XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

venres, 24 de febreiro de 2012

Breve estanza no País dos Avutardos.


Deixamos arrolar as horas  do antroido polos camiños do norde portugués: polas benqueridas terras barrosás e trasmontanas. Chaves, Bragança e Miranda, eran estaciós previstas dunha xira que queríamos completar repasando camiños  das amplas chairas da sequeira zamorana e as súas lagoeiras anagadas. Non levábamos, coma sempre, rumbo predefinido. En cada encrucelada colleríamos  por onde o instinto nos pedira: unhas veces endereitaríamos, outras despistaríamonos, pro sempre nas revoltas do camiño agardaríanos a sorpresa do  imprevisto, tantas veces descoñecido e outras tantas inimaxinado. Coma sempre só unha premisa: as estradas canto máis afastadas do mundo, mellor.


Indo así coñecimos en Bragança a Domus Municipalis, un misterioso edificio civil tardomedieval, aínda non ben dilucidado, cun grande pío pra auga no  interior e unha sá de xuntanzas no porticado andar superior; construído todo nunha fermosa e sinxela arquitectura de aire románico.


Gimonde é un pequeno curruncho fóra do mundo, pro non lonxe de Bragança,  que aproveita os harmoniosos reconcos do Río Sabor, nesta mañá xeados, pra converterse nunha imaxe emocionante de equilibrada fermosura clásica: todavía posible hoxe nas terras da anterga Gallaecia. 


Un lugar civilizado   onde ao parecer non se aforran esforzos pra manter en pé as vivendas das cegoñas...esas privilexiadas do trato humano.


Deambularíamos sen rumbo coñecido polas terras arraianas de Miranda, dando voltas amodo, sen présas, por estradas rurais infinitamente recurvadas, anfractosas, arrimadas aos senos do tarreo coa mesma determinación da pel que se apega á cobra: sen aforrar nunca un anco, sen coñecer xamáis a rectitude.


Saberíamos de  Outeiro, centro relixioso, patria eterna das crenzas místicas, lembrándonos a fundada suposición de D. Luis Monteagudo de ser este termo un derivado de altario que  sempre nos remite á presencia no seu cume de antigas prácticas sacras de relixiosidade castrexa. Picos Sacros. Gallaecia. Estamos na casa.


E albiscábamos aldeias lonxanas entre as brétemas xeadas que cría o anguieiro, a brisa cru da nordesía, soportable na luz do día, implacable na friaxe da noite que acobarda ás xentes e achégaias ao lume  da lareira, se  houbere. Terras de inverno ou inferno. De aciñeiras e oliveiras.


Recende a Douro. Pararemos a pasear, xantar e mercar en Miranda. Leremos as placas en lhengua mirandesa, leremos tamén artigos en Nordeste, (hai sempre dúas páxinas finais escritas en mirandés neste modesto semanario da bisbarra), pro non escoitaremos a ninguén falar nesta anterga lingua. Mágoa levaremos. Co seu aquel de amarga sensación de estarmos, pesia a ser oficial, diante dunha lingua boqueante, pasamos o Douro. Ecoloxismo cultural, hai falla del.



Seguimos a rebuscar camiños por nós nunca andados. Non temos outra guía de estradas que as sombras que o sol cría e os recordos do río. Imos cara a norde, sospeitamos que nalgún momento daremos de novo co Douro, que deixando os seus oficios  arraianos vira a leste e busca á mai Soria. A terra, que se amesetara,  faise de repente esgrevia e brava; a estrada retornea e descende: aparece, entre sombras de acibeche e luces de ouro, a ponte de Requejo, disfrazada neste Tempo de Antroido, de paisaxe de western. Marabilla da pedra, do río e do enxeino.



As mañanciñas despértanse claras, xeadas e luminosas. A luz viaxa ao infinito horizonte mesetario recreando as cores da Terra: castañas da arada, verdes da alforfa, griseiras do barbeito. Terras de sequeira. Terras de pan levar. Terras zamoranas.


