mércores, 4 de xullo de 2012

De voutres, de "alimañas", do franquismo.


Lembro perfectamente que no vrao do Ano das Vacas Loucas apareceu pola Capelada unha bandada de case trinta voutres. Nunca tal se ollara. Algunha foto en papel, mal iluminada, conservo daquel suceso. Dende ese ano a presenza do voutre ao noroeste do Noroeste volveuse unha recurrencia anual.

A partires daquela sería raro o vrao  no que non tivésemos a oportunidade de botarlle un ollo aos voutres. Dende mediados de maio, xa andábamos ollo ao prato, ollo ao gato remirando os ceos por se aparecía a outa silueta planeadora dos Gyps fulvus.

No lugar dos Casás, en Cerdido, un día de primeiros de xuño de hai uns anos unha bandada deles apareceu revoando por riba dos eucalitos. Seguinos polas pistas que levan a Santa Cruz e decamiño os perdín: sen dar unha soa pancada ían moito máis lixeiros ca o meu coche.

Verdade é que historicamente os voutres aparecían durante os vraos, esfameados e derreados, polas terras do noroeste fuxindo das baleiras terras da sequeira mesetaria. Contouse neste mesmo bló, en entrada que pasou, algunha ca outra anécdota de tempos idos, que por non  volver a escribir o que xa se escribíu podedes lembrar neste achego.

Pero certo é que na miña vida escoitara eu falar de que andaban os voutres a revoar polos ceos do noroeste do Noroeste. Os voutres eran unha cousa do pasado. Xente desaparecida. As poboaciós mesmo ibéricas diminuíran gravemente. A política franquista de creación  dos cotos de caza, e consecuentemente de eliminación de todo canto predador poidese competir co negocio da escopeta nacional, culminou na Ley contra las alimañas de agosto de 1953; na que se declaraba obligatoria a constitución, nas provincias onde existían cotos,  públicos ou privados, das chamadas Juntas de Extinción de las Alimañas y protección de la caza.

Nome suficientemente explícito que aforra todo comentario. Extinción: toda unha declaración de intenciós.

Incardinábase esta lei nunha tradición lexislativa española que, cando menos dende finais do século XIX e primeiros do século  XX, viñera xa lexislando contra dos animais considerados lesivos. Así a Ley de caza de 16 de mayo de 1902, aprobada por Real Orde de 3 de xullo 1903, dispoñía no seu artigo 41 que o Gobernador Civil, máxima autoridade da provincia, tiña potestade pra autorizar cacerías contra os chamados "animales dañinos". Batidas de caza que deberían estar dirixidas por un enxeñeiro do Distrito Forestal e deberían ter un carácter puntual ou coxuntural. Autorizaba asimesmo o artigo 40 aos concellos a conceder determinados premios ou recompensas polos animais abatidos.

Recompensas que serían de novo estimuladas especificamente pola Real Orde de xullo de 1915 adicada aos premios que se entregarían aos exterminadores, o que dende logo supuxo un novo estímulo e incentivo a todos aqueles que atopaban nesa actividade un oficio lucrativo.

 Seguíamos así un antergo costume nacido na mentalidade ideolóxica medieval, que callou nos séculos XVII e XVIII,  na figura do Monteiro Maior de Lobos, un oficio clásico das vilas galegas que,  no que respecta a Cedeira, era nomeado polo señor xurisdicional da vila, pra a ocasión o Conde de Lemos. Nun documento de 1646, atopado e dado a coñecer polo mestre Rafael Usero, refírese como o Monteiro Maior de Lobos coloca en  exhibición pública na Porta da Vila as maos e a cabeza dunha "loba caudal" co gallo de deixar constancia do seu traballo e poder acceder así á recompensa acordada.

Precisaremos que nas leis de principios do século XX, fundamentadas na necesidade de poñer couto a determinadas especies que en sociedades eminentemente agrarias e gandeiras se consideraban causantes dunha merma económica, ao tempo que as recompensas, ofrecíase tamén certo espazo proteccionista, prohibindo a  captura, daquelas que se consideraban  benefactoras pra o mundo agrícola; así as aves insectívoras, por canto se lles recoñecía un rol importante no control do número de insectos. Dun xeito parecido determinadas rapinas, buxatos (Buteo buteo), peneireiros (F.tinunculus e F.naumanni) ou as curuxas (Titto alba), entre outras especializadas na captura de roedores e reptis, estaban protexidas por lei.

