sábado, 2 de xuño de 2012

Avetardos cativos na Chá


Tetrax tetrax, a avetarda cativa se seguimos a denominación primeira do mestre Eladio "...la avetarda mayor y la avetarda menor. Esta última viene a Galicia en el verano, y es casi del tamaño de una gallina, de color pardo ceniciento, de mucha carne y de plumas cortas. Para huir de algún peligro se sirve casi siempre de la carrera en vez del vuelo". (Eladio Rodríguez González (1958-1961) Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Vigo) que ao mellor recolle a voz do estradense Marcial Valladares (1884): "Avutarda menor ó pequeña (Otis tetrax). Esta última viene á Galicia anualmente y es del tamaño de una gallina, color pardo, salpicado de negro" ou o sixón se preferimos a voz empregada por Leandro Carré Alvarellos, é unha ave emblemática da fauna galega que cada vrao, en número coreño, chega a aniñar á Terra Chá, á Limia e, disque, ás Brañas de Xestoso entre a Estrada, Forcarei e Silleda.
Advertírame meu bo amigo Miguelanxo que detectara algún avetardo cativo, reclamando territorio polas amplas campeiras herbosas e chairas da Veiga de Pumar e que, se tiña unha tarde dispoñible, poderíamos deixarnos arrolar polo entrallado labirinto de pistas da Chá por ver de mirar, ou ao mellor tan só sentir  o reclamo, dos avetardos pequenos que seica chegaran, un outro ano, a emparellar e aniñar pola fermosa chaira luguesa, ese paraíso para os sentidos.
Os avetardos pequenos eran unha débeda, unha carencia, unha malformación na miña cultura naturalista, por outra banda moito cativeira de máis. Por unhas razós ou outras nunca lles poidera botar un ollo. Considerados pra a Galicia en perigo de extinción, son unha especie mítica, pra min esquiva, coa que dubidaba, este ano tamén, poder disfrutar da vida aproveitando as horas dos días na  súa contemplación amodada.

