domingo, 23 de outubro de 2011

Bicos de biluricos.

Anda xa arestora a Ría de Ortigueira, Cariño e Ladrido a ferver de xentes de augaire, fermosuras da pruma e o froixel, que escollen as inmensas limeiras dos esteiros dos ríos Mera e Baleo como área de repouso e folganza invernal.
Certo que este ano parece que a baixada anda un pouco retrasada:  coñécese que tamén polo norde andan as estrañas calores desta outonada vraocenta deixándose sentir. Mais pouco á pouco o grande espazo intermareal do noroeste do Noroeste vaise enchendo un ano máis das rebuliceiras xentes do limo, que atopan nesta infinda chaira mariña unha farturenta mesa con mantelo de xebra cuberta. 
Andamos días atrás repousando os cóbados, os prismas e a cámara no petril do malecó do porto de Ortigueira. Enfronte, mazaricos, gavitas, garcetas, gaivotas e gaivotos, parrulada varia, pildoriñas e biluricos, andaban rebulindo, con máis gracia que fame, polas areas escuras e lamacentas.
No malecó, algúns pescantíns, con diversa fortuna e parecida pacencia e intrés, andaban á pesca da xiba. Os admirados fotógrafos do grupo ortegano Calidris, andaban á captura da instántanea naturalista perfecta, facendo un admirable exercicio de pulso e tino sen o apoio da  muleta do trípode. Xa teñen mérito, con eses inmensos obxetivos que transportan.
Anda xa un bilurico arrimado ás pedras, informáronme os do Calidris este domingo de hoxe no que coincidimos de novo no malecó. É o primeiro do ano que se achega, seguiron a me informar. E logo non andaban xa por acó  un par de domingos atrás? inquerín eu dende a  miña iñorancia. Si, pro aínda non se abeiraran ás pedras, seguíu a me ilustrar Alvaro Polo, ese talento artístico ortegano.
Ata que se arriman ao malecó, pasan unha tempadiña esfuracando na area, sen se atrever a  vir folgarse ao peirao, aprendeume. Teñen que vir os primeiros vendabais pra que se garden debaixo do muro do muelle, ilustroume finalmente.
O grupiño que fotografara días atrás e que anda ilustrando este texto, aínda non se arrimara ás pedras, mais que aos poucos se fose aghegando e collendo confianza co ruidoso trafegar da humanidade.
Teñen  sido xa estes confiados biluricos protagonistas dunha entradiña neste mesmo bló. Son pra min unha ledicia anual constante e famosísimos entre os naturalistas e paxareiros da bisbarra. Sorprende aos desprevenidos paseantes que raramente ollan pra debaixo  do muro a súa tranquila estadía e repousada confianza.
Tés unha boa ocasión pra lle facer unha foto ao primeiro do ano que se acerca, díxome Alvaro, aí ao pé o tés. E por que non? pensei, mais que teña ducias de fotos deles nas mesmas pedras, outras poucas non me han de estorbar. Meu dito, meu feito. Aí van elas.


E polo de hoxe quédese a cousa acó.
Xa anda a bisbarra a rebulir da xente de augaire. Xa que logo, é hora de lustrar os vidros dos prismas e percorrer os intermareais co tento, o respeuto e a distancia necesaria pra non axocar nen molestar as xentes invernantes.

Animádevos, fornecédevos dos artellos precisos e da educación medioambiental necesaria e  disfrutade pois dun dos territorios máis requintados, fermosos e  entretidos da xeografía ibérica: o noroeste do Noroeste. De seguro non vos vai fallar.

Mil gracias mil, miñas e meus

A mandare.



VídeosMínimosdoNoroeste TV
video
Biluricos en Ortigueira

Nota marxinal: Efectivamente este video é da tempada pasada, ben que deste mesmo ano, pra xaneiro fará un. Nel apréciase un grupo de sesenta biluricos repousando no seu sitio de sempre. Semellan cogumelos, díxome entusiasmada, unha amistade a primeira vez que as mirou. Semellarán. Que os semellen por moitos anos. Bicos dun bilurico, miña.