Por elas imos indo, polas estradas de nunca acabar, onde todo parece tan lonxe e  ao tempo tan perto.


Estamos nos  arredores da Villa de Fáfila, espazo mítico dos paxareiros ibéricos,  que neste ano de poucas choivas, poucas neves e poucos fríos, andan moi enxoitos, cos salares ao aire e con menos xente de augaire ca noutros anos. Iso nos din os gardas do parque, cos que conversamos ao pé da carretera, que a Casa do Parque e os observatorios andan pechados. Con todo botamos unhas olladas atentas, que sempre se olla algo...
...mais que sexa ao lonxe, moito ao lonxe, demasiado ao lonxe... coma este grupiño de tadornas, tan raras para nós...

... ou alavancos paseando como se fosen galiñas...
... e abondosos pitos da neve solitarios, seguramente xa buscando parella pois nestes campós crían...

...asi mesmo moitas  perdices  destemidas campeando por todas partes, ás  beiras das estradas tamén...

...e algún ca outro picanzo rei, unhas veces dun lado da Raia, outros da outra...

...e moitos miñatos reais, sen dúbida a rapina máis común, nestes eidos de horizontes limpos...


...e  moitos peneireiros, e gatafornelas rebuscando polas beiras das augas, e cincentas... e aínda bandadas enormes de gansos. Dixérannos os gardas que na altura non quedaban moitos, pois andan marchando xa pra a casa,  e que para máis  este ano baixaron poucos, 12.000 tan só cando o habitual son máis de 20.000 e que se tiñamos algún interese en ver avetardas que non sería raro que lles botásemos un ollo. Cojan tal pista a seis kilómetros de aquí y miren a lo lejos entre los barbechos y las alfalfas. Por ahí andan querenciadas. Hoy mismo las he visto. En los límites del parque tenemos 3000 avutardas. Seguro que las podrán ver.

Sen moita fe, pro por se cadrase e non tendo rumbo mellor decidimos seguir o endereito do guía  e mirar de ollar as avetardas. Vívese da ilusión.
E ate a  paisaxe da querencia nos metimos, por unha mala pista, esbandallada e acavorcada, de circulación rarísima que nos obrigaba a mirar máis para o firme inexistente ca pra as avetardas invisibles.
Paramos e esculcamos o mundo: a fermosa sequeira zamorana na que nengunha avetarda se vía. Só o xeado e enxoito aire da nordesía a habitaba.



Andamos ate unha lomba pola que subía a pista e no fondal dunha valgada infinda... ¡alí estaban as avetardas! A primeira vez na vida que os nosos ollos as desfrutaban. 



En grupos compactos de 20 ou 30 individuos, ocupando de preferencia as terras de barbeito, e pacendo despreocupadas. Unha ledicia impensada. Un galano imprevisto da viaxe. ¡Obrigado, Zamora!.



Non serían máis alá das catro da tarde, ou así. Quedábannos non máis de tres horas pra seguir mirando. O primeiro que fixemos foi aprender a distinguilas ao lonxe a simple vista e facer un reconto cos prismáticos: había cerca de 130 individuos. Unha gozada. Confeso que o tradicional nerviosismo emocionante das primeiras veces tíñanos afectado. Unha golosía de gloria, por iso.


Nesta época do ano as avetardas, din os que saben, andan en grupos firmes. Xa chegará marzo e poderase desfrutar das moi coñecidas e espectaculares roldas de exhición dos machos que os convirten nunha enorme folerpa branca, escumante, rebuliceira e borbollante.



A ver se temos ocasión de velos presumir, dixémonos, agora que lles coñecemos os barbeitos e as valgadas polas que teñen querer. Algúns machos, tal  nos amitaron, semellaban adoptar xa os costumes individuais de se subir as cimeiras das pandas pra deixarse ver das femias. Iso nos pareceu.

Pesia a que a literatura especializada di que prefiren correr a voar, nesas tres horas que pasamos ollándoios, miramos a algún grupo ou a individuos solitarios dar uns voos pesados e non moi elevados pra subir ao alto das lombas, elas saberán por que. Alá no alto lucían lindo. Un pouco lonxe, pro lindo, moi lindo.





