XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

domingo, 30 de maio de 2010

Centaurea borjae....¡¡¡ na Punta Chirlateira !!!

Camiñamos estoutro día, sábado 29 de maio que pasou, as abas dondas e espiñentas da Punta Chirlateira, sen levar outro aquel que desfrutar dunha tardiña de lecer e esquezo, gozando das vistas da entrada da Ría de Cedeira, das escraquenadas costás ártabras que baixan a sur e dos gallos tesos que defenden o Paso do Boi.






Máis por humor ca por rigor, íamos levando conta do número de especies floreadas que íamos atopando no noso acomodado e pouco apurado paseniño. Ata 76 flores diferentes iluminaron e aledaron o serán, entre elas esta particular Lithodora postrata, con 8 pétalos branco rosados e lixeiramente azulinos, que de seu deberian ser cinco, fermosa e fortemente azuis.

Abondosos eran os Leucanthemun plurifolum, a margarida salvaxe, un endemismo das costás galegas dende Fisterra ás Asturias e que no paradiso ártabro amósase acochando fermosamente os cantís da beiramar.

As fermosas cabeciñas da inflorescencia do Allium sphaerocephalum, o allo da area, soerguíanse de entre as pedras das penedías da beiramar...

...alí onde tamén locían os moitos Sedum anglicum, avermellando a griseira toneira de anfibolita.
E por alí botamos conta da Euphorbia.flavicoma un outro endemismo das ribeiras cantábricas, de Ortegal ao Pirineo.
E desfrutamos, canto nen se conta, das moi abondosas, elegantes e delicadas orquídeas lixugadas, Dacthilorryza maculata, que aduviaban o monte soerguéndose firmes por entre as herbas e as encoiradas espiñas do toxo.


E aínda tivemos a sorte de dar cun par de exemplares de Serapias cordigera, outra orquídea, con moi poucos lugares de enraizamento na bisbarra (eu só coñecía unha colonia nas Somozas).





Pero se calquera destas especies aledaría o serán do afeccionado ao monte e daría por se mesma groria cumprida a calquera paseo naturalista, a presencia sorprendente de algo máis de 30 exemplares de Centaurea borjae medrando polo medio e as beiras dos camiños fixo brincar de gozo e espranza a este humano.

Sorprendente escribín, pois Centaurea borjae, endemismo mítico incluído no catálogo de especies en perigo de extinción, só contaba con poboaciós coñecidas na Serra da Capelada, en moi poucos núcleos ben localizados, e no Cabo Prior nunha colonia de poucos exemplares.

Esta nova colonia medra para máis entre as regañas das rochas de anfibolitas, como pode verse na foto, o que representa asimesmo unha novidade (as outras medran entre serpentiniñas ou graíños), e máis sorprendentemente aínda no medio das rodeiras, cando non na rodeira mesma, dos camiños da Chirlateira, frecuentemente recorrida por coches campeiros.
Sempre pensei que entre a Capelada e Cabo Prior había espazo suficiente para existiren outras colonias de Centaurea borjae, que só era cousa de facer unha rebusca amoda e coidadosa, pero ata o día de hoxe non poidera dar con elas. Así é que estes exemplares imprevistos, que máis ben deron eles comigo, viñeron a confirmar unhas vellas sospeitas. De seguro ha de haber outros máis.
Estas centaureas chirlateiras, presentan un aspecto vizoso e forte, con flores grandes e fermosas, e a súa presenza nos camiños e nas rodeiras, dá en pensar nunha colonia reciente, e ao mellor fálanos dunha tendencia á expansión da especie, mesmo velas medrar nas regañas novas das anfibolitas escachadas parecería querer confirmar esta sospeita.


Sexa como sexa estas novas centaureas veñen representar un raio de espranza para unha especie emblemática do noroeste do Noroeste, vendo así como aparecen máis espazos de habitación e como algúns dos seus perigos clásicos, o gando caprino asilvestrado, está ao parecer cada día máis controlado.


Fai falla que un dos outros perigos recoñecidos, a tendencia dos gobernos locais a levantar miradores turísticos en áreas de extraordinario valor ecolóxico, tome concencia do valor de futuro que estas especies endémicas e únicas posúen e se esixan unha revisión biolóxica coidadosa de cada unha das áreas onde queiran facer miradores, paseos ou calquera outro artello turístico que tan satisfeitos os deixa e tanto maltrato provocan cando se fan sen saber onde se poñen os pés.


E polo de hoxe nada máis, así vai quedando a cousa.