Os xenerosos amigos de Numenius, informáranme adecuadamente de datas e espazos posibles e levaba xa, sen dúbida axado e aqueloutrado, catro visitas á Chá camiñando sen présa -o paso ao pé, o ollo ao lonxe- os seus camiños longos, baleiros de humanos, cheíños de xente silvana, sen outro resultado ca un mundo de sentidas observaciós fermosísimas: o voar sinoso da gatafornela; o andar esgalichado das cegoñas; o piar en triduos do pantallás, a fantasía de forma e cor dunha bubela, o milagre cazador dun picanzo rei; o poderío dun falcón; o peneirar do peneireiro; o cucú do cuco; o outo canto de gloria dun laberco...e tantos, tantos outros máis... mais dos avetardos cativos, ren de ren.
Este ano tampouco ha  ser, dei en pensar. A Chá é moita, os avetardos poucos e o tempo dispoñible por veces  menos. Sendo aves que arriban ás campeiras agrícolas chairegas (na hora moi viradas a produción de herba e mainzo forraxeiro) nun número moi pequeno, (dise que non máis de 20 machos cantores) e quedando só entre nós os meses que van demediando maio a primeiros de outono  (marchan daquela ás súas areas de invernada no centro sur da Península Ibérica, onde se concentran as maiores poboaciós mundiais) non imaxinaba poder tratar con eles tampouco este ano. Cando teña que ser será, díxenme por consolarme coa habitual dose de fatalismo doméstico de consumo diario.
Enténdese que daquela pouco tardase en me dispor a citarme co meu amigo Miguelanxo: asegurábame que precisara unhas campeiras onde dous días atrás  ollara a un macho de Tetrax tetrax despuntando a súa cabeciña escura, preta e gris, entre o verdoso mar de herbas dunha campa da Chaira pra facer notar ás femias o seu reclamo breve, discreto, pouco máis ca o seco estalar dun tímido tastarabás. Imos cando queiras, resposteille sen lle deixar acabar de falar, e se pode ser mañá mellor que pasado, urxinlle coa présa propia dos  degoados e defamados.
Meu amigo endereitounos, coa habelencia propia dun desentrañador de xeroglíficos exipcios, polo entrallado e confuso labirinto de pistas alcatranadas da Chaira. Entramos por esta pista, deixamos pasar outras dúas, chegamos a un novo cruce cun cruceiro e colleremos á esquerda, pra logo volver á dereita: así máis ou menos, pois en realidade o entrecruce de pistas e camiños foi un pouco máis complexo e pra min imposible poder explicalo sen marearvos e marearme. O caso é que coa precisión, pra min máxica, dun guepeese de últimísima xeración arriboume á mesma campeira que el visitara e poiden escoitar o mesmo reclamo que el sentira e ver ao mesmo macho cantor que el mirara tres días atrás. Aleluias e albízaras, meu amigo!
Ese primeiro e ilusionante avetardo da miña vida é o que nas  imaxes de riba se ve: alá andaba el no medio da campeira recén segada, lonxe, facéndose oir, emitindo de cada poucos segundos o seu reclamo case instantáneo, logo de erguer o colo, engolar o pescozo e percutir o aire cun movimento espasmódico semellando un repoludo látego de plumas. Unha gozada pra este neófito en asuntos de avetardos cativos.
 O aire, a favor, arrastraba o son pola face das herbas e mandabaio lonxe, a onde andábamos nós, agachados tras das árbores do lindeiro, escrutando cos prismas o ancho campeiro e discutindo coa moita distancia e o pouco pulso a posibilidade de facer un rexistro gráfico decente. E así entretidos, na gloria, chegou de pronto dende o mar de herbas abaneadas da campeira da dereita, o son, agora xa inconfundible, doutro reclamo: Aleluias e albízaras, meu amigo! Outro sixón!.
Efectivamente outro avetardo cativo andaba a buscar parella dende o medio e medio da súa campeira. Contan, que sei eu, que os machos chegan primeiro que as femias, e escollen cadaquén o seu propio territorio de canto e dominio, dende o que chaman por elas, que andarán a chegar. Nesta época son solitarios e cada un anda no seu mocear. Cando sexan elexidos polas femias poderán facer, ao caer a tarde, a súa rolda de amor vaidoso e os seus saltos de namorado: andará que andarse con ollo, por ver se temos a sorte de nos regalaren lance tan peculiar. Agora que xa nos coñecemos, por que  non?
Pro aínda nos quedaba unha pequena sorpresa dupla agardando por nós en calquera sementeira de alcacer. Unha parella de sixóns, dous machos, chegan voando ate unha campeira que repasábamos na rebusca dalgún outro.  Miguelanxo, non sei se intuíndo ou adiviñando, dáme o cante: Aí veñen dous revoando!  Reflectindo o sol da tardiña enche o ollo, non me atrevo a dicir que o ceo, o dobre borrón de brancura volandeira que nun intre se pousa no medio e medio da herba. Aleluias e albízaras, meu amigo! Dous avetardiños xuntos!.
Tumbado nunha pequena outura do pé da campa, procurando pasar desapercibido, rexistro como podo a ocasión. Ambos os dous quedan un ao lado do outro. Andan arrodeándose. Logo sepáranse. Camiñan un tras do outro, non moi aqueloutradamente. Parecerían perseguirse con elegancia e tranquilidade. De repente parecen axocarse e aceleran o paso. E de súpeto, no mesmo intre en que deixo de gravar, póñense a revoar un tras do outro. Desaparecen. Ao pouco, un deles regresa só. Ao outro xa non o miraremos máis. Asistimos a unha discusión polo dominio do territorio?
Quédese a dúbida pra resolver por mentes máis sabias. Reste con nós a lembranza duns intres gozosos con toda a ilusión memorable das primeiras veces. Os avertardos cativos xa están, un outro ano, pola Terra Chá. Que sexa en boa e venturosa hora. Nosoutros non andamos lonxe. Malo será que non teñamos outra ocasión pra dilucidar esa e outras tantas cuestiós que temos pendentes. Agora que encetamos unha conversa non será cousa de xente cunha educación deixar de falarnos. Por min non ha ser. Prometo unha prudente discreción.

E nada máis hei  dicir, disculpándome pola moi escasa calidade das imaxes, que a excesiva distancia non xustifica, e agradecéndovos, miñas e meus, a vosa fidelidade inexplicable a esta fiestra natural de xentes e verbas nosas,  deséxovos que moi venturosos e felices días enchan os anos da vosa vida, e agardo que sexan moitos e en paz: na paz do páxaro, que decíamos de cativos polo noroeste do Noroeste.
A mandare.




VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV
video
Avetardos cativos
Despós de Data:  X. Otero ben de facerme chegar, nuns tan xentís coma amables comentarios que abaixo podedes ler, a existencia entre as xentes naturais da  Terra Chá, do termo sisoi para chamar ao Tetrax tetrax. Infórmanos que unha señora faloulle que anos atrás había "bandos enormes" de sisois, precisándolle que sabían bastante ben. Na hora de redactar a entrada, eu tivera xa en conta o termo sisoi como posible, ao ser consciente da existencia en Cospeito da parroquia de Santalla de Sisoi, e certamente remirei a orixe deste termo alá onde poiden chegar, pro certamente pouco, mellor nada, dei andado. De seguro que por carencias personais. Así é que,  en non chegando a ningures, non engadín sisoi as voces nominativas do Tetrax tetrax. Este bló, sábese, ten certa querencia polas voces populares antes ca por outras, e deste xeito sisoi  quedará engadido dende xa ao meu particular dicionario chairego que agardo poder reafirmar con novas testemuñas, que sempre serán ben recibidas e moito máis agradecidas. X. Otero, mil gracias mil, e non atopando forma mellor de expresarlle o meu agradecemento, subo un novo videomínimo dos sisois, que co permiso de todos os lectores quixera adicarllo especialmente a vostede, pregándolle me disculpe a paupérrima calidade do mesmo, que dende logo no é refreixo da que vostede merece. A mandare, miñas e meus.