As avetardas son xente das terras da sequeira e estepa euroasiática que viu diminuir drásticamente o seu número. Considerase en perigo de extinción en zonas nas que foi moi común. A caza e a desaparición dos seus hábitats serían as causas do seu eclipsamento. Na Península Ibérica mantéñense as poboaciós mundiais máis elevadas, toda unha chufa, e concretamente nesta área da Villa de Fáfila, onde na hora andamos, danse as concentracións máis elevadas. Crémolo. Nós pensamos ter visto nesa tarde uns  douscentos e pico de  exemplares.


Aves grandes, a máis pesada de todas cantas voan, poden chegar a acadar os 18 kilos. Aí e nada. Por iso, ter a sorte de velas pasar revoando, non  moi lonxe, será unha lembranza que saberemos gardar na arca da memoria dos ilusiós  cumpridas. Saíramos rumbo ao nordeste de Portugal e chegaramos ao País dos Avutardos.






O País dos Avutardos, si.
Estábamos arrimados ao coche por protexernos algo do anguieiro xeado. Ollábamos ao lonxe polas avetardas. Pola pista véñense chegando duas velliñas castellanas. Falamos. ¿Vienen a ver a los avutardos? inquírennos. ¿Avutardos, les dicen ustedes? contesto preguntando. Si, claro, de toda la vida les llamamos avutardos. ¿Cómo les llaman ustedes? Pues, por unha vez non pregunto, avutardas, no sé, así viene en los libros. Pues por aquí, dinos a señora, de siempre les llamamos avutardos. Somos del pueblo de al lado, y antes cuando se podían cazar, los pastores los traían al corral y cuando niños jugábamos con ellos y los comían. Por estos campos andan a menudo. Hoy por aquí no los veo, pero detrás de aquella cuesta por donde pasa la carretera suelen descansar un grupo de cincuenta o así. Siempre le digo a mi hija que les venga a hacer fotos. As dúas mulleres, abufandadas ate as orellas, sen que nunca lles miremos senon os ollos, pasean por gusto todas as tardes, faga frío ou calor, as prolongadas  e esbandalladas pistas rurais zamoranas. Buenas tardes, ustedes sigan bien, que nosotras continuamos nuestro paseo.

Quen comigo vai pensa que se detrás da lomba, casualmente, anda un grupo de avetardas, levantaranse nada máis chegar as señoras, e que sería prudente adiantalas no coche por se, casualmente, alá houbese algún grupo.

Sabia decisión.  Porque si que estaban, si. Un grupo de vinte e sete avutardos repousaba non moi lonxe da pista. Sen saír do coche, baixando as ventaíñas amodo, moi amodo e apagando o motor con medo, desfrutamos sen conto ollando aos recén coñecidos avutardos.

Facede vós o mesmo, prego:










E alí apampanados, embobados, sen sentir o frío nen o tempo que pasaba e mandaba a tarde a durmir, fumos, literalmente, deixando xear ata que chegaron as señoras, e a canda a elas os avutardos colleron aire e mandáronse pra detrás da panda. Pues si que tuvieron suerte, tan cerca no se suelen dejar mirar. Ustedes sigan bien, despedíronse e continuaron a súa andaina, que nos dixeran diaria. Muchas gracias, señoras, buenas tardes.



Tardes que se viñan vindo abaixo, que recriaban luces mestas, de grosos laranxas dourados, nas que se facía difícil retratar aos avutardos, pro que tampouco importaba xa moito. A impensada sorpresa tíñase xa producido. Sen querer, sen pretender, sen saber,   chegáramos a desfrutar dunha breve estanza no País dos Avutardos: ese territorio da ilusión tantas veces imaxinado. O galano final dunha viaxe sen plan. Como han deben ser.