Fe de erros: os trasnos das teclas, seguramente da treba dos mesmos que nunca me deixaron aprender latines con xeito e proveito, deron en facerme escribir Tringa tottanus, no canto de Tringa totanus. Sendo o caso que no vídeo ten mal amaño, serva esta fe de erros pra remendar o imposible. Escusádeme, prego.

xoves, 6 de outubro de 2011

A lagarta da serra.

As lagartas, tamén  os lagartos, con ese aire xurásico certo e esa ollada tenra e case suplicante, son sen dúbida das miñas xentes favoritas para tentar contemplar e mesmo  fotografar. Confeso terme quedado engaiolado co seu indovindo lizgairo, áxil, ingrávido, que me aleda a face de sorrisos admirativos e incrédulos, e malamente me permite ocuparme en   lles facer algunha foto.
Todas, elas e eles, lagartas e lagartos, xentesauria dunha fotoxenia salvaxe, evocadora de exotismos tropicais  antigos,  remexen no común das  ánimas, se  cucarandainas máis, conmovedoras pasiós terroríficas, e no ánimo do olláparo naturalista, en troques, levedan maretadas de lediciosos praceres perdidos, tal, poder desfrutar do antigo discorrer natural da vida espida, sen aditivos, sen colorantes...sen humanizantes.
Iberolacerta monticola, a lagarta da serra, vén hoxe a este bló fardada con todas as honras e maxencias esixidas as humildosas xentes do monte pra seren consideradas dinas de figurar nos máis prestixiosos catálogos conservacionistas dos tesouros  da biodiversidade. As poboaciós de lagarta da serra na Capelada, se coubera, máis aínda.
A lagarta da serra é un endemismo do noroeste ibérico que viña sendo considerado na súa área de expansión coma unha úneca especie que aparecía pola Galizia, Cordal Cantábrica, Sistema Central, Pirineos, Serra de Gata, Montes de León e Serra da Estrela en Portugal. A afinación dos estudos a nivel xenético e proteínico, deu en validar a diferenciación das diversas colonias, case que noutras tantas especies.
Deste xeito a poboación dos Pirineus definiuse como Iberolacerta bonnali, cos tres subespecies de seu, as poboaciós de Gredos e Guadarrama denomináronse I. cyreni, as de Serra de Gata I. matinezricai e as da Serra da Estrela, cantábricas e galegas, entre as que loxicamente entran as da Serra da Capelada, ficaron co apelativo tradicional de Iberolacerta montícola.  Considerando pra máis que as portuguesas son da subespecie I. monticola monticola, e as galegas e cantábricas I. monticola cantábrica: cousas da axitada ciencia da taxonomía, en estado permanente de definida indefinición.
A especie presenta un claro dimorfismo sexual, sendo os machos máis grandes e de aspecto máis robusto e teñen o dorso de coloración verde contra os tons pardorroxados das femias,  xardado en ambos casos con pencas negras que poden formar bandas polos laterais, aínda que os machos noviños teñan tamén a espalda parda. As crianzas, unha cucada, presentan un rabo azul e un aspecto fráxil incondundible. Característicos son os ocelos azuis laterais e axilares dos machos que lle confiren unha  farda linda e fermosa.
As poboaciós da Serra da Capelada presentan nos machos a distinción propia da coloración azul da gorxa, e por veces da cabeza. Característica esta única e especial, que define a raza propia das lagartas da Capelada e convérteas, aos meus ollos, nas máis fermosas das iberolacertas, e por outra banda diferéncianse tamén por ser quen de vivir na mesma ribeira mariña. Máis arriba vai a imaxe documental dunha femia adulta esculcando entre as madeiras do paseo da Plaia de Espasante. Neste mesmo bló xa se publicou a foto  doutro exemplar entre as pedras do peirao do cantil de Cortes: rebuscaba bichería entre as xebras da marea. Iberolacerta monticola cantábrica: a lagarta mariñeira. Na Serra da Capelada, si.
