XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

domingo, 15 de abril de 2012

Huperzia selago, ao fin.



O feito comprobado de que este blo non se renove coa lixeireza que os seus ceareiros merecen non debería levar a  pensar que un servidor o teña deitado no esquezo. Ao contrario, non hai día que non me doa non  poder anovalo con maior e mellor frecuencia. Pro o caso é que  os trafegos dos días son moitos, as obrigas das horas máis e os necesarios intres de folganza e acougo, inescusables.

Arriscando a que esta excusatio non petita, acusatio manifesta, direi que son moitas as teimas que se me van acumulando na carpeta de borradores e apuntes: mobellas, peneireiros, gaveiras e cons, flores do marzo marzal, memorias do Caurel, da Enciña da Lastra, dos Montes do  Invernadoiro e tantas, tantas  máis,  andan empurrándose as unhas ás outras, apretuxándose entre si, querendo cada unha saír á luz antes ca as outras e facendo cada unha o que pode pra gañar a miña motivación e darme a forza necesaria pra investir a tarde de calquera sábado escurecido na redacción dunha nova entrada que de continuidade a este o voso bló.

Porque deixar de andar polo monte non deixo. As Alcaias da Ribeira Chá, esa ironía marabillosa de vertixe e historia, a Devesa da Rogueira do Courel, e a súa secuencia de andares botánicos, ou os Abismos do Chao do Limo poiden repasalos amodo nos últimos tempos e en todos fixen abondosa recollida de aprendizaxes.


Precisamente no Chao do Limo, ao pé da garita, nunhas penas de serpentiniña, entre as regañas coreñas das súas anfractosidades, deu en presentarse diante dos meus ollos o bálsamo curativo dun laio vello: catro pés de Huperzia selago, (un humilde e raro taxon da pteridoflora de outa montaña, felgos ou así pra nos entender), encenderon días atrás na miña ollada, inesperadamente, a ledicia venturosa que florea na ialma ao se relevare á luz diáfana do real, cos súas cores, seu tacto, seu recendo, o que ata  daquela non era máis ca un escuro e pantasmal coñecemento libresco tantas veces degoirado.
 Unha   doce embriaguez cenestésica asolagoume o entendemento e estampou nos meus beizos un  amodo sorriso  de fresca ledicia de primaveira  que iría comigo todo o día; e que de cando en vez volve a visitarme. A Huperzia selago, por fin, me falou.


Huperzia selago, é unha das dúas únicas representantes das Lycopoidae que se atopan presentes na Galizia. Planta típica da outa montaña, ten presenza continuada todo ao longo da rexión cantábrica e pirenaica, ben que con localidades moi espaleadas e de poucos  individuos. A colonia do regato Buitrera na provincia de Segovia, a 1400m de outitude, considérase unha extraordinaria rareza do Sistema Central e representa o límite sur da especie dentro da Península Ibérica.


Na Galizia aparece de preferencia na Serra dos Ancares e na Serra da Capelada, e en ambos os dous territorios con individuos escasos. Ofrecéronse asimesmo dúas citas en lugares diferentes: unha no Monte Galdo en Viveiro polo Padre Merino, e outra no Monte Caxado, no Concello de As Pontes, polo malogrado Xabier Soñora a quen sempre deberemos agradecer as moitas citas, descriciós e descubrementos que da botánica do noroeste do Noroeste fixo na súa desgrazadamente curta vida, ben que moi prolífica.


Pode que non sexa ocioso lembrar que tamén Huperzia selago, ten na Serra da Capelada as poboaciós a máis baixa cota de toda a súa área de distribución. Concretamente estes exemplares que iluminan e refrescan estas prosas apareceron algo abaixo da cima do Limo, aproximadamente a 550 m. Velaquí outra especie de outa montaña que ten na nosa serra o seu fogar máis mariñeiro.

