martes, 26 de xuño de 2012

Surbias, veratros, verdegames...

Unha destas últimas tardes mandeime a  dar unha volta pola Capelada, tanto por ver como anda o monte coma por revisar algúns espazos onde certas especies sensibles e raras adoitaban recriarse. A pequena poboación de Veratrum album que xa se citara noutra ocasión neste mesmo bló, era unha das miñas visitas inescusables.

Faláramos daquela  da presenza  da pequena colonia, sete exemplares dixéramos, de Veratrum album na Serra da Capelada. Certo que a existencia desta especie  na nosa serra era coñecida dende hai tempo. Concretamente coñécense e cítanse algúns pés dende o  ano 2003   nas outas abas dos cantís da Herbeira a algo menos de 600 metros de outitude e mirando cara ao norde.

 A novidade pois que poideran ter estes exemplares  do nororeste do Noroeste que hoxe damos a coñecer  e sabere que están situados  en cotas máis baixas,  perto dos 400 m., e nun habitat completamente diferente: as ribeiras sombrizas higroturbosas do Río da Braxe, rodeados de salgueiros, uces e agrostis sp., en tarreos enchoupados de auga; espazos biolóxicos estes, por certo, perfectamente adecuados pra o desenvolvemento da planta.

 Aparece esta poboación en ambas as dúas marxes do Río da Braxe nun número de once pés a razón de sete en grupo compacto na marxe dereita e catro na marxe esquerda en tres grupos diferentes: dous pés solitarios e os outros dous pegadiños o un ao outro. Os exemplares solitarios da marxe esquerda están na hora perfectamente conformados, cuns tamaños aproximados entre 150 e 160 cm, presentando xa as panículas perfectamente floreadas. Os outros pés, de ambas as dúas marxes, presentan un estado de crecemento moito menor, apenas si levantan 40 ou 50 centímetros do chan.
  
A floración desta lilácea, no que atinxe aos exemplares do Río da Braxe, é de cor verde amarela, o que as podería clasificar na variedade virexcens sendo o caso de se rexistraren  con maior frecuencia na súa área de distribución as variedades de flor branca, velaí as razós do nome album otorgado a especie. Esta colonia do río da Braxe podería así ser nomeada, ao meu parecer como Veratrum album var. virexcens. Secomasí non houbera mellor opinión en contra.
Veratrum album,  é especie montañesa, dos 600 aos 2800m. e esténdese por amplas zonas europeas, dende Laponia a Península Ibérica, con poboaciós principais en Alpes e Pirineus. En España aparece tamén nos Cordais Cantábrico e Central e e en Portugal pola Serra da Estrela. Na Galicia, loxicamente ten as súas mellores colonias nas montañas orientais e citáronse apariciós puntuais na comarca do Xallas e Coristanco, así como as citas xa comentadas da Herbeira e dende agora esta nova que hoxe presentamos  e reproducimos aquí das beiras do Río da Braxe.
Especie tóxica e mediciñal, ("purga por arriba y por abajo" escribíu con graciosa mestría gráfica o Padre Sarmiento) usouse pra o coidado do gando, sobranceiramente as ovellas, facendo para elo un cocimento coas súas follas e raíces e refregando esta cocedura polas partes do pelexo do animal "para quitarles la roña y la morriña", Sarmiento dixit. En Multiplantas.com refírese este texto de Bernardo Cienfuegos, eximio e pouco coñecido tratadista botánico aragonés dos séculos XVI e XVII, autor de  Historia de las Plantas, un manuscrito iluminado  en sete tomos  nunca publicado, que se conserva na Bibloteca Nacional: "Cuando se trataba de concluir con este discurso me acordé de los ganaderos de tierras de Segovia, que para curar la sarna al ganado, en lugar de la miera, que es aceite de enebro, usan el eléboro blanco de esta manera: cortan las cebollas y raíces del veratro y después de cocerlas en una caldera toman unas matas como escobas, y estando caliente, lavan con aquella agua caliente los ganados de cualquier género que sean, y aún los perros y borricos si tienen sarna, y al cabo de unos días curan todos. Dicen que es mucho mejor que la miera porque no pierden ni cortan la lana". Aí queda.
Houbo de confundirse con Gentiana lutea, alá onde ambas as dúas especies se dan xuntas, (Ancares, Courel, Trevinca...) causando mesmamente accidentes mortais por inxestión das tisanas realizadas coas súas raiceiras. Xa dixemos que é planta estremadamente tóxica. Convirá neste punto lembrar que un dos nomes cos que o Veratrum album corre en lingua castelá é o de "hierba de los ballesteros" por usárese por estes pra enveleñar as puntas das frechas e azagaias.
E falando de nomes do Veratrum album, non ha de ser menor o intrés de indicar algúns cos que se  vai coñecendo por Galicia adiante. Losada, J. Castro e E. Niño, na súa obra clásica Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Xunta de Galicia, (1992) ofrecen as seguintes sinonimias: heléboro branco, veratro, surbia e, como non, herba do lobo. Heléboro ténselle chamado ás veces por confusión co chaveiro (Helleborus foetidus, que en castelán chaman tamén "hierba de los ballesteros". Nos dicionarios de Franco Grande e Carré Alvarellos diferenciarase claramente os termos chaveiro pra H. foetidus e surbia pra V. album) e Sarmiento usa eléboro blanco (sic) e asimesmo veratro e vedegambre ou verde-gambre como palabras casteláns, preferindo surbia coma palabra galega . A páxina Anthos, do Consello Superior de Investigaciós Científicas, ofrece unha ampla mostra de vernáculos recollidos, entre os que allo do lobo, verdegambre e burbia, este tomado ao mellor de Sarmiento, ampliarían o vocabulario. Sáibase: o dicionario da Real Academia Galega recolle veratro coma a forma correcta, se non única, para este taxon. As súas razóns non se me acadan.

