martes, 9 de novembro de 2010

Vagha de mar

Vagha de mar doente. En Cedeira non se falou doutra cousa en todo o día.

Amenceu coas rúa López Cortón e a Praza Roxa cheas de areas, xebras e escumas calladas que non se diloiron en todo o día e a vista da marea daba medo: fervía a ría coa escumada dunha maretada da que había tempo que non se tiña noticia: de feito nunca se mirara a marea entrando por estas rúas.



Un run run de contos e disquedisques ía de boca en boca. ¿Que está a pasar? Cada ano de pouco para acó a natureza parece dar un salto adiante en furor e bravura e cando non son os ventos feros e loucos dunha cicloxénese, ese termo moderno, son as tolemias dunha maretada coma non se mirara.
Desgraciadamente tiven xornada laboral continuada e non dei pillado horas para ir rexistrar a vagha de mar por todas as costás da bisbarra, así é que me teño que conformar cunhas tristes, por malevas, imaxes tiradas despós de xantar, cando a marea subía, e ao remate da xornada laboral, cando xa baixaba.


Ao mediodía fun ao espigón, ese que din que é o culpable de non sei que, e fixen estas tomas do salseirazo remontando por riba. Faltaban dúas horas para a pleamar. Imaxinar.

Cara as seis da tarde, o mar xa se levara definitivamente a súa cota anual de area e deixara de regalo o grande chanzo de cada ano. ¿Volveremos a gastar dous millós de euros? ¿Hai que deixar que o mar traballe como queira e deseñe a plaia dun xeito natural? ¿É a primeira duna dun tamaño e forma natural, ou é un produto de deseño enxeñeiril ? ¿Tivo algunha vez o areal, denantes as intervencións dos enxeñeiros de Costas, unha formación de area tan outa e poderosa? ¿Está xa a cimentación das casas de Cedeira, por baixo da cota máxima das maiores pleamares? ¿Pero, de todo isto ten realmente a culpa o espigón?
Estas preguntas e aínda outras moitas escoitei nas conversas a pé de plaia. O que sei é que ninguén sabía nada en firme, non sendo que, iso si, todo o mundo sabía que, en firme, nunca nada se estudara.





E alí na caída da tarde andábamos todos plaia adiante, enchéndonos de lerias e fotos, mirando e moscándonos: cada vez cremos menos que disto teña a culpa o espigón e empezamos a sospeitar dun culpable diferente: dese no que non cre o primo do primo.
E outros, noviños, felices e despreocupados, aproveitaban a collada e tiraban de paipo. Xuventude divino tesouro.
Non sei eu se non serán os máis sabios.
Agradecido.
A mandare



6 comentarios:

  1. As imaxes impresionan. Só desexar que nunca peor.

    ResponderEliminar
  2. Ogallá, pro non sei eu...ano a ano o tempo parece que quere picar sempre en bravura un pouco cara arriba...cando non son os ventos, son as choivas ou, coma agora, as maretadas, pro sempre ano a ano vai batindo records ...disque os enxeñeiros xa detectaron un incremento real de 2 a 3 cm no nivel da auga do mar, de ser certo é tremendamente preocupante...necesitamos moi boa información rigorosa, seria e urxente.
    Saúdos

    ResponderEliminar
  3. Impresionante documento gráfico, Rafa. Qué forza pode chegar a ter o mar!! E en Cariño aínda petou máis forte aínda (é a segunda vez en poucos anos que un temporal desfai o espigón)
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  4. Boas Xabi...supoño que iso fala da forza do mar, certamente, pero ao mellor tamén da calidade da construcción: neste país, ben se sabe, nunca se sabe...
    As fotos poideron ser ben mellores, eu non quedei nada contento, pero haise que conformar, mágoa me coincidire con xornada completa.
    Saudiñas e moi agradecido por andares por aí.
    UNha aperta.

    ResponderEliminar
  5. Vídevos para Régoa, que aquí non chega a auga. Gracias polas fotos e polos comentarios Rafa, e informe serio e riguroso XA !!!
    Quique

    ResponderEliminar
  6. Olá Quique... pois xa andei o outro día por Regoa... estou contigo: un informe científico serio, riguroso de movimento de ondas e mareas dentro da ría é ABSOLUTAMENTE NECESARIO, non podemos seguir a levantar cada dous anos unha tan enorme coma pouco útil e carísima duna de area, co consiguiente gasto económico e ecolóxico que supón fundándonos tan só en "a min paréceme que" ou " si home si, que cho digo eu"
    Informe serio e rigoroso XA!!
    Biriño Paradiso.
    Apertas para toda a xente da casa.
    A mandare

    ResponderEliminar