mércores, 9 de febreiro de 2011

Pildoriñas, bulir, bulir.

Un pequeno grupo de entre dez e once exemplares de Calidris alba aos que algún día se lles arrima algún charadrius, xa alexandrinus, xa hiaticula, anda a pasar o inverno no areal da plaia da Madalena ou Madanela (¿ou da Maladena?, xa falaremos) da Ría de Cedeira.



Certamente non é unha noticia ornitolóxica. As pildoriñas son xente do común no paso primaveiral (e tamén no contrapaso outonal, claro), dende o lonxano Ártico ate os seus paraxes preferidos nas terras quentes de África, onde van pasar o inverno quedándose daquela algunhas polas costás ibéricas.


Pro como sexa o caso de seren observadas cada semán polos meus alumnos e alumnas, cos que adoito pasear a plaia para aprendermos, en vivo e en directo, algunhas cousas do mundo (vantaxes de ter as lecciós de Historia Natural cabor da mao), quixera, co permiso de todos vostedes, achegar aos seus ollos, (sei que de vez en cando abren a internete pola páxina do noroeste do Noroeste) as lindas pildoriñas, que tanto lles prestan, e ás que xa recoñecen de lonxe pesia a súa mínima silueta e a súa boa encriptación.



E ao mellor tamén dáse o caso de que algún adulto, de entre os que dan en andar polas areas, mirara algunha vez a estas lindas e simpáticas xentes e se preguntara ¿que serán?. Xa me pasou cun amigo, profesor, co que adoito compartir paseos e historias de efeméras.



En Cedeira chamamos pildoriñas a toda a xente miudiña que anda pola ribeira e vai esfuracando pola area co seu peteiro longo. Pode que houbera un tempo en que se soubera diferenciar entre calidris, charadrius ou arenarias, pero eu xa non o coñecín. So souben, e téñoa cantado, e aínda se cadra a canto, a cantiga aquela que dicía "Miña mai ten píldoras e meu pai compráballas a dous reás"


Estas pildoriñas son xente coa que eu gosto tratar. Desfruto coas súas cores limpas e discretas, co seu aspecto gracioso e rebuldeiro, coa súa ollada inquisidora e intelixente, co seu camiñar repinicado que nos dá a impresión de se deslizaren pola area, co seu preciso cálculo da arrota á que desafían permanentemente, e coas moitas lembranzas da infancia que me tran, cando aparecían polas ribeiras e sorprendían, a toda a cativería co seu aire confiado, imposible en calisquer outro paxaro dos que coñecíamos: dos que coñecían a nosa fala de tirabalas e pedras volandeiras.

Pasan o día rebulindo na beira do mar, indo e vindo a canda as arrotiñas, labourando con ansia infinita, sen parar de un lado ao outro, procurando coller forzas e grasiñas para a longa travesía que as espera ao cabo da súa estancia en terras cedeiresas: nada menos que ata as lonxanas costás árticas de Groenlandia, Islandia ou Laponia, terras de augas xeadas e chafarís ferventes, tan lonxanas e diferentes das nosas, mornas e tépedas.


Teño observado que intermedian momentos de folganza e calma, (nos que aproveitan para repousar, amañar as prumas, esponxar o froixel ou botar unha soneca) con outros de apuradas carreiriñas na rebusca de pequenos invertebrados. Descansan do eterno escaparse das ondas que se escachan contra a plaia, onde sempre andan traballando aqueloutradas e imparables, facendo honra do nome oficial galego: Pilro bulebule.


Calcúlanse nuns poucos centos de exemplares os que poden andar invernando nas costás galegas. Aumentando o seu número, ás veces espectacularmente, nas tempadas de paso, especialmente no primaveiral. Escollen para repousar, de preferencia, plaias longas e amplas da fachada atlántica, sendo máis raros nas costás mediterráneas, aínda que tamén se miran, pero menos, polas lagoas e terras enchoupadas e alagadas do interior.