E fomos deixando aos campós, ás sequeiras de barbeito e alforfa, iren entrando mansiño na noite. Ao trasdaluz das últimas raiolas botamos unha última ollada as avetardas, sabendo agora que nestes eidos corren polo nome cabal de avutardos: pois ao cabo, eles, os avutardos que non as avutardas, son os que fan a rechamante rolda de amor pola que son tan coñecidos e admirados. 



Prometimos tentar volver. Agora sabemos os campos exactos da súa querencia. Aledados e refriados, amilagrados de contento, despedímonos das chairas zamoranas, que na hora estaban ocupadas por un solpor dourado e limpo, no que as árbores axudaban a reducir o infinito. Imos indo cara ao noroeste do Noroeste. É a hora de volver.



Unha bandada de gansos cruza os ceos rousados do lusconfús rumbo a nordeste. Voltan tamén eles pra as súas casas. Deixan o País dos Avutardos. Ata o ano que vén. Boa viaxe, xentes.



E máis nada, miñas e meus. Déixenme que siga escribindo pra vostedes, prometo estar agradecido.

A mandare.



          VIDEOSMÍNIMOSDONOESTE TV
Avetardas en Zamora


Grupo de cegoñas na Chá o 22 de xaneiro que pasou.






E van estes achegos:
a) Un estudo moi documentado dos mellores especialistas en Vertebrados Ibéricos.
b) Información sobor dos avutardos de Villafáfila.

martes, 14 de febreiro de 2012

Festa de xofres e ouros


Na altura das horas que pasaron demos en andar mansiño polas costás baixas de Aguiño e Corrubedo. Diversos asuntos particulares que non son da incumbencia do obxecto deste bló leváronnos a poder volver mirar as fermosas areas graíñas do Parque Natural de Corrubedo e o Vilar; e ao tempo na extraordinaria Punta de Couso, inzada de instalaciós piscícolas, esnaquizada a desfeitas, tivemos o privilexio de poder contemplar o futuro: ese que a señora Rosa Quintana, na sazón Conselleira do Mar, vén de inaugurar ao entregar toda a costá galega, Parques Nacionais tamén, á logrona cobiza do capitalismo piscifactor. Estábamos advertidos: a saída da crise deseñaríase a cargo de diminuír o capital das xentes humildes -soldos, dereitos e propiedades do común- para aumentar ad infinitum o capital dos modernos aventureiros especuladores: os mesmos, logrón máis logrón menos, que nos meteron neste arruinado senvivir. Na hora, quen non está indignado está corrupto, paréceme. Ou debería.

O Parque Natural dos moderróns de Corrubedo e a lagoa de Vixán, esa patria da luz azul e as cores enxebres, recibiunos estes días coa luminosa frialdade invernal dos aires limpos, os ceos claros e a mar espida de escumas. O eterno índigo atlántico enchendo o ollo.

O vilar de Corrubedo, aberto ao sur, esténdese  pola  lingua de terra que dá remate  ao Barbanza e  ao seu pé recríase, branco e relocente, un areal inmenso no que se ergue a grande formación areosa que chaman os modernos a Gran Duna, porque ao mellor non saiben que cabedelo é a palabra galega pra nomear aos "pequeños montes de arena que se forman en las costas", Leandro Carré Alvarellos, díxoio. O  Cabedelo de Corrubedo.



Praias feitas coas arechas pequerrechiñas do graíño esnaquizado que encinta, que sostén e conforma a costá toda, e   nesta beiramar de Anquieiro amósase arruallado da  súa íspida fermosura de cores ben acordados: pardos, roxos, vermellos e marelos: e aló onde o salseiro non chega a ouricela viste  aos pelouros con maxencia e,  para completar a harmonía, rebenta de cores en toda a gama do safrán e o xofre. Festa da cor en Corrubedo.


Máis alá das pedras, na primeira liña de terra, quere dicirse de area, érguense fortes e seguros os alelís, Matthiola sinuata, dos que presentimos seus recendos futuros e entrevemos  as primeiras flores no cabezal da pranta. Vén a primaveira, sen présa e sen pausa, como andamos nós os  camiños, con modo e con tento.




