martes, 27 de abril de 2010

Léngoas do loberno en flor.

Visitei este 25 de abril que pasou a colonia de Pinguicula vulgaris, léngoa do loberno para os amigos, que atopara o ano pasado nalgunha rebordela da Serra Faladoira. Quería saber delas, cómo lles fora, logo de tanto trafego de madeira, desbroces e fochancas como hai polos montes dende a desfeita do Klauss. E tiña moito interese en mirar se andarían xa floreadas. Debecía por non deixar pasar o ano sen retratalas en flor. Dende que dei con elas, son para min unha teima.

As léngoas do loberno son prantas carnívoras de elevados outores que na Galizia fóra da súa zona natural de expansión, Os Ancares e O Courel, teñen na nosa bisbarra as únecas outras poboaciós coñecidas. Sempre de poucos individuos e certamente moi raras de atopar. D'aí o interese teimudo.

A rebordela zumegante na que viven atópase afortunadamente en perfecto estado, -chorando auga amodiño, mirando a leste- e acó e aló vese renacer algún ca outro pé novo, as veces en grupo, coas follas carnosas e vizosas, do centro das que agroman novas follas ou os talos floríferos.



Tan só dous ou tres pés andan xa floreados pero a min fanme a mesma ilusión ca se fosen un cento: é a primeira vez que vexo a léngoa do loberno en flor. Un vello ensoño cumprido.
.

Animado pola boa estrela do día e a magnífica luz dun sol de domingo remirei con atención anovada outras moitas rebordelas, por se os fados das horas quixeran poñer nos meus ollos algunha outra colonia de pinguiculas.
E a non máis dun quilómetro, nunha escura e húmida parede arxilosa, amosóuseme unha ducia de pés noviños. Toda unha espranza. De seguro ten que haber outras máis.


Esta nova colonia de pinguiculas prendeu na rebordela dunha pista, nas paredes da cuneta, o que parece indicar razoablemente que deu en medrar logo da construción da pista, e ao mellor ao seu abeiro. Sábese que as léngoas do loberno gostan dos ribazos zumegantes, e os cortes das pistas, cando non van a pico de canteiro, ofrécenlles un hábitat axeitado.

É só unha opinión ao paso, claro, pero vai cimentada no feito de que as dúas colonias de Pinguicula vulgaris que coñezo aparecen nese ambiente.
Pro ao mellor só quero imaxinar que no corazón da desfeita hai unha semente de espranza.
Agradecido, miñas e meus.
A mandare.


venres, 23 de abril de 2010

Mudando de maimiña.

Os insectos, por tantas cousas seres fabulosos, non o son menos por dominar a enxeñería biolóxica da metamorfose que lles confire, a aqueles que a fan completa, a posibilidade de vivir varias vidas nunha úneca existencia. A tranformación da airuga en bolboreta, da arusmia en véspora, da sese en mosca... de calquer verme no seu bicho, comporta unha confabulación enzimática e hormonal de destrución-creación que, harmonizada con precisión xenética, engaiola para sempre a admiración do rigoroso naturalista científico ou a do ocasional olláparo curioso.

Moitos outros insectos utilizan as técnicas da metamorfose incompleta, de modo que as ninfas, ao saíren do ovo, xa se amitan aos imagos adultos, e ao medraren tan só irán sufrindo remudas sucesivas, nas que o bechiño rachará a reseca e fráxil maimiña que o recubría e entrará nunha nova medra cunha farda, de cores e deseños, diferente de cada vez; ate chegar ao estado definitivo de imago, no que lle sairán as alas e acadará a madureza sexual. Só o 20% dos insectos seguen este modelo de conformación, entre eles saltós, libeliñas, escudos, barbantesas, cucarachas, grilos ou efémeras.

Precisamente a unha ninfa de escudiño, (da que non podo precisar a especie, e que dende logo é unha pentatomidae, e posiblemente do xénero carpocoris) puidena retratar no areeiro de Vilarrube van xa dúas primaveiras, nos intres finais dunha das súas mudas, cando abandoaba a lixeira maimiña vella que se lle fixera pequena e seguía a trafegar pola vida, fardada agora cunha anovada maimiña en charte.