Especie considerada típica de alta montaña, gosta das pedreiras abondosas e amplas, estando especialmente adaptada para sobrevivir entre as regandixas e os coreños espazos entre elas. Xa neste  bló apareceu a imaxe dunha femia fotografada entre as morrenas glaciais de Os Tres Bispos, nos Ancares. Na nosa bisbarra ocupa unha diversidade de habitats: pola Capelada gosta das penedías entre uces, Os Carrís e Penedo Escuro por exemplo; dos areeiros da costá, ao abeiro dos paseos de madeira, tal na Plaia de Espasante; das ribeiras mariñas do cantíl, penso no   Peirao das Bolas da Enseada de Cortes, e asimesmo  vellos muros dos bosques de ribeira, na Illa do Río Mera por caso, e non faltan nas verticalidades destemidas da costá: teño fotos de exemplares pola banda da Espiña dos Gatos, baixando ao Cadro. Acolá ao parecer, por onde elas queiran.
Pesia a que non son moi difíciles de observar, para máis son moi curiosas e relativamente confiadas, cada día parecen ir diminuindo en número. Ao igoal que  con toda a vida salvaxe, a imparable extensión da influenza vírica humana anda ameazando a súa supervivencia. Parques eólicos, o desmadre das "actividades en contacto coa natureza" tal o sendeirismo iñorador, desaforado e salvaxe e o montañismo masivo; a construcción tola de infinitas e inútis pistas forestais; as repoboaciós masivas sen estudo previo; o furtivismo mineiro (...si, furtivismo mineiro, xa falaremos)... e tantas, tantas outras humanidades, o lume por caso, andan colocando a pervivencia  desta fermosa alfaia dos penedos nunha situación preocupante, que ameaza gravemente a sosegada vida tradicional  das fermosas lagartas da serra no Mundo Feliz da Capelada. Richini Richinoff, dixit.
Non extrañará saber, xa que logo, que está estrictamente protexida polo Anexo II do Convenio de Berna, que a Directiva Habitats declaraia especie de interés comunitario que require protección estrita e a lexislación estatal española consideraia "de interés especial", consecuencia todo este nivel proteccionista da declaración de Categoría Mundial UICN como "vulnerable" e na Categoría España UICN como "especie casi amenazada" no ano 2002. Saberemos conservar o noso patrimonio natural?
A mesma Xunta de Galizia, tan conservadora non tan conservacionista, advirtindo que algunhas das poboaciós recoñecidas de lagarta da serra viñeron declinando perigosamente, en casos mesmamente ate desaparecer, veuse na obriga de incluilas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas 2007 e otorgarlles a consideración de vulnerabeis. Moito máis vulnerabeis se pensamos que algunhas das poboaciós, Cabeza de Manzaneda por caso,viven illadas  e malamente poderán contactar e intercambiar xenes entre sí.
Servan estas letras e estas imaxes, case todas elas dun macho novo fotografado este ano, para lanzar un brindo á espranza. Un brindo a berros polo futuro das lagartas da serra. Un brindo a gorxa chea pola súa sobrevivencia. E fagamos algo máis.  Defendamos e protexamos os seus habitats: os penedos da malpocada Serra da Capelada, cada día  máis esbandallada e alterada. Brindemos, máis que sexa co viño amargo das horas, por elas, as lagartas da gorxa azul.

