XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

domingo, 27 de maio de 2012

Galiñolas no Condomiñas

Andrés, O Sequiño, vén de lembrarme que hai tempo xa que lle prometera unha entradiña sobor das galiñolas da xunqueira do Río Condomiñas.
Andrés está felizmente xubilado e camiña de cotío os carreiros dos arredores, cando non dá en ir con Luis Quintana á Praia das Bólas ou a Ancares, e servidor, aspirante a un retiro xubiloso cada día máis lonxano, dá en ocupar algunhas horas en retratar ás xentes ceibes do monte.
Un e outro, á parte de ao pé duns chiquitos en calquera bar, damos en atoparnos polo campo: unhas veces polos camiños do Campo do Castro, outras por calquera pista e ás veces polas beiras do Condomiñas.
Nunha destas ocasiós, nas que sempre  nos paramos a falar unhas razós, ensineille na pantalla da cámara, as imaxes das galiñolas que andaba a tentar pillar. Díxome que nunca soubera que por alí andaban, e que pesia a facer ultimamente  a  miúdo o paseo darredor do río, non caera na conta de que por alí había esas aves tan rechamantes. Prometéralle daquela facer unha próxima entradiña neste o voso bló sobre o tema: pra que as poidese ollar máis azosamente. E non cumprín.
Andrés é un cedeirés de toda a vida, un home tranquilo, cabal e ben querido por todos cantos o coñecen. Parece ser que deu en comentar por aí a existencia das fermosas galiñolas e houbo quen lle dixo que  por acolá nunca as houbera e que seguramente servidor lle ensinara imaxes gravadas, vaia vostede  saber onde.
En Cedeira, coma en tantos outros sitios claro está, abunda a moi tabernaria especialidade do Enxeñeiro en Todo con requintados Estudos en Nada, aos que non se lle coñece outra habilidade que ter razón por berrare máis. Son un clásico da vida local e nacional. Afortunadamente non abundan, pero habelos hainos.
Andrés, prudente e discreto sempre, non me deu pista nengunha, faltaría máis, do tal enxeñeiro, nen sequera así lle chamou, só me dixo: houbo un que. Pregoume, iso sí, que editara as fotos que eu lle ensinara para ver de poder ilustrar ao pertinente Sabechotodo, (sempre hai un de garda), con algunhas imaxes exemplares. Sen dúbida un labor misericordioso: ensinar a quen non sabe.
Seguramente serán moitos outros os cedeireses que, asimesmo, descoñecen que entre as xuncas do Condomiñas, na Xunqueira, inverna dende sempre un grupo escaso, (non serían máis de nove este que pasou), de Gallinula chloropus, a galiñola cedeiresa de toda a vida.
Foron máis abondosas noutro tempo (algúns cazadores sábeno ben) no que as beiras do Condomiñas tiñan unha xunqueira moitísimo máis estensa, ampla, mesta e callada e as súas ribeiras eran un paraíso de fermosa enxebreza natural, no que aínda se escoitaba o languiñoso badalar das campás da irexa da Cidade de Valverde asulagada no fondo escuro do mítico Pozo Redondo. 
Hoxendía, no que a presenza da Phragmites australis,  xuncas ou xuncos, reduciuse a pouco menos ca unha testemuña residual, e as beiras do Condomiñas son un paseo fluvial urbano, se non "zona industrial", a presenza da galiñola, que acó de que eu saiba xa non cría, ficou nunha  pequena poboación invernante.
Os habituais do paseo, outramente xente maior, coñécennas ben. E as galiñolas coñecen ben aos paseantes: mentres  un andar, elas seguiran tranquilamente co seu petisqueo continuo entre as herbas, pero en canto te deteñas,  paran de peteirar, observan o camiño e, se perceben que andas a ollar pra elas, achéganse á beira do río, dan un pequeno vóo e escóndense entre as xuncas.
Non quedarán agachadas moito tempo. Aos poucos volven á herbosa marxe esquerda, e indiferentes da presenza da garza cinzenta, da chíscala ou dos parrulos, aproveitan o tempo pacendo tranquilamente. Unha árbore tras da que agacharse e uns prismáticos medio decentes (un aquel de pacencia  e calma tamén fan falla), abondan pra desfrutar dos indovindos diarios das galiñolas. O inverno que vén, doutravolta.
E así, o caso é que indo  mediando o mes de abril  fanse moi raras de ver. O pouco espazo de xunqueira  que vai quedando e as grandes  mareas vivas que anagan a totalidade da mesma non fan doado a crianza  nas beiras do noso río. Engádaselle a presenza de algún ca outro nouturno furtivo pesqueiro, a incrementada presenza perrumana, as inevitables razzias do cocho do monte, e completaremos o debuxo dunha  paisaxe de esterilidade pra faceren niño.
Marcharán a aniñar a calquera das zonas húmidas da nosa bisbarra: á Frouseira, ao encoro das Forcadas, a Doniños, a Pantin, a San Xurxo ou vaia a saber vostede onde, que nalgunha destas áreas xa se ten demostrado que a galiñola deixou de criar. Xabi Prieto, (acó) argumenta que a praga do cocho do monte anda detrás do declinar da galiñola coma especie criadora na bisbarra.
 Sen ser un coñecedor do tema penso que na Terra Chá debe de ter razoables poboaciós aniñadoras. No Río da Madalena, en Vilalba, paréceme que debe de habere unha pequena poboación  estable, pois todos os anos fotografo polas súas beiras algúns noviños navegando ao abeiro das espadanas da ribeira.
Certamente nas Forcadas (non hai tantos anos, finais dos noventa) eran moito máis abondosas do que o son agora. Rara era a visita ás súas ribeiras nas que non ollaba un bó número delas. Mesmamente, en certa ocasión, poiden fotografar un grupo de catorce. Pero cada ano fáiseme máis difícil botarlles un ollo.
Igualmente anos atrás fotografei unha femia cunha rolada de seis pitiños nas augas da renovada Lagoa de San Martiño, no areeiro de Morouzos en Ortigueira, pero nunca máis. Dende aquela foi moito máis fácil fotografar as desfeitas do porco todo ao redor do salgueiral. O bitor (Rallus acuaticus, Leandro Carré Alvarellos dixit), a galiñola e os alavancos, que a todos aí ollei, non conseguiron establecer poboaciós aniñadoras estables.
Parece pois que esta fermosa ave está declinando na nosa bisbarra, sendo como foi unha das máis comúns e estendidas. Mágoa. De ser certa a razoable sospeita que acusa á sobreabundancia de porcos bravos (resultado dunha xestión cinexética nefasta) da diminución drástica e xa contrastada de galiñolas, velaí outra vítima da praga do porco bravo: cando se terá a valentía de tomar medidas?
Precisamente por andar víndose a menos, deberemos  valorar máis, e coñecer antes, ás invernantes galiñolas das malpocadas ribeiras do Río Condomiñas. Deberemos  facer un esforzo por sabermos das realidades naturalistas do noroeste do Noroeste, da súa extraordinaria riqueza e das moitas posibilidades de atracción que teñen: pero, antes, hai que saber delas, saber valoralas e saber vendelas: pra tal hai que saber defendelas e gardalas. Non hai outra: protexer, e aumentar se caibe, os seus habitats, os seus fogares, súas casiñas, seus lares.
Coa ilusionante espranza de que esta entradica poidera dar a coñecer a alguén  a existencia da pequena poboación invernante de galiñolas no Río Condomiñas e coa certeza de cumprir a promesa que lle fixera ao Sequiño, irei por hoxe deixando xear, agradecéndovos, miñas e meus, a vosa continuada presenza nese outro lado do mundo.

