luns, 4 de abril de 2011

Choias ártabras.

Andamos este día as fermosas plaias e costás ferrolás (xa  moi humanizadas, algunhas ate a desfeita, caso de Doniños e agora Esmelle, e deixa que xa, que logo irán todas as demais) co obxectivo de poder ver de novo, agora que é o tempo do seu florear, a diminuta e valiosa Omphalodes gallaecica, ese raro taxon galego que ten na costá ferrolá as mellores colonias, e ver como andan as súas poboaciós: andan coma sempre, poucas, rareadas  e non en moi bon estado.
Pro deixaremos a omphalodes pra unha próxima entrada e aledaremos os ollos, agardo,  cunha xeira de imaxes de choias, Pyrrhocorax pyrrhocorax, esa  alada alfaia ártabra, ao mellor non moi coñecida do grande público, que nas esgrevias ribeiras da nosa costá posúe unha poboación estable e da que ese día puiden  observar amodo a unha parella e mesmo facerlle uns rexistros videográficos, dos que non me queixo, e dos que van extraídas algunhas das imaxes desta entradiña.

As choias adoitan formar parellas estables e chegado o tempo da crianza volven a xuntarse para sacar adiante a súa rolada. Crían pois en parella solitaria, sen formar  colonias, cada unha na súa furna costeira, lugar habitualmente elexido na nosa bisbarra para facer o niño. Lonxe, a poder ser, de gatos, raposos, gaivotas ou buxatos, que non dubidarían en pillarlles os ovos, ou as noviñas, á menor oportunidade.
As choias gostan por iso dos cantís e das penedías  montuosas con prados abondosos e ben surtidos de bichería variada, núcleo principal da súa alimentación, e que rebusca con afán, peteirando   a tona da terrra, da que levantan pequenos turrós  para descubrir as larvas ou vermes escondidos. Tense documentado tamén o consumo de sementes.


Na Galizia distribúese, pois, pola costá, especialmente Costá Ártabra, Cantís da Capelada e Costá da Morte, e polas Serras Orientais de Lugo e Ourense e as bravías e esgrevias penedas do Xurés. No que respecta á Península,  dáse principalmente pola metade norde, sendo menos frecuente en Portugal, e faltando nas Baleares. Nas Canarias, Illa da Palma, críase a subespecie barbarus, con moi poucos efectivos de cría e considerada en perigo de extinción

No Outono dá en formar bandadas e para daquela é máis doado miralas polas campas da Capelada, polo medio das vacas, rebuscando calquera bichería que poida andar agachada ou invernando nas herbeiras terras do ouzal. Hai anos, uns vinte por iso, mirei unha grande banda, de algo máis de coarenta individuos, indo e vindo pola Punta do Bico, choiando ledas e berrallonas e aledando os intres co seu voar requintado e destemido, abrindo e recollendo as súas amplas alas e sendo quen  de revirarse no aire.
Outra boa observación fíxena na compaña de dous amigos baixando  á Punta da Meda.
A poucos pasos de nós, na beira mesma do descantil, unha parella de choias botouse a voar. Un   chío angurioso     oeuse  saír de entre as herbas. Alí quedaba,   soa, unha crianza. Chamando anguriada        polos seus pais. Estes daban voltas polo coto chamando por ela, urxíndoa a botarse a voar. A pobriña non se atrevía: debía de ter máis medo do abismo que de nós, que nos alonxábamos e deixábamola decidir. Os pais pousáronse na punta dunhas penas. Nos parámonos nun requeixo de herbas, ben alonxados, pro coa escea á vista. Os pais voaban de cando en vez e animábana dende o alto. A noviña choiaba e chiaba, pro non se atrevía. Ao cabo dunha boa media hora de voces  e   voos     continuos a malpocada cría atreveuse a zouparse ao abismo e empezou a travesar os aires cos seus pais.
Non por lonxe de onde nós estábamos, pasaron as tres voando, olláronnos, e foro indo cara a San Antón do Corveiro. De vez en cando, os tres amigos, rememoramos a escea.



E aínda lembro a primeira vez que souben delas, hai xa tanto. Aburrido, nun serán de inverno no que non tiña nada que mirar, os meus ollos iñorantes fixaron os primáticos nunha bandada de corvos que andaba á    rebusca de algo entre as vacas,    nalgunha escondida campeira da Capelada. ¡Miña madriña! ¡Choias! ¡Na Capelada! ¡Que fermosura salvaxe! ¡Os vídeos de Félix diante dos ollos! E así ate hoxe, unha percura continua, unha ilusión.

