sábado, 11 de decembro de 2010

Pitos da neve na herba

Na herba dos campos de San Claudio, nas ribeiras da Ría de Ortigueira, onde uns poucos se quedaron a cazar miñocas e bichería logo de arribaren as bandadas que se acompasan coas chegadas da neve.

Unha ilusión anual, recendendo a lembranzas da infancia, a de podere ver as fermosas Vanellus vanellus cada ano coincidindo, ou avisando, coa chegada dos días frieiros e brancos da invernía.

Sen outro armamento ca uns prismáticos e unha cámara dou en ir "de caza" para desfrutar da contemplación de tan fermosos paxariños e se a mao lle cadra poder facerlles unhas fotos que recheen os meus arquivos e ao mellor sirvan de santo para este bló.

Dei este ano cun pequeno grupiño deles que andaban a se manter a canda unhas papoias, Larus ridibundus, uns estorniños e dúas corvexas, Corvus corone, nunhas campeiras da parroquia de San Claudio, non lonxe da marea, e nun doce e tépedo serán de sol e calma que desfrutábamos todos ben merecidamente, logo de tanta auga, neve e vento como caeron neste mes. Vaia polas ánimas.


Por alí andaban fornecéndose de proteínas e rifando de cando en vez coas gaivotiñas. O campo parecía andar ben guarnido de bichería pois a uns e outras mirábaselles peteirar de seguido e eran numerosas as veces que aparecían bicadas exitosas.

Pasei un entretido e pracenteiro pedazo de serán ollando para o ir e vir gastronómico dos pitos entre as herbas vizosas da campeira. E alí pasaría as poucas horas que neste tempo ten a tarde se non fose que marchei a contemplar a parrulada toda que xa anda a encher a ría. O grande espectáculo anual do noroeste do Noroeste: o intermareal do Río Mera, fervendo de vida na invernía.
Entre lusco e fusco pasei de novo por San Claudio e os pitos da neve seguían pacendo entre as herbas. Que sexa por moitos anos.


Sempre co seu gracioso pincel de plumas no alto da cabeza, o que lles dá un aire exótico e atractivo, altaneiro e galloufeiro que desminten cunha ollada tímida e desconfiada, especializada en escrutar o horizonte na rebusca do escopeteiro matarife, que xa nen sequera se avergoña de esconderse á traizón no fondo escuro dun coche.


Aproveitan esta arribada anual dos confiados pitos unha cruel confraría de cazadores humanos, legais e furtivos (ensináronme fotos), para facer puntería a distancias curtas sobre obxectivos inmóveis e darlle gusto os seus instintos vivicidas, asasinando e devorando a estas fermosas xentes, seres ceibes e salvaxes, espíritos divagantes e non burocráticos, incrédulos en fronteiras e estados, os últimos representantes dun mundo libre. Ao mellor por iso os escopetean.
Confiaremos en que dalgún modo misterioso a especie humana vaia acadando a sabeduría natural necesaria para poder asumir o dereito inalienable á vida que teñen todos os seres vivos, e ogallá os diminutos humanos, esa especie ensoberbecida, atopen a maneira de deter a terrible destrución de biodiversidade que están a provocar: a máis acelerada e terrible extinción de especies que contemplaron as eras terrenais.
A este bló gustaríalle formar parte, coma unha outra area que arrola na marea do tempo, desa plaia luminosa e sabia que, sinto, anda lentamente a conformarse no corazón dos humanos e na que espera acobillarse a vida para poder sobrevivir á recachada soberbia, conformadora do pecado orixinal do Homo sapiens, cecais ignorens se realmente soubera.
Moi agradecido, miñas donas, meus señores.
Ata outra mellorada.
A mandare.



Despós de data: revisando as imaxes do día caín na conta de que na primeira foto, na que relean polo aire dúas gaivotas, unha delas, a de alas máis anchotas e escuras é, parécemo, unha Larus canus e non unha Larus ridibundus. Non sería así papoia, senon unha canosa. Mágoa non me apercibire no instante de facer as fotos, (só tiña olliños para os lindos pitos), pois faríalle unha sesión de fotos particular, que ben o merecía.

2 comentarios:

  1. Ola Rafael,
    Só agradecer a divulgación da riqueza biolóxica do noroeste, o grande, e o seu papel como acubillo temporal de multitude de especies. Realidade que persoas coma min coñecemos grazas á túa e outras iniciativas semellantes.
    Na miña opinión, se coñecer é o primeiro paso para protexer, traballos coma o teu son fundamentais.
    Saúdos.

    ResponderEliminar
  2. Olá... agradecido e obrigado quedo eu con vós ao saber que máis alá das teclas do portátil hai xente na que estas verbas e imaxes, ao mellor, deixan pouso...un non se sinte tan só.
    A mandare.

    ResponderEliminar