mércores, 20 de xuño de 2012

Candilexas

Andaba eu estoutro día feliz coma unha perdiz desfrutando da amabilidade de Toñito do Barqueiro, autor do bló amigo Cousas do Norte, quen me andaba a ensinar unha pequena colonia de orquídeas da especie Platanthera bifolia que, por un prodixio da resistencia natural das especies sobreviven, nunha suave ladeira dun pequeno cabedelo dos marouzós do areeiro da  Plaia de Esteiro,  ás fozadas do porco, ás pisadas dos campistas eventuais e aos paseos desprevenidos de humanos e humanas. Que resistan por moitos anos e que vostedes os conten.


O día limpo e azul convidaba a dar un paseo e encamiñámonos ate a punta da praia fronte da gaveira que acó chaman A Herbosa. A terra nestes primeiros días de xuño está feita un primor de flores. O camiño, un carreiro manso entre felgos, flores, uces e toxosbaixos déixase andar azosamente. O aire arrecende e o arume anaga unha paisaxe extraordinaria. A vista, atravesando os esgrevios e bravíos agullós de louseira negra, conforma unha das visiós máis fermosas e menos celebradas do Norde galego: o Mar de Mañón.
A illa Herbosa, coma boa gaveira, anda chea de gaivotas criando. Ollamos cos prismas e non miramos cría nengunha. Se coñece que a cousa vai retrasada este ano. Riba dalgún illó as gaivotas  presiden a nosa visita. Da gosto velas conformando tan fermosa silueta contra os ceos claros.
As malvas do mar, Lavatera arborea, adubían as penas, como acostuman facer pola contorna do noroeste do Noroeste en toda canta illa, illó, con ou gaveira teña un aquel mínimo de terra no que enraizaren.  A algunha, mesmo a cristianaron: á Malveira de Cariño, digo. Recortadas contra da negra sombra das pedras do cantil, as malvas ofrécennos  con primeza o seu perfil de cor e luz.

Un escarabello cerambícido anda a esconder súa cabeciña breve (os longuicornos parece imposible agachalos) entre a pétala alba dunha margarida da costá, Leucanthemum pluriflorum, unha flor tan coñecida coma pouco recoñecida. ¿Quen sabe que é un dos valiosos endemismos do noroeste?

Toñito faime reparar no borrón grana da Orobanche foetida, non é a máis abondosa das orobanches da nosa bisbarra norestada: terra na que, dende logo,  a Orobanche hederacea leva a palma da abundancia, pesia a ser na opinión de Xosé Ramón García taxon raro de máis por Galicia adiante.

Pregúntolle ao amigo Antonio se por acó non se dá a Thapsia villosa, unha umbelífera de fermosa mostranza amarela. Dime que de que el saiba por estes cantís da Praia do Esteiro non alumbra. Cousas do misterioso norde: nun estante do bareto da praia, sorpresivamente, aparecerá a  ocasión de retratala. A  señora que atende o negocio contaranos que lla trouxo unha amiga  dende o cantil  da  Praia do Picón "que disque alí había moitas".


En canto as folganzas das horas escolleron a formulación, clásica pra  cedeireses e espasantinos, da festividade do día do Santo Antón decidín aproveitar o día pra, en rematados os labores propios dun escravo do fogar, adicalo a percorrer os descantís de Loiba e do Barqueiro na rebusca da   Thapsia villosa que (ao mellor vai sendo hora de que se diga) en galego corre co fermoso nome de candilexa: na hora esquecido se algún día o coñecimos. Nas campeiras do Picón, tal coma advirtira a señora do bar da praia   había  candilexas a feito. Unha ledicia, unha delicia.

Taphsia villosa, a candilexa digo, é unha umbelífera de grande porte, pode acadar os 2 m., de talo groso e xeralmente verde ou verde amarelado e raramente, coma noutras umbelíferas, de cor granate.

