sábado, 18 de decembro de 2010

...SOS...MARMEAS DO RODO...SOS...



O 3 de abril pasado, zoupábamos ao espazo bital (de bites, non de vidas, que tamén) unha chamada de alerta (http://costaartabra.blogspot.com/2010/04/sos-marmeas-do-rodosos.html) sobor da situación dramática que andaba a sofrir a colonia de Corema album (marmeas ou camariñas) ao estar sendo sepultada pola destemida medra da Smilax aspera (silva do mar ou silvamar) que se favoreceu artificialmente pola construción da pista que fende o Sistema Dunar, os marouzós, de banda a banda.

Advertíamos da situación dramática que andaban a sofrir a grande maioría das matogueiras de marmea, a piques moitas delas de desaparecer, en casos temiámonos algunhas xa afogadas, e tan só un reducido número de catro andaban daquela ceibes do apretuxamento da silva do mar.


Levo indo persoalmente a visitar a colonia de marmeas cunha certa regularidade dende hai tres anos. Informara xa o "Ao noroeste do Noroeste" da súa presenza e valor nunha entrada (http://costaartabra.blogspot.com/2009/02/camarinas-marmelas-de-pantin.html), o día 9 de febreiro do 2009, case dous anos van. Xa que logo penso estar en condiciós de poder acreditar que de seguir o ritmo expansivo que a silva do mar anda a presentar, nos prósimos tres anos pode desaparecer a metade das matogueiras de Corema, quedar a outra metade en situación crítica e encetar a seren inzados os pés que até o de agora andan libres da praga, que como tal hai que considerar o desmadre artificioso da Smilax aspera.

Afortunadamente hai una raio de esperanza. A mensaxe de socorro lanzada dende este bló non se perdeu no infindo espazo enredado e baleiro da internete. Un lector do bló, un deses que son o arruallo de calquera, Miguel Serrano, membro do departamento de Botánica da Facultade de Farmacia de Santiago de Compostela, investigador que pesia a súa xuventude ten xa un importante curriculum de logros e achádegos, deu en recoller o SOS que lanzáramos e fixo as xestiós pertinentes perante dos organismos oficiais.



Solicitouse dende esas instancias da Xunta, presididas por Suso Santamarina, e para poderen actuar, un pequeno informe da situación. A 15 de decembro do 2010 presentouse no departamento conseguinte unha "Solicitude de intervención medioambiental na Plaia do Rodo, parroquia de Santiago de Pantín, Concello de Valdoviño" con motivo de "ameaza á conservación da poboación de camariñas". Nela temos postas fundadas esperanzas de conseguir unha actuación oficial eficiente e rigorosa, que conceda oportunidades de futuro á valiosa colonia de marmeas da Plaia do Rodo.


A solicitude, aparte de Miguel Serrano, vai avalada coa sinatura de tres dos máis importantes botánicos da Galizia: Roi Carbajal, Santiago Ortiz e Juan Rodríguez Oubiña. Aí é nada. O noroeste de Noroeste estará en débeda sempre con eles. Non en balde dannos a coñecer, describíndoas por vez primeira, entre outras á Centaurea borjae e á Crepis novoana. Que tan eminentes coma prestixiosos botánicos, de campo e laboratorio, cimeiras da investigación galega, defendan coa súa presenza esta solicitude debería de facer reflexionar e actuar as autoridades medioambientais.



No capítulo de antecedentes da solicitude aclárase que Corema album (a marmea, a camariña), é unha especie botánica con pouca presenza na Galizia, territorio onde acada, precisamente no Rodo, o seu límite norte de distribución natural.


Asimesmo dise que se ten constatado historicamente unha progresiva regresión e diminución dos números de exemplares da de por si coreña poboación galega.

Obsérvase que se certamente non está incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007) si figura entre as especies de interese relacionadas sempre dentro dos espazos protexidos galegos, e que como tal a considera a mesma Xunta de Galicia nas súas propias publicacións.


Lémbrase que a comunidade vexetal que conforma Corema album está tipificada polo Ministerio de Medio Ambiente como Hábitat de Interese Comunitario no anexo I da directiva 92/43 da Comunidade Económica Europea.

Déixase anotado tamén que o IPCC (Panel Intergubernamental para a Mudanza Climática) recomenda ás administraciós competentes que extremen as precauciós sobre as poboaciós finícolas de especies importantes cara a conservación da biodiversidade, caso das marmeas do Rodo, que, díxose, son o límite norte mundial de distribución natural.

E finalmente recórdase que a poboación de Corema album do Rodo é actualmente moi cativa, non máis de 20 exemplares; que se ten constatado a diminución do número de exemplares e que a actual poboación está a sofrir nos últimos anos a seria e agresiva ameaza da Smylax aspera.

Relátase tamén como a apertura da pista que fende o marouzón de banda a banda, modificou as condiciós microclimáticas, establecendo unha protección que mitiga a influenza do vento avrego e provocou a devexetación, compactación e nitrificación das zonas colindantes o que lle ofreceu á silva do mar a posibilidade de actuare como especie oportunista, acadando un crecemento desmesurado que deu en formar sebes e silveirós cobrindo e afogando ás especies circundantes.

Exponse o feito incuestionable de que entre as poboaciós máis afectadas está a de Corema album, da que só 4 exemplares están libres da silva do mar; que a grande maioría presenta un alto grao de afección e que moitos outros están practicamente afogados, incapacitados para un crecemento vexetativo normal e amosando tan só uns poucos e desmedrados gromos.


