luns, 22 de marzo de 2010

Retallos dun santo

Permitídeme que atenda a pedicha dunha cativa, esculcadora habitual do bló, e amose uns recortes da iluminación da testeira, coa intención de darlle, e darvos, conta ao detalle das xentiñas que andan remexidas nela, coma sempre ao pilón que grande é bon, sen outro criterio que amosar en compaña a algúns dos habitantes do noroeste do Noroeste, encartados nalgunha paisaxe da nosa bisbarra.



Desta volta a paisaxe elexida é a da Plaia do Castro, na ortegana parroquia de Loiba, unha outra das sucesivas areas nortadas (a Ribeira Grande, a Plaia do Carro, a Favega, a do Castro, o Gavioteiral) que andando cara a leste chegan ata o Picón, xa no Barqueiro, e coas que, non teño dúbidas, debeu de soñar Stevenson antes de encetar a escribir algunha das súas historias de piratas e naufraxios.


Nesta ilustración unha papoia (Larus ridibundus) acompaña no seu voar a uns serruchos ( Sterna sp.) por encima das areas da plaia. Unha bandada de gaivotas, tan impostas coma calquera outro icono, repousa no fondo. As manchas do ceo non son lixos, son voutres.



Nesta outra, co fondo da dobremente furada Pedra do Carro e a liña do ceo da Serra Capelada, dúas chíscalas (unha aristotelix noviña e unha carbo) toman folgos, mentres unha bandada de chorlitos griseiros anda a pousarse, algúns xa o están, nas beiras da marea. Unhas gaivotas completan a escea: ridibundus, michaelis e delawarensis.




Os gallados aguillós do trileucum de Cabo Ortegal enmarcan no horizonte o voar de serruchos e papoias. Aboiando nas augas, unhas cantas gaivotas escuras (Larus fuscus) e en primeiro plano dúas costureiras (Motacilla flava) alancorean nas pólas do toxo. Na esquiniña da dereita abaixo, as cores dunha merendiña e a irisación dunha alfaia da braña (Trypocopris pirenaeus var. coruscans).



A personaxe central é Cecilia, a gaivota de Delaware (Larus delawarensis), bautizada polo mestre paxareiro, e fotógrafo, Pablo Gutiérrez, que invernaba no esteiro do Condomiñas dende hai anos e este deixou de vir. Botámola en falta. Entre as gaivotas do fondo unha branca de Groenlandia (Larus glaucoides) e un serrucho cativo (Sterna albifrons). Na pedra dous paxariños: unha cincenta e un pedreiro. Enmarcando a toxos e uces unha merendiña e un cuarto de orquídea lixugada. Unha besbella (Locusta migratoria) sobre o pé do boi (Oenanthe crocata) e un escudo (Coreus marginatus) sobre a flor dunha labaza (Rumex scutatus) fan compaña co voar dunha linda meniña azul.




Na brancura inmaculada do pancracio pasea un escarabello (Tiimarchia gougeletti), á sinistra a orquídea lixugada (Dactylorrhiza maculata) e diante do xofre das chorimas, as lindas flores das merendiñas (Romulea clussiana) polas que ruben e aganchan dúas xoias. A volainiña azul que o enche todo é unha Polyonmatus icarus.



Preside o santo a fermosura plena dunha gaivota clara (Larus michaellis) e alumbraio a brancura de escuma mariña da prumaxe da branca de Groenlandia, (Larus glaucoides). Anda de visita un golpe (Vulpes vulpes), soléase unha lagarta endémica (Iberolacerta monticola) e fitando entre a area anda unha escribenta millarenga (Emberiza cia), tamén hai unha cincenta. Toxos, uces, pancracios, merendiñas e unha orquídea (Ophrys sphegodes) serven de acomodo ao escarabello vermello (Melosoma populii), a oferente barbantesa (Mantis religiosa), a bolboreta do alivio (Melanargia lachessis), a unha meniña (Polyonmatus icarus) e a unha grande e fermosa avelaíña (Lasiocampa quercus).
E penso que non fun esquecendo a ninguén.
No nome de todos, agradecido.
Ata outra mellorada.