video
Parella de sisois nalgunha campa da Chá.
E ei deixarvos estes achegos por se queredes botarlles un ollo:
a) Un artigo en Ardeola (Nº 55) de Francisco Arcos e Rafael Salvadores, sobor da situación da avetarda pequena na Limia;Premer.
b) Toda a magnífica e extensa información de Vertebrados Ibéricos á distancia dun clic.
c) A ficha correspondente ao Libro Rojo de Las Aves. Acó.

8 comentarios:

  1. Olá Rafa, aquí Miguel (Miguelanxo para algúns).

    O único que me cadra dicir é gracias por poñerme do que non son (experto guía e guepeese). Se algún mestre anda polas nosas terras ese es ti.
    Obrigado e gracias pola entrada. Non todas as fotos están tan mal, certamente notouse o trípode, xa sabes, toma nota.

    Unha forte aperta.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. O agradecemento, sintoio, téñoche que dar eu por tantos favores, entre o que débese incluir o trípode que me prestaches pra poder salvar algunha foto.

      Certo que por acó hai moitos mestres, pro entre eles non me atopo eu.

      Vai pensando noutra.

      Outra aperta.

      Eliminar
  2. Fermosa entrada Rafael desta máxica ave (tamén sisoi hai quen di que lle chaman)que, cando menos de momento, aguanta e aparece un ano máis pola Chaira. Pero hai que dicir que o dos 20 machos territoriais, salvo milagre non agardado é xa historia, historia algo máis lonxana cada ano.

    Un saúdo

    ResponderEliminar
  3. Benvido Otero...moito obrigado quedo por tan amables palabras. Xa ía eu supoñendo que o dos 20 machos territoriais había ser un pouco eufórico, pro non tendo datos actualizados, tirei de documentación histórica. Cómo penso tamén que o núcleo das Brañas de Xestoso debeu pasar á memoria.

    O do nome de sisoi, tíveno no meu maxín. Deume a pensar nel a toponimia local. Como ben sabes aí está a parroquia de Santalla de Sisoi, en Cospeito. A similitude de nomes e o compartir espazo deume que pensar se non sería este o nome propio na Chá pra o Tetrax tetrax. Investiguei todo o que poiden e quedei como estaba. O siñificado de Sisoi, ou a súa procedencia, non fun quen de atopalo, así é que antes de exercitar ese deporte pra min tan común de "meter a pata" deixeino no frigorífico neuronal esperando coñecementos mellores.
    Neste senso, calisquer información ou bibliografía que me poideses endereitar sería moito agradecida.
    Non perdas as mañas.
    Saúdos.

    ResponderEliminar
  4. Parabéns polas imaxes e por manter o blogue entretido. Estou desexando ver a sorpresa que nos deparas cando mudes a imaxe de portada por unha máis primaveral.
    Unha aperta

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas mercedes Rubén...que razón tes no de mudar a imaxe da portada...xa vai sendo hora de que a cambie, ben o sei,...non es o primeiro en mo lembrar, cousa que se agradece...pro moito me temo que cando a publique teña que ser xa máis de vrao, ca primaveral.

      Unha aperta.

      Eliminar
  5. Olá Rafael, non che podo aportar información bibliográfica algunha ao respecto, e ben que o sinto. A única referencia coa que conto son as palabras dunha muller da zona que unha mañá achegouse curiosa mentres observabamos aos sisóns, e logo de despexarlle a dúbida de qué andabamos a facer por alí un domingo a tales horas contounos que había anos os "sisois" eran moi abundantes, que se podían ver "bandos enormes" e que sabían bastante ben. Xa ves que máis dun rematou na cazola.

    Unha aperta

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moi boas meu...

      ...a min paréceme a mellor das bibliografías...certamente as voces das xentes galegas son as voces do galego...

      ...engado sisois ao meu vocabulario particular chairego e engadireille á entrada un Despós de Data con estas referencias que tan xentilmente me mandas e que tanto agradezo...

      ...o dato de que nalgún tempo se comían ben compartido tamén con informaciós de xente maior de Zamora, pola Villa de Fáfila, que me contaron que aos avetardos, Otis tarda, así lles chaman alá en masculino tiñanos no corral, se un pastor traía algún, e que os guisaban con moito suceso...xa, de estar saborosos ou non, aparte de gostos particulares de seguro influie, e non pouco, a fame que se teña.

      UNha aperta, non perdas as mañas, quedo en débeda.

      Eliminar