martes, 4 de maio de 2010

FÓRA DE PORTAS: Corrubedo


Non só de noroestes de Noroestes vive este home. Ao contrario, no último ano ven de percorrer a práctica totalidade das comarcas galegas co fin confeso de ter unha información de primeira mao, sen intermediación, sobre a situación real da Natureza na Galizia. Esta fin de semá andei por Corrubedo, polo Parque Natural das lagoas de Carregal e Vixán. Gratamente sorprendido, para máis.
Pesia a soportar un elevadísimo número de visitantes, (a grande duna é un imán irresistible para a turistada), o sistema dunar está intacto: os avisos claros, ben visibles e rotundos de multa de entre 600 e 6000 euros para aquel que se lle ocurra saírse das pasarelas ou os camiños marcados, debe ter influido moi positivamente no bó estado de conservación e rexeneración do areeiro. Nada que ver co lamentable estado do Corrubedo de hai trinta anos que eu lembraba, cos coches pousados ao pé da grande duna, os humanos arrolándose dende o alto dela, os cazadores adestrando os cans polas chairas, as ducias de camiñicos da pé e de rodeiras de coches desfacendo a toneira e deixando a area ao aire...ou as areeiras ilegais, pero non clandestinas, que andaban a extraer area ao compás do capricho de cada quen. Xa digo, nada que ver.
Corrubedo presenta hoxe un aspecto impecable, limpo e con moi bós servizos para os numerosísimos visitantes. Levoume a vida. Algún día cecais tamén a Costá Ártabra pioda presentar unha imaxe moderna, limpa e protectora da natureza que saiba conxugar intelixentemente a defensa medioambiental e o lecer dos cidadáns. Ogallá.

Engado algunhas imaxes de fauna e flora retratadas ao pasar polas beiras dos paseos. Non teñen outro criterio máis que o gusto persoal, e dalgunhas delas, a escaseza das mesmas na nosa bisbarra.

Que aproveiten.

Anagallis arvensis, primulácea da que xa se ten falado neste bló (é a pimpinela escarlata ou aínda mellor a herba da rabia) pero que desta volta presenta unha fermosa cor azulina no canto do vermello rechamante habitual. A falta de foco da imaxe imperdoable.



Natrix natrix. cazando unha Rana perezi. Tíñaia fortemente pillada por unha pata e tiraba dela con todas as ansias. A rá agarrábase a toda canta herba tiña ao seu alcance e... ¡¡¡ chiaba aterrorizada!!! Na miña vida ouvira a voz dunha rá. A natrix non o tiña fácil: se a ceibaba un só instante para ver de atrapala por mellor sitio non a volvía a ver. Quince minutos despóis, de volta polo camiño, a situación seguía igoal.





Cicindella flexuosa este fermoso carábido, gran corredor e bo voador, é moi común polos camiños e pasos aclarados de vexetación dos areeiros de todo o país, por onde anda á captura doutros bechos. Gran depredador. Na nosa bisbarra é asimesmo común.



Anchusa calcárea, labiada propia dos areeiros, moi mala de ver ao noroeste do Noroeste, pero que en Corrubedo contaba con moi boas poboaciós.


Callophrys rubi, a esmeraldiña miña. Velaquí un fermoso licénido verde que nunca puiden fotografar na nosa bisbarra e que tivo a fineza de amosárseme tranquilamente, camiñando nós cara a lagoa de Vixán. Daba voos moi curtos e deixaba achegarse ao ollo da cámara sen medo nen recelo. Unha ledicia ao sol.



Serapias lingua, ao mellor a orquídea máis común do país galego, estaba representada por centos, senón miles, de exemplares en todos os areeiros que visitamos: Corrubedo, Aguieira e Hornanda. Na nosa bisbarra, a costá de Lobadiz o seu mellor acobillo.



Sedum anglicum, engalanando as pandas dos penedos de graíños que conforman a paisaxe rochosa do parque. En moitos deles a presenza do excremento dos coellos. Nun par de ocasiós vimolos fuxir: unha ao meu pé, parvo de min, e outra, a fume de carozo, das bocas feras de tres cadelos ceives, sen dono e sen colar. O fondo das pasarelas de madeira serviulle de salvador abeiro ao coelliño. Sáibase.




Ornithogalum broteroi, de pouco tamaño e cunha úneca folla basal, medrando sobre o chan coreño do lombo dos graíños. Ornithogalum siñifica leite de galiña e fala con humor científico da rareza de poder dar con esta especie, que certamente non é abondosa. Na bisbarra téñoa atopado polo Monte do Forgoselo, tamén unha paisaxe de graíños.


Tuberaria guttata, formando pradas ledas e risoñas por acó e acolá. Emparentada coa Tuberaria globulariifolia, máis rara e escasa, endemismo do cadrante noroccidental ibérico. Ambas as dúas teñen presenza ao noroeste do Noroeste. Corren co fermoso e descritivo nome de loitosiñas, sen dúbidas pola mancha escura do centro da corola.





