mércores, 16 de maio de 2012

Xentes de acó e de acolá

Veñan tempos, xentes e xeitos. Veñan na hora a cantar con ledicia o arruallo de sermos. Veñan a nós as  antigas e vizosas verbas galegas, calladas de senso e recendo natural. Veña a bruar oraciós de futuro o canto xuvenil do regato brincadeiro: a canle bravía sen doma das voces  de sempre. Veña ate nós o seu reino de selvas de gloria. Vaian a canda o  demo eses croaxos de corvos do trilingüismo harmónico. Veñan a nós, por mil veces mil as palabras galegas perdidas, os sons escusados, a lingua esquecida, deitada e deixada. 
Na hora, máis ca nunca antes na Historia, a  Galizia faille falla o galego. O galego  seu, o de seu. O de onte, o de hoxe, o de mañá o de sempre.
Arrola ate nós, coas brisas de cada maio, o rumoroso falar en luces de Cunqueiro e o doce olor a rosa silvestre das palabras de Rosalía. Xentes de acó e de acolá somos. Mil de mil primaveiras máis de voces en flor faremos. Festiña por fóra, festiña por dentro: a da ledicia da palabra galega revivida.  Por iso este blo, en permanente estado de letras en festa, será sempre en galego. Palabra.

Celebraremos vivirmos en maio  coa arrexuntada presenza comunal de xentes coas que tratamos pola contorna da xeografía galega. Gaivotos brancos de Cedeira, flores de Ancares, bolboretas de Ourense, froitos do Courel, bubelas do Bierzo, mazaricos, chorlitos, pildoriñas de Aguiño, ouros verdes de Corrubedo,  cervas lizgairas do Invernadoiro, cucos da Terra Chá, xilgueiros de algures, merlos papobrancos da Capelada...e tantos, tantos outros, e ti e eu canda a eles, atoparémonos cantaruxando xuntos  unha entoada alborada de espranzas e un alalá de menceres  onde os cantos dos liñaceiros e os recendos da agavanza, anuncien, no condomiño lingüístico noso, que hai un sol que se levanta.

Vén o día. Acorda.

Que aturuxe a ledicia! As Letras Galegas están de Festa!  A Lingua Galega vive!

Larus hiperboreus. Deixádeme doutra volta  botarlle unha ollada ao grande gaivoto branco. Que ten este gromo de albor, esta saraiba de pluma, esta felepa viva de escuma, este pedruco de seixo na praia, que engada o meu gosto e me fai remiralo un día e máis outro e aledando as ausencias non podo deixar de acordalo?

Dianthus sp., este caravel bravío, este delicado esfiañar de pétalos e tons primorosos, alá por terras de Doiras, mandounos chegarlle lembranzas e bicos de familia aos nosos caraveis mareiros, máis rosados e intensos, menos barrocos, máis recendentes. Xa tal fixemos e encomendáronnos, se volvemos a velos, levar a Ancares un bico de salseiro mariñeiro. Levarémolo. No corazón xa vai  selado.

Arginnis phaphia, a grande dama bolboreta chucha mainamente nas flores dun xardín á beira da Ruta da Plata, nas Ventas do Bolaño, no outo do encoro de Portas en terras de xentes humildes e esquecidas que ven chegar con inquietude e carraxe as expropiaciós do tren AVE. Así nolo fixeron saber ao confundirnos, sería pola cámara, cos técnicos ferroviarios que todo o andan a remexer. Desfeito o engano todo foron risas e risos, desculpas e alivos ao ver a vara da vella repousar de novo en maos en paz.

Cervus elaphus, a cerva e o cerviño, se non é cerviña, folgan nun espazo de monte segado hai tempo. As outas uceiras do Parque do Invernadoiro, esa grande reserva forestal de piñeiro, non lles deixan moitos lugares pra paceren e repousaren ao sol. Os gardas rapan por iso algún ca outro curruncho, buscando sempre as boas abrigueiras do vento. Tal nos contou, ledo e chufón, o garda que decidira segar este espazo ao ver polas nosas fotos que a súa idea tivera o mellor dos  éxitos: a aceptación dos cervos.

