sábado, 27 de febreiro de 2010

Angelica pachycarpa

Seguramente esta chamativa e portentosa umbelífera será moi coñecida de moitos, cando menos dun xeito visual. Seguramente máis dunha vez a súa apostura descarada chamou da nosa atención andando polo monte. Seguramente poucos saberán que estamos diante dun endemismo das costás do noroeste da Península Ibérica; e precisamente nestes eidos nosos do noroeste do Noroeste, este rechamante herbaxón posúe algunhas das mellores e máis cumpridas poboaciós mundiais.
As estremas das súas colonias acadan polo leste as costás cántabras e polo sur as Illas Berlengas, xa enfronte da capital lisboeta. O seu hábitat preferido son os cantís e territorios prósimos á beiramar, rareando en canto nos imos metendo terra adentro.

Herbas de namorar (Armeria maritima). pirixel do mar (Crhitmun maritimun), toxo (Ulex europaea) ou asubiotes (Silene sp.) comparten habitualmente coa pachicarpa os currunchos de chan ácido e salseirado onde se crían.
Pódese ver xa, nalgúns exemplares, a floración a mediados do mes de abril e nalgúns outros no medio e medio do vrao. É especie fácil de recoñecer, xa sexa polo aspecto lustrado, coma se lle desen cera, das follas verdes brilantes canto pola grande e orixinal flor, que sempre chama a atención.


Perennne, e de rizoma poderoso, pode acadar máis dun metro de outo, chegando en casos as súas follas basais aos 45 cm: un espectáculo botánico á vista de todo o mundo. Na Punta de Marnela dáse coma a grama e medra vizosa mesmo ao pé da pista que vai pola costá ate Valdoviño.

Non tardarán en verse xa os talos floríferos da pachicarpa soerguerse do mesto verdor das follas. No mes de abril andarán xa uns poucos en flor. Ogallá esta coreña entrada, que neste punto vai rematando, vos dese a recoñecer esta especie, á forza moi vista, e ao mellor deixamos de vela coma un outro herbaxón digno de ser agadañado (... e non será a cicuta?) e vemos nela un espectacular emblema do cabedal botánico da nosa bisbarra.
Ogallá.
Agradecido.

Nota marxinal: a "tormenta perfecta" é aquela que se anuncia e non aparece. A ver se hai sorte.

sábado, 20 de febreiro de 2010

Cripse: A arte da ocultación.


Coñécese polo nome de cripse (do grego kryptos, o oculto; daí criptografía, críptico e a palabra galega cris: eclipse, ocultación dun astro...un cris de sol) ao fenómeno, tan extendido no mundo natural, de presentar adaptaciós para conquerir pasar desapercibido na paisaxe. De feito a maoría dos animais, dun xeito ou doutro, presentan capacidades crípticas adaptadas ao medio que frecuentan.
Sería o contrario do aposematismo, que busca chamar a atención dos outros, avisando sobre as propias condiciós velenosas, perigosas ou noxentas. É o que fai esta scaeva, que para máis practica o mimetismo batesiano, ao se disfrazar de avéspora sendo unha inofensiva e fermosa mosca.
Cripse é a capacidade dun ser vivo de confundirse co entorno para pasar oculto. Mimetismo é o fenómeno de imitar ou copiar as formas doutro ser vivo. Cripse e mimetismo aparecen frecuentemente xuntos. Este é o caso da femia da limoeira, con forma de folla e cores verdellos que a fan invisible no fondo de herbas e follas onde se garda.

Caso aparte é o comportamneto das orquidáceas do xénero ophrys que máis alá de simular unha vaga forma de abella, "piratea" as feromonas, aromas sexuais, de certos himenópteros emitindo sustancias químicas similares para confundir aos machos que se pousan libidinosos no labro da orquídea e ao cabo do tempo marchan cargados de pole, para fecundar, non á femia que pensaban, senon a prósima ophrys engadante.
Permitídeme agora que vos presente algúns casos de xentiña da nosa terra, o noroeste do Noroeste, encriptados na paisaxe.
O primeiro esta Ledra aurita, o cigarrón orelludo, un interesantísimo heteróptero moi raro de ver, tanto por escaso canto pola facilidade coa que se confunde coas polas dos salgueiros ou os seus carrabouxos.


Nesta outra imaxe, unha ninfa de besbello, imposible para min saber de que especie, confúndese co fondo areento do sistema dunar de Vilarrube. Axúdase para máis co decorado adovío de numerosas areeiñas que leva pegadas ao lombo.

