xoves, 5 de xaneiro de 2012

Mascatos e carozas

Andan as rías na altura das  horas presumindo de ser o fogar acolledor de invernía das lindas e lizgairas carociñas, Alca torda, chegadas as nosas augas, máis mornas, dende as xeadas mareas do Norde onde pasan o vrao pescando, aniñando e criando.
Os elegantes  mascatos, Morus bassanus, baixaron hai xa tempo por centomiles e, algúns,  aínda andan baixando. Arestora  grupos pequenos entran nas rías, mirámolos en Viveiro e Cariño, detrás das madas de peixe, asexándoias dende o alto  e zoupándose a auga destemidos, seu corpo feito lanza, nun descenso acelerado dende outuras impensadas, regalándolle aos ollos  un espectáculo abraiante de vertixe e valentía mariñeira. Cousa fermosa, abofé.
Así os miramos estoutro día en que os trafegos dos días nos levaron a pasar a tarde a Cariño. Nas horas de lecer, no asexo do sol, mentres este collía pra o trasmonte, sentamos na punta do coído que rompe a Praia da Concha en dúas e desfrutamos ate o ollo cansar de ver. As carozas andaban lonxe e quedas, os mascatos menos cerca e  máis  rebuliceiros. Nada que os largavistas non amañaran. O das fotos é fariña doutra saca.

E tamén as miramos en Sada a onde fomos deixar pasar as horas desfrutando dos centos de alavancos que repousan ao carón da súa praia: un dos grandes espectáculos naturais do Golfo Ártabro. Non deixar de ir  velos. Non sei moito das cousas desas augas, pro hai un mes que andei por aí e non había nen a cuarta parte. Estarán, como todos, de recalada; supoño.

Miramos tamén  enfrente de Gandarío, mergulladores do pescozo negro, Podiceps nigricollis, serruchos, Sterna sandvicensis, e un bon bando de pentumeiros, Melanitta nigra. A todos lles fixemos fotos: tan tristes e tan pouca  cousa que no fondo fondal da arca do esquezo as deixamos. As menos peores, estas de carozas e mascatos,  son  as que con moita ousadía iluminan, ao mellor escurecen, esta entrada de hoxe, víspora dos Reis.










Sexa logo por tan leda circunstancia polo  que, de maneira excepcional, ao remate desta entrada van engadidos catro Videomínimos  que agardamos sexan do voso agrado. Alavancos, mascatos e carozas son os protagonistas estelares.

Moi bos Reis pra todos, miñas e meus; mil gracias mil,  e ogallá que  o Ogro Logrón  Urdangorrón non se achegue a perturbar, nesta noite de ilusión, os vosos soños de inocencia.

Na hora, quen non  está indignado está corrupto, paréceme.

A mandare.





VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV

video
Caroza, Alca torda, no porto de Sada.


video
Mascatos pescando ao axexo.

video
Carociña saíndo do porto ao luscofusco.

video
Alavancos pacendo na Praia de Sada.

2 comentarios:

  1. Sempre se queda ún mirando cando andan os mascatos a traballar, dende logo un dos máis fermosos dos nosos páxaros mariños, para o meu gusto polo menos...
    nunca escoitara o nome de carozas para as alcas, dende logo é axeitado, por acó a todo álcido se lle chama araxo.
    Parece que este ano están por todos lados.
    Unha aperta Rafael.

    ResponderEliminar
  2. Boas Toñito...acó en Cadeira as alcas son carozas e os "arae" aros...o de araxo sona moi ben, e é un novo étimo que engadir aos meus coñecementos, obrigado.

    Certamente este ano as carociñas son boas de ver. Aproveitemos.

    Unha aperta.

    ResponderEliminar