martes, 15 de novembro de 2011

O merlo rieiro

Cinclus cinclus, o merlo dos ríos ou merlo rieiro, e aínda tamén merlo riadego, e por perversión merlo arrieiro,  é unha desas xentes que de sempre chaman a atención de quen os mira: a primeira vez asombrado ao saber que tan pouca cousa é un destemido mergullador de augas bravas senón bravísimas, e   logo, apampanado coa soltura gracia e lixeirexa que este lindo currusco de pluma e froixel amosa de cotío ao facer o seu labor cazador:  pois de feito non pesca tanto peixe coma dá en cazar larvas e insectos acuáticos.
Hai moitos, moitos anos, mireino por primeira vez afundirse, ese paxariño anda tolo, pensei, entre as augas escumantes e fervedoras do Río das Mestas. Nada sabía eu del. Félix Rodriguez de la Fuente aínda non editara o correspondente capítulo, e por certo extraordinario, en Fauna Ibérica.
Pasei moito tempo sen volver a miralo. Para logo xa me amilagrara coa beleza requintada e elaboradísima do traballo do Félix que me   convertira nun  afervoado admirador deste asombroso paxariño: que é quen de ir polos adentros do río, se feros mellor, coma quen anda pola  casa.

Logo daquel primeiro encontro as oportunidades de botarlle un ollo, ben que numerosas, foron case sempre breves e inesperadas: un raio pardo que pasaba voando sobre a superficie do Río Mera; un paxariño precavido que se pousaba no alto dunha pena do Río Mandeo e desaparecía en canto se apercibía de que o miraban; unha extraordinaria aparición nos muros que encanan o Río das Somozas, en pleno parque; unha inesperada e instantánea irrupción entre as rochas da bravísima canle do Rego do Forte; e unha longa observación no Río Xubia, en zona moi humanizada, carretando bicadas pra o niño que construíra debaixo da ponte do Muiño do Pedroso. E para de contar.

Anda, xa que logo, por todos os ríos da bisbarra, pro case sempre coa presencia dunha  avisión aqueloutrada.

Achegueime días atrás a un currunchiño do Río Ladra, na Terra Chá, pra ver de tentar á sorte coa posibilidade da percepción, mais que fose coreña, dun anaco da vida silvestre do merlo rieiro. Ía con fe e espranza: tempo atrás, nese mesmo curruncho disfrutara cos indovindos inquedos, río arriba e río abaixo, -sen escorrentarse da miña presencia e movéndose nunha pequena zona do río- dun acomodado e moi manso exemplar. Agardaba  que o rieiro tivese a caridade de se me deixar ver de novo, aínda que fose un só intre mixiriqueiro.

Xa llo habería de agradecer, xa.


E alí, no mesmo lugar onde da outra volta disfrutara cos indovindos inquedos do merliño, alí  vin brilar, na escura  ribeira de enfrente, a brancura leda do peito do merlo rieiro. Pareime e olleino. Parecía andar de rebusca. Sen se mover dun calmado ribazo do río entraba e saía das augas a cada pouco, levando case que sempre algunha bicada. Arrequecíalle o labor. Aproveitando os segundos en que se mergullaba, pouco paraba polo fondo, movíame eu pra achegarme a ribeira sen asustalo e coa mesma correción funme sentando nas húmidas herbas, acomodando a cámara e dispoñéndome a recibir a lección de naturalismo que quixera explicarme e, de paso e ao xeito de apuntes de clase,  facerlle as fotos e os videos que cadraran.

Na case media hora que pasei sentado na ribeira, pouco se alonxou da mesma encalmada do río. Acabou sabendo de min, pro xa pra daquela eu era unha forma estática que non movía máis  có dedo entre os botós da cámara. Sorprendeume miralo en augas tan mansas: toda a bibliografía dá en asegurar que prefire as augas bravías e moi movidas. Iso si, o seu comportamento era  o que se podía agardar: facía breves inmersións de non máis de 5 ou 6 segundos na rebusca de bichería. Decamiño comprendín por que non se movía desa zona: no fondo había mantenza dabondo. Case que sempre saía con bicada: larvas de tricópteros que descascarillaba con sabencia subido a unha raís da ribeira.


Os tricópteros son unha orde dos insectos que para quen non anda moi situado poden ser confundidas con pequenas bolboretas. O tamaño das antenas, a posición case sempre vertical das alas e a presencia de pequenos pelos no canto das escamas, farannos sempre diferenciar  os uns das outras. As larvas dos tricópteros  (moi coñecidas dos troiteiros que fabrican á súa semellanza requintadas moscas tramposas) segregan, en rompendo do ovo, unha sustancia pegañenta coa que van recollendo pequenas pedras, areíñas, restos de madeira, cunchas... pra confeccionar con elas unha funda ou envoltorio no que se acobillan e gardan, e que vai medrando a canda a elas. Esa funda protectora, relativamente dura, é o que merlo rieiro ten que escachar pra conseguir liberar a dourada e saborosa eiruga.

En realidade, sentado na beira de enfrente, non me decatara dos detalles. Gozando na tranquilidade da casa cos vídeos, foi cando me apercibín do elaborado proceso alimenticio.

Na seguinte secuencia de imaxes, feitas coa técnica da entresaca, de seguro queda mellor explicado ese proceso










Presente con relativa abundancia no norte da Península Ibérica en boa parte dos seus ríos e aparecendo no centro e sur tan só nas zonas de outa montaña, garda na Galizia as maiores taxas de poboación por kilómetro de río. Ao noroeste do Noroeste, xa se dixo, vese por case que todos os seus ríos, pro maiormente con moita discreción e timidez.