A grande maioría das poboaciós de bulebules, fai unha extraordinaria e marabillosa aventura anual desprazándose dende as lonxanas tundras árticas, onde aniñan, ata as costás tropicais e ecuatorias de África, chegando mesmo á Africa do Sur, para poucos meses despóis facer o camiño de regreso. Os bulebules americanos téñense localizado mesmamente no máis lonxano extremo Sur do continente: na Tierra del Fuego. E aínda máis: aparecen en Australia e Nova Zelanda, traspasando o inmenso Océano Pacífico. Aí é nada, en casos, cerca de 30.000 kilómetros anuais de desprazamentos.

Téñense documentado extraordinarias viaxes de miles de kilómetros nun só voo, chegando ate os 7000, nalgún caso. Un respeto pois para estas pildoriñas diminutas das que ao mellor agora non extrañamos que se poidan espalear, dada a súa magnífica e sacrificada capacidade voadora, dende a reducida rexión ártica onde crían e aniñan por todas as costás dos cinco continentes: xente dun mundo ceive, da pouca que queda.

Compréndese mellor así as ansias alimentarias das pildoriñas, obrigadas a facer un acúmulo de gordura que lles sirva de combustible para a súa longa e perigosa travesía. Entendemos as súas quietudes de repouso e engrose. Explicámonos agora o aire de fracos esfameados con que recalan acolá e sentímonos acolledoramente orgullosos do aspecto regordiño, coma mantidas con pelargón, que van collendo nas nosas plaias e co que retornan ao seu lar criador.

Falta lles ha de facer chegaren con folgos ás súas areas de cría, onde han de darse présa, e contar con Fortuna de aligada, para poderen levantar á única rolada de pitiños que lles permiten as duras condiciós climatolóxicas do Ártico. Disque chocan non máis de catro ovos e para sacalos adiante han de andarse con ollo dos moitos depredadores, maormente voadores, que acuden ao reclamo da oportunidade.

Considerado en termos da vida dos paxariños, viven unha longa existencia, cerca dos trinta anos en casos, seguramente moi necesitada para aprender os mecanismos de navegación e sobreviviencia que lles permitan afrontar con garantías a tan longa coma difícil e perigosa viaxe que fan dúas veces ao ano. Xente diminuta e valerosa, estas pildoriñas nosas de cada inverno.

Na nosa bisbarra durante a invernada, afortunados nós, son moi frecuentes e deberíamos saber que a súa relativa abundancia e facilidade de observación non lles conceden de nengún modo condición algunha de vulgaridade. Ao contrario, son xente extraordinaria por tantos motivos, algúns dos que ao mellor quedaron explicados neste artigo, que son considerados "de interés especial" no Catálogo Nacional de Vertebrados en Perigo de Extinción, e o Complexo Intermareal do Río Mera, (Ría de Cariño, Ortigueira e Ladrido), está declarada Zona de Importancia Internacional para a conservación da especie. Saibase, pois, para darlles o aprecio que merecen.

Han de andar aínda con nós ate o mes de abril ou maio, e ao mellor algún inmaduro non capacitado para a crianza queda a veranear; unha oportunidade para chuscarlles un ollo, botarlles unha ollada de lonxe ou desfrutar co seu inquedo trafego a pé de marea. Uns primáticos azosos, calma e moito respeto serán suficientes para regalarse uns intres lediciosos: a delicia e ledicia recendendo.

E pouco máis. Acó quedan estas letras para homenaxe admirativo dunha das máis fermosas e valentes especies das moitas que ao cabo do ano van e veñen polo noroeste do Noroeste, sobrevivindo, a canda a nós, neste mundo por desfeitas deformado: vítimas todos dunha sociedade do beneficio que non adora nen admira outra besta, non sendo ao becerro cebado de ouro.



Ogallá que esta pequena paxariña, que Aristóteles chamou kalidris, e que por limpa e pura os científicos nominaron alba, fose do voso agrado. Daríame por cumprido se ao cabo da lectura desta entrada sabedes tanto das pildoriñas coma eu aprendín delas para escribila.
Obrigadísimo.



A mandare.



VideosMínimosDoNoroeste
Pildoriñas na Praia de Cedeira

video

Ningún comentario:

Publicar un comentario