domingo, 16 de xaneiro de 2011

Pasou un mestre

Hai días xa que lin na portada de "EL Progreso de Lugo" a triste nova do pasamento, nas Illas Canarias e aos 91 anos de idade, de Don Francisco Río Barja, xeógrafo con alma.

Natural de Lugo, pro coa familia petrucial de Meira, vila coa que sempre estivo moi vencellado, adicou toda a súa vida ao estudo, á investigación, á ensinanza e á divulgación da Xeografía e a Paisaxe Galega, da que foi o seu grande valedor.
Carteiro da pé en Lugo antes que andarego Licenciado en Xeografía e Historia, este preclaro discípulo e amigo de Don Ramón Otero Pedrayo, de quen fora adxunto de cátedra, exerceu de  cadeirádego de Xeografía na Escola de Maxisterio e na Universidade, director do "Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos", membro do Consello da Cultura Galega e asemade da Academia Galega das Ciencias,  recibiu ao longo da súa vida numerosos premios e distinciós entre os que eu subliñaría o Premio Trasalba, a Medalla Castelao no 1996 ou o Pedrón de Ouro do ano 2007.

Deixa un labor inxente no mundo editorial no que destacan "Os Ríos de Galicia", de consulta obrigada, "Galicia esa descoñecida" o " Dicionario de xeografía" ou a dirección da serie de Televisión "Xeografía de Galicia", e, entre todos os que tivemos a fortuna de ser os seus alumnos, deixa unha lembranza imborrable de extraordinario didacta e magnífico mestre.

Imposible esquecer a súa palabra exacta, a súa claridade expositiva ou a súa charla suxerente e evocadora que nos invitaba a deixar parado o bolígrafo dos apuntes para seguir, coa atención desperta e a imaxinación aberta, as claras explicaciós deste mestre de mestres que era quen de nos conducir, na onda da súa palabra, polas inmensas chairas da estepa siberiana, onde nos facía sentir pasar o alento dos inmensos exércitos hunos, ou nos desentrañaba os complicados mecanismos climáticos de alisos e contralisos e a formación dos "doldrums" ecuatoriais, ao tempo que nos desvelaba os misterios dos movementos do monzón asiático a causa do fol anticiclónico siberiano: ou abraiábanos coa elegante e sinxela explicación do péndulo de Foucault.

E con esa mesma límpida claridade descritiva innata, paseábanos polos misterios oroxénicos e xeomorfolóxicos das Rías Altas e Baixas, rememorábanos, sen telos visto nunca, os graíños do Pindo; advertíanos gravemente que o Río Miño non nace, "como se suele decir erroneamente" en Fonmiñá senón nos restos da morrena glaciar do pedregal de Irimia, o seu grandísimo achádego xeográfico, ou ilustrábanos sobre as realidades das nosas vilas de orixe a todos e cada un dos alumnos e alumnas que dende a Galizia toda apousábamonos nas aulas compostelás. "La Ría de Cedeira se encuentra ya casi colmatada de sedimentos" reveloume un día lonxano de 1973, e dende aquela non hai escorrentía de augas turbas e avoltas que baixe da Capelada que non me traia á memoria a lección vital explicada nunha frase.

E todo, adubado cunha vívida expresión corporal de aceno xestual preciso e descritivo, sempre apaixonado, firme e cordial, natural neste mestre exemplar a quen entre nós chamábamos Río Barja e ao dirixirnos a el, por puro mérito, Don Francisco.

Comprometido coa ensinanza, publicou nos anos 70 unha pequena (en páxinas, inmensa en contido) "Didáctica da xeografía" que foi un referente solitario nas publicaciós didácticas galegas da época. Nela, o seu alumnado, servidor un deles, aprendimos a explicar con exemplos e actividades físicas fáciles e comunicativas (maquetas, diaporamas) os conceptos da xeografía a quen algún día haberían de ser os nosos alumnos. Aínda máis: construiu coas súas maos un mapa a escala 1:50.000, aí é nada, do territorio galego no que estaban representados todos e cada un dos accidentes xeográficos da patria, co único obxectivo de ser paseado polos colexios galegos co fin didáctico confeso de que a cativería poidera comprender, nunha soa ollada, toda a Xeografía da Terra Galega.

Pasou un mestre. Un artista da palabra didáctica e un creador de conceptos. Non podo dicir que deba a Don Francisco o gusto pola xeografía, xa naceu comigo, pero si que gracias a el souben ver que na xeografía, máis alá de montes, vales e costás, había tamén unha alma conformadora de vontades, antropoloxías e historias. Debo a Río Barja saber da existencia da xeografía con alma. Así é que a este alumno non o extrañou que na hora exacta do seu pasamento, o río, non outro ca o Miño, en xusto homenaxe das augas, se mandara fora da mai e anagara as terras todas do Parque Municipal Río Barja de Meira, para coutar, con laios de auga adoecida, o exacto territorio da barxa.