 
Taxon que ten unha ampla distribución mundial, aínda que sempre rareado, que inclúe zonas temperadas e frías do Hemisferio Norte e da Macaronesia, e tamén Australia, Tasmania e Nova Zelanda, está considerado case en todas partes planta rara, que entra frecuentemente na categoría de en perigo ou vulnerable dada a escasez de especímenes e a distancia das  colonias entre si.


A abundancia en alcaloides da huperzia convirteia nunha especie fortemente tóxica, que nos provocaría mareos, esvaíos, gómitos, esfurriña e fala farfulleira, se tivésemos a ocorrencia de andar pacendo nela. Como nen ela é moi abondosa, nen a amitación alimenticia das cabuxas é moi frecuente, vai ser raro vermos un intoxicado por huperzia. Agardo.


E sendo como é verdade que todo veleno, na dose adecuada, é remedio, non extrañará que  na antiga menciña tradicional china se utilizase unha planta da mesma familia, Huperzia serrata, entre o vademecum diario de apoio ás maladías do sistema nervoso o que  moveu na última década a ciencia positiva occidental a buscar e investigar nos seus principios activos.


Nos últimos anos son numerosos os artigos científicos (e abaixo dende os  achegos habituais pódese acceder a algúns deles), que se publicaron para dar conta das investigaciós arredor da Huperzina A, substancia sintetizada nas huperzias, que despertou, con repeniques de gran negocio, o interese da industria farmacolóxica occidental por sere un inhibidor potente, selectivo e de moi baixa toxicidade, da acetilcolinesterasa  o que a convirte nunha candidata prometedora pra ser un remedio eficaz da terrible enfermidade de Alzheimer e tamén  un protector frente ao gas nervoso, ese horror químico que  tanto teñen utilizado,  calada, ilegal e inmoralmente, determinados exércitos. Aí é nada.


Establecido o seu interés como substancia farmacolóxica, as liñas de investigación actuais xiran arredor da posibilidade da súa produción en grande escala. Sendo en estado natural  as huperzias  plantas escasas como xa se dixo, e sintetizando moi poucos miligramos de Huperzina A cada unha delas, e sabedores todos da elevadísima incidencia entre as lonxevas poblaciós modernas do mal de Alzheimer comprenderase que os esforzos investigadores da Industria e Universidade de numerosos países, (non sei se a galega tamén), vaia na dirección de conseguir unha producion industrial suficiente e rendible.


Investigaciós sobre as posibilidades de reprodución in-vitro; indución artificial de estímulo dunha maior produción de Huperzina A en exemplares de Phlegmariurus squarrosus, outra huperzial, ou elaboración de estratexias pra conquerir unha maior produción natural, son algunhas das prometedoras e esperanzadoras liñas de traballo que anda a seguir arestora a comunidade científica internacional. Unha espranza.

A mesma coa que hoxe quero rematar no punto esta entrada: a de sabermos que un tesouro botánico, xa que logo farmacolóxico, se agacha na nosa serra.

E unha reflexión: o coidado, a proteción, a permanencia do noso cabdal botánico, da nosa natureza en estado enxebre, non só é unha obriga moral e cultural, senón unha obriga pra coas cencias da saúde.

Que na hora aínda haxa autoridades que se dediquen a fumigar con herbicidas o patrimonio natural común (¡esas paredes do Castelo da Concepción onde se criaba Linaria aguillonenssis e Crepis novoana!) non só é unha demostración de incultura e falta de educación medioambiental, senón unha lamentable lección de pouco respeto á saúde pública e de cega iñorancia  politiqueril. Xa estamos afeitos. Ou ao mellor xa estamos fartos.

Moito obrigado quedo por andardes aínda  aí.

A mandare.



