XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

luns, 13 de decembro de 2010

O Picapeixe limpa o río.

" O Picapeixe", a asociación de Mais e Pais do Colexio Público Nicolás del Río, participa este ano no Programa Voz Natura, co proxecto "Auga sinxela", que pretende, aparte dar a coñecer a comunidade educativa participante os valores medio ambientais do Río Condomiñas, limpar as súas beiras e canle da morea inxente de barredura que ten acumulada, mor da desidia e a nula educación medioambiental imperante.
Ambiciosamente, como se non, queren mes a mes ir retirando os residuos acumulados ate chegar mesmo as fontes de nacimento do río, no corazón da Serra da Capelada. Así paso a paso, queren coñecer e dar a coñecer aos seus fillos e fillas a realidade en directo da xeografía do noroeste do Noroeste, tan maltratada polas xeraciós que somos e coa esperanza dun mellor aprezo polas que han vir.

Xúntanse un sábado de cada mes e en cuadrilla ilusionada de pacíficos guerrilleiros medioambientais dannos a todos unha lección de ecoloxísmo coa mellor didáctica inventada nunca: aquela que sabe que o mellor predicador de todos e Frei Exemplo. Obrigado, por tanto, con vós, cativos e cativas, mais e pais, avos e avoas da ANPA O Picapeixe.


Recolleron o primeiro día máis de douscentos kilos, que se di decamiño, de mougada dos arredores do malpocado e maltratado río, que a partir de tal xa non estarán lixugando e contaminando o mundo. Non sei cantos kilos recollerían este outro sábado en que poiden acompañalos un treito. Outros tantos ou máis, de seguro.

Sendo certo ca unha imaxe pode valer por máis de mil palabras, non direi máis e deixareivos cunhas poucas fotos do quefacer ilusionante destes cidadáns exemplares que non agardan a que lles melloren o mundo, iso sabeno facer moi ben eles, só esperan que non llelo esnaquicen.
Velaí van os santos. Desfrutádeos.

Estou seguro que a sensibilidade natural dos lectores deste bló saberan apreciar e agradecer o esforzo que dende a comunidade educativa regalan estes heroes exemplares, anónimos e silandeiros. Para que o seu traballo leve, na medida do posible, o relanzo que lle poida dar esta páxina é para o que os traigo ate acó: para agradecerlles publicamente o seu exemplo e traballo e confesarlles que así, gracias a eles, hai días que vexo aos humanos, humanos.
A todos vos, meus queridos amigos, un servidor e o Río Condomiñas, danvos de gracias, mil de mil, un millón.
Saudiñas miñas e meus.
A mandare.


2 comentarios:

  1. Ola,
    Xa no teu bló tivemos ocasión de ver o espléndido traballo da A.N.P.A. O Picapeixe na eliminación do carpobrotus da praia de Cedeira.
    Agora, de novo, un grupo de persoas adultas comparten coas súas fillas e fillos a tarefa de coidar e limpar a terra na que medran.
    Aplausos e admiración merecen.
    Saúdos.

    ResponderEliminar
  2. Obrigado no nome de todos eles.
    Parece ser que ao igoal que o ano pasado está callando o exemplo: xa TRAGSA vai detrás facendo o mesmo.
    É o que ten ir devanceiro, que logo os demáis van derradeiros.
    Saudiñas, non perdas as mañas.

    ResponderEliminar