 A xeografía ten  alma, xa nolo explicara Don Francisco.


O compendio de fotografías da paisaxe galega que a seguir irán quixeran ser unha homenaxe agradecida dun alumno que en cada unha das viaxes e percorridos que fai non deixa nunca de repasar as lecciós aprendidas na elocuente e descritiva palabra de Don Francisco Río Barja, de lanzal e elegante figura.
Velaí van. Con ser case noventa, nen por Galizia, nen por Don Francisco me parecen moitas.

Vista da vila de Meira, onde Don Francisco tivo as orixes petruciais.

Pedregal de Irimia, onde deixou establecido o nacemento do Miño. Del tirarían inspiración os cristiáns renovadores e galeguistas de Xosé Chao para o nome de Irimegos.
O pedregal de Irimia, entrevisto ao lonxe.

Plaia de Río Sieira na cara norte da península da Barbanza.Plaia das Furnas, fermosa e tristemente célebre por eivarse nela Ramón Sampedro.

Marouzón no Parque Natural de Corrubedo e lagoa do Carregal, territorio galego do pernileiro.


Paisaxe de salicornias en Corrubedo.

As cimeiras da Serra da Barbanza, dende os outos de Corrubedo.



Plaia do Vilar e lagoa de Vixán, no complexo dunar do Parque Natural de Corrubedo.

Ría de Muros e Noia, detalle.

Carnota, Boca do Río, ao fondo o carnoedo infindo do Monte Pindo.

Boca do Río, Carnota


A malpocada fervenza do Xallas, prodixio natural sen par, trasmudada en pallasada turística por mor da vontade de Villar Mir, o señor Fraga e o deixar xear de todos.
Enseada do Ézaro, marabilla dos ollos.

O Monte Pindo, co Peñafiel ao frente.
A ferveduría do Belelle, no Concello de Neda.
Fisterra, Corcubión, Cee, Ézaro e abaixo a aldea do Pindo.



Boca da ría de Pontevedra, dende o mítico Monte do Facho, na península do Morrazo.


Illas Cíes.
O Monte Facho, o grande achádego arqueolóxico galego, o santuario onde os antigos renderon culto ao deus céltico Berobreo, como atestiguan as cerca de duascentas áras labradas aí atopadas e que Galizia e os galegos descoñecen.

Península do Morrazo, recuncho da Plaia de Melide.

Península do Morrazo nos arredores de Cabo Home co Facho ao fondo.
Península do Morrazo, enseada de Aldán.
Serra do Suído e Val do Tea no lugar de Maceira.
O mes de Marzo na Serra do Suído.

Ponte sobre o Río Tea, Concello do Covelo.
Bisbarra montuosa de Avión.


Os últimos gandaríos de Guitiriz.

Terra de Montes.

A Ribeira Sacra do Miño, por Chantada.

As fouces do Sil.

O mundo a vendabal de Castrocaldelas.

Dende a cabeza de Manzaneda ollando a Sur.

Subindo a Manzaneda e ollando a Nordeste.


Val de Vilariño de Conso, verdor e vizosía.
As suaves e dondas abas a norte da Gudiña.

Nalgún lugar entre Verín e a Gudiña.

A fonda varcia de Verín e o val de Monterrei.
Castelo de Monterrei, no val que el mesmo nomea.
Val de Monterrei, a leste do Castelo.
Carrizal do intermareal de Ladrido, Ría de Ortigueira.

Costá da Mariña luguesa.

Plaias de Barreiros, na mariña luguesa.
Serra do Xurés no camiño a Salgueiros.
Terras arraianas do encoro de Salas.

Serra do Xurés por Lobios.
Piornos e uces na Serra do Xurés, non moi lonxe de Alvite.

Confurco e uceiras perto de Cela, Serra do Xurés.

Nos arredores de Prado, Concello de Muiños.


Galizia dende o Pico Sacro
Galizia dende o Pico Sacro.
Fragas do Eume, Concello da Capela.



Fragas do Eume , Concello de Monfero

Costás do Barqueiro e a Estaca de Vares ao fondo.

Terras da Fonsagrada e Os Oscos.
Navia de Suarna, porta dos Ancares.

Entre Navia e Becerreá.

Serra de Meira, pola cara de vendabal.

Camelle, Costá da Morte, coído de Sabadelle.