E han de quedar estes achegos:
1) A cita clásica e primeira de Soñora e Ortiz, Notas Pteridológicas de Galicia II en   Acta. Bot. Malacitana, 1988. Premer.
2) Unha cita do lembrado  Xabier Soñora en Notas pteridológicas de Galicia IV, dando conta dunha comunidade de Huperzia selago no Monte Caxado. Premer.
3) Un artigo do especialista en pteridoflora Javier Amigo, do ano 2005, "Los helechos en el noroeste ibérico y su interés para la conservación". Sabencia pura.
4) Ficha de Euzkadi.NET sobor da presencia e distribución deste taxon no País Vasco.De interese.
5) A cita de 1984 de Rico Hernández e Romero Martin en Anales Jardín Botánico Madrid da localización dunha colonia na outa cabeceira do regato Buitrera,  Cerezo de Arriba, Segovia, unha das máis meridionais de Europa. Premer.
6) Unhas fotos de huperzia en BIGA. Para ver, premer.
7) Achego a páxina de farmacoloxía  Science Direct, (está en inglés, traduce Google), onde poderedes ter acceso, previo pago de 27 dolares por cada PDF, a unha ampla biblioteca de artigos sobre a bioquímica das huperzias e os licopodios, e as súas posibilidades médicas. Eu, e a miña economía, conformámonos cos resumos e un pescudeo petisqueiro de acó por aló. Interesante.
8) Outro da mesma páxina sobre a situación actual de declive da especie  pola recoleción abusiva de huperziales na China e as propostas de solución. Acó

Nota marxinal: De entre a numerosísima camada semántica que a inventiva galega, senón o humor, soubo crear pra denominar o irse por si mor das evacuaciós de ventre líquidas e frecuentes, a saber: cagarría, cagarriola, foira, esfoira, zurricha, correntía, correnza, reira, cámara, esbarrufa, esborreca, furrica, furricaina, furruqueira, cisca, cisqueira,  andar de vareta, cirluada, calieira e sicha, un servidor elixiu a que aportou en 1885 Luis Aguirre del Río: esfurriña. Paréceme ter escollido a máis lixeira e graciosa... e a menos olorosa. Está utilizada ao falar dos efectos do  veneno da huperzia.

16 comentarios:

  1. Ola Rafael,
    Recoñecemento, penso, merecedes as persoas que recolledes e comunicades coñecemento en xeral e sobre nós, a "nosa" natureza e lingua, en particular.
    Hoxe coñecín sobre a Huperzia Selago e creo que se algunha vez a vin pensaría que era un musgo. Grazas pois.
    Marta

    ResponderEliminar
  2. Ola Marta...benvida ás comentaristas do blo...moito obrigado por verbas tan garimosas que seguramente non se merecen...un fai o que pode, que como se ve non é moito, por transmitir aquilo que vai aprendendo, que saber non sei nada...Galizia, patria farturenta, anda na hora fraca e desencuadernada. Dar a coñecer o ouro do seu patrimonio natural e lingüístico, por ver se hai quen se queira apuntar a defendelo, é obriga, que sen outra imposición ca do sentimento, este galego nado na Calle da Costa de Cedeira,levaia con arruallo e ledicia sempre que outras galegas e galegos, coma ti, vibren na mesma onda que a el o emociona. Sempre en galego, sempre en Galizia.Sempre.
    Apertiñas de estraza.
    Benvida.
    Rafael

    ResponderEliminar
  3. Parabéns Rafa, a Capelada é moita Capelada e nunca defrauda á que con atención mira canto ela ofrece. A Huperzia teñoa tentado polo Caxado pero sen sorte, case perdera a esperanza pero agora décheme un pulo para tentalo de novo.
    De novo parabéns pola merecida recompensa.
    Toñito.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Agradecido, Toñito...certo, a Capelada é moita Capelada pesia a desfeita e degradación...o prósimo sábado día 21 se o tempo o permite a Fundación Ortegalia orgaíza unha conferencia andante polo Chao do Limo que será conducida e explicada por un servidor...hai plazas contadas e escasas...se podes apúntate...a huperzia será servida.
      Saúdos.