Apertiñas para todas e todos e os meus agradecementos por andar por aí fóra.


A mandare.


E acolá quedan estes achegos, o primeiro é o clásico artigo de Valdés-Bermejo e Rivas Goday do ano 1978 dando noticia nos Anales do Instituto Botánico Cabanilles da descrición da nova especie.

domingo, 9 de maio de 2010

Euphydryas aurinia, a señoriña.

Bo ano este para a señoriña. Se sempre, afortunadamente, é unha especie común, ben que non moi abondosa, esta primaveira parece que as euphydryas andan a revoar nun número moi apreciable. Unha ocasión especial para botarlles un ollo e desfrutar coa bigarrada farda deste lindo ninfálido.



É o que teñen as bolboretas: sen que se saiba moi ben porqué, un ano con outro, algunha especie presenta unha importante eclosión de individuos. O ano que pasou tocoulle a Vanessa cardui, de seu un ninfálido pouco abondoso, este ano parece ser o ano da Zigaena filipendulae e da señoriña. Hoxe mesmo mirei, nos marouzós da Frouseira, un número importante de ambas as dúas.


O deseño alar da señoriña é unha escaqueada confusión de cadradiños, conformadores dunhas características ondas pardescuras (doncella de ondas rojas, dinlle en castelá) que se van alternando con espazos máis claros que varían dende o laranxa avermellado ao castaño deslaimado, sen desprezar os aduvíos de puntos negros e os espazos brancos.

A variabilidade no padrón alar desta especie, cando menos dos individuos que puiden observar na bisbarra, difiren moi pouco duns a outros, estando as diferenzas máis acusadas que puiden percibir localizadas na extensión dos espazos e na coloración de cada individuo, dende os rechamantes laranxas encendidos aos pardos apagados.

Especie cunha ampla dispersión na rexión paleártica, dende San André de Teixido ata Vladivostok, disque conta coas mellores colonias europeas nas Illas Británicas e na Península Ibérica. De ser así non dubido de que ao noroeste do Noroeste vive unha das colonias máis notables de señoriñas. Os exemplares que ilustran esta entrada, todos individuos diferentes, aseguran que asimesmo debe de ser.

Non se considera en perigo de extinción coma especie en sí, pero presentando numerosas subespecies ao longo da súa ampla área de expansión, algunhas delas, tal a señoriña dos cantís alpinos da Suiza, sí están en estado crítico. Na provincia de Madrid considérase especie vulnerable.


Amiga dos espazos con humidade abondosa, (por iso, por acó), é doado dar con ela non lonxe dos regos dos marouzós, nos bosquetes de ribeira fluvial ou ao pé das fontes, revoando ou chuchando o neitar das moitas flores das que gosta.



A reprodución da señoriña comporta unha orixinal forma social de colonias de eirugas. A femia pon unha importante cantidade de ovos no envés dalgunha das súas plantas nutridoras: succisa, teucrium, lonicera, etc. Destes ovos nacen unhas larvas negras que rapidamente tecen entre todas un espeso niño sedoso no que pasarán as fases de transformación das eirugas, rodeándose as unhas coas outras, para dárense calor (necesitan 35 graos para poder facer a dixestión). Desta mesta seda só saen para alimentarse, retornando de novo ao niño social a dixerir as plantas consumidas. Abandoan o acobillo comunal tan só para crisalidar e volverse bolboreta. Nestes niños sedosos adoitan pasar invernadas os meses fríos do ano.

E eiquí vai rematando a xogada. Coa espranza de que a fermosa e axedrezada señoriña fose do voso gusto e vos permitise, a canda a ela, voar coa imaxinación por riba dos tóxicos vafos cotiáns, xa sexan os fumes dos bares carcinómicos ou os dos máis velenosos, para a intelixencia, aires informativos da televisiva salita, hei de ir polo de agora deixando xear, quedando con vós coma sempre, miñas e meus, moi agradecido.

A mandare.