A partires dos anos 40 do século, finalizada a Tristísima Guerra Incivil, a política dos sublevados victoriosos tenderá pouco a pouco a  formentar en determinadas provincias a Caza Maior de especies venatorias (gamo, cervo, xabarín...)  poñendo en marcha determinadas iniciativas encaradas a tal fin.

 A Dirección General de Montes constituirá o Servicio Nacional de Caza y Pesca fluvial, que se ocuparía da organización, protección e desenvolvimento da caza, pra o que habería de contar co traballo dos correspondentes funcionarios e o apoio dun comité asesor.

 A partires dos anos 50 impúlsase a creación de coutos privados en maos de grandes propietarios latifundistas e oligárquicos vencellados ao Réxime (Aznar,  Gamero, Oriol, Ybarra,  Marqués del Mérito, Marqués de Salinas, Conde de Caralt, conde de Yebes... etc) que  obteñen grandes rendementos económicos, e de influencia, coa xestión dos seus territorios particulares de actividade cinexética.

O beneficio destes coutos oligárquicos estaba directamente vencellado á eliminación das especies (lobos, linces, gatos monteses, aguias...) que poidesen causar algún dano ás especies venatorias criadas nos coutos-granxas dos grandes propietarios privados.


Será en apoio desta política de defensa dos coutos de caza latifundistas para o que se  dictará a devandita  Ley de Extinción de los Animales Dañinos.  Esta lei obrigará á constitución inmediata e imperiosa, das Xuntas de  Extinción Provinciais nun prazo máximo de dous meses.

Incluirá un presuposto económico amplo pra pagar as   recompensas calculadas pra cada especie, posibilitando así a aparición dos alimañeros profesionais  (que gañarán anualmente unha importante cantidade de pesetas: calcúlase que en casos 20.000 anuais, todo un sueldazo no ano 54) e serán figuras mediáticas importantes na prensa rexional da época. 

 Asemade as xuntas procurarán "el suministro y distribución de venenos,  lazos y demás medios de extinción". O franquismo instaurará así unha cultura do exterminio da biodiversidade en paralelo á creación dunha nova forma de caza-negocio  en couto privado que de tantas maneiras, ambas as dúas, seguen vixentes hoxendía na mentalidade de tantos que argumentan "esto fue así toda la vida de Dios"

A longa sombra do franquismo na triste historia de España.


Estimulaba a esta Ley de Extinción, tanto a afición do dictador e os seus ministros a disparar, canto o exemplo "exitoso" do Sindicato Provincial de Ganadería da provincia de Santander  que actuou dende 1944 coma unha precuela experimental autorizada das futuras Juntas de Extinción, tanto pra protexer  a riqueza gandeira da zona canto salvagardar a un dos primeiros grandes Cotos de Caza Públicos creados en España, xa en 1932. 

 No período que vai de  1944  a 1953 na provincia de  Santander elimínanse, segundo datos oficiais: 532 lobos,  3190 raposos,   183 gatos monteses,    65 algalias,   198 furós,   21 aguias,   2.162 córvidos,    1.107 miñatos.

 A prensa da época, euforicamente, actuaría coma caixa de resoancia loubatoria do éxito de tal proceder.

Non estrañará que a Dirección General de Montes, Caza y Pesca fluvial, cunha linguaxe enaltecedora e chufona, só tres anos despois da creación das Juntas de Extinción,  publique os datos de animais eliminados nese ano de 1956.

Velaí van: “Merece consignarse la plausible labor que están desarrollando las Juntas de extinción de animales dañinos y de protección a la caza de varias provincias, cuyo haber en el año 1956 puede estimarse en la destrucción de 221 lobos, 3.787 zorros, 28 garduñas, 322 gatos monteses, 581 jinetas, 19 linces, 26 nutrias, 253 tejones, 376 turones, 2.196 águilas y otras rapaces, 1.224 córvidos, 4.222 urracas, 45.095 nidos y huevos de urraca y 385 reptiles”.

Sen máis palabras: todo o que non era cinexético, era alimaña, e non se cazaba: exterminábase.


E definitivamente elocuentes resultan os datos acadados pra a totalidade do período 1953-1961, eses oito anos nos  que as Juntas de Extinción de Animales Dañinos estiveron plenamente operativas.

 Imos botarlles un ollo ás grandes cifras xerais: Aves: 553.464 eliminadas; Mamíferos 73.002 abatidos; Reptís: 28.544 mortos, o que nos ofrece pra o curtísimo período histórico analizado, só 8 anos lembremos, a aterradora cifra de 655.010 animais extinguidos por unha política concreta favorecedora da Caza Venatoria en couto latifundista.

 Algunha precisión haberá que facer a estes datos. 

