martes, 15 de marzo de 2011

Pincaouros nos ulmeiros

Nos ulmeiros do Río Condomiñas, naturalmente, e completando así a entrada anterior  atenderemos,  ao pasar, a petición dunha amable e diminuta lectora que me pedíu máis imaxes destes fermosos paxariños.


Que andan a pacer con entusiasmo e ledicia nas abondosas sámaras dos ulmeiros do Río Condomiñas, eses tesouros biolóxicos, para coller forza antes da longa emigración que os levará ate as terras do norte de Europa, onde criarán.
Ben que se ten documentado a cría dalgúns exemplares, e de cando en vez, por zonas da Península Ibérica, territorio no que invernan, en Extrremadura, Sur de Portugal e Andalucía, milleiros de individuos, que regresarán ao acabar o inverno as súas zonas de aniñamento.
Agora nos primeiros días de marzo ún bo número deles podemos disfrutalos nas beiras do Condomiñas, a poucos metros dos ollos, aprendendo a distinguir a machos, máis marelos e co característico cor negro na frente, das femias, máis raiadas e esbrancuxadas.
No paso de primaveira téñense anelado moitos míos, nome cedeirés do Carduelis spinus, sobre todo en Guipuzcoa, recuperándose máis que noutros, nos Paises Escandinavos. Cóntase dun que en 20 días chegou a Suecia,  recorrendo a distancia de 2400Km, se voase en liña recta, que non sería o caso.
Atravesan os Pirineos fundamentalmente polos extremos, Guipuzkoa e Girona, seguindo a ida e a volta un mesmo camiño. Temse documentado o paso masivo, todo un clásico do paxareo peninsular, por Guipuzkoa na última quincena de marzo e na primeira de abril.
Así é que a  estas bandadas, non moi numerosas, de míos, úbalos ou pincaouros, tanto fala fala tanto, que andan a se fornecer pola nosa terra poucos días lles quedan para andar entre nós. Non tardarán en coller polas súas rutas habituais cantábricas para entrar polo Pais Vasco nos enormes piñeirais das Landas francesas e ir subindo aos poucos ata as lonxanas terras Escandinavas, de onde tornarán alá para o mes de outubro.

Quen queira botarlles un ollo ten xa que logo poucos días. Para o mes de abril, os máis madrugadores, xa andarán armando os niños, e os outros buscando parella, e para tal terán que ter chegado ao Norte de Europa. Réstalles pois un camiño longo  e tortizo. Que teñan sorte.


Mentres tanto, nós, pouco podemos facer, seguir a manter ben coidadas e sans as árbores das que se manteñen e que tanto lles prestan: os raros ulmeiros do Condomiñas. (Que os servizos municipais xa tiñan librado da afogadora hedra, non sendo nun deles, rectificación do comentario engadido na anterior entrada, que fago cheo de ledicia e satisfacción, pois escribira que andaban todos ameazados pola abafante hedra. Non e así, que xa lle deran fouciña, e eu ben que me aledei ao comprobar este día o meu erro.
Así poderemos agardar que os fermosos ulmeiros segan a servir de restorán, refectoiro ou tineiro, a canto paxariño goste da súa saborosa e fornecedora semente. Que sexa por moitos anos e que todos vostedes, e un servidor, o vexamos.

E nada máis por hoxe, miñas, e meus queridiños. Agardando que a encomenda da xente miúda que segue este bló, ben que para mirarlle os santos, non desagradara á xente maior, agradezo de mil amores a fidelidade, non sei se chamarlle extraña, que amosades por estas páxina.
Mando despedirme, recomendando, por unha vez, a visualización do videomínimo, que vos explicará, moito mellor cá miña prosa, o trafegante rebulir petisqueiro dos pincaouros. Obrigado.

A mandare.




Un achego ao artigo da Wikipedia, premendo acó,
Un bó artigo moi ameno e ben documentado acolá.

VideosMínimosdoNoroeste

video
Míos, úbalos ou pincaouros nos ulmeiros do Condomiñas

Ningún comentario:

Publicar un comentario