Nota marxinal: Laióuseme, e con razón, algún esculcador culto do bló de que faga ilustraciós diacrónicas, quere dicir que moitas das especies que rexunto non se dan na mesma tempada, o que, supón, réstalles valor científico. Ten razón, xa dixen. O caso é que nunca pensei nelas coma láminas directamente didácticas ou científicas, senón coma un xogo, un divertimento estético que ofrecese unha instantánea imposible no mundo real e poidese representar un berro colectivo, unha manifestación, a favor da supervivencia de todos. Unhas imaxes que para máis recenderan exotismo a base de axuntar personaxes nosos de cada día.

Unha idea traspasa por iso a todas elas: o noroeste do Noroeste pode ser o sitio máis exótico do mundo se ti es un indíxena hawaiano...ou un indíxena de acolá especializado en diferenciar ronaldos de messis, pero incapaz de distinguir entre unha agabanza e unha orquídea.

xoves, 18 de marzo de 2010

O cangrexo da lama

Procambarus clarkii é o nome científico deste crustáceo da familia Cambaridae que orixinario das augas doces da zona caribeña, de México e Estados Unidos tense expandido, dun xeito absolutamente artificial, por ríos, lagos, esteiros e encoros de África, Asia e Europa. Falta de momento en Australia. É sen dúbidas un dos exemplos máis exitosos de dispersión antrópica dunha especie animal salvaxe.



Dispersión favorecida polo seu valor gastronómico, e xa que logo económico, pola súa grande capacidade de adaptación a ambientes alleos e degradados, así como pola súa alta resistencia a determinadas infecciós que provocaron a drástica diminución doutras especies de cangrexos de río e asimesmo pola súa altísima capacidade reprodutiva, que compensa a súa escasa lonxevidade, non máis de seis anos.


Omnívoro, e moi bo comedor, gusta tanto dos ovos das rás, coma dos seus cazos (leva a culpa da constatable diminución de anfibios nalgúns espazos; persoalmente teño a impresión de que o número de rás verdes do encoro das Forcadas, non hai tantos anos abondosísimas, sufríu un descenso brutal ao compás do incremento apreciable e protexido -está prohibido pescalo- das poboaciós de procambarus). Gosta das larvas de libeliñas (e tamén sospeitoso da baixada no número das mesmas) e non lle fai noxos, coma bo crustáceo, ás carnadas de calisquer animal morto; asimesmo, gosta de pacer da vexetación das ribeiras, e aínda de materiais vexetais en descomposición. E para máis, asombroso nun crustáceo fluvial, tolera determinados índices de salgación das augas. Todo un sobrevivinte.

Agrádanlle as ribeiras de augas mainas e recollidas, onde coloniza rapidamente os seus hábitats, facendo tuneis e covas nas lamas e limos da beira, sendo quen de acobillarse neles para pasar oculto ata catro meses en ausencia de auga. Capacitado asimesmo para sobrevivir e camiñar fóra das augas, (eu mesmo constatei a súa presencia entre os felgos e camiños dos arredores das Forcadas), busca currunchiños xeitosos entre as raiceiras das árbores ou entre as pólas derrubadas e cubertas de follas en descomposición, xeralmente entre a vexetación da ribeira, para facer os seus acobillos.

De comportamentos solitarios e agresivos, maiormente nos exemplares adultos e vellos que poden acadar os 20 cm, amosa, ameazador e defensivo, as súas robustas patadoiras, ergueitas e abertas, ao mínimo sinal de perigo. Son frecuentes as leas entre individuos por acadar un refuxio individual entre o limo da lama do fondo.