Mirade como...


...lenta, lene e paseniñamente vaise desapegando, librando, do translúcido e inútil casco vello...

...ate non ter xa ningún punto en común... e para daquela dará un brinco destemido e pousarase, non sei se adrede, na outa vela dunha lixeira espiga reseca.

Alá, lonxe, xa case noutra vida, fican os restos testemuñais da vella maimiña...


... outro tempo enceta aquí para a escudiña... vai restando a infancia e vén entrando a xuventude... xa non lle faltan todas as mudas para chegar a ser maior.

Ogallá tivera sorte e se librase de paxaros e lagartas, de herbicidas e insecticidas, e fresca coma unha rosa, chegase en sazón á madureza: habería de poder morrer dicindo que o tiña probado.

Que siga a vida.

Agradecido.




Nota marxinal: Define o Eladio Rodríguez casca maimiña desta maneira: "la segunda corteza, telilla o membrana de los huevos de las aves, la albura de los árboles, etc." Logo do Eladio, aparece documentada no Franco Grande, no Carré Alvarellos e no Constantino García, onde aparecen citadas: maimiña, mainiña, meimiña, moiniña, masmuda e moimiña. Tirei pois da palabra maimiña, unha sustantivación dun adxetivo, para definir o lixeiro casco membranoso, e non tan quitinoso, das ninfas dos insectos. Aí queda, sáibase.

luns, 19 de abril de 2010

Pedreiros, de volta á casa.

Xa chegaron da súa invernía na lonxana e ardente Africa os pedreiros nosos de cada vrao. Igoal que as andoriñas e tantos outros, os pedreiros anuncian a chegada inminente dos tempos quentes e soleados. Arestora andan xa por todos os hábitats abertos e de vexetación baixa da nosa bisbarra.
Non será raro velos entre as areas dos sistemas dunares, tal este macho en Ponzos...

... ou esta femia no alto dos graíños graúdos de calquera pena do Monte do Forgoselo...
...ou estoutra, encriptada entre os ocres da serpentiniña do Chao do Limo, onde entremiramos este día unha parella fitándonos de pedra en pedra, ademirados eles da presencia no monte de tanta xente: eramos o equipo de limpeza do Carpobrotus ao completo, facendo un feliz percorrido de coñecementos polo último territorio virxe da Capelada.
Moi por lonxe andaban os pedreiros e poucos largavistas levábamos. Así é que houbo quen só poido ver un algo voador que ía de acó para aló. Pra remendar a memoria, subo unhas imaxes dunha parella de Oenanthe oenanthe. A femia é do Monte do Limo é foi rexistrada na primaveira pasada; o macho é de Vilarrube, e as fotos son de hai tres anos.
Velaí van. Que aproveiten.








E polo de hoxe nada máis, miñas e meus, agardando que os lindos pedreiros vos desen uns ledos intres de contemplación harmoniosa e puxesen alas de fuxida ás horas aborrecidas, despido esta brevísima entrada, expresándovos o meu máis rendido e sorprendido agradecemento por andaredes ainda soportando o bló nese noutro lado do espello.
A mandare.

sábado, 3 de abril de 2010

S.O.S.... marmeas do Rodo...S.O.S.

Quixera expoñer á vosa opinión o caso dunha singular e desigoal liorta botánica que está a se producir nas dunas fósiles da Plaia do Rodo e ameaza con acabar en pouco tempo coa valiosa e escasa colonia de marmeas -camariñas en noutrures- que neste areeiro noso estabrecen o límite norde mundial de distribución.

O caso é que unha destemida proliferación da silva do mar, Smilax aspera, (favorecida pola non moi vella construcción do paseo e pista que fende o Sistema Dunar do Rodo de banda a banda, e alí mirando a sur e gardada do norde mareiro xa criou mestas sebes), anda asoballando e afogando a toda canta outra forma vexetal medra ao seu redor.


Toxos, loureiros, piñeiros, e outras herbas, vense impotentes para impoñerse ás numerosas, finas e longas pólas -poden acadar máis de 14 m-, deste arborico gabeador, fornecido de guenllos, armado de espiñas e defendido por follas acoiradas, brilantes e duras, inmunes as rozaduras das espiñas alleas, e dotado, para maior perigo da veciñanza, dunha grande capacidade de medra.