1ª) Que  son absolutamente fiables, por seren obtidos nos rexistros que as Juntas de Extinción estaban por lei obrigadas a levar pra control dos pagos correspondentes aos "alimañeros"

2ª) Que sendo datos seguros e obxcetivos non representan a verdadeira magnitude do exterminio orgaizado, por que as Juntas de Extinción só se formalizan, pesia o que ordeaba a lei, en 21 provincias: naquelas onde recén se crearan coutos cinexéticos ou reservas de caza. Naturalmente nas outras provincias onde non habia Juntas de Extinción, seguíase unha mesma política de tolerancia co exterminio. De poder contabilizar os datos, a cifra final aumentaría  moi notablemente.

3ª) Non se suman os "animales dañinos" eliminados nas monterías dos coutos cinéxitos, por seren actividades privadas que non se contabilizan nos rexistros das xuntas, pero que deberon de constituir unha cantidade salientable que por veces tiña refreixo nas Exposiciós-Concursos que se celebraban anualmente, con grande balbordo publicitario.

4ª) Tampouco se engaden os previsibles e numerosos casos de extinguidos por envenenamento cuias vítimas nunca se poderían localizar.
Resumindo, sen riscos de esaxeración poderíamos cifrar en perto de 1.000.000  de animais  os exterminados pola política franquista en só oito anos.

Unha mataghanza dunha dimensión tal que sobrecolle o ánimo, sorprende, amilagra e confunde: como é posible que non exista unha mellor información sobre este exterminio biolóxico? Como é que a sociedade non sabe nada da Grande Extinción Biolóxica dos anos 50?

Porque non hai Memoria Histórica, por iso.


Poderíanse desglosar os datos por grupos concretos, pro seguramente facería esta entrada interminable. Quen estea interesado, pode acceder aos achegos que acompañan este artigo (de onde un servidor tirou  numerosos datos) e ampliará así, con notable precisión e mellor coñecemento, todo canto acó se comenta.

As cifras polo que respecta concretamente ao caso dos voutres, escusa primeira pra encetar a facer memoria, resultan difíciles de precisar por figuraren as catro especies de voutres (negro, pardo, branco, creba-ósos) nun único apartado xeral estatístico das Juntas de Exterminio, baixo o epígrafe Buitres.

Aí recóllense 989 voutres eliminados, pero os cálculos de Carlos Paulo Rey, que estudou polo miúdo o tema dos voutres, facendo as correspondentes extrapolaciós estatísticas, permítenlle calcular en algo máis dos 2.500 o número de voutres exterminados.  A piques estiveron de   desaparecer. 

 O caso do    voutre    amosa a  verdadeira faciana exterminadora  que se agachaba tras do espírito confeso de protección da Caza Venatoria da Ley de Extinción de Animales Dañinos. Como xustificar por aí o pago á eliminación de voutres se estes non son rapineiros, senón carroñeiros? Rizando o rizo rizado, argumentábase que eran aves transmisoras de enfermidades contaxiosas, por canto metían a cabeza nos animais putrefactos.

O funcionamento das Juntas de Extinción seguirá ata o ano 1961 no que desaparecerán, asumindo as súas funciós as Comisiones Provinciales Delegadas para Asuntos Económicos dependentes dos Gobernos Civís que seguiron concedendo durante unha década os permisos administrativos pra o uso de veleños, lazadas ou a constitución de batidas contra das alimañas.

Desgraciadamente, desta época non se poden ofrecer datos precisos do exterminio, por canto agora xa non se leva un control puntual das especies eliminadas. Hai que salientar que dende o 15 de xullo de 1955, España ratificara e  asinara o Convenio de París de 9 de xaneiro do 1954 pra a protección das aves, no que taxativamente se prohibía: "los lazos, la liga, las trampas, los anzuelos, las redes, los cebos envenenados, los estupefacientes y los cimbeles ciegos"  e asemade prohibíase "la institución de las recompensas por la captura o destrucción de pájaros". 

Velaí o cinismo institucional: outro remanente que nos deixou o franquismo.

No ano 1971 vaise  producir un cambio legal importante coa promulgación do Regulamento de Caza, onde se regoaban xa as armas e os medios de caza que precisaban dunha autorización especial. Este regulamento será o preludio da creación do ICONA mediante o decreto 2573/73 no que por primeira vez se instaura a protección efectiva e integral de varias especies, colocando así a puntilla definita aos condicionamentos ideolóxicos das  Juntas de Extinción.