O cangrexo da lama foi introducido por primeira vez na Península Ibérica en Sevilla en 1974, nos campos alagados para o cultivo do arroz, nas marismas e augas mansiñas do curso baixo do Guadalquivir. Cun éxito reprodutivo e de aclimatación total, convertendo a esta bisbarra, ao día de hoxe, no maior produtor e comercializador europeo de procambarus. Ao abeiro deste éxito foi introducido pouco despois na Albufeira de Valencia, no delta do Ebro e nas Aiguamolls do L´Emporda de Girona.

Afeccionados á pesca levárono vivo para os ríos franceses e a partir daquí e seguindo a rede de canles fluviais artificiais extendeuse por toda Europa. Utilizado asimesmo polas autoridades medioambientais para encher o oco ecolóxico que o cangrexo de río autóctono tiña abandonado (por estar practicamente desaparecido, mor das infecciós polo fungo Aphanomyces astaci). Arestora ten colonizadas todas as grandes concas fluviais ibéricas, desprazando ao cangrexo de río autóctono ata as cabeceiras outas dos ríos, as augas bravas e remexidas dos que non son aprezadas polo procambarus.


A presencia masiva do cangrexo americano nos ríos e encoros ibéricos supuxo, para moitas especies, unha impensada e inesperada novidade de alimento e reserva de proteina, antes nunca vista nen catada. Tense argumentado que a explosión demográfica de procambarus posibilitou a recuperación das poboaciós da londra, Lutra lutra, en todas as concas fluviais ibéricas (xa non se considera en perigo de extinción) e está documentada a súa depredación por parte de garzas, folicas, (Fulica atra), buxatos, (servidor persoalmente veunos), ou gaivotas.

Velaquí outro exemplo da complexidade dos temas medioambientais que queda acó para a reflexión. Foi positiva ou negativa para o medio ambiente a introdución de procambarus?

Eu, confésoo, non teño resposta en firme. Se fose rá ou libeliña aseguraría en calquera xuízo que foi, e é, un desastre; se fose londra ou garzota afirmaría perante calisquer xurado as benzós do cangrexo e as súas infinitas bondades.


Pero como son humano, Homo ignorens digo, só sei que non sei nada... e xa me vén parecendo moito.


Agradecido.




Nota marxinal: ben se entende que esta entrada achégase para completar a da papoia rosa. Paréceme que para que un individuo se chegue a tinxir coa intensidade de cor que se lles ve a estas gaivotas ha de ter que consumir unha cantidade importante de cangrexos durante un período de días amplo. Non imaxino ás papoias depredando exemplares adultos de 20 cm. coas patadoiras abertas e agresivas. Paréceme que han de preferir exemplares noviños e cativos, moito máis fáciles de capturar e deglutir. As únicas zonas que posibilitan a existencia de grandes cantidades de inmaduros de procambarus, durante as épocas de invernada da ridibundus na Península, son os campos arroceiros, esteiros e ariños do Guadalquivir e da Albufeira. Na miña iñorante opinión as ridibundus rosadas que se achegan ao noroeste do Noroeste deben de vir dalgunha desas zonas sureñas ou mediterráneas. Pero non estaría de máis ter algunha confirmación en firme.

Van estes achegos:

A ficha da Wiki
Unhas páxinas de Acuariofilia

Este outro sobre os seus efectos nas plántulas de arroz. É unha memoria dun proxecto de investigación
Eiquí un exemplo de depredación
E este especializado en ecoloxía reproductiva do procambarus.
Despós de data: seica algúns dos comentarios que tan xentilmente facedes non se teñen publicado no bló. A razón é ben sinxela: non os recibo e non sei porqué. Pido disculpas aínda que a culpa non sexa miña. Ata o de agora publiquei todo canto comentario recibín con intención de ser publicado. Miraremos de amañar este entorto. Escusádeme, prego.

domingo, 14 de marzo de 2010

¡ Unha papoia rosa !

Na miña vida vira eu unha papoia (Larus ridibundus) coas plumas do peito e do ventre dunha esclarecida cor rosada, ate que este sábado que pasou, na tardiña das beiras do malpocado Lago de Lanzós nos prismas dos meus largavistas apareceu unha papoia rosada. Non parecía tinxida por nada artificial, a cor era claramente a da plumaxe, un rosa clariño e seguro.