É por todo canto vai exposto, polo que os asinantes da solicitude requiren ao Servizo de Conservación da Biodiversidade, dependente da Consellaría de Servizo Rural da Xunta de Galicia unha actuación urxente sobre as poboaciós de camariñas da Plaia do Rodo.

Expoñendo finalmente a opinión de que tal actuación debería incluir unha poda urxente e coidadosa das sebes de Smylax aspera alí onde estea a afectar as matogueiras de marmeas. ( E, amplío eu, como se pode apreciar nas imaxes, tamén as de Ossiris alba)
Que debería de facer un seguimento continuado da evolución das poboacións, sexa para certificar a persistencia do problema ou a súa erradicación definitiva.

Que se debería restrinxir o paso das persoas por entre as matogueiras de camariña, co obxectivo de evitar a compactación do solo e a alteración do hábitat. (Engado eu que ao mellor para evitar o roubo: teño documentado graficamente a desaparición dun pequeno pé de Corema album).

Que sería conveniente a instalación de paneis informativos que socializasen e fixesen comprensible a importancia ecolóxia das marmeas do Rodo e do seu Sistema Dunar, tanto per se, canto por seren o límite setentional de distribución mundial de Corema album.

E finalmente que se avalíe a medio prazo a capacidade da especie para manter a súa capacidade competitiva e a viabilidade das súas poboaciós, tomando as medidas oportunas que garantan a súa pervivencia, e aínda a súa capacidade de aumentar efectivos.
Velaivén un raio de esperanza, xa dixen, para as marmeas do Rodo. Agardemos agora que do sentido ecolóxico da administración actual (que xa ten demostrado o seu acerto na Costa Ártabra erradicando o carpobrotus e pelexando duramente coa cortaderia) saia a decisión, que sería sabia, de protexer as camariñas do Rodo.

Teño para min que coa simple análise visual en directo da situación no Rodo de calquera das autoridades responsables, aínda máis que coa solicitude de actuación, moveríanse as conciencias políticas necesarias coa celeridade que o caso require.
De non poder ser, aí quedan esta xeira de imaxes tomadas neste presente mes de decembro. Agardo que poidan ser suficientemente explícitas, pesia ao pouco talento do autor.
E queda a cousa acó.
Mil gracias mil a todos, pro moi especialmente aos eminentes profesores e investigadores do Departamento de Botánica de Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela, Roi Carbajal, Santiago Ortiz, Juan Rodríguez Oubiña e moi especialmente a Miguel Serrano, de quen naceu esta iniciativa protectora e garimosa para as marmeas do Rodo que devén en ser un raio de esperanza, portador da raiola de luz necesaria para vivificar as esmorrentes camariñas de Pantín.
Non teño dúbidas que así ha de ser.
A mandare.

4 comentarios:

  1. Olá Rafa:

    Acertas de novo con esta entrada do blog, aínda máis por ser esta unha denuncia en forma. Como xa sabes eu puxen en coñecemento da SGHN de Ferrol este asunto, sen que, ao parecer, se lle dera demasiada importancia. Pode que fora culpa da falta de tempo ou de material humano para levar adiante tanto traballo ambiental como se fai necesario. Sempre dixen que faltan persoas que queiran adicar o seu tempo á defensa do medio ambiente.
    Por outra banda agradézoche en nome de Verdegaia (co permiso dos/as compañeiros/as) que te encargaras deste asunto.
    Respecto do que falas de que sería necesario cunha ollada in situ das autoridades responsables (irresponsables sería máis axeitado neste caso), a min dame a risa xa que, de non haber fotógrafos polo medio, dubido que calquera apoltronado deses que ti falas se digne a mover o cu para vir a este rincón indómito a ver catro "matoxos". Espero que alomenos se dignen a mover a man para asinar unha orde que permita salvar estes heroicos matos de Corema album, duros resistentes á adversidade de todo tipo (probas internacionais de Surf incluídas).
    Agardo que esta vez, indo a denuncia asinada por profesores de Universidade, fagan máis caso que ás denuncias que presentan a cotío as asociacións ecoloxistas deste país galaico, ninguneadas e desprezadas outras tantas veces polas administracións oportunistas pendentes só da repercusión mediática e do voto cativo.

    Unha aperta,

    Miguel A. Fernández (socio de Verdegaia e SGHN, e amigo per sempre).

    ResponderEliminar
  2. Olá Rafael,

    Magnífico documento. Esperemos que desta volta a cousa funcione. Estou certo que todo este esforço vai ter consequências positivas.
    O único com o que não estou dacordo é coas excesívissimas louvaças am minha ínfima pessoa. :-)
    Uma aperta

    ResponderEliminar
  3. Moi obrigado con ambos os dous polas vosas garimosas palabras e por tantas outras cousas das que vos son debedor. Imos ver se entre todos podemos facer entrar en razón e coñecemento as autoridades responsables.Eu estou esperanzado.
    Saudos e unha forte aperta para ambos.

    ResponderEliminar
  4. Esta é unha contesta a SANT, que me preguntou cómo acabou o conto, e aínda que premeir na publicación, paréceme a súa breve pregunta non aparece...pois acabou sen resposta positiva por parte das autoridades, vaia dixeron que non había presuposto...cousas da antecrise, xa choveu...na hora tristemente as camariñas, perdón marmeas, andan a seguir esmorrendo.
    Pensamos ne facer algo pola vía particular pro os trafegos particulares de cada quen ate o de agora impedírono.
    Non perdemos a espranza.

    ResponderEliminar