Hieraaetus pennatus; traspasa os aires da mañá de Campobecerros, Ourense, a silueta dunha aguia calzada. Saíamos cara  Portocamba, e alí, ao pé das casas, retivo a nosa partida facendo pasadas, peneiradas e chuzadas. Algo debeu coller nalgunha destas pois zoupouse nas herbas tras da panda dunha campa, por baixo da liña do ceo, e non volvimos saber dela. Pro xa sabíamos dabondo. Agora coñecíamos o sabor da frescura da mañá na montaña cando se aduba con luces de plumas  albas: á gloria de azul e branco.

Potentilla esterilis, a pequerrechica flor agachada deste careixón sen froito, unha pinguiña de brancura no chan reseco, forneceu de agrado o serán que xa caía, alá polas ribeiras do Río Lor, que nos achegaba a Froxán, esa fermosa aldeia do Courel Baixo, onde  os aires da noitiña van callados dos recendos da flor do cereixo, que deixa as súas esencias de olor entretecidas coas últimas raiolas dun sol que foi ouro e agora, na noite, é un  lenzo de acibeche no que escribirá a súa voz agre unha carricanta.

Prunella modularis, velaí, nunha polica dunha silveira do Pastizal da Braxe na  Serra da Capelada este fermoso exemplar de azulenta rexistrado esta primaveira. Rebuscaba  servidor amarelles, Narcissus minor, spp. asturiensis, e dera con eles e con moitas calzas do cuco, Narcissus bulbocodium, e tamén atopara a Lozano, que alindaba unhas vacas e entretiña as horas ollando o monte. E alí, acorados a un sol morno, fala vai fala vén, demos en ir debagando as horas discursando de corvos comestibles, de cabalos autóctonos, de pescadoiros do cantil, de repoboaciós de caducifolias e das outras, disto, do outro e do de máis aló, e, cando o sol  anunciou a noite, deixamos o ouzal e volvimos mainamente á vila. De non  ter a Terra movimento de rotación, aínda hoxe alá andaríamos.

Podarcis  hispanica? non sei, non sei, que de lagartas pouco sei. Esta, polo  seu pouco  aparentar, debía sere unha crianza. Demos con ela no Courel Baixo, entre Froxán e Vilamor, nunha rebordela da estrada que miraba a sur, ao Castro de Vilar. A lagartiña estaba inqueda, se coñece que xa ben soleada, e malamente me deixou facerlle, de lonxe, tirando de zum dixital, algunha ca outro foto; a que saíu mellor,  esta, que como se ve non vale nada de nada, ou, se ascaso, o pouco dun pouco.

Sanguisorba minor, relocindo ao sol da primeira primavera en calquera das moitas recurvas da estradiña estreita e anfractosa, mais tan linda!,  que vai de Folgoso a Savane, orelada de paredes zumegantes, felgosas, escuras e roxadas polo ferro, deixando ver no fondo da serra, malva de uces, a canle marmuriante, rumorosa de escumas, do Río Lor. A memoria agradece as fotografías, que tanto consolan aos ollos mentres non regresamos doutra volta á patria coureliana.

Dapne laureola  aduviando o paso en calquera beira do camiño que sube e sube, sube, sube e sigue subindo,  polo adentro da  Devesa da Rogueira, ate chegar ás Fontes. A primeira vez costoume traballo recoñecelo, xa que nunca o mirara, ate que de repente, vaia vostede a saber por que inmediata asociación de ideas, caín na conta de que tiña diante dos meus ollos ao trovisco, así lle din, ese parente da montaña da Daphne gnidium  esoutra planta dos areeiros e montes nosos, sempre verde, de flores pequenas e brancas e froitos en baga vermella moi velenosa,  que por acó  chamamos torvisco e  que se usou pra facer vasoiras coas que se limpaban os fornos da casa. Hai onde lle chaman truvisco. Todo é o mesmo.
Calloprhis rubi, linda meniña a que algunha vez  pola súa fermosa cor verdazul chamei esmeraldiña, e que no nororeste do Noroeste nunca ollei, pro que si me ten aledado os días por terras do sul: en Corrubedo, no Xurés ou no Caurel. Sempre amilagrado por ela, tan pequena, delicada,  fermosa e aos meus ollos tan exótica: unha lembranza dos desexos de Amazonia en terra galega, o berce da lingua do Brasil, a matria redentora no futuro.


