:

  1. Unha sorte, traballada, podela ver en flor.
    Casualmente está mañá foi, xunto coas droseras e algunha máis, o tema nunha asignatura destas cousas que estou cursando.
    Saúdos

    ResponderEliminar
  2. ... pois ti xa sabes onde estou, e eu sei onde están as léngoas, así é que se un día destes che apetece, imos aló...
    Saudiñas Juanma.

    ResponderEliminar
  3. Unha beleza de fotos con un ameno e interesante comentario, non sabía que tamén se atopaban por aquí, a úníca vez que a vín fai uns cantos anos, no Caurel mesmo nas fontes da devesa da Rogueira, saúdos

    ResponderEliminar
  4. Agradecido polas túas palabras Juan Ramón. As pinguiculas citábanse na Capelada cun "ao parecer" pero da Faladoira, nada de nada. Paréceme que estas son as primeiras de esta serra que se citan e publican. Un lector do bló amablemente informou que tamén se dan por Viveiro, creo recordar que polo monte de San Roque. sen dúbida cunha rebusca máis intensa da que se ten feito ate agora aparecerían novas localidades. Na Capelada dende logo tamén se dan. Eu mesmo fotografei, e publiquei neste bló, fotos delas, sobre serpentiniñas.
    Un abrazo Juan Ramón e ogallá que ese bló retorne a informarnos da Fauna e Flora da nosa terra. É moi necesario. Saudiñas.

    ResponderEliminar
  5. Disculpas José Ramón...escribín sempre Juan Ramón...en fin a idade e a matinal sabatina non perdoan...desculpas de novo, prego.
    Un abrazo.

    ResponderEliminar
  6. Grazas pola información que me parece moi interesante, en canto a atopalas nas fontes da Rogueira, ibamos un pouco informados pola flora do P. Merino que a citaba no ano 1902, 83 anos despois seguía no mesmo sitio. En canto ao meu nome, non ten maior importancia, unha aperta

    ResponderEliminar
  7. En canto ao blog, vai por mui bon camiño, con moita información tanto de texto como gráfica, algunha de elas axudanme a poñer nome a especies que teño no disco, sobre todo das zonas dunares. Unha aperta

    ResponderEliminar