sábado, 16 de outubro de 2010

Dos nomes das bolboretas

Unha das palabras que para este disléxico máis problemas plantexa na hora da súa exacta escritura ortográfica é o termo bolboreta, que de sempre, seguramente por telo aprendido da Volvoreta de Fernández Flórez, dou en escribilo, para horror de amigos e gargallada de inimigos, con dúas uves: e aínda me vou quedando tan pancho cal ancho.
Certamente bolboreta é expresión que acadou un monopolístico éxito de uso tanto popular coma literario marxinando outras moitas posibles, que a grande riqueza léxica da lingua galega afortunadamente conserva, atesourada, na artesa das palabras de aldea. Unha das chaves coas que este esforzado escribidor abre de cotío dita arca é o Dicionario de dicionarios da Lingua Galega, unha obra magna coordinada por Antón Santamaría e que para máis, é de libre e doado acceso na Internete, e ao que, unha outra volta, retorno para pescudar no fondo fondal da súa extraordinaria capacidade lingüística o mundo semántico dos lepidópteros no idioma galego, que de seu leva, tan pegado á espalda coma o vello latín, o recendo da Natureza.
Dúas serían as fontes latinas principais do caudal dos numerosos termos que, nun ou noutro curruncho da Galizia, se viñeron usando para denominar aos moi diversos insectos lepidópteros que a rica biodiversidade do país galego deu en criar. Serían esas fontes as palabras latinas papilio por un lado e bullinare polo outro. Miremos os afillados que cadaquén deu en cristianar.

Do latín papilio pódense supoñer orixinarias as seguintes expresiós: barboleta, borboleta, valvoreta, polvoriña, bolboreta e tamén polvoreta.
Do latín bullinare, a ao traverso de bulla, na opinión de S. Buschnann, citado por Aníbal Otero Álvarez (1968), poderían derivarse estoutras: avuíña, avelaíña, avelaia, aveleia, aveleiña, velaia, veleia, ablaíña, velaíña, avelía, lavelaiña, volalla, voalla, voiña e ao mellor tamén voleiriña e volainiña e aínda velonia: Tes menos paraxe ca unha velonia, din por Beluso. De ser tal a orixe sería razoable escribilas sempre co b.
Conforman asimesmo un campo semántico notable aquelas verbas que amosan a similitude entre as bolboretas e as aves: pomba, e derivado de esta pampurriña e pambereta, palomiña, paxarela, galiña de Dios, poliña de Dios; e páxara, paxarúa e paxaría no galego do occidente asturián e aínda tamén pajariña (sic). Nome este último que se fai coincidente coa denominación popular da cedeiresa Fonte da Paghariña, o que tal vez nos poidese explicar un nome nunca entendido. Queda por último a denominación de galo, aplicada nalgures, Ogrove por exemplo, á Iphiclides podalirius

Hai asimesmo numerosos nomes especifícos para denominaciós máis particularizadas. Abelona, por exemplo, é o nome co que se denomina a certas volainiñas de gran tamaño. Poidera ser o caso desta Arginnis phaphia.

Meco é o nome co que pola aldea compostelá de Lavacolla se coñece, sen determinar a especie, ás bolboretas nouturnas. Poideran ser esta Pyraustra purpurata ou esoutra Thyatira batis.
Cuco chámanlle por Tabagón a toda lepi de fermosos e rechamantes cores, daí tamén o siñificado de cuco por fermoso e de cucar por presumir e cucada coma algo moi bonito. Podería aplicarse a moitas especies, a esta Aglais urticae ou a Papilio machaon e a Euplagia quadripunctaria que lle seguen.

Anxeliño chámanlle pola banda de Marín a calisquer clase de bolboretas. Na miña opinión por metonimia da crenza popular de que cando morre un anxeliño, un neno recén ou de poucos meses, virxe de pecado, a súa alma sube aos ceos baixo a forma dunha bolalliña. Ollai para estas tres anxeliñas: unha Callophris rubi, unha Lycaena phaleas e unha Pyronia titonus.

Boanova chámaselle a toda bolboreta branca, sen dúbida tamén pola crenza extendida de que as avelaiñas que se achegan na noitiña á lús se son negras anuncian morte e se brancas tran boas novas habitualmente escritas nunha carta. Aplícaselle con propiedade pola súa rechamante brancura á maioría das especies da familia dos piéridos. A seguir unha Antocharis cardamines, unha Pieris brassicae e unha Gonepterix rhamni.
Por xilve coñéceáse as volainiñas pequenas e amarelas que adoitan vivir polas ribeiras dos ríos e entre os matos do terreo. Poidera ser esta Rivula sericealis ou a Pseudopantera maculata ou a Ematurga otomaria, ou unha de tantas outras.Chinguro e irisoido, son nomes aplicados a certas especies azuis e negras que voan polas beiras dos ríos. Non teño dúbidas de que se han de referir o xénero Apatura e con seguridade a especie iris, fermosísima e irisada en brilantes tonos añís. Lamentablemente non teño arquivo de tal marabilla, así é que vos deixo unha imaxe dunha parente prósima, unha Limenitis camilla, a quen eu chamo a viuviña.