Planta de follas grandes e profundamente pinnesectadas, presenta unha morfoloxía extremadamente variable da que se teñen descrito formas diversas, mesmamente dúas subespecies dissecta e villosa e aínda dentro desta as variedades latifolia e platyphyllos. E entre todas elas formas intermedias que fan moi difícil precisar unha taxonomía exacta.


 A candilexa é planta de ambiente mediterrán, estendendo as súas poboaciós polo Sul de Francia, a totalidade da Península Ibérica e o Noroeste de África. Florea entre marzo e agosto, asegún as zonas, e aparece entre o nivel do mar e os 1800 m. de outitude, de preferencia en claros do monte, ambientes subruderais ou matogueiras degradadas, séndolle indiferente a condición dos solos.


As candilexas gostan dos sitios moi asoleados, aguantando moi mal a sombra e os climas continentais severos. Prefire por iso  temperaturas moderadas e intermedias. Agradece os solos enxoitos e mesmo a súa presenza indica una secura moderada nos territorios e unha pobreza notable en nitróxeno.
 A floración é en umbelas amarelas globosas ou semiesféricas, moi atractivas, que se compoñen dun número variable de radios, entre 9 e 29, dunha lonxitude diversa que pode variar según as plantas entre 6 e 20 cm; radios que van  rematados en pequenas umbélulas esféricas que conteñen un número, tamén variable, de entre 18 e 43 pequenas flores amarelas.


O xénero thapsia debe o seu nome, na opinión de Diocórides, a antiga illa siciliana de Thápsos que se atopaba perto de Siracusa, na que se citou por primeira vez a T. garganica. Hoxendía Thapsos vén sendo a  península de Magnisi,  que se xunguiu a illa de Sicilia por un vao que o traballo do mar, coma en Ogrove, deu en ir formando.


As plantas deste xénero usáronse tradicionalmente en menciña popular pola resiña das súas raiceiras, a chamada "Resiña thapsiae" pra combater as afecciós pulmonares, os catarros e mesmo as dores reumáticas. Seica pode actuar tamén coma un potente purgante moi vomitivo e na bisbarra da la Segarra, en Lleida, usábase  como remedio contra a sarna.
Actualmente un dos seus compoñentes, a tapsigarnina, ten unha grande demanda en estudos médicos sobre as alerxias por ser un liberador, non tóxico para as células, da histamina e asimesmo requírese  para estudos sobre a homeostase do calcio. Se pensamos que esta tapsigarnina só se obtén de exemplares silvestres decatarémonos da importancia farmacolóxica que as candilexas poden acadar no futuro.

No pasado tradicional galego a candilexa formou parte das que poderíamos chamar "Flores de San Xoan", ese conxunto de plantas (entre elas a Iris latifolia  da que xa falamos neste bló) que se adoitaban colocar na noite de San Xoan (en Cedeira na Parroquia de Santalla de Cervo outramente) nas portas de entrada ás casas,  prendidas das carabillas pra protexer as vivendas nesa noite principal dos meigallos e os feitizos.

E vaiase quedando por hoxe a cousa neste punto. Agardo que algo novo, un nome, un dato, un lugar, unha tradición, poidera quedar rexistrado nos coñecementos de alguén de vós, miñas e meus, de xeito parecido a como  eu os  aprendín pra podere entrallar esta entradiña, pois ao empezar a escribila pouco máis sabía que o nome de Candilexa en Cedeira, dábanllo de alcume a miña veciña Cándida, que en paz descanse, viuva humilde, miúda e nervosa, quen todos os anos me pedía e eu  lle regalaba de mil amores, algunha rosa e unhas póliñas de reinaluisa das que florean no meu pequeno xardín, pra facere a auga de rosas da mañanciña de San Xoan, e que ela sempre me agradecía con moi sentidas peticiós lastimeiras polas ánimas dos meus defuntos.