Añadir leyenda

Orchis mascula, que ao mellor é unha Orchis morio, presidindo dende as campas do Alto do Foxo o discorrer rumbo ao sul do val do Río Lor. Non andan lonxe as ruínas do Castelo de Carbedo e se un quere,  pode escoitar ao aire, que leva a canda il a voz do Uxío arrolando podente por valgadas e tesos: Cousos do lobo!/ Caborcos do xabarín!/ Eidos solos/ Onde niguén foi nin ha d´ir/ O lobo! Os ollos o lombo do lobo/ Baixa o lobo polo ollo do bosco/ Movendo nas flairas dos teixos/ Ruxindo na folla dos carreiros/ En busca da vagoada máis sola e máis medosa.../ Rastrexa/ Párase e venta/ Finca a pouta ergue a testa e oula cara o ceo/ con toda a sombra da noite na boca.  É verdade: foi Novoneira quen lle prestou seu son ao rouco vento.

Numenius phaeops e Pluvialis squatarola, un mazarico e  un chorlito. A esta parella de ocasión fáltalle o outro mazarico, ou mazarica vaite saber, que  tamén andaba pola mesma pedra: un con de graiño, moi recuberto de crácara, da Praia de Anguieiro, en Aguiño, dentro xa das lindes do Parque Natural de Corrubedo. Non hai moito que os retratei. Debían de andar de paso, rumbo aos criadeiros do norte. Decamiño botaron conta de min, ben se lles nota, pro non se marcharon ate que de repente unha familia de humanos, berrando coma tolos pola felicidade de verse lonxe do espanto urbano, escorrentáronnos co terror pánico recriado  naquela orxía de  aturuxos guturais incomprensibles.



Erythronium dens-canis, esta fermosa iridácea, de pouco porte, faltaba na miña memoria. Non   poidera nunca botarlle un ollo. Das primeiras herbas do ano en florear, nunca tiven a sorte de mirala polo noroeste do Noroeste. Non sei nen siquera se se darán. Buscar  teñoias buscado moito, pro dar con elas non se deu o caso. O seu nome científico dens-canis, refire á forma de dente de can que ten o seu cebolo. Sen argumento de máis peso, hai quen tamén lle chama así en galego: un notable contrasentido estético. Este serodio exemplar de mediados de abril, o último ao mellor deste ano, que alumbraba na alfombra de follas pardais da  Devesa da Rogueira, sementou en min un sorriso de plenitude e unha louba de agradecemento que agora fago pública. Encantado da vida.

Upupa epos. Baixábamos dos Penedos de Oulego. Era a última hora da tarde. Atravesáramos no día as montañas calías da extrema oriental galega seguindo a canle do Río Selmo. Pasaramos A Vicuña, Ferromulín, Vilarrubin, Oencia, Castropetre, San Tirso... é o Bierzo que fala galego, come o caldo, pon nas patacas e toca a gaita e, por tanto, ten dereito a sentirse a quinta provincia. Levábamos un ollo posto nos aires por se sentíamos pasar ás meixengras, Merops apiaster, pero quen se deixou ver, a tres metros, foi esa cuca bubela, mansa coma un periquiño mé. Aparcamos amodo, apagamos o motor temerosos, baixamos as ventaíñas con extrema delicadeza... e nen caso nos fixo. Unha ollada de coma de quen por darse importancia e a seguir co seu labor de esfuracar a campeira na rebusca da merenda. Mágoa  das dúas pilas da cámara chegaren esgotadas e baleiras. Ducia e media  de fotos, das que a mellor é a de riba, e miles de segundos de recordos pra toda  a vida foi o que levamos. Non nos queixamos.