A de ir rematando no punto esta entrada lagarteira. Ogallá, coma as mareas do setembro, chegue riba de riba do voso corazón xeneroso, ao que  lle ei de quedar agradecido por acoller nel, co doce agarimo que sinto ao lonxe, estas  palabras bremanzosas.

Ata outra mellorada, miñas e meus.

A mandare.



Nota marxinal: van baixo do videomínimo unha  xeira de achegos nos que poderedes acceder, se queredes saber moito máis  das nosas lagartas, a un coñecemento científico rigoroso da súa bioloxía e problemática, da mao e a prosa dalgúns dos mellores especialistas do tema. Leitura proveitosa,  sen dúbida, animarvos.


VideosMínimosDoNoroeste TV
video
O petisco da lagarta.

Un achego a Enciclopedia Virtual de los Vertebrados de España, con rigorosas, amplas e actualizadas informaciós sobre a lagarta da serras, en premendo.

Estoutro a ficha en pdf do Atlas y Libro Rojo de los Anfibios y reptiles de España, pra achegar, premer.


E estoutro do Boletín da Asociación Herpetolóxica Española de decembro do 2006, no que Pedro Galán, herpetólogo do máximo prestixio, comunica a existencia das comunidades de Iberolacerta monticola da Serra da Capelada, nas que os machos presentan coloración azul na cabeza. Un documento imprescindible do naturalismo ao noroeste do Noroeste. Se intresa, premer.


Acó un artigo, do mesmo Pedro Galán e do ano 2005,  nun curso do IBADER, (Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural) sobor da situación e as ameazas da fauna herpetolóxica na Galicia. Simplemente a opinión dun dos máximos especialistas. En premendo. 

E un outro interesante artigo do mesmo Pedro Galán en MUNIBE, suplemento Nº27, sobre "Caracterización de las poblaciones de Iberolacerta monticola en el noroeste ibérico" si premedes.

sábado, 1 de outubro de 2011

Garzalba por Vilaboa

Anda na hora o vraociño de San Miguel deslumbrando de luces e calores as terras do noroeste do Noroeste. Aprovéitanse as poucas horas de lecer que deixan os trafegos dos días para aventar as preocupaciós da vida na contemplación simple, irreflexiva, do mundo. Mirando por ver.
Así andando sen buscar, só por que había tempo que non ía ao encoro das Forcadas, deixeime caer por Vilaboa. Por ver se se miraba algo.
 E mira si, había algo. Hai algo. Unha Egretta alba, unha garzalba pra os amigos, andaba pola beira, despreocupada do mundo, rebuscando bichería variada polas augas, demasiado verdelladas de xebra, da parroquia de Vilaboa.
Cando lle pareceu oportuno remontou por riba das árbores e foi indo cara a nordés, e eu tras dela. Dúas mulleres, en mirándome con prismas e cámara, endereitáronme. "O páxaro grande e branco foi para o campo de fútbol" "Ese por acó nunca se veu". Eu son da mesma idea. De non o ter mirado nunca por Vilaboa. Pro seguro que xa outros o teñen mirado. Hai moito oculoxista.
E alá andaba a garzalba, de centrocampista cortador. Sen deixar pasar bichería. Un escáncer, e ao mellor outro, e algo patudo,  algo así coma unha rá, fóronlle entrando no papo. Parece mentira, pro en aquel campo de xogo, pillou máis mantenza que en todo o tempo que a vin andar polas augas do encoro. Se coñece que ben sabía a onde ía. Unha profesional da bichería, que dúbida caibe?. 
Naquel medio tempo de mañá que botei á sombra das gradas do campo de Vilaboa, sen pensar e sen querer, desfrutei dun dos encontros de primeira máis interesantes dos últimos meses. Unha partida cara a cara cunha das garzas que menos se deixan ver por estas terras. Certo que todos os anos cae unha ca outra, pro tan encima da xogada, poucas veces.
E cando ela quixo,  foise indo aos poucos cara a sebe, colleu aire, remontou os eucalitos e foise pra outra campeira. E alí acabou a conversa,  e encetou a rematar tamén estoutra. Quen queira botar unha parrafada de olladas coa garzalba, vaia  dare unha voltiña por Vilaboa. Malo será que non ande aínda por alí.

E co agradecemento de sempre por estardes noutro lado do telón de teclas, miñas e meus, imos ir deixando xear por hoxe.
Que dure o vraociño de San Miguel.
A mandare.

VideosMínimosDoNoroeste TV

video

Garzalba nas terras de Vilaboa


Nota marxinal: Non había só algo polas Forcadas. Había moito. Anda por alí a aguia peixeira, os mergullós cristados, parrulada de alavancos e zarcetas, chíscalas en abondosía, beirarríos, o pequeno e o grande, Miguel Fernández debeu dar a cita, falcós pequenos, polo menos tres, unha becacina, o rei martín que chaman picapeixe en parella, e tamén un  Chylidonias niger e un Chylidonias leucopteros este último con pouquísimas citas na Galizia, según se comenta na páxina de Pablo Gutiérrez con fotos de moito mérito como é costume. E algunhas fochiñas, e mergullonciños e moita libeliña e unha temperatura deliciosa. Para volver agora mesmo. Imos logo.