Pro nunca coma este día en Punta Penencia puiden miralas tan a gusto, deixándose tanto, eu deitado tras dunhas penas, iso sí, e cadrándome por primeira vez  poder facerlles unhas fotos e aínda uns vídeos nos que cando menos poden recoñecerse.

E rexistrei o seu repenicado peteirar entre as herbas, e a maneira de desbrozar a toneira, non cravando o peteiro, senon usandoio á maneira de tenaza ou pinza para sacar pequenos turronciños de terra, e aínda como, de vez en cando, volvían a asentar no seu sitio os pedaciños de terra que levantaran. E de cada pouco, limpaban o pico, cando contra unhas penas, movendo a cabeza dun lado ao outro, cando contra as herbas, co mesmo ir e vir firme e seguro do pescozo.

Decateime de que aproveitaban as desfeitas do porco (¡como ten de esbandallado Lobadiz!... ¡e aínda hai quen defende esta praga!) para mellor escarabellar na terra; pro tamén, no tempo que os mirei, as boas bicadas levantáronas en terreos virxes de  herba ben asentada.

E de como, ao meu parecer, a parella defendía o seu territorio de rebusca diante doutra que apareceu revoando, e macho e femia subiron ao alto das penas e berráronlles, ao noso entender, para indicarlles que aquela punta e os seus bichos esa tarde xa tiñan dono e que se foran indo  buscar merenda a outros cómaros. Vese no videomínimo.
E aínda poidemos deleitarnos coa danza  que o choio lle adicou á choia: todo un rebulir e tremor de plumas namoradas que malamente puiden gravar en video, só uns breves segundos, e dos que van entresacadas as imaxes que anteceden, e tamén estoutra:

 Conquerin estas dúas imaxes, de macho e femia de perfil, onde se ilustran moi ben as diferencias sutís, inapreciables por separado, de dimorfismo sexual:
O macho é máis grande e robusto, ten o peteiro algo máis ancho e  fortote, e asegúrase que os tarsos máis longos. Na miña opinión é o da dereita. Por certo que coxeaba apreciablemente. Observado con atención nos vídeos non souben dar coa causa.

E nada máis por hoxe, imos rematando esta entrada  que veu  cumprir un anceio vello que levaba comigo: a posibilidade de rexistrar unhas imaxes das choias que se poidesen ensinar sen morrer de vergoña. Ben sei que non son nengunha marabilla fotográfica, nen por aproximación, pro a min deume moito gusto o facelas, e tamén poder observar a esta tan fermosa coma escondidiza xente e poder así partillalas con vós, miñas e meus queridiños, aos que tan agradecidos  estou por seguirdes aí enchendo este bló de intelixencias compartidas.

Moi boas horas para todos.

A mandare




VideosMínimosdoNoroeste


video

Choias en Punta Penencia

(Menos os trece segundos iniciais de presentación,  o videomínimo é un longo plano secuencia sen engadidos nen cortes. Tres minutos da vida salvaxe, ao natural, na Costá Artabra)
,

Despós de data: recomendo unha ollada ao último achego, un bló monográfico da Universidade de Tras-os-Montes: Projecto Bico-Vermelho todo un exemplo da implicación das instituciós na conservación e o estudo dunha especie emblemática: acó deixámolas morrer, desfacendo cada día un pouco máis os seus hábitats e sen darlles a importancia que realmente teñen. Non somos conscientes do extraordinario capital de biodiversidade que estamos desprezando e destruindo.

Para  completar coñecementos:

Un  achego co son do seu choiar acó

Un estudio aproximativo de Amadeo Pombo, á situación da choia no ano 2007 con só premer

Todo un mundo de imaxes e achegos acolá
Un artigo sobor da situación en España editado polo MMA, eiquí

O artigo do Museo Nacional de Ciencias Naturais, en premendo

E estoutro un achego a un bló monográfico sobre a choia en  Portugal, (gralha do bico vermello chamanlle), premede. (Este é o achego da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, recomendado máis arriba).