A figura xigantesca de Félix Rodríguez de la Fuente, (e o seu traballo didáctico, informativo e concienciador dende os seus programas da  televisión única, que formou ás novas xeraciós de españois nunha visión diferente á que ata ese momento a sociedade  viña mantendo sobre a Natureza) debe ser tomada coma a cabeza visible  que liderou a protesta contra as políticas exterminadoras e solicitou a modificación  lexislativa  para    protexer a fauna silvestre, sobranceiramente as  rapaces ibéricas e dende logo aos voutres.

O labor educativo e divulgador de Félix Rodríguez,    subxugante, extraordinariamente talentoso no convencentemento,  posibilitou un cambio de conciencia xeneracional de toda unha sociedade.

Así o entende e define o cadeirádego de Bioloxía Animal da Universidade de Málaga, Juan Mario Vargas Yañez: "Rodríguez de la Fuente fue un revolucionario que logró embelesar e imbuir a toda una sociedad en el nuevo paradigma de la relación respetuosa entre el hombre y la fauna silvestre. No fue ni el único ni el primero en emprender esta labor, pero sin duda fue la figura más influyente, más atractiva, más respetada y más querida de entonces". 
O franquismo esmorecía, o ecoloxismo gromaba.

A lei do ano 1973 protexía por primeira vez dun modo permanente a numerosas especies: as rapinas nouturnas e diurnas, o oso, o lince,   e o creba-ósos.  Os carnívoros terán que esperar a lexislación de 1989 pra se asegurar a súa protección total; non sendo o raposo, que só desfrutará dunha protección parcial e temporal sometida ao capricho dos funcionarios, e o lobo, que en 1989 consigue unha protección total pero só ao sur do Douro.

A entrada de España  na  Unión Europea e a obrigada sinatura dos convenios internacionais, sometidos agora á observación e á punición por parte das autoridades europeas aportará un marco lexislativo e de protección absolutamente diferente ao que se seguía hai corenta ou cincuenta anos.

Quedan  os refugallos franquistas, agachados coma o tizón baixo as cinzas da borralla.


Consecuencia inevitable desta nova política medioambiental vai ser unha contrastable recuperación do número de individuos de certas especies. Certo que os novos riscos medioambientais, sobranceiramente a destrución de hábitats, e a permanencia de vellas prácticas destrutivas, (herbicidas, biocidas e  o uso de veleños nos cotos privados, outro rescaldo franquista)  sen esquecer  os miles, senon centomiles, de atropelados nas estradas, seguen a ameazar a vida silvestre.

Entre as especies que dende os anos 80 amosa unha clarísima recuperación de efectivos, ata acadar cifras xa verdadeiramente importantes figura o voutre pardo (Gyps fulvus). As políticas proteccionistas, o cambio de conciencia en amplos sectores da poboación e a creación dos muladares (espazos onde se lles bota de comer) posibilitou unha extraordinaria expansión dinámica das súas poboaciós.


Pra o ano 1979 considerábase que en España habería entre 2.283-3.240 parellas reprodutivas  (o  que nos amosa a gravidade da perda de 2.500 individuos durante o período de terror do Grande  Exterminio Biolóxico  das  Juntas de Extinción), considerándose que pra 1999 habería entre 17.337-18.070 e no ano 2002 contabilízanse 22.455 parellas.

En moita peor situación  atópase o creba-ósos (Gypaetus barbatus) que nos últimos 20 anos presenta taxas de crecemento moi lentas, chegando na actualidade  a habere non máis de 60 parellas aniñadoras polo  Cordal dos Pirineus. Na hora estanse a establecer campañas de cría en captividade e de reintrodución noutras zonas (Serra de Cazorla, Cordal Cantábrico) que agardamos cheguen a bó porto. De montaña, naturalmente.

En clara situación regresiva, en troques, parece estar a poboación de voutres brancos (Neophron pernocterus), especie eminentemente africana que ven á Península só a criar e onde se atopan o 80% dos individuos europeos, arredor de 1400 parellas que cada ano diminúen diante dos ollos, por mor da permanencia do nefasto costume (ilegal e inmoral refugallo franquista) do envelenamento de ovos e crías de perdices, nos coutos privados de caza menor pra controlar á poboación de raposos, córvidos e demais. Sáibase: hai emprendedores especializados en vender paquetes de ovos envelenados con estricnina que só hai que ir colocando polo monte.

O voutre negro (Aegipius monachus), que padeceu unha situación absolutamente crítica, en claro perigo de extinción, vai ver aumentar asemesmo o número de exemplares dun modo sostido; o que se exemplifica consultando os datos da última década. Para o ano 2000: 1301 parellas reprodutivas; ano 2001: 1358 parellas; ano 2004: 1400 parellas; ano 2006: 1845 parellas. Descoñezo na hora desta redacción as cifras actuais do número de parellas de voutre negro, pro todo dá en pensar que a curva estatística segue a ser claramente ascendente.