Orchis itálica, unha das orquídeas máis comúns nas montañas do leste. Sempre lembrarei a primeira vez que as ollei. Foi na canle do Río Selmo (ese Parque Natural nunca declarado por que o querían  Reserva da Louseira: hoxe o salvaxe e outo Río Selmo xa está esbandallado a trabadas das canteiras; tristura de tristuras), nunha peada rebordela de lousa húmida, esbarante e embouzada de silveiras baixas e malazosas. Por facer media ducia de fotos medio regulares houben de levar un par de zoupalladas na cueira. Deinas por ben empregadas, ate que o día seguinte, dei con campas recheas de itálicas en flor. De telo sabido teríalle aforrado ao meu queridiño cu o amargo temor dun chan de louseiras espiñado en silveiras.
Viola arvensis, paréceme, a máis pequerrechiña de todas as violas. Disque se pode dar en todos os ambientes sempre que andan un aquel nitrificados, mesmo, di Xosé Ramón García, nas areas das plaias. O que eu sei e que por acolá non a ollei. Dei con ela, deron os ollos de quen comigo vai, entre as herbas da outa montaña courelá cima da aldeia de Moreda. E rexistreina sen saber  quen era aquela diminuta e  bela flor de 2 ou 3 mm. Agora sei, ou parécemo, que  é unha Viola arvensis, pra quen en galego non dei con outro nome ca o de pensamento, Anthos dixit. Pensamento mínimo, daquela: velaí outra irmandade que nos xuga.

Turdus torquatus, o merlo do papobranco, no meu parecer unha femia, fica acó moi  mal fotografada no paso de abril pola Serra da Capelada, rumbo as súas zonas de crianza no perdido norte: as Illas Británicas ou a Escandinavia ou ao mellor aos Alpes, ou aínda o lonxano e suxerente Cáucaso. Este merlo, tan descoñecido de nós, pasa dúas veces ao ano polo noroeste do Noroeste en cantidades apreciables seguindo as súas rutas de migración. No outono baixará pra dirixirse as inverneiras africanas. Penso non equivocarme se afirmo que os mestres paxareiros de Cariño, José Miguel Alonso Pumar e Ricardo Hevia foron os primeiros ornitólogos en dar noticia da ruta migradora galega do merlo do papobranco. Tanto obrigado meus señores mestres, non perdan as mañas. (Fe de erros: gracias a Xabi Prieto e o seu impagable seguimento deste bló sei que o merlo que preside esta entrada, non é un Turdus torquatus, se non un Turdus merula leucístico: vaia unha merla  das de toda a vida un aquel branqueada. Todo o que se escribíu pra o turdus de riba aplíqueselle a este de baixo que a seguir vén, que agardo, agora si, sexa un macho de Turdus torquatus, fotografado no mesmo día na mesma zona. Gracias Xabi).


Pinguicula vulgaris, torna de novo a este blo a lengua do loberno, esa rara planta insectívora de outa montaña que ten na nosa Serra da Capelada presenza real e escasa. Vén de novo acó por termos dado con unha nova poboación de exemplares, no  descantil do Cadro. Poden ser cerca de setenta pequerrechiños exemplares que dan en medrar nas zonas máis húmidas e zumegantes do mesmo, pro representan setenta novas espranzas pra dar continuidade a especie na nosa serra. Que sexa por moitos anos. E vostedes que os conten.

Arbutus unedo, velaí os froitos do esvedro, nunha imaxe do Val de Quiroga que rexunta morogos en todas as fases de maduración. Morogos, dixen, e así fálase tamén por Monterrei e A Merca de morogueira, pro pola Barcia de Melón, Ponteveda, Entrimo, O Bolo, As Frieiras, e en Pumares de Valdeorras, na provincia de Ourense e en Requeixo de Chantada, Lugo, chaman aos froitos érbedos e á árbore erbedeiro; por Boimente, en Viveiro,  amorillós e á árbore amorilleiro; por Sobral chaman ao froito mirogo e a árbore en consecuencia mirogueiro, e tamén, por Barcia,  se deu en chamar aos froitos alolicos e a árbore lolica,  "así llamado porque aloulea o atonta a la gente" (Aníbal Otero Álvarez (1967)); e aínda tamén por noutrures morote, morodo, marogo, e por Viveiro, recolleuno o P. Sarmiento, amorolos. Probástedes a vos aloulicar algunha vez con eles? Eu si, e non fun quen. Se coñece que xa ando aloulicado de vez.