Observada cos artellos rechamaba claramente entre as poucas outras que andaban a canda ela petiscando no fondo areento e desolado do lago. Tentei tirarlle algúns rexistros que poidesen dar fe do que miraban meus ollos. A distancia e a non moita luz, tanto como a miña escasa competencia, só me deixaron facer algo que con moita caridade se poida chamar fotos testimoniais. Afortunadamente non a mirei eu só. Hai testemuñas. Todas amilagradas, coma min.
As poucas fotos que poden ser ensinadas, con destemida desvergoña, non dan unha idea, ao mellor nen aproximada, da singular fermosura e rareza desta papoia. Quedan logo aquí, coa espranza de que alguén, agora avisado, a volva a ver e a retrate mellor.






Sabendo que a vosa liberal xenerosidade ha de saber escusar a torpedá da miña escasa habelencia fotográfica, hei de rematar tranquilo esta minimal entrada en rosas deslaimados, na confianza de que a vosa fértil maxinación recreará as cores que eu non souben cautivar.

Agradecido por tanto.

martes, 9 de marzo de 2010

As xanzás da Capelada.

O galego, lingua que á beleza das cousas naturais xúgalle o recendo a viño vello do latín clásico, chama xencianas, sancianas, ancianas, xanzás, xenzás e aínda gonzas, ás varias especies do xénero Gentiana da familia Gentianaceae que se dan por estes eidos.

O xénero gentiana ten na Galizia tres especies que o representan: Gentiana lutea, Gentiana pneumonanthe e Gentiana verna. Todas elas especies protexidas, de particular e clásica fermosura e cun especial valor botánico.
Gentiana lutea, var. aurantiaca é planta con grande porte e donosía, exclusiva das altas montañas ourensás e luguesas, onde florea espectacularmente nos meses do vrao. Na Galizia non se dá fóra das montesías occidentais.

Gentiana pneumonanthe, a xenzá do outono, dáse, sempre sobre terreos silíceos, por todas as brañas do país galego; é planta pequena da que nace unha fermosa flor azul coa corola en funil. Na Capelada, no Forgoselo, na Faladoira é común e doada de ver.

Gentiana verna, a xanzá da primaveira, a protagonista desta entrada, florea nos altos cumios ibéricos, cantábricos e pirenaicos, entre os 1200 e os 2900 m., e na Galizia ten as súas únicas poboaciós coñecidas... ¡na Serra da Capelada! Nas pradas nosas un tesouro anil nas herbas. Un outro.

Esta illada colonia, (separada varios centos de quilómetros das máis próximas irmás asturianas e bercianas), non só representa a estrema occidental de expansión mundial, senón o límite en cota baixa, pois esta flor, de montañas outas, aparece na Capelada a tan só 300 m., no mesmo cantil, co roce diario do salseiro mariño, entre terreos ultrabásicos de peridotitas e non coma o resto das xanzás ibéricas en solos calcáreos. Asombrosas xencianas capeladas.


Ao noroeste do Noroeste florean decamiño. As primeiras de todas. A mediados do abril xa os cumes da Herbeira ou do Chao do Limo presumen chufós entre as cimeiras galegas da beleza anil, índigo puro, dos pétalos abertos das xanzás, Gentiana verna, que parolan daquela no ouzal co marelo das flores da calza do cuco, Narcissus bulbocodium. ( Gratia plena, Juanma)
Nas montañas cantábricas e pirenaicas, alumbra entre os prados alá para os meses do vrao, adiando a súa floración segundo rubimos, chegando a florear no adentro do agosto nas cotas máis outas da súa zona de distribución.