Vaia hoxe esta entrada, xa que logo, polas ánimas de todos nós.

Mil gracias mil.
A mandare.



Nota marxinal: certo que Tapsia villosa, aparte de candilexa, o nome máis usado, corre, como non podía ser menos, con algún ca outro. Escoitémolos: canafístula, pancierva, nabo monstroso, carralexo, e aínda herba do lobo.

Alá van estes achegos  pra ampliar a información sobor das candilexas:
a) A ficha botánica correspondente a Flora Vascular. Premer.
b) Un acceso a Asturnatura, páxina sempre moi recomendable.Acó.
c) Un lazo a  BIGA (Biodiversidade en Galicia) que coma sempre regálanos excelentes fotos descritivas.Clic clic.
d) Acceso ao PDF de Floraibérica, correspondente ao xénero Thapsia, de onde se extraeron a maioría de coñecementos que sustancian esta entrada. Coma sempre magnífica información científica e ilustraciós a plumilla de calidade. Do mellor.

8 comentarios:

  1. Ola Rafael
    Npn dubides de que, cando menos eu, algo aprendemos,
    desfrutamos coa luz das fotografías e da natureza alucinada
    da nova cabeceira.
    Marta

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Obrigada miña...alédame, e máis me sorprende, pensar que se poda aprender algo de min.
      A testeira do bló nesta ocasión quixen ofrecerlla á bichería miúda. A imaxe de fondo, unha soa foto, está tomada dende a parte dabaixo da Herbeira, no inmenso petoural da Punta do Cadro e permite ter unha visión ampla dos cantís da Capelada, dende os gallos da Candieira, ao fondo, ate as plaias de Rio Teixo, coas gaveiras de San Andrés no medio. Moito obrigado.
      Apertiñas.

      Eliminar
  2. Fermosa entrada, coma sempre. Un saúdo dun galego emigrado, que se deleita lendo sobre natureza na súa língua.

    ResponderEliminar
  3. Agradecido Enrique, moi agradecido, precisamente pra os galegos que andades lonxe da Terra este bló, que sabe por emoción propias a convulsión evocadora de ler en galego na lonxanía, non deixará de escribirse na recendente lingua galega: xamáis.
    É un compromiso que asumo con vós os emigrantes galegos que sei me acompañades dende Inglaterra, Francia, Alemania, Estados Unidos ou mesmo Quatar e a China.
    Saúdos pra todos.
    UNha aperta fraterna.

    ResponderEliminar
  4. Hola Rafa, esto es una prueba.
    .......del internete casero
    ¿funciona?

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Funciona as mil marabillas!
      Que ledicia saberte aí Luismi!
      Apertiñas, reparte por todo Madrid... á María José as primeiras, claro!

      Eliminar
  5. Calel gostei moito. Disque hai unha parente da candilexa, e non é de Fernando Lago, a Thapsia garganica que xa coñecian os gregos pola súa toxicidade nos animais e que os árabes chaman zenoria mortal (mata os camelos que a comen) que actúa coma unha granada molecular contra o cancro preservando os tecidos e vasos sanguíneos sans. Iso é o que se ven de publicar no Science Translational Medicine, o desenvolvimento dun fármaco contra o cancer a partires da thapsigargina.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moito obrigado, pola información e por seguirdes o bló. MIrei a revista na Rede e aínda que só poiden leer e traducido por google, o resumo do artigo que fai o editor. Aledoume moito poder ampliar o magnífico e certeiro micro-resumo que fas ti nunha soa frase.
      Por se houbera algún outro lector interesado en accedr a esta información, transcribo o endereito completo. Velaí vai:

      :http://stm.sciencemag.org/search?site_area=scitransmed&y=0&fulltext=thapsia%20garganica&x=0&submit=yes

      Con lectores así da gusto. Este bló colle nivel. De novo o meu agradecemento e non perdas as mañas.
      Saudiñas

      Eliminar