domingo, 28 de novembro de 2010

A primeira felepada

Chegou cedo este ano a neve. As abreguías do inverno, a primeira frieira do ano, meteron xa unha grande felepada. Iamos de Cedeira camiño á Ría de Ortigueira, por ver de adicar a mañá do domingo a mirar currunchos da ribeira, sen maior pretensión que folgar e desfrutar da natureza.
É o domingo día 28 de novembro e a mañá vai refriada e pola banda da Capelada preta, moi preta, vén anunciando unha prósima coriscada. En Cedeira está a saraibar. Por San Román cae xa auganeve. Chegándose á Carballa xa felepa de firme e subindo ao Campo do Hospital xa andan os campos branqueados.

A carretera vai cuberta de neve e a felepada vense vindo a máis. Felepa con forza, con felepas grosas que se estampan e escachan no parabrisas do coche. Estamos abraiados. Non agardábamos unha nevarada tan intensa e continuada, que parece non querer parar, e vai aos poucos espesándose.


Collemos todas as precauciós imaxinables e imos indo amodo, desfrutando da impensada novidade. Asegún pasan os minutos felepa con máis forza cada vez, e imaxinamos que na Capelada e na Herbeira a neve estará callada e o Caxado feito un manto branco.



Paramos a facer reserva de combustible e a fotografar a felepada sobre o Val do Mera e a ponte do tren. Un espectáculo.

En Mera de Abaixo, paramos para tomar un cafeiño quente e ademirar os cumes da Capelada xa esbrancuxados.

Na entrada do bar, nas lousas, atopamos un escarabello extraordinario e non moi doado de ver: un Typhaeus typhoeus macho, medio conxelado. Tirámoslle fotos e poñémolo ao abrigo, baixo unhas plantas e na terra.
Polo carrizal navegan seguros e confiados os alavancos e os asubións. A Ría de Ortigueira está xa a ferver de paxarada na invernía: unha regalía para a ollada.

Pasamos por San Claudio e tiramos rexistros dos cumes felepados...
.... e dos paseos confiados da parrulada, que desfrutan da Ría máis ca nós.

E tomamos a decisión de subir ao Caxado e aproveitar a ocasión de pasar un día na neve, gozando da oportunidade, imprevista e impensada, dunha nevarada callada.
As imaxes que seguen, máis ca unha reportaxe naturalista da felepada de máis cedo que servidor recorda (¿outra novidade climática?), son un exercicio de control da emoción: pasei a mañá coma un meniño con zapatos novos, brincando de acó para aló, tirando fotos coma un toliño, sen moito control dos axustes e deixándome levar pola ledicia do inesperado galano dun fermoso día de neve...e sol.










Si, de sol. Que logo da grande e extraordiaria felepada que visteu a Serra Faladoira de albo, veu a luz clara e limpísima do sol do inverno a encher todo de azul e color, e non nos deixou en todo o día.
Extraordinario noroeste do Noroeste, tamén se de clima falamos.
As Grañas do Sor, onde percuramos, e atopamos, noticias de Toribio recibiunos cunha festa de ledicia soleada e neve derretida.


E así pasamos as horas dos días dos domingos, consagrandoios á Señora Natureza.
E pouco a pouco, arrolando a canda os minutos, fomos baixando de novo á ribeira da marea, para coller o ultimo soliño do día e botar unha parrafada cos paxariños do mare. Cousas nosas.
E ata outra e mellor ocasión, miñas e meus. Coidarvos das abreguías, que chegaron con intención de quedarse, me parece. Non vos refriedes. Que as hostes afogantes do catarro e a gripallada non fagan morada en vós.
Obrigado.
A mandare.


Ningún comentario:

Publicar un comentario