 O Padre Sarmiento,  imprescindible na nomenclatura naturalista en galego, fai ampla referencia ao étimo surbia, que el recolle en Ourense, Maragatería, (Rabanal) e tamén "en la Montaña hacia Carrión" dando a entender  que surbia sería o nome co que se coñecería ao Veratrum album no galego occidental e berciano: por certo a única zona na que existiría na abundancia necesaria pra sere coñecido e xa que logo recoñecido cun nome de seu. Surbia,  está abondosamente comentada nos  escritos do ilustre bieito ponferrado tanto en relación con algúns dos seus sinónimos, vedegambre por exemplo, canto polos  seus usos menciñais e ás referencias ás diversas plantas, xeralmente euphorbias, ás  que Sarmiento chama tártagos, que por Galicia adiante van alcumadas asimesmo co nome de surbias.

Escollamos pra as nosas do Río da Braxe o nome que mellor nos cadre. Surbia se queremos homenaxear a Sarmiento, veratro se queremos seguir a Academia, verdegame ou vedegame se queremos facer honra da súa peculiar cor floral. Tanto terá. Recoñecer a súa presencia na nosa serra, valorar o seu extraordinario cabdal de orixinalidade botánica que  achega, unha outra vez máis, unha especie de outa montaña ás nosas casas e defender na súa mellor integridade a enxebreza da nosa bisbarra, ha ser sen dúbida algunha moito máis importante que escoller entre lles chamar surbias, veratros ou verdegames. Ao caso, escollamos a que escollamos non haberemos de errar.  Todas elas van vestidas coa fermosa maxencia natural da lingua galega, esa brisa de voces, ese susurro do roce do aire coa pedra e coa uz que se volveu palabra nos beizos.

Moito obrigado, miñas e meus.

A mandare.



Nota marxinal: Servidor, coma seguramente algún de  vostedes, está divertidamente ocupado en tentar dilucidar que extraordinaria maladía física do gado merino é esa da morriña que Sarmiento arrima a doencia da roña, cunha tal pasmosa naturalidade que nos obriga a pensar que a morriña, (actualmente sensibilidade inquedante, se non doenza da ialma,  perfectamente recoñecible), debeu ser nalgún tempo algunha enfermidade cutánea, loxicamente perfectamente recoñecible polos seus lectores, provocadora, ao mellor,  dun desacougante proer na pel, que por unha metonimia estilística da causa polo efecto, exacta ao dicir roña e supoñer sarna, dera en traspasar o seu significado ao  pruído que na ialma  provoca a ausencia da patria querida. Xa o dixen, tenme entretido este acertixo. Hai quen saiba a solución?


Quedan estes achegos:
a) O clásico de Flora Ibérica coa magnifica información de costumbre.Preman.
b) Do nome surbia no Dicionario de dicionarios, abondosas referencias ao Padre Sarmiento. Acó.
c) Sobre Bernardo Cienfuegos Clic.
d) Achego á "Aportaciones a la flora de Galicia VI" onde se publica o descubrimento de Veratrum Album en "al lado de un riachuelo en una ladera con gran pendiente y humedad orientada a norte" o que aos que sabemos do cantil e precisandose  que está no Concello de Cariño, só pode ser a escorrentía de augas, e non "riachuelo" que por acó chamamos Río Teixo.Entrar.

4 comentarios:

  1. Que bo esa Surbia a tan baixa altitude, só a tiña localizada no teito da Galiza, por Trevinca
    Parabéns polo artigo, coma sempre moi interesante
    Saúdos

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moito obrigado, Xosé Ramón...certamente a Serra da Capelada é unha sucursal mariñán da flora de outa montaña. (Dándose o caso de que andan repoboando por acó con Sorbus aucuparia, xa nen os capudres nos van a faltar).
      Non perdas as mañas.
      Saudiñas.

      Eliminar
  2. Coma sempre é un pracer a visita. Parabéns Rafael, grazas pola ilustración que nos dás.

    ResponderEliminar
  3. Olá Xisbe...obrigado, non hai de que dálas...alédame que sexa do teu gosto. Esta Capelada, pesia o lamentable estado en que se atopa segue a dar algunha ca outra agradable sorpresa.
    Ai se se mirara dela!
    Saúdos, meu.
    A mandare.

    ResponderEliminar