E aínda hai o nome xenérico de maricelda para poder ser usado no canto do moi traballado e xa un pouco desgastado de bolboreta. Poderedes chamarlle así a esta diminuta Thymelicus acteon.
E como sexa o caso de que o galego pertence aos galegos e as galegas, servidor dá, sen querer nen pretender, só porque lle nace e necesita chamar ás xentes dalgún xeito, en ir poñendo nomes propios a canto bichiño se move. Así ás Hiparchia alcione chámolles damasmouras, ás Euphrydia aurinia, xa se dixo noutra entrada, señoriñas, ás Melanargia, xa galathea xa lachesis, as de alivio e ás coleas dei en chamarlles xofrosas. E deste xeito, máis ou menos, voume eu apañando co mundo e comigo. Mirade esta Coleas crocea e decídeme se non é da mesmiña cor do xofre.
Falar en galego, non só me parece un dereito, se non, nos esmagantes tempos uniformemente globalizadores, unha obriga est-ética.

E nada máis miñas e meus, ate acó chegou este revoar de pampurriñas, que agardo non fose nen lixeiro nen pesado de máis. Quedades na miña máis agradecida consideración e na compaña desta Inachis ío, que agora ben o sabedes é toda unha cucada.
A mandare.








Despós de data: Resultaba verdadeiramente pesado ir dando as referencias puntuais de cada un dos dicionarios e dos autores que recolleron esta abondosa anada de palabras. Para un exacto coñecemento de cada, e asimesmo das zonas onde se recolleron, quería deixar o achego correspondente do Dicionario de dicionarios, que nunca saberei loubar e agradecer como se merece, para que quen quixer, se entretivese en ir recheando os ocos que a súa curiosidade intelectual lle esixise. Por algunha descoñecida razón, o endemoniado e enmeigado Blogger non me deixa pegar o que antes copia, e tereime que conformar con suxerirvos o acceso á páxina e buscar, nos termos en castelán, a palabra mariposa. Aí aparecerán. Escusádame, prego. Obrigado.
Despós de data: ao parecer desenmeigouse o blogger. Este é o achego_Que aproveite.
http//sli.uvigo.es/ddd/ddd_pescuda.php?pescuda=mariposa&tipo_busca=castelan
Despós de data: As volainiñas son todas, (menos a Callophris rubi que é do Xurés e que por acó nunca a mirei), especies presentes ao noroeste do Noroeste. A Papilio machaon está rexistrada nos arredores do Castelo de Monterrei e a Aglais urticae na fronteira coas Asturias pola banda dos Oscos e Taramundi. Para que se saiba.

domingo, 3 de outubro de 2010

Fóra de Portas: O Monte Pindo

A Asociación Ecoloxista ADEGA, de pouco para acó outra vez moi activa, vén de solicitar, a canda a SGHN e un grupo de profesores e investigadores, a declaración de Parque Natural para o extraordinario montouto de graiño do Monte Pindo. Como sexa o caso que neste vrao poiden, por fin, subir ao Pico da Moa, cabezo do Pindo, e amilagrarme de admiración das extraordinarias calidades paisaxísticas e culturais deste espazo único e singular, quero arrimar o meu grao de graíño a tan necesaria encomenda.

De frente e por dereito direi xa que coincido con toda exactitude coa demanda -axustadísima a razón natural- dos promotores, e non vexo mellor causa para retomar o manexo deste bló, demasiado esquecido para o meu gusto, que sumar as miñas intenciós ás das devanditas asociaciós ecoloxistas e ao tempo ofrecer aos posibles lectores, ou miradores, unhas febles imaxes que poidan dar unha idea, que por forza sempre ha de ser diminuida, das razós que poidesen avalar tal petición. Monte do Pindo, Parque Natural. Digo.

Subimos a Moa dende a cuquiña aldea mariñeira do Pindo e fomos collendo polo revirado carreiro, sempre encostado, guarnecido por muros e sombreado por piñeiros, moitos deles requeimados polos lumes de hai uns poucos anos.

A pouco se chega o que se deu en chamar, non sei se oportunamente, Olimpo Celta: uns primeiros rochedos nos que a imaxinación máis aburrida e achairada pode dar en entreterse coa interpretación das infinitas, sen esaxeración, formas que a erosión retallou nos graíños.

Chégase ao pouco ao Penedo do Casteliño, ou do Pedregullo, onde se poden ver os restos, coma unha fervenza de pedras, dunha antiga fortaleza medieval, seguramente para refuxiarense dos invasores normandos, posiblemente o Castelum de San Jurgium, do que xa falara o grande Padre Sarmiento, e que a maxinación popular deu en considerar o Castelo da Raiña Lupa. Todo pode ser nesta Galizia, na que todo está iñorado.

Perto de alí están as rochas do que chaman "O Sitio onde se Adora" lugar que ao misterio indubidable de tan suxerente nome, xungue a contemplación de fermosas vistas sobre a primeira Costa da Morte, o Chan das Lamas e a rasa costeira de Quilmas e Caldebarcos, onde só a tremenda presenza da desmedrada piscifactoría cría na faciana as enrrugas de desagrado que provoca a fealdade.