Poda ser ninfa de Oedaleus decorus, un fermosísimo besbello que adoita encriptarse a perfección ora na fase xuvenil, de cores máis pardos (ao que tal para non se deixar ver entre as herbas murchas), ora de adulto, rechamante de cor, mergullado entre as cores das abondosas calistegias das areas.


Os fásmidos e mantoideos son ben coñecidos de todos os naturalistas pola súa capacidade para non ser detectados. Quedan acó esta Clonopsis gallica, (a palla de toda á vida), e unha Mantis religiosa, (barbantesa, carballesa, parraguesa, cuacha, ruan, galbana ou aínda pataguesa: se non falamos galego non será por faltaren nomes) que nesta xeira non se ve ben camuflada, pero amosa o borrón branco sobre fondo negro na axila, que adoita enseñar aberto cando se ve en perigo para amedrentar, un en cada pata, con dous enormes ollos simulados. Un outro mimetismo.




Esta común escudiña, Palomena prasina, pasea confiada pola folla dunha hortensia, sabedora de que será difícil que o ollo dun páxaro, ou quen sexa, dea con ela.



Encríptase perfectamente co chan de caruma esta Autographa gramma, pasando ignota se a ollada non anda atenta.



O mesmo que este xeométrido, Scoptoterix luridata, que sabe perfectamente onde debe pousarse cando escapa dun posible inimigo, que neste caso eramos eu e a miña cámara.

Confiadas e seguras, inasequibles a observación, están tamén estas rás das pozas, Rana perezi, na flor da auga maina dun rego, asomando a súa cabeciña curiosa entre as diminutas follas das Lemma minor.

Ao sol, escaqueada entre as cores quentes do areeiro do Rodo, anda esta Motacilla flava, laverca por Cedeira, costureira en Mondoñedo, labradora en Candia, páxaro da neve en algures e lavandeiras no que queda.

E cantas perdises andan acobilladas nesta imaxe?


E xa para ir rematando quedades con cinco santos nos que en cada un deles hai encriptado un animal. O voso traballo, se queredes aceptalo, consistirá en descubrir quen é quen dentro de cada imaxe. De seguro será un bó entrenamento para o 3º Ollar de Seoane que, amenazo, anda a caer. Espero que o pasedes ben. (Se premedes na foto ampliarase en fiestra emerxente; unha axudiña.)






E aquí resta todo por hoxe.

Ogallá poiderades pasar un tempo entretenido no que poidesen quedar encriptados os diarios afogos do vivir.

A mandar, totus meus, agradecido.


Dous achegos para ampliar ideas. Sinxelos e suxerentes. Que aproveiten
http://www.nationalgeographic.com.es/2009/09/28/arte_del_engano.html?_part=2

http://es.wikipedia.org/wiki/Mimetismo

Despós de data: ao parecer as imaxes non se abren en ventá emerxente. Non entendo as razós. Van subidas a suficiente resolución. O caso é que unhas veces amplianse e outras non. Se alguén sabe como arranxar este problema prego que me achegue unha solución. Agradecido e mil desculpas.


Despós de data: Touporroutou. Xa que non dou arranxado a magnificación das imaxes ofrezo uns recortes ampliados de cada, para testimoniar a presenza, en orde cfrecente de dificultade de cada un dos persoeiros.

O primeiro, e o único doado de ver na ilustración, era este Oedipoda germanica, o besbelliño das alas azuis.



Esta Hiparchia alcione é unha mestra na confusión coas ouricelas das serpentinas.

Esta pildoriña, Calidris alpina, andaba furicando polos limos do esteiro do Río das Ferrerías.


Realmente complicado diferenciar a este peto verdeal, Picus viridis, das polas do salgueiro onde disimulaba o seu estar.


E certamente imposible, sen a axeitada ampliación da imaxe, desencriptar a este picapeixe, Alcedo atthis, de entre as polas dos tarais da ribeira do Río Condomiñas.


Eche o que hai. A máis ver.

domingo, 14 de febreiro de 2010

Ensalada fría

Ano de neves, de friaxes, de xeadas e de agaceiros. Andaban estas imaxes -do mes de xaneiro, que xa vai aló- escondidas entre os archivos e pensei que xa non as poñería no bló. Pero tornaron os fríos felepeiros de febreiro e maxinei que poderían ter unha entrada para lembrarnos de que tamén ao nororeste do Noroeste chegan as neves.
Estas son imaxes da Serra Faladoira, nos altos de Grañas do Sor e nas proximidades do Monte Caxado, (outo arruallo da bisbarra, máxima elevación da Provincia da Coruña). Están tomadas días despois da grande felepada, cando xa podía andar polas pistas sen maior risco de quedar chantado na neve.