Xa non falta moito para que un ano máis a luz de mar e ceo que nace no adentro das xanzás alustre os prados do ouzal capelado. Ogallá teñades ocasión de tropezardes con elas. Haberedes de encher os ollos coa beleza azul da xanzá, unha estrela en terra, feita de retallos celestes e pingas de augamariña.
Aproveitar que nen abril nen a Capelada andan lonxe e irlles regalar unha ollada.
As xanzás volveranvos a fineza azuleando para sempre a cor das lembranzas.
Moitas mercedes, miñas e meus, agradecido.



Nota marxinal: nen que dicir ten que todos os santos son de Gentiana verna; de Gentiana pneumonanthe, por se hai quen queira mirala, hai unha imaxe na entrada "Ensaladiña natural á galega" de agosto do 2009 deste mesmo bló. E en Google imaxes, ducias.
Para ver unhas excelentes fotos descritivas da G. lutea, var. auranthiaca, dos Ancares lugueses, este achego
http://www.biga.org/Plantae/Galeria/Familias/Gentianaceae/Gentiana/Gentiana_auranthiaca.html
E para unha aproximación académica ao xénero Gentiana, estoutro de Flora Ibérica http://www.floraiberica.es/floraiberica/texto/borradores/vol_XI/11_130_00_Gentiana.pdf

xoves, 4 de marzo de 2010

A pimpinela púrpura.

Sanguisorba officinalis é o nome científico no que se esconden os apelativos galegos de herba da espinela, nespereiro, sanguinaria, tamén sanguisorba e aínda pimpinela, o máis estendido de todos eles.

Hoxendía pimpinela tira máis da memoria confusa a lembranza literaria, e cinematográfica, do heroe de dobre vida creado pola Baronesa de Orczy "La Pimpinela Escarlata" que, ao igoal que "El Zorro" coa Z, firmaba as súas mensaxes cun gravado en lacre dunha pequena flor da campa inglesa a "scarlet pimpernel" que non vén sendo outra que a Anagallis arvensis, esta pequeniña primulácea escarlata ...


...que ren ten que ver coa nosa pimpinela púrpura, planta esta da familia das rosáceas, que medra, na opinión de Xosé Ramón García, en moi poucos lugares de Galizia, sobre solos calcáreos e, di, tamén ultrabásicos. Certamente na Serra da Capelada esta interesante especie protexida é unha herba común e doada de ver.
.
Chamará sempre da nosa atención a fermosa inflorescencia en panícula na estrema dos longos talos fertis, que adoitan poseer outros laterais pedunculados que nacen a partir dunha primeira flor única xurdida do gromo.

Coñecidísima en medicina naturalista, (¡eses recolectores salvaxes!), entre outras polas súas propiedades antidiarreicas, gosta dos prados húmidos, entre brañas e ouzais, dende os 500 ate os 2250 m., de gran parte de Norte América, Europa e Asia, chegando ate a China e o Xapón. Na Península Ibérica ten os seus territorios nas montañas cantábricas e pirenaicas, rareando conforme baixamos a Sur.
Ao noroeste do Noroeste florea de preferencia na forza do vrao, non sendo raro poder ver a esta fermosa e curiosa flor no mes de setembro. Ata o daquela ídea gardando na arca da memoria, ( ...en Favoritos tampouco estaría mal...) que esta entrada, de pouca parola, vai rematando no punto, non sen agradecervos a compaña garimosa das vosas lecturas.


Apertiñas.




Nota marxinal: O nome galego de nespereiro co que tamén se coñece á sanguisorba, pode resultar chocante por darmos en pensar nel coma a árbore froiteira que dá os nésperos, pro nespereiro e tamén outra das voces coa que se denomina aos niños das avésporas. A semellanza formal entre as panículas en flor da pimpinela púrpura e os niños de varias especies de avésporas avala este denominar.



Un achego á páxina de Flora Ibérica, por si acaso.
http://www.floraiberica.es/floraiberica/texto/pdfs/06_087_17%20Sanguisorba.pdf
E outro a páxina de Anthos
http://www.anthos.es/v22/index.php?set_locale=es