Angelica pachicarpa. Velaí, contra das ouricelas que recobren os graíños da Punta de Corrubedo, un vizoso pé da anxélica galega. Anxelica pachicarpa é endemismo da costá noroeste ibérica, dende Cantabria ata as Illas Berlengas, alá fronte á lusa Lisboa, que ten as súas mellores, e máis cumpridas, poboaciós mundiais ao longo das ribeiras galegas. Planta cunha apariencia forte e altiva, de brilantes follas verdísimas, de aspecto lustrado á cera e flores poderosas de umbela verdella a xogo con toda a  planta. Chameille anxélica galega por ver de non parecermos moi parvos, pois este endemismo noso, dun xeito que a min se me escapa, deu en aparecer ventureira na lonxana antípoda marsupial da Illa de  Nova Zelanda. Non extraña, xa falamos acó dos traballos que alá pasan pra desfacerse do toxo, que chegado per loca marítima cos colonos britanos, deu en establecerse coma unha inzadora e asoballante planta invasora. Será por cousa de faceren astuta venganza que á Anxelica pachicarpa que alí se recriou, cristianarona co expropiador nome de Anxelica de Nova Zelanda e ...¡deron en vendela, con grande suceso económico, pra os xardíns do mundo enteiro! Podedes mercala por Internet.

Charadrius alexandrinus, esta cuquiña e delicada pildoriña do moderrón (pesia a publicitar dende este bló o uso do termo cedeirés  morouzón no troque de  "dunas" dou en chamarlle, nesta ocasión, do moderrón, por ser este o termo propio de Aguiño, de onde é natural esta fermosa pildoriña que nas guías chaman píllara das dunas), andaba moi aqueloutrada entre o pirixel do mar, Critmhun maritimun, das primeiras liñas de vexetación da Praia de Anguieiro, onde se encriptaba a perfección entre as areas: non sendo que dera en moverse, o que facía sempre ao paso dos perrumanos e os seus esclavos. Non sei se tería niñada por algures, andaba soa, ao mellor o compañeiro estaba chocando non lonxe  e ela dáballe lidia circular aos indesexables paseantes, entre os que tivo a xentileza de contarme, e así foi cómo poiden vela, e rexistrala, e irme logo largar aparello á praia.


Cuculus canorus. Disque  o cuco aínda cantou este ano entre marzo e abril, cando sae do cubil, polos arredores de Cedeira. Sería algún cuco despistado que deu en chegarse por acó  buscando parella. Certo é que cada día, desconfiade  do eucolito e acertaredes, óese moito menos. Nalgún tempo, digamos a miña infancia, recibíase o canto do cuco como o galano inesperado dun amigo que regresa en primaveira: Xa cantou o cuco! Sentino esta mañá! Oíchelo?  E brincaba a ilusión no corazón dun cativiño. Podedes dicir que era eu. O cucú do cuco é un xogo. Unha promesa de caloriñas e folganzas prósimas, da rebusca de careixós polos camiños, de andar as xurzas pola plaia, as anguías polo río. Viñera o cuco: o vrao non andaba lonxe. Hoxendía  é  raro. Todo é raro hoxendía. Así que ollar o pasar volandeiro dun cuco polas filadas de pradios que coutan as campeiras da Espiñeira, na Chá,  e seguilo con calma e tento, os ollos atrapados nos prismas, foi un viaxar ledicioso  atravesando o tempo ate os primeiros sorrisos do neno que fun. Benvido, cuco.




Fritillaria lusitanica, a tulipa brava do monte, regresa con todos os merecimentos a súa casa, o noroeste do Noroeste, nesta serie de  imaxes da mesma planta. Pra facer un canto de vontade de sobrevivencia e futuro pesia as desfeitas que o porco bravo anda a facer no seu solar: o ouzal capelado. Pra mirar de remover conciencias, que lle boten unha mao na súa inmóbil indefensión frente do terrible poder fozador do consentido, malcriado e desfacedor cocho bravo,  non  aporta máis argumentación ca súa rara e escasa beleza, que estas imaxes quixeran poder aproximarvos, e asimesmo transmitir a súa disposición de ser  un acobillo xeneroso e solidario da Elona quimperiana?, esa valiosa  caricoliña endémica da nosa terra,  que coa ilusión dos regalos inesperados apareceu na foto sen eu saber nen pretender. Doce sorpresa capelada.  



E vai sendo hora, de que vaia acabando o conto. Se advertían os estilistas clásicos que a beleza nace do exacto equilibrio de fondo e forma, esta entrada, penando  dun indubidable exceso de fondo, dubido que adquirise a levedade  de forma necesaria; pra máis sábese que o exceso de virtude é vicio, e no improbable caso de que este entrada tivese algunha virtude, conviríamos, en que os vicios que a empreñarían serían proporcionais aos seus esaxerados excesos formais: fáltame a prudente mesura de tantos blogueiros, que desta entrada farían trinta. Aburriríavos daquela, miñas e meus, trinta veces menos. Escusas prego.

