domingo, 4 de decembro de 2011

Escribidor da neve en Viveiro


Paseamos o serán do sábado pola moi turística praia de Covas que neste principiar de decembro anda afortunadamente baleirada de humanos. Un pracer pra o sentimento. Andamos á procura de cunchas pra fornecer o noso escasísimo cabdal de coñecementos na materia, e ao tempo deixar que os aires refriados se enguedellen  nos cabelos e nos manteñan as ideas frescas: tan necesarias pra os que peiteamos canas resesas.

O día é escuro e babuzallento. Nas lindes  da vexetación de ammophilas e as areas da plaia, miramos mover un paxariño. Non levamos os prismas, pro a ollo  xa imaxinamos que polos xeitos debe de ser un escribidor da neve: camiña moi pegado a area en treitos curtos e petisca acó e aló. Amáis entre as néboas do día e da presbicia queremos intuir certa claridade das plumas.

A cámara, con toda a focal extendida, confírmanolo: un Plectrophenax nivalis, o escribidor das neves, anda invernando polos marouzós da Plaia de Covas.


Xa que logo, o inverno anda a chegar. Os lindos e fermosos escribidores das neves están baixando un ano máis a pasar o inverno polas plaias, areas e montes da costá cantábrica. Hora de andar atentos e poder desfrutar, como nós fixemos  estoutro serán en Viveiro, co seu lizgairo movimento polas nosas terras. A ver se este ano hai sorte e podemos ir  mirar unha boa bandada aos altos da Herbeira.


Os escribidores da neve baixan todos os invernos, nunca en grandes cantidades, dende os seus lonxanoss lugares de aniñamento e crianza moi cerca do Círculo Polar ate as costás do norte da Península Ibérica, onde son invernantes regulares e puntuais e onde prefiren máis ca outros habitats os marouzós e areeiros. Atentos logo cando deamos un paseo polo areal: ao mellor hai sorte e podemos botar unha leria de olladas con este lindo paxariño noso de cada inverno.


Non adoitan baixar moito máis ao sur da rasa cantábrica e certamente no centro da Península son raros e no sur rarísimos. Un privilexio das terras do norte. Para desfrutar cada inverno. Tal fixemos nós este día en Viveiro, achegándonos mansiño e aos poucos, son bastante confíados se un lles sabe andar, ate poder ter unha boa observación directa e sen necesidade de óptica intermediaria.


Aínda sempre cun ollo ao petisco e outro ao fotógrafo, por se acaso, o escribidor peteiraba con arrequecemento polas areas da plaia nas que a presenza dos novos pés anuais da Arcthoteca caléndula, esa invasora ameaza visible e progresiva que ten inzado xa a maioría dos areeiros do noroeste do Noroeste, poñía unha nota negativa e preocupante. En Viveiro e no Vicedo, carpobrotus e arcthoteca, andan a asoballar os marouzós. Ollo.


Os escribidores na época de cría son bastante máis brancos ca no inverno, cando collen uns fermosos e delicados tons cremosos e caramelados que son un galano pra os ollos e unha garantía de discreción entre as cores outonais e invernosas.


Así que imos a andar con tento e ollo pra aumentar as posibilidades de miralos, que sempre veñen aos poucos e no monte non son tan rechamantes coma nas fotos: non sendo que se boten a voar, que daquela o branco de neve das plumas das ás relocen cunha brancura de felepa en flor.


E desta volta e ate outra mellorada, despídese de vós miñas e meus o "seu seguro servidor" que vos desexa  que as mercedes máis cumpridas que a vida poda ofrecer anaguen as vosas horas.
Sede felices.
A mandare.





VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV
Escribidor da neve na area.

E aí van estes achegos por se queredes enlazar:
a) Unha sinxela descripción moi coñecedora acolá.
b) Nestoutro os videos de Youtube, premer.
c) E, con perdón, un lazo con este mesmo bló.


2 comentarios:

  1. Sempre é fermoso toparse con este páxaro, é precioso, e só pensar o que terá recorrido para estar comendo por acó...moi guapas tamén as fotos, ademais cun día feo e dificil para retratalo. Bueno, espero que me toque tamén a mir mirar algún este ano, agora puxechesme os dentes largos jeje. un saúdo Rafa.
    Por fin funciona a miña conta google!

    ResponderEliminar
  2. Olá Toñito...pois xa andan por acolá, raro non se caia algún polo Barqueiro, pro en Viveiro ben miraches no video por onde anda, non sei se se moverá moito daí... tenta a ver...as fotos son as únicas que podían mirarse logo dalgunhas ducias desenfocadas.
    Saúdos.

    ResponderEliminar