12 comentarios:

  1. Ola Rafael, eu víraas voando nas Hoces do Duratón, mais non sabía que as había na casa.
    Tampouco chegara a velas "tan de perto". Grazas por partillalas con nós.
    Sefa

    ResponderEliminar
  2. Gracias a tí Sefa, por todo...a ver se podo subir o vídeo e xa me dirás. Apertiñas, miña.
    A mandare.

    ResponderEliminar
  3. Non sei cantas veces as terei visto sin reparar nelas, pola miña ignorancia do tema. Teño que reconocer que fuche ti, xa hai tempo quen me "levantou a lebre" sobre elas, e casualidade, coma ti, o día que mellor as puiden ver e máis de cerca foi tamén nas costas ferrolanas, frente á illa de Santa Comba, tamén unha parexa rebuldeira. Decidín mirar pra elas e disfrutar da observación en vez de poñerme a facer fotos, así que aquel momento queda so na miña memoria.
    Ao dos porcos vai haber que darlle unha volta en breve...
    Saúdos

    ResponderEliminar
  4. Boas Tojeiro... o caso é que por Artabria deixánse ver mellor que pola Capelada, onde sempre teñen máis buguíos por onde andar... de seu parecen bastante discretas e non gustar moito da proximidade vírica humana...ese mesmo día andaba outra parella por Santa Comba, xa non había luz e as imaxes quedaron enchendo os ollos.
    Ao dos porcos habería que darlle moitas voltas, andan a desfacer o pouco que quedaba virxe, a desfeita que provocan as mandas deles nos sitemas dunares non se mirara, hai ferrados de campeira de brión levantada e esbandallada. Para min son unha praga.
    Dalle unha volta no teu bló, será un tema moi necesario; eu teño moitas fotos de orquídeas levantadas e papadas ( a cebola) polo porco.
    Saúdos.

    ResponderEliminar
  5. O teu trabalho não tem preço, Rafa.

    Para o tema dos vídeos podes optar por um servidor do estilo do Dropbox. Permite subir ficheiros desde o navegador ou fazer sincronizações com um cliente que se instala no computador.

    Está in English, ainda que isso não há ser um problema.

    Podes fazer cartafóis privados ou ter ficheiros públicos, aos que se lhe asigna uma ligação para podê-los inserir em blogues como este, por exemplo.

    Se te registras desde a minha conta ainda recebo 250 Mb extra: http://db.tt/s8Uj3Yp

    Pequeno tutorial de Dropbox: http://vagabundia.blogspot.com/2010/12/dropbox-alojar-archivos-para-usar-en-el.html

    Para incorporar os vídeos será melhor que mires no Google por "inserir vídeos FORMATO no Blogger". Dependendo do formato, o código pode variar.

    Um saúdo.

    ResponderEliminar
  6. Obrigado polas túas palabras e recomendaciós...verei o que fago...a miña analfabetez dixital é moita, e ao mellor é simplemente por que pretendo subir un video demasiado grande...estou pensanso en abrir un canal en Youtube,e vincular dnede aí...non sei, xa mirarei, en todo caso moitas gracias pola recomendación e o vínculo. A mandare.

    ResponderEliminar
  7. Enhorabuena por el bolg, está muí chulo.
    Si quieres puedes dar un vistazo a mi blog:
    http://umdiadecampo.blogspot.com/
    Unha aperta
    Paulo Barros

    ResponderEliminar
  8. Boas Paulo, xa mirei o teu blogue e desfrutei moito con el, pasareino aos blós amigos...e mesmo lin polo miudo os estudos de mestrazgo que poñedes no blogue da Universidade... moito, moito interesantes.
    Apertinhas, meu.

    ResponderEliminar
  9. Felicidades Rafael, polo rexistro e pola sua calidade. inda que as teño visto,nunca a tiro de cámara, e menos con tremendas pouses.
    fermoso reportaxe co que todos podemos disfrutar.
    Saudos e unha aperta.

    ResponderEliminar
  10. Boas Antonnio...graciñas polas palabras...
    ...magoa de non podere subir o video que aínda me agrada máis ca as fotos, de seguro habería de gustar
    Apertiñas

    ResponderEliminar
  11. Parabéns pola entrada! Encántame este blogue!

    ResponderEliminar
  12. MOito obrigago, Rubén... dende acó tamén seguimos con moito interés o teu bló, Noroeste Ibérico, do que non nos perdemos unha entrada En todas se aprende algo.
    A mandare.

    ResponderEliminar