En débeda.

A mandare.


7 comentarios:

  1. Polo san Andrés a galiñola ven, polo san Brais volve a marchar.
    Hai anos que teño recollido ese refrán que musiquei para un traballo que estou a piques de rematar.Claro que hai galiñolas!
    Noraboa polo teu, amigo Calel.
    X.Antón Suárez Aneiros

    ResponderEliminar
  2. Boas Antón...moi agradecido pola contribución..este refrán, que me parece terche escoitado algunha vez, tíñaio esquecido...agardemos que sexa aplicado a especie que andamos a comentar, Gallinula chloropus, pois co nome de galiñola corría por Galicia adiante a becacina, Gallinago gallinago, que pra os efectos, o refrán parece referirse a ela, pois a becacina pasa entre nós os meses de inverno e logo marcha a criar máis ao Norte de Europa, dándose o caso de que a que chamamos galiñola en Cedeira de sempre criou pola bisbarra e xa que logo non marchaba.
    Onde recolliches o refrán? Se é por fóra de portas pode andar referíndose á becacina.
    UNha aperta, Antón.
    Non perdas as mañas.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Esquecía que outro refrán que podería cadrar ao xustiño e aquel ao mellor máis coñecido de "Pola Candeloria casan os paxariños e marcha a galiñola" que parece referir a unha especie migradora e podería ser a becacina.

      Pro Taboada Chivite, ten recollido estoutra variante. "POla Candeloria casan os paxariños e tamén a galiñola" que da a entender que esta galiñola si se queda entre nós e podería ser a Gallinula chloropus que sempre andou por estas terras: as galiñolas do Condomiñas.

      Vaia, que gracias a túa contribución queda agora a galiñola un pouco mellor comentada con estas referencias a súa presenza no refraneiro galego: ao cabo son tres refráns diferentes. Non está mal.

      Unha aperta.
      A mandare.

      Eliminar
    2. Boas a todos:
      Eu tamén tuven ocasión de velas este inverno, aí mesmo, eran 3 creo recordar, hai algunha foto, penso que foi unha das que vimos aquela noite que andaba a "cazar" a londra. Outra desas xoias que temos ben cerca e non teñen a atención merecida, pero para algo está este blog.Quédome coa definición de ingenieros tabernarios, tal cual.
      Saudos

      Eliminar
    3. Benvido Juanma:
      Lembro a noite da londra. Polo daquela aínda andaban por acó. Que tal quedaron as fotos? A ver se te animas e subes algo ao blo. Ben sabes que fai moita falla escoitar unha voz ponderada e coñecedora dos asuntos capelados coma a túa.
      UNha aperta.

      Eliminar
  3. X.Antón Suárez Aneiros1 de xuño de 2012, 10:03

    Rafa, o outro día comenteiche que me parecía ter recollido o refrán en Malde; estiven mirando e non foi alí, díxomo unha velliña na Painceira, Régoa.
    Así que clarexado o asunto e a mandar.
    Unha aperta.
    X. Antón Suárez Aneiros

    ResponderEliminar
  4. Ola Antón, pois certamente así queda moi ben definido: no lugar de Painceira, parroquia de Régoa, e non en Malde...en todo caso dentro de portas.
    Moito obrigado.

    ResponderEliminar