Deitando os corpos nas areas á rebusca de diminutas cunchas, (esas  extraordinarias Spirula spirula e Lacuna pallidula que nos regala o día); esbarando lenemente a ollada polas herbas (sabemos que este ano non miraremos a Barlia robertiana, esa marabilla de  orquídea que apareceu por acolá); camiñando de coma de quen polos camiños que bordexan a ribeira, deixándonos ir co día e coa mañá no abalar dunha brisa, botámoslle un ollo ás primeiras flores da eiruga mariña, Cakile maritima sp. interglifolia, de follas especialmente carnosas e escuras nesta beiramar de Aguiño.



Ímola indo cara a barra de area da lagoa de Vixán.  Seguimos o circular dun chasco ao noso arredor. Parécenos  moi colorido e xardado. Está realmente fermoso no alto dun torvisco, Daphne gnidium; onde por fin lle poidemos facer un rexistro non moi indecente.



Seguimos a camiñar cara a barra da lagoa, que na hora cega a saída da auga: xa abrirá cando ela queira, non cando as présas naturalistas  queiran. Miráramos, ao irmos chegándonos, dende  a feísima chafullada  do Mirador da Rá,  unha enorme concentración de gaivotas nese punto da costá. Un espectáculo ao lonxe que queríamos confirmar de perto.


A prosimidade da visión de miles de gaivotas, a grandísima maioría claras,  repousando ao sol da mañá na brancura refulxente da area da Praia do Vilar, acompañábase da presencia de centos de gaivotas revoando e pousando de cando en vez, coma nun xogo, polas campeiras valadas á beira do piñeiral; e algún ca outro millar delas libraban   do salseiro ás súas plumas nas augas quedas da Lagoa de Vixán. Un festival  de ledicias. Un espectáculo asombroso. Parecería que a poboación completa das gaivotas do Parque Nacional das Illas Atlánticas, Cíes, Ons, Onceta e Sálvora, concelebraba naquela tardiña  soleada, fría e limpa algun ritual de relixiosidade natural. A ver: 




                                          

Vaia vostede a saber porqué nesa ocasión se botaron a revoar. Noutras dúas, unha delas   gravei, a presencia estúpida de  perrumanos e o seu esclavo bípedo  provocou a espantada xeral de tan ampla congregación. Ao mellor foi por pasare, non moi polo alto e sen eu  me decatare,   este miñato que posteriormente poiden ver revoar pola lagoa espantando paxarada e gaivotada. Vaia vostede a saber.


O caso é que demos volta e coa mesma cachazuda parsimonia, agora un pé, dentro dun pouco o outro, viñémonos vindo amodo, aledados pola visión asombrosa de tan magno festival de gaivotas. Certamente, na vida. Así é que agora arrimámonos a un con, ao mellor cun deixado languecer pensativo, e botamos un ollo á indiferencia que a chíscala e a gaivota consumían no desprezo das chapuzadas da marea, que mansa e todo, sempre daba en batuxar con sabencia un fermoso salferido de escumas.

E fornecidos de sal e sol pensamos que sen querer ía xa  sendo hora de pensar en volver. Metímonos un pouco máis pra dentro do moderrón por ver de ollar, co detalle e a demora que merecía,  a requintada elaboración das muradas do Castro do Porto que algunha excavación inconclusa deixou ao aire pra desfrute de todos os que pasen; se aprezan a malfadada riqueza patrimonial arqueolóxica galega, mel nas filloas.


E acó  íase rematando a xornada, a lediciosa tardiña sabatina do febreiro refriado, sen esperar moito máis do día, non sendo unha conversa sabedora ao agarimo dun bar caldeado e arrimados a un cafeíño fumegante. O día ía de sobras cumprido.
 Pro olla ti o que: algo dá en levantar do chan e logo dun aletexo torna a se pousar detrás dunhas penas revestidas de ouricelas. Imos ver que é, dixémonos. Con lentitude e sixilo fomos asomando pouco a pouco a cabeciña tras da pena e a pouco máis ou menos trinta metros, unha bandada de cholritos dourados, repousaba nas herbas co pico aproado ao vento.