Nota marxinal: efectivamente a denominación de senoriña para a Euphydryas aurinia é unha aportación particular. A nomenclatura en galego dos nomes, alí cando o autor non as chimpa, adoita frecuentemente traducir directamente do castelá para o galego. Así anda por aí a denominación de doncela de ondas roxas na que é difícil observar algo diferente a unha castrapada traducida. No canto prefiro arriscar e argallar. Señoriña, paréceme, é un nome ben lindo e cariñoso, no que ao mellor ecoa o francés Damier des succises e para nós, os de Cedeira, é un termo preñado de graciosas lembranzas médicas. Tamén por iso coma unha homenaxe respetuosa ao sen par médico Don Juan vai arrimado este nome. Con afecto.

martes, 4 de maio de 2010

FÓRA DE PORTAS: Corrubedo


Non só de noroestes de Noroestes vive este home. Ao contrario, no último ano ven de percorrer a práctica totalidade das comarcas galegas co fin confeso de ter unha información de primeira mao, sen intermediación, sobre a situación real da Natureza na Galizia. Esta fin de semá andei por Corrubedo, polo Parque Natural das lagoas de Carregal e Vixán. Gratamente sorprendido, para máis.
Pesia a soportar un elevadísimo número de visitantes, (a grande duna é un imán irresistible para a turistada), o sistema dunar está intacto: os avisos claros, ben visibles e rotundos de multa de entre 600 e 6000 euros para aquel que se lle ocurra saírse das pasarelas ou os camiños marcados, debe ter influido moi positivamente no bó estado de conservación e rexeneración do areeiro. Nada que ver co lamentable estado do Corrubedo de hai trinta anos que eu lembraba, cos coches pousados ao pé da grande duna, os humanos arrolándose dende o alto dela, os cazadores adestrando os cans polas chairas, as ducias de camiñicos da pé e de rodeiras de coches desfacendo a toneira e deixando a area ao aire...ou as areeiras ilegais, pero non clandestinas, que andaban a extraer area ao compás do capricho de cada quen. Xa digo, nada que ver.
Corrubedo presenta hoxe un aspecto impecable, limpo e con moi bós servizos para os numerosísimos visitantes. Levoume a vida. Algún día cecais tamén a Costá Ártabra pioda presentar unha imaxe moderna, limpa e protectora da natureza que saiba conxugar intelixentemente a defensa medioambiental e o lecer dos cidadáns. Ogallá.

Engado algunhas imaxes de fauna e flora retratadas ao pasar polas beiras dos paseos. Non teñen outro criterio máis que o gusto persoal, e dalgunhas delas, a escaseza das mesmas na nosa bisbarra.

Que aproveiten.

Anagallis arvensis, primulácea da que xa se ten falado neste bló (é a pimpinela escarlata ou aínda mellor a herba da rabia) pero que desta volta presenta unha fermosa cor azulina no canto do vermello rechamante habitual. A falta de foco da imaxe imperdoable.



Natrix natrix. cazando unha Rana perezi. Tíñaia fortemente pillada por unha pata e tiraba dela con todas as ansias. A rá agarrábase a toda canta herba tiña ao seu alcance e... ¡¡¡ chiaba aterrorizada!!! Na miña vida ouvira a voz dunha rá. A natrix non o tiña fácil: se a ceibaba un só instante para ver de atrapala por mellor sitio non a volvía a ver. Quince minutos despóis, de volta polo camiño, a situación seguía igoal.





Cicindella flexuosa este fermoso carábido, gran corredor e bo voador, é moi común polos camiños e pasos aclarados de vexetación dos areeiros de todo o país, por onde anda á captura doutros bechos. Gran depredador. Na nosa bisbarra é asimesmo común.



Anchusa calcárea, labiada propia dos areeiros, moi mala de ver ao noroeste do Noroeste, pero que en Corrubedo contaba con moi boas poboaciós.


Callophrys rubi, a esmeraldiña miña. Velaquí un fermoso licénido verde que nunca puiden fotografar na nosa bisbarra e que tivo a fineza de amosárseme tranquilamente, camiñando nós cara a lagoa de Vixán. Daba voos moi curtos e deixaba achegarse ao ollo da cámara sen medo nen recelo. Unha ledicia ao sol.



Serapias lingua, ao mellor a orquídea máis común do país galego, estaba representada por centos, senón miles, de exemplares en todos os areeiros que visitamos: Corrubedo, Aguieira e Hornanda. Na nosa bisbarra, a costá de Lobadiz o seu mellor acobillo.



Sedum anglicum, engalanando as pandas dos penedos de graíños que conforman a paisaxe rochosa do parque. En moitos deles a presenza do excremento dos coellos. Nun par de ocasiós vimolos fuxir: unha ao meu pé, parvo de min, e outra, a fume de carozo, das bocas feras de tres cadelos ceives, sen dono e sen colar. O fondo das pasarelas de madeira serviulle de salvador abeiro ao coelliño. Sáibase.