Costá da Morte, Nemiña.
Costá da Morte, Cabo Touriñán.

Costá da Morte, Muxía, Pedra de Abalar e A N. S. da Barca
Costá da Morte, Camariñas, Cabo Vilán.


Costá da Morte, camariñas ao pé do Monte e plaia da Pedrosa.
Costá da Morte, Plaia do Trece.

Plaia do Trece, dende as outuras de Monte Branco.


Mar de Camelle.

Río Mandeo, non lonxe de Chelo.


Carqueixas no camiño a Queguas, Serra da Peneda.

Terras arraianas da Mexueira, Serra da Peneda.

Lobios, Serra do Xurés. Fervenza da Fencha da Corga.
Lobios, Val do Río Caldo, dende a Fencha da Corga.

Val de Moeche, dende o Pico San Vicente.


Lagoa de Sobrado.

Fervenza do Toxa, Bandeira


Río Ulla


Ría de Muros e Noia


Fervenza da Madanela, Porto do Son.


Serra da Barbanza.



Curruncho do endorreico Monte do Forgoselo.


Plaia, intermareal e area da Pedra da Sal en Baldaio.
E nada máis miñas e meus, coa esperanza de que este paseo polas paisaxes galegas, deturpadas para a ocasión de andarabillas, esbandalles, desfeitas e abrocamentos, fora do voso gusto e servise para lembrar entre todos a figura senlleira e sen par de Don Francico Río Barja, e ao paso axudar a nacer en alguén a necesidade de defender, como Río Barja quería, tan extraordinario patrimonio paisaxístico, déixovos por hoxe co mesmo agradecemento de sempre.
A mandare.

A Frouseira, Valdoviño.







Infindas graíñas do Pindo, ao fondo á Moa.





Cantís da Serra da Capelada e a extraordinaria agulla da Longa Vertua.

7 comentarios:

  1. Moitas grazas e noraboa por esta fermosísima colección. Un verdadeiro pracer.
    Xisbe

    ResponderEliminar
  2. Obrigado Xisbe... só é unha pequena escolma dunha Galizia sen chafulladas eólicas, nen ríos entullados, nen cotos esbandallados, nen barreduras a eito, nen edificios ao pé da marea, unha imaxe idílica, real pero cada día máis rara de ver. Estamos a perder o máis fermoso da patria. Deixa a ver se somos quen de parar a desfeita.

    ResponderEliminar
  3. A min tamén me sentou moi ben este amoroso percorrido polas zonas da Terra que aínda resisten. Fálovos dende as Rías Baixas, onde a depredación xa non ten nome.Saúde e Terra

    ResponderEliminar
  4. Benvida de novo Orola...ben coñezo da desfeita total das Rías Baixas...vivín hai moitos anos na Barbanza e daquela as Rías, ben que moi poboadas, eran inda un curruncho paradisíaco. Agora, coa delictiva tolemia especuladora inmobiliaria, tornáronse un caos horroroso de fealdade e cemento...esta cousa que chaman democracia e non é máis ca un despotismo cuatrianual, permitiu o latrocinio dos valores públicos máis salientables e difíciles de recuperar, a paisaxe entre eles. Pero mentres coloquemos un papeliño cada catro anos nunha furna, tradición decimonónica polo menos,todos estaremos felices e contentos: por un instante non viviremos en dictadura.
    Saúde e sorte, saudiñas e unha aperta.

    ResponderEliminar
  5. Calel, moitas das fotos que mostras, todas preciosas, sonme familiares, porque sabes que estiven na Costa da Morte exercendo, e Camelle, Nemiña, Ponte do Porto, Cereixo, Santa Mariña, Arou, Xaviña, Muxía, Camarñas, etc, resúltanme paisaxes moi coñecidos; aínda este vran estiven por alí.
    Felicítote polo gran traballo de divulgación que estás a facer.
    J. Antón Suárez Aneiros

    ResponderEliminar
  6. Benvido á nómina de comentaristas do bló, Antón.
    Moi obrigado polas loubas, pero facer fotos agradables da paisaxe galega é moi fácil sempre e cando evites as moitas desfeitas con que agrede á Terra a cada día máis numerosa confraría dos logrós pancistas, ou logreiros negociantes que dicía Celso Emilio.
    Non sabía que andaras exercendo pola Costá da Morte, para min é unha das bisbarras máis fermosas pero logo do Prestige, deron en andar desfacendo nela por Terra e mesmo nas zonas máis enxebres hai xa edificaciós na mesma ribeira.
    Mágoa de desfaceren toda a fermosa arquitectura tradicional mariñeira.
    Unha aperta, non perdas as mañas.

    ResponderEliminar