Incontables penedos configurados por centomiles de enormes pelouros conforman a xeografía única do Monte Pindo. Para irse chegando á Moa deberemos traspasalos por entre os confurcos e as valgadas, seguindo un camiñico estreito e recoñecible, sempre que o temido neboeiro non apareza. Unha especial xeografía de carn e cairns, vellas palabras da lingua céltica que siñifican pedra e a súa dureza, tanto coma os amoreamentos de pedras que sinalando os camiños sagrados que conducían aos lugares de adoración, coutaban os roteiros do antigo mundo indoeuropeo e que andando o tempo deron en ser chamados co deturpador nome de milladoiros e amilladoiros, do latín humillatiore, sacrificio.
O recendo da antiga lingua céltica chegou ate nós rexistrado na notaría da toponimia. Carnota, que antes de ser o nome propio do Concello que se extende ao redor do Pindo foi nome común, defínese no dicionario Cuveiro Piñol (1864) co sentido, dise que xa daquela antigo, de "amontonamiento" e no Porto Rey (1900) "cosas en montón, sin orden ni regla" e carnoedo ven definido no Piñol coma "peñasco" e tamén como "montón de piedras" . Carnochos, na máis enxebre fala coruñesa son os habitantes do rueiro de Monte Alto, conformado todo el por grandes penedos de graiño. Velaí.

As vistas que se divisan dende este enorme carnoedo de carnoedos que é o Monte Pindo son abraiantes e célebres. Non de balde acádanse máis de seiscentos metros sobor do nivel do mar. O enorme areal de Carnota, o mar de Lira, hoxe a primeira reserva mariña galega, a Terra do Xallas, o mítico Cabo Finis Terrae e as vilas de Corcubión, Cee, Ézaro e Fisterra caiben na cunca dos ollos.

Un espazo natural privilexiado e orixinal, habitado por unha singular moitedume de formas erosivas fermosísimas e entretenidísimas nas que, a maneira dun test de manchas, cadaquén dá en descubrir, baixo das curvas e as diaclasas do graíño, aquelas obsesiós e delirios que conforman o seu mundo imaxinativo e fantasioso de a diario.



Territorio histórico no que ás pegadas que deixou a historia, (a lembranza das tres Aras Sextianas adicadas o emperador Augusto polo xeneral Sextio, a pedra labrada do Pico Peñafiel na que se leu: Reis, bispos, presbíteros, todos por poderes recibidos de Deus, excomuñaron eiquí este castelo, ou os restos aínda visibles da vella minería do wolfran) hai que xunguir a abondosa riqueza etnográfica que nos fala do Furado da Xoana (ao mellor da xana, propón con tino Felipe Senén), da Cama do Peñafiel onde se ían deitar as parellas para mellor fecundar, da tradición lendaria que afirma que a Raiña Lupa está enterrada baixo a Moa, con sete millós en ouro aos pés e outros tantos á cabeza; e aínda tamén das marabillosas propiedades da herba destes cotos de podere medrare nunha noite, no que noutrures nun mes.

Sen dúbida os valores xeolóxicos e paisaxísticos serían determinantes para protexer definitivamente este marabilloso mundo natural, cada día máis coñecido e recoñecido. O feito de arestora sere un espazo deixado da mao de deus é un clamor de incivilización que lixuga co estigma da barbarie ás autoridades, que deberían de seren as primeiras preocupadas en conservar este tesouro único e impedir a presenza de canteiras, hai unha ao pé da marea, de pistas, que cada vez parecen ser máis e con máis quads, ou das alevosas pintadas gamberras que emporcallan a cimeira da Moa cos textos máis lamentables da estúpida presunción humana.

Pero non deberíamos esquecer que a carón dunha xeoloxía de características e beleza sobrecolledora medra e vive un mundo biolóxico de valores especialmente salientables e seguramente moi pouco e mal estudados. A presencia histórica do lobo e o porco bravo, debe ser acompañada desa xoia botánica do Pindo, o carballo añón, Quercus lusitánica, que acada neste monte a única presenza galega, pero a canda el e dun modo impensable aparecen mestos e callados bosquetes de carballo do país que, neste reino mineral entupido, sorprenden e asombran ao camiñante.


Non direi máis. Paisaxe, xeoloxía e bioloxía, ao tempo que tradición e historia, xunguidos todos nun espazo natural moi ben delimitado, cinguido pola fermosa Enseada de Ézaro, a malpocada fervenza do Xallas, e o formidable areal de Carnota deberían de estar defendidos, protexidos e ben coidados por seren un dos requintados tesouros naturais e económicos que a nación galega posúe no seu territorio. Estar deixado, deitado no abandono, á destrución dos cobizosos e dos iñorantes, é un borrón de lixo no ser quen somos. Discutir os méritos que avalan a necesaria consideración legal de Parque Natural é un exercicio de ociosidade dolosa. Digo.



E nada máis, miñas e meus, se aínda seguides aí, mil gracias mil.
A mandare.