Ornithogalum broteroi, de pouco tamaño e cunha úneca folla basal, medrando sobre o chan coreño do lombo dos graíños. Ornithogalum siñifica leite de galiña e fala con humor científico da rareza de poder dar con esta especie, que certamente non é abondosa. Na bisbarra téñoa atopado polo Monte do Forgoselo, tamén unha paisaxe de graíños.


Tuberaria guttata, formando pradas ledas e risoñas por acó e acolá. Emparentada coa Tuberaria globulariifolia, máis rara e escasa, endemismo do cadrante noroccidental ibérico. Ambas as dúas teñen presenza ao noroeste do Noroeste. Corren co fermoso e descritivo nome de loitosiñas, sen dúbidas pola mancha escura do centro da corola.





Cistus salvifolius, a carpaza de toda a vida, coma a anterior da familia das cistáceas (das jaras, en castelá) era sen dúbida a flor máis abondosa nesa hora no Parque Natural. Mil de mil delas había, digo eu. Pódese ver por acó en Valdoviño e Pantín.




Tolpis barbata, unha composta moi atractiva e nesta ocasión horrorosamente retratada. Hai por onde lle chaman, tamén a ela, loitosiña.



Euphydryas aurinia, unha das bolboretas máis comúns, que non vulgares, do país. Foi moi mansiña, ata se me subiu ao dedo.



Rosa canina, a suavidade das cores da agavanza acariñaba con regalo unha silveira. Na Galizia, xa se sabe, cada ribazo un xardín, cada sebe un edén.




Orobanche arenaria, dígoio sen moito aquel, que o xénero das orobanchas, fáiseme complicado. Plantas sen clorofila, e por tanto sen cor verde, parasitizan a outras para apañar os nutrintes necesarios.




Sanguisorba minor, velaí a pimpinela menor ou herba da espinela, moi común por toda a zona da Barbanza. Xa se ten falado neste bló da súa irmá maior, Sanguisorba officinalis, a pimpinela púrpura.






Senecio elegans, unha rechamante flor chegada de Sudáfrica (foco exportador de numerosas especies invasivas e inzadoras), que está presente en grande número no complexo dunar da Plaia da Aguieira. Dinlle naturalizada, e certamente parece compartir espazo, dun xeito educado, respetuoso e non asoballador, coas especies indíxenas. Así fixera todo canto vén de fóra.





Mathiola sinuata. O alelí mariño é escaso por estas terras do noroeste (plantáronse algúns na rexeneración de Morouzos pero malamente prenderon e poucos deben quedar arestora). Mantén afortunadamente poboaciós numerosas e moi estables na zona sur da Galizia.




Vicia sp. alba. O albinismo é un fenómeno moi frecuente no mundo vexetal. Teño unha colección aparte con todas as especies albinas coas que me vou atopando. Esta leguminosa, da Plaia da Hornanda en Noia, vén a aumentala.





Erica umbellata entre os piñeirais que circundan Corrubedo. Matos baixos e cunnha floración mesta e pecha aduviaban fermosamente o monte.




Oxythyrea funesta sobor de Cistus salvifolius. Numerosas funestas andaban polo alto das flores. É a súa hora do ano. Coleóptero moi abondoso, tamén por acolá.




Linaria poligalifolia, supoño, pois con tan contrastadas cores laranxas e rosas nunca as mirara. Por aquestes lares son palidamente marelas.




Silene littorea, para ir rematando que xa debe de ser hora, unha linda flor que medraba en grupiños ben floreados no medio e medio das areas das plaias, na primeira líña de vexetación.
E xa pouco máis. As dúas xoias de Corrubedo, o pernileiro e a Omphalodes gallaecica, non se deixaron ver nen eu llelo pedía. O pernileiro porque os milagres van de Pascuas a Ramos e a omphalodes porque a temos en Ponzos e é unha vella coñecida.
Moitas imaxes quedan no arquivo, e aínda máis na lembranza. Non poderán saír todas. Sirvan estas poucas, que ao mellor fixéronse moitas, para ofrecer a ilusión dixital dun paseo amodo pola extraordinaria riqueza vital dos sistemas dunares do Noroeste Ibérico.
Sirvan para volver a clamar pola urxente protección dos Sistemas Dunares da Costá Ártabra, (de "importancia excepcional" cara a conservación da biodiversidade na opinión do Ministerio de Medio Ambiente), e ao día de hoxe sen un sistema de vixianza e punición que os defenda dos moitos agravios con que a cotío os agreden.
Se aínda andades aí, quedo con vós máis agradecido que nunca.
Apertiñas.