Víanse aínda numerosos grupos de humanos facendo risas á conta de caerse sen trécola pola neve adiante, esbarando con paipos ou simples sacos de plástico, creando unha nova diversión anual nos altos do Monte Caxado: xogar coa neve, ir á neve a se divertir. O nunca visto.


Na hora, cando chegan os días da neve, os altos da Faladoira e da Capelada, son un ferveferve de humanos, en grupos xeralmente familiares ou de amigos, que aproveitan as novas vías de comunicación (esa carretera nova e boa que vai de Ortigueira ate As Pontes) e os modernos vehículos todotarreo, para achegarse sen medo maior os cumes felepados e brancos da Serra.

E alí xogan e rinse, aproveitan a oportunidade para darlles a coñecer a neve aos fillos e á parentela miúda, e poucos son os que non fan un bonequiño ou unha grande bóla. É a moderna diversión invernal ao noroeste do Noroeste: cada día son máis os que devecen por ver chegar a neve.


Conxeadas debían de andar, aínda que o disimulaban moi ben, estas gavitas polas plaias da Concha en Cariño, indo e vindo pola liña da marea, traballando sen folgar na percura da bichería nosa de cada día.


No Cubilote do areal do esteiro do Río das Mestas, gardábase do frío unha boa bandada de parrulos, alavancos maiormente e algunha chíscala maior, abeirados do norde, ofrecendo o peito ás mornas raiolas do sol invernal.



Nas areas dos Sistemas dunares, a diminuta e fermosísima Centaurium ochlodes, é unha das raras plantas que deixan ver a súa floración en pleno inverno. Especie escasa e de distribución mundial moi restrinxida ten nos nosos areeiros un dos mellores acobillos. Unha chufa.



A bandada de choias (córvidos non moi coñecidos polo público, coas patas e o peteiro dun fermosísimo cor de brasa encendida), que de cotío anda pola Punta do Faro de Meirás e que pace polos marouzós da Frouseira dá sempre ocasiós de ledicia, en sentindo a súa presencia, mais que sexa choiando polos aires ou ao poder botarlles un ollo, máis que sexa ao pasar.



A Señora Manuela (ao mellor o Señor Manuel, que non sei eu) anda coma todos os invernos repousando mansamente no seu curruncho favorito, nas herbeiras do Río Condomiñas, acompañada polo reimartín e o paso silandeiro da londra; tesouros que o río de Cedeira garda a plena luz dos ollos de quen polo día queira ir miralos. Un tesouro natural cedeirés, ao que os cedeireses miran con indiferencia ou iñorancia. Mágoa.




Este Melasoma populii, diría eu, un crisomélido espectacular de cor, deixouse ver en plenas friaxes xaneiras polas beiras do carrizal do Rodo na parroquia de Pantín. Non era a primeira vez que en pleno inverno miraba a esta especie. Un dos escasísismos coleópteros que se deixan ver no corazón das xeadas.

Smilax áspera, (bigorda ou silvamar en galego, zarzaparrilla en castelá) é unha especie de distribución escasa en Galizia, exclusiva dos areeiros do norde. No areal do Rodo anda a estenderse a unha grande velocidade, sendo arbusto presenta pólas gabeadoras e dun rápido crecemento que andan asoballando e afogando a toda a vexetación circundante: as marmeas, as valiosas camariñas do Rodo, límite mundial norde de distribución, andan a ser afogadas por ela.
Os Tolostoma brumale, penso, asoman a súa diminuta cabeciña furada por entre o suave e molido cobertor de brión dos sistemas dunares. Aparecen en todos eles. Para se decatar da súa presencia só hai que mirar onde se poñen os pés.
E no Esteiro do Puntal pasou unha boa tempada o ciño canoro, sempre unha rareza a nivel ibérico, do que xa falamos neste bló e que pasaba o tempo no Lago de Lanzós. Coincidindo coas insoportables obras anuais de desecado, que algún día conseguirán enxoitalo de ves, colleu rumo norde e veuse para a Ría de Cedeira.

No esteiro do Río das Mestas pasou máis dun mes regalándose coas moles herbas e raiceiras do fondo e repousando tranquilo nas areas folosas das beiras do río. Un placer para os ollos que se poido degustar mais que fose de lonxe, denantes marcharse, saberá quen para onde.

E desta volta nada máis. Escusándome por esta refriada ensalada de fotos que xa un mes de distancia fan resesas e agardando que non por iso se vos conxele a ollada ímos deixando xear que volve a nós o reino das horas frías e vai sendo hora de irse ao abrigo tépedo dos acobillos quentes.
Bó Antroido para todos e que as fríaxes febreiras desta ensalada en frío non vos fagan perder as mañas de visitar este o voso bló
Apertiñas, miñas e meus.
Agradecido.