      Eliminar
  4. grazas pouco a pouco vamos coñecendo as plantas nosas cos teu reportaxes

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moi agradecido polas vosas verbas, familia...saber que hai cedeireses e cedeiresas aos que lles interesa saber da riqueza natural da súa parroquia (a Capelada ao fin é de Regoa)da azos pra seguir escribindo.
      Saudiñas.

      Eliminar
  5. Olá Rafa, aquí Miguel.

    Só facerche un par de comentarios. O primeiro, moi a meu pesar, é unha corrección ao "latinajo" do principio (creo que será unha gralla): "manifesta" debería dicir, coido.
    Polo demais unha entrada impecable, coma sempre, ben documentada e ben ilustrada coas túas fabulosas fotos. Coincido contigo en que o uso de velenos varios é algo tan xeneralizado como triste e daniño. Algo incrustado no pensar e obrar galego (e español tamén) dun xeito que fai difícil a extirpación. Só a información, a través por exemplo de blogs coma o teu, pode facer algo ao respecto.

    Unha forte aperta do teu compañeiro de andanzas naturalistas.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Boas MIguel...obrigado, certo que debería dicir "manifesta"...o caso que repasei cen veces, ou así, o texto non me decatei do troco da "a" pola "e"...corríxese "ipso facto".
      Os blogueiros facemos o que podemos, pro pensar que dende estes modestos e poucos leídos medios podemos trocar algo a realidade, paréceme eufórico...mellor sería que as leises estivesen a favor das xentes e non a beneficio do capital... un DOG que en tres renglós ordene multar adecuadamente o uso dos herbicidas, ten máis incidencia práctica que tres mil blós de tres mil artigos de tres mil lineas cada un. Paréceme.
      Apertiñas, meu, (as fotos dos merlos de regular a mal, as pinguículas mellor)

      Eliminar
  6. A primeira vez que vexo unha fotografía dunha Huperzia selago galega. E tan só a vira ao vivo no estranxeiro, a uns 700 metros baixo abetos centenarios, con algunha faia arredor, e sobre calcaria disolta. Abofé que é un contraste o hábitat o que ofreces, Rafa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Boas Pablo...
      ...certamente o mundo de peridotitas da Capelada é un caso aparte...para máis a estas debe de chegarlles algo de salseiro, pois non hai cen metros ate a liña do cantil, e xa dixen están directamente encima das pedras, seguro que chantando a raiceira nalgunha regaña.
      Saudiñas, obrigado.
      A mandare

      Eliminar
  7. Parabéns por un artigo excelente en gráfica e escrita e por esa labor de descoberta da nosa flora e fauna moitas gracias.
    Xisbe

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moi agradecido Xisbe...pro certamente eu pouco labor de descoberta fago, limítome a tentar divulgar a riqueza patrimonial común, na convicción de que o que non se coñece non se pode apreciar nen querer nen respetar...

      ...que che pareza que vai ben escrita reconfórtame, confeso que invirto moito en facelo o mellor posible, xa que son moi consciente das miñas moitas carencias...

      Saudiñas, meu.

      Eliminar
  8. Veño de pasar o 22 polo Xistral, no cumio do reemisor, atopei a Huperzia Selago, para asombro dun botánico acompañante. Curiosa coincidencia.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Pois de confirmarse a cita non sei se non será a primeira pra o Xistral. Parabens.

      Eliminar
  9. Ola Rafael, encantado de ollar estas fotos da Huperzia da Capelada. Un blog magnífico. Parabéns.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola Xermán...moi agradecido polas palabras e aínda máis por aquelas oportunas reticficaciós que me fixeches dalgunha ca outra confusión coa flora da Enciña da Lastra.
      Deille unha volta ao teu bló, doulla ciclicamente, e amilagei coas Listera ovata...sei que se citaron por Ortigueira, pro por moito que andamos a buscalas non damos con elas.

      Seguiremos na percura.

      UNha aperta.

      Eliminar