Smilax aspera, a silva do mar, é planta moi coñecida (aínda que na Galizia só aparece nalgúns areeiros do norde e en ningún outro coa forza, a mestura e o desmedre con que se presenta na Plaia do Rodo), da que se obtén a partir das súas raíses a moi coñecida zarzaparrilla. Presenta unas lindas flores brancas que froitan nunha baia vermella que negrea ao madurecer e dende logo é unha interesante especie, pouco abondosa na Galizia, que desgraciadamente anda a sepultar e afogar á valiosa, e pouca, presenza da Corema album na Plaia do Rodo de Pantín.

As marmeas, camariñas se preferides, son xente dun crecimento lentísimo, (calcúlase que tan só 1cm por ano), incapaces per se de ofrecer algunha alternativa viable de sobrevivencia ao asoballamento da smilax. De feito a observación das medras novas das marmeas afectadas polo ataque da silva do mar ofrece polas desmedradas, frouxas, cun crecimento esaxerado para a especie, con claros síntomas, na miña inorante opinión, de estrés botánico, nun intento desesperado das marmeas por buscar uhna saída á morte certa por aplastamento que lle anda certificando o abrazo afogador dos guenllos da silva do mar.


As desmedradas medras da silva do mar, que xa advirtíramos na anterior entrada sobre as marmeas, son arestora, só un ano despóis, un gravísimo perigo para a súa supervivencia. Se o actual orde de cousas continúa, e o laissez faire se xunta o deixar xear a práctica totalidade das marmeas do Rodo desapareceran en cousa de poucos anos.

Velaiquí o obxeto desta entrada: dar a coñecer esta situación e abrir un debate sobre a comemencia ou non de iniciar unha actuación, que non poderá ser outra que a poda racional e liberadora das longas pólas da silva do mar, que lle permitan e posibiliten ás camariñas unha existencia futura na Plaia do Rodo.

Quede claro a miña absoluta predisposición favorable a que os organismos pertinentes enceten canto antes un labor de desbroce da Smilax aspera. Teño escoitado xa a opinión en privado dalgún amigo asegún a que non hai nada que facer, que debemos deixar a Natureza seguir o seu decurso, xa que toda intervención humana é, no fondo, perxudicial e pouco proveitosa.




Obviando o feito de que a palabra "toda" é excesivamente grande para ser verdade, convirá dicir que o crecimento inusual, moderno, da silva do mar foi propiciado por unha intervención humana: a fendecha anchísima da pista e paseo da que xa falamos e que lle concedeu a Smilax unhas condiciós biolóxicas humanizadas e inesperadas de abrigo e protección que deron inxirada a un crecimento destemido e perigoso. Na miña opinión o desmedre da smilax é causado por unha actividade humana que non poido prever todas as súas consecuencias.

Por outra banda a smilax xoga con vantaxe: o seu crecimento rapìdísimo contrasta co lentísimo da marmea e ofrécelle a esta moi poucas posibilidades de sobrevivencia. Pola contra, máis que se podasen a fondo as medras da smilax o seu status poboacional non habería de resentirse, tanta é xa a súa abundancia e mestura, contraposta coa rareza dos pés de camariñas: non chegarán as dúas ducias.

As imaxes que acompañan esta entrada parécenme máis elocuentes e descriptivas que nengunha das miñas prosas. Fique así pranteada a cuestión. Que é urxente.



Saibase: as marmeas do Rodo están sendo afogadas pola silva do mar. Se practicamos o deixar xear e nada facemos o número de pés viables de Corema album reducirase unicamente a aquelas dúas ou tres matogueiras un pouco alonxadas, polo de agora, das longas e espiñentas polas da Smilax aspera. Pero deixa, que xa.






Agradecido, miñas e meus.











Estes achegos para máis saber da silva do mar.

http://es.wikipedia.org/wiki/Smilax_aspera

http://www.asturnatura.com/especie/smilax-aspera.html

http://www.anthos.es/v22/index.php?set_locale=es