Mil gracias mil, pacientes lectoras e lectores: aos que agora mesmo imaxino remexéndose impacientes por non ver a hora de dar remate ao conto.

A mandare.

8 comentarios:

  1. A da foto non é Circaetus gallicus senon Hieraaetus pennatus (aguia calzada) ;)

    ResponderEliminar
  2. Moi agradecido, meu estimado e anónimo sabio...certamente penso que ten vostede razón, repasei o pouco que sei de rapinas, remirei de novo canta foto poiden e penso que vostede non se trabuca.

    Queda correxida convenientemente no texto, e un servidor a súa diposición.

    Non perda as mañas, corríxame sempre que sexa mester...prometo estarlle agradecido.

    ResponderEliminar
  3. Olá Rafa:

    Aparte da Águia (xa vin que está corrixida) hai outra cousa máis. O Merlo penso que é un exemplar de Merlo común (Turdus merula) leucístico. Chámanlle así aos individuos que mostran albinismo parcial (explicáronme unha vez a diferente orixe de ambas anomalías, pero xa non o lembro). Eu téñoos visto coa mitra branca, coa caluga branca, coa cabeza e peito brancos...De todo (igual son efectos dos aires puros da térmica de Endesa...)

    E a Lagarta non é Podarcis muralis, un réptil cunha distribución moi limitada ao val do Navia e Ancares. A foto correspóndese cunha Podarcis Bocagei ou unha Podarcis hispanica. Máis probablemente a segunda, que resulta ademáis moi común na zona que mencionas.

    Un saúdo.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Boas Xabi...non publiquei antes por andar fóra de portas e desconectado da rede..pola Enciña da Lastra.

      Moito obrigado polas precisións, a da lagarta, dende vouna dar coma Podarcis hispánica, polo de sere moi corriente polo Caurel, agora mesmo corrixo...no do merlo eu teño máis dúbidas, pois ese día si fotografei e na mesma zona algún incuestionable macho de merlo de papobranco, co seu babeiro albo, e pra máis Ricardo Hevia, foi quen me endereitou a zona, dicíndome que había varios exemplares..case prefiro pensar que sería máis normal un merlo do papobranco ca un leucístico, así que co teu permiso de momento deixoio como está. A lagartiña corrixo de inmediato...e de novo obrigado pola corrección.
      Na Enciña da Lastra a primaveira fermosísima, coma ben sabes.
      Unha aperta.

      Eliminar
  4. Noraboa, meu amigo Calel, a máis sincera felicitación tanto polo apoloxético texto (fermosísimo)como pola fotografía.
    Nestes días que se celebra o chamado Día das Letras Galegas é de agradecer un texto coma o que ti escribiches. Gracias.
    Unha aperta
    X. Antón Suárez Aneiros

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moi boas Antón...perdoa non publicar e contestar antes..andei, adrede, desconectado un par de días...alédame ver que o texto foi do teu gosto...coa intención de agradecer e recoñercerlle ao Idioma Galego todo canto de desfrute e saber de ten regalado, foi elaborado. Moitas gracias por palabras tan garimosas.
      Unha aperta, compañeiro.
      A mandare.

      Eliminar
  5. Coñezo a benquerencia dos Papobrancos pola zona esa da Capelada, Rafa, pero é, claramente, un Merlo común. Consulta calquera guía de aves e verás as tremendas diferenzas con T.torquatus (que ten o peteiro amarelo, e as zonas brancas non están xamáis na parte superior da cabeza e lombo). Sen lugar a dúbidas é un T.merula leucístico.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas gracias, Xabi...desculpas pola turronería...efectivamente mirei con máis atención as guías online e penso que tes toda a razón..o de peteiro laranxa parece definitivo, o das manchas polo lombo e a cabeza, parece asimesmo unha nota distintiva moi clara...da gosto aprender...deixarei ó texto como está, pro aclararei ao remate o erro...non perdas as mañas...á convidada a cervexa e petisco engádelle un paseniño polo Limo.
      Un saúdo

      Eliminar