O caso deste manso e moi civilizado merlo rieiro do Río Ladra paréceme certamente extraordinario. Non darei acó os datos exactos da zona de habitación  deste merliño. Sáibase en todo caso que é unha parte do río extraordinariamente visitada. En estando eu alí pasaron máis de dez humanos polo meu lado: amilagráronse daquel friqui entrado en canas, hay gente pa tó, que mollaba o cu nas herbas cunha cámara na mao; pro nengún deles percibiu a presencia do merliño. Mellor así.

Escuro, pardo e silandeiro o merliño era unha outra sombra da ribeira, non máis ca un discreto refreixo  das augas ao se mover.


Chega acó a hora das despedidas e os agradecementos. Se mo permitides primeiramente quero agradecer publicamente ao merliño, díxenlle que tal faría,  a súa boa vontade, mansedume e disposición pra colaborar na edición desta entrada. Mellor non se puido portar. Se as cousas non saíron como debían  só a un servidor se lle esixirán culpabilidades.
E a todos vós, miñas e meus, só se vos poderán dar mil gracias mil por andardes aínda aí, abrindo na vosa vida diaria unha fiestra  de amistade aos aires  do noroeste do Noroeste. Que sexa por moitos anos.
A mandare.



Nota marxinal: a técnica da entresaca, como xa se adiviñaría non outra cousa é que gardar como fotos fixas algunha das imaxes das secuencias do video. A calidade gráfica empobrécese por iso notablemente.  Pro paréceme que as posibilidades didácticas multiplícanse exponencialmente. Non sei o que pensaredes vós. Pra ter unha opinión máis formada botarlle un ollo ao videomínimo. En obriga.

VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV
video
Merlo rieiro no Río Ladra

E acó deixamos hoxe estes achegos:

a) O clásico de Vertebrados Ibéricos, información abondosa e de calidade científica; se gustar premer.
b) E estoutra de Fauna Ibérica, menos calidade científica, pro con un vídeo.Acó.
c) E falando de vídeos un achego a Youtube e a un bo lote de peliculiñas.

9 comentarios:

  1. Qué fermosas imaxes do merlo rieiro. Noraboa. Un saúdo.

    ResponderEliminar
  2. Rafael tes o blogue que ten sempre as mellores portadas de todos os blogues de natureza que coñezo. Son espectaculares. Dende logo menudo curre. Con cada entrada alucino un pouco máis. Unha aperta e parabéns! Que saibas que sempre o divulgo no "feisbuk". ;)

    ResponderEliminar
  3. Moitas obrigas me quedan para con vós por tan agradables palabras que me fan rubidar.

    O mérito das fotos e ao 60 por cen do merlo, un 30 por cen dos axustes e deixo pra min un 10 por cen por andar por alí adrede.

    De certo que as fotos teñen chollo, dende logo máis ca talento. Obrigadísimo pola publicidade no feisbuk. sempre agrada recibir leitores.

    Saúdos a ambos os dous, e desculpas por non publicar antes os comentarios: andei desconectado do mundo unhas horas.

    A mandare, meus.

    ResponderEliminar
  4. Preciosa entrada Rafael, o vedeomínimo un luxo, encantoume o traballar do merlo,parabéms, un saúdiño.
    (Toñito)

    ResponderEliminar
  5. Boas Toñito...moitas gracias...dende logo os vídeos que lle poiden facer quedáronme mellor ca as fotos...teño algúns minutos máis gravados, pro penso que esta peliculiña resume ben o traballo que lle vin facer, e dende logo pasei uns intres lediciosos...as fotos están moi retraballadas, o día era escuro, o páxariño andaba lonxe e para máis na parte menos luminosa do río, así que a velocidade de 1/30 e 1/40, a sensibilidade a 200 (as compactas xa se sabe), o zoom a tope e... a rezar que algunha sirva para ensinar logo do inescusable traballo de axuste.

    En fin non quero aburrir con problemas lumínicos... eche o que hai.

    Saúdos.

    ResponderEliminar
  6. Ola,
    Semella que non foi ao merlo rieiro ao único que lle apoveitou a laboura,
    e non me refiro a ti senón a quen estamos destoutro lado do blog.
    Grazas de novo por amosar o froito do teu traballo.
    Sefa

    ResponderEliminar
  7. Boas Sefa...benvido de novo ao bló... ter leitoras firmes e agradecidas coma ti é o que me da azos pra non me pensar aillado. En débeda, pois, contigo e con todos os que estades no outro lado da pantalla... e neste lado do corazón.
    Saudiñas, miña.

    ResponderEliminar
  8. Boas, son Chechu de Ferrol, traballo en Cedeira e case de casualidade coñecin o teu blog. Parece que comparto contigo alguna das miñas aficions-devocions a natureza no seu estado mais puro posible, o gusto pola fotografia, ata que vin o teu traballo me chamaba a min mesmo aficioado, agora xa sei que se pode ser, como no meu caso un aprendiz de afcioado. Gracias pola inmensa cantidade de coñecimentos que trasmites e que nos permiten a alguns coñecer o noso entorno. O domingo se ir mais lonxe penso ir cuns amigos a coñecer o entorno do rego do Forte. un abrazo

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Olá Chechu..perdoa por non contestar antes andei moi despistado desta resposta...ide amodo polo Forte, é unha zona moi delicada...a mandare.

      Eliminar