Cistus salvifolius, a carpaza de toda a vida, coma a anterior da familia das cistáceas (das jaras, en castelá) era sen dúbida a flor máis abondosa nesa hora no Parque Natural. Mil de mil delas había, digo eu. Pódese ver por acó en Valdoviño e Pantín.




Tolpis barbata, unha composta moi atractiva e nesta ocasión horrorosamente retratada. Hai por onde lle chaman, tamén a ela, loitosiña.



Euphydryas aurinia, unha das bolboretas máis comúns, que non vulgares, do país. Foi moi mansiña, ata se me subiu ao dedo.



Rosa canina, a suavidade das cores da agavanza acariñaba con regalo unha silveira. Na Galizia, xa se sabe, cada ribazo un xardín, cada sebe un edén.




Orobanche arenaria, dígoio sen moito aquel, que o xénero das orobanchas, fáiseme complicado. Plantas sen clorofila, e por tanto sen cor verde, parasitizan a outras para apañar os nutrintes necesarios.




Sanguisorba minor, velaí a pimpinela menor ou herba da espinela, moi común por toda a zona da Barbanza. Xa se ten falado neste bló da súa irmá maior, Sanguisorba officinalis, a pimpinela púrpura.






Senecio elegans, unha rechamante flor chegada de Sudáfrica (foco exportador de numerosas especies invasivas e inzadoras), que está presente en grande número no complexo dunar da Plaia da Aguieira. Dinlle naturalizada, e certamente parece compartir espazo, dun xeito educado, respetuoso e non asoballador, coas especies indíxenas. Así fixera todo canto vén de fóra.





Mathiola sinuata. O alelí mariño é escaso por estas terras do noroeste (plantáronse algúns na rexeneración de Morouzos pero malamente prenderon e poucos deben quedar arestora). Mantén afortunadamente poboaciós numerosas e moi estables na zona sur da Galizia.




Vicia sp. alba. O albinismo é un fenómeno moi frecuente no mundo vexetal. Teño unha colección aparte con todas as especies albinas coas que me vou atopando. Esta leguminosa, da Plaia da Hornanda en Noia, vén a aumentala.





Erica umbellata entre os piñeirais que circundan Corrubedo. Matos baixos e cunnha floración mesta e pecha aduviaban fermosamente o monte.




Oxythyrea funesta sobor de Cistus salvifolius. Numerosas funestas andaban polo alto das flores. É a súa hora do ano. Coleóptero moi abondoso, tamén por acolá.




Linaria poligalifolia, supoño, pois con tan contrastadas cores laranxas e rosas nunca as mirara. Por aquestes lares son palidamente marelas.




Silene littorea, para ir rematando que xa debe de ser hora, unha linda flor que medraba en grupiños ben floreados no medio e medio das areas das plaias, na primeira líña de vexetación.
E xa pouco máis. As dúas xoias de Corrubedo, o pernileiro e a Omphalodes gallaecica, non se deixaron ver nen eu llelo pedía. O pernileiro porque os milagres van de Pascuas a Ramos e a omphalodes porque a temos en Ponzos e é unha vella coñecida.
Moitas imaxes quedan no arquivo, e aínda máis na lembranza. Non poderán saír todas. Sirvan estas poucas, que ao mellor fixéronse moitas, para ofrecer a ilusión dixital dun paseo amodo pola extraordinaria riqueza vital dos sistemas dunares do Noroeste Ibérico.
Sirvan para volver a clamar pola urxente protección dos Sistemas Dunares da Costá Ártabra, (de "importancia excepcional" cara a conservación da biodiversidade na opinión do Ministerio de Medio Ambiente), e ao día de hoxe sen un sistema de vixianza e punición que os defenda dos moitos agravios con que a cotío os agreden.
Se aínda andades aí, quedo con vós máis agradecido que nunca.
Apertiñas.





4 comentarios:

  1. Ola,

    A serpe é unha Natrix natrix ou cobra de colar. Un adulto máis concretamente. Fíxate nesa coloración verdosa que ten. Recórdate ben do berrido que botou a rá. A min serviume máis dunha vez para poder ver a unha serpe cazando a unha ra verde. Se o volves a escoitar, achégate e de seguro que verás outra acción de caza como esta.

    Felicitacións polo blog.

    Unha aperta,

    Martiño

    ResponderEliminar
  2. Obrigado Martiño, e unha honra saberte entre os leitores do bló.
    Certamente xogaríame algo a que era unha Natrix natrix, pero coma me ían quedando algunha dúbida(non vía ben as escamas post e pre oculares)preferín subila coma un xenérico, pero agora coa túa coñecedora opinión douna coma firme e vou a precisala na entrada.
    Non perdas as mañas, e de novo benvido ao bló e agradecido polas túas precisións.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  3. Vexo que te empleaches a fondo, noraboa por esta bonita e interesante entrada, saúdos

    ResponderEliminar
  4. Vaia moi a fondo non debeu de ser...fotografei un exemplar de Alyssum loiseleurii e non fun capaz de recoñecelo ata hai unhas horas...subireino, ao mellor alguén da con algún por estes lares...graciñas

    ResponderEliminar