Non eran máis de doce. Unha ducia tan só de fermosos e inesperados Pluvialis apricaria. Tan só doce paxaricos, si, pro lindos cada un deles coma un solpor de agosto. E alí mesmiño, ao carón das herbas, ao noso pé, deixándose acariñar pola ollada que non se fartaba de ollar. ¡Que hora esa hora!


Unha hora deitados nas herbas, encartados entre as penas, sen sentir as arestas das rochas, as esquinas do graíño, o frío do serán ou o xeo da brisa. Só as luces de ouro do froixel dos cholritos era. Unha caloriña certa mananciábase da súa plumaxe, entraba polos ollos, requencía o corpo e eisalaba pola pel desfacendo a xeada que quería xa caer e cubrirnos.



Miráramos non hai tanto unha bandada xeitosa de 26 individuos polas campas da Espiñeira, alá polas terras de Cospeito e outros moitos pola rasa cantábrica de Rinlo hai tanto máis. Pro nada que ver coa fartura de ouro e luz que nos regalaron as horas no moderrón de Anquieiro. Mansos e quedos, sabendo de nós pro confiados en nós, esa bandadiña de cholritos foi unha leción de xenerosidade e confianza.


Xentes habitantes das máis nortadas e alonxadas estepas eurosiberianas, baixan ate nós todos os inverno en número certamente apreciable e non son moi malos de ver. Prefiren as chairas do interior peninsular, facéndose máis raros  pola beiramar. Adoitan quedarse quedos e inmoveis, e pesia a súa fermosa e colorida farda pasan perfectamente encriptados entre as sombras e as herbas das campas. Dou fe.


Alí deitado entre pedras, mofos e herbas poidera pasar as horas da vida,  entretenido en poder facer, por fin, algunha foto decente de tan fermosos paisanos volandeiros.
A seguir van algúns, non son os  peores, dos rexistros fotográficos que lles tirei. Ogallá os desfrutedes, mais que sexa unha mínima parte  do que eu gocei facéndoios; iredes servidos de satisfacción, abofé.






E alá, acartonado nas pedras, con risco certo de lumbalxia grave e hernia eivadora, andaría ao mellor outra media hora, cando un grupo de perrumanos, e os seus esclavos, pasan polo camiño de abaixo e os cholritos, visto o que, deciden cambiar de posición e subirse ao alto da pedra, por mellor enterarse de todo, non sexa que o demo colla formulación perrumana. Prudencia, señores: velaí unha sabia ciencia.


Ocasión que aproveitou un servidor pra, lenta, moi lentamente e agachado sempre entre as penas cambiar de posición, poñerme a vendabal dos pluvialis, gañar o sol a favor e agora si, vivir a delicia da cor natural, regalarme un traxe de luces e desfrutar cunha festa de ouros e xofres bailando ao sol, na sá de festas azul da luz do mar de Aguiño.

Pasai, estades convidados.

















E deixemos a cousa por hoxe acó. Ogallá a tardanza en anovar as entradas do bló, poda ser compensada coa ledicia da luz e a cor das terras máis occidentais do Barbanza, esa patria na que se criou a miña filla e a quen, co permiso de todos vós, adico hoxe esta entradiña coa espranza de que estas raiolas de sol barbanciño alumeen na súa memoria as quenturas da terra, da nosa terra.

Mil gracias mil, miñas e meus.

A mandare.


Nota marxinal: Efectivamente moderrón é unha palabra descoñecida non sendo que sexas de Aguiño, do Vilar ou de Corrubedo, onde se emprega, sen pensar, polos galegomamantes pra desinar as formaciós de "dunas grises", nun senso moi parecido a como os de Cedeira empregamos marouzós ou en Ortigueira deron en chamarlle o seu grande areeiro, morouzos. Con toda a intención do mundo naturalmente se emprega nesta entrada. E pra que se saiba se di.

VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV
                                                
                             Cholritos dourados nos moderróns da Praia do Anquieiro, Aguiño, Ribeira