 A Península Ibérica é así o espazo europeo de maior presenza de voutres, sinaladamente de  voutre pardo, podendo hoxendía exportar exemplares pra conquerir a súa reintrodución noutras zonas do continente onde tivo presenza histórica ou tena na actualidade nun nivel crítico.
Velaí unha outra maneira de   xerar riqueza biolóxica espaleando natureza viva.

Deste incremento  demográfico das poboaciós do voutre provén a cada día máis frecuente e numerosa presenza do Gyps fulvus ao noroeste do Noroeste, onde os voutres dispoñen de algún ca outro durmidoiro ao que adoitan ir  descansar  en grupo: sendo   aves gregarias, gustan por iso de andaren en greada.

Alá, escondido entre os toxos do outo da serra, sen sentir as feras espiñas toxeiras que se me     chantaban polo corpo adiante, mirando pasar  ás  bandadas de voutres a rentes dos   meus ollos,  toureando á gravidade e á verticalidade non menos ca os axustes da cámara, viñan ao meu entender algún ca outro dos pensamentos que máis atrás,   con máis  esforzo que fortuna,  foron expresados;  e daba  en pensar que ao mellor algunha vez acertamos en algo.

En querer acabar co franquismo, seguro.

Imos ver se esta entrada pode rematar no punto. Moito podería e debería decirse aínda da evolución da conciencia ecoloxista na sociedade moderna. Do que se fixo e do que falla por facer. Nas mentalidades agrarias,  tal cal é a nosa cabeciña galega, a natureza foi sempre mais ben un inimigo a amansar. Custa traballo  que poidamos ver a natureza coma unha aligada. Cumprirá seguir  a facer labor de divulgación e convencemento. Petar na ialma do pobo ate conquerir un estado de opinión ecolóxica, lembrando, e trastocando, a famosa frase de Castelao.

Na ausencia dun talento de personalidade engaioladora coma a do Mestre Félix, deberemos esforzarnos por parecer que temos de didactas as gracias   coas que   Pedagoxía non quixo engalanarnos.

Farase o que se poida.


Sáibase: os voutres un outro ano  xa  están de novo con nós. Cada ano veñen máis. Aproveitade pra botarlles un ollo. Non fan mal a ninguén. Ao contrario, limpan os nosos montes dos cadavres dos animais mortos. Amosémoslles o noso agradecemento cunha ollada lonxana.

Mil gracias mil, miñas e meus, por me acompañar nesta viaxe polos aires da nosa historia seguindo o invisible  sulco  do planear dos voutres quen, un  ano máis, dende as lonxanas brétemas dos tempos idos, volven a veranear entre nós.

Vostedes sigan ben.

A mandare.


Redegrafía: Quede constancia que a sustancia case total desta entrada vai extraída dos seguintes artigos atopados na rede:
a) "Las actividades de las Juntas de Extinción de Animales Dañinos en España. 1944-1968" por  Eduardo J. Corbelle Rico e Eduardo Rico Boquete, respectivamente do Departamento de Enxeñería Agroforestal da  Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela e do Departamento de Historia Contemporánea e de América da  Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela. Artigo que poderedes consultar neste achego.









b) "Depredadores versus alimañas. El paradigma de Félix y el lobo" por Juan Mario Vargas Yáñez Cadeirádego de Bioloxía Animal da  Universidade de Málaga. Artigo que poderedes consultar se premedes.
c) "Cincuenta años después: unha visión histórica de las Juntas de Extinción de Animales Dañinos y protección a la caza" por Carlos M. Paulos Rey. Bibliotecario en Guadalajara, membro da Asociación Alcalarreña para la Defensa de Medio Ambiente e conferenciante e articulista especializado en temas de ornitoloxía e de lexislación medioambiental. Se queredes consultalo poderedes facelo acó.
d) "Incidencia de las Juntas de Extinción de Animales Daniños sobre las poblaciones de lobo ibérico  (Canis lupus signatus)" por Carlos M. Paulos Rey. Pódese ler nestoutro achego.
e) "Incidencia de las Juntas de Extinción de Animales Daniños sobre la poblacion española de buitres. (1954-1961)" de  Carlos M. Paulos ReySe queredes botarlle un ollo, premer eiquí.
  f)   "Sobre la presencia del buitre leonado en un área del Macizo Galaico Leonés" un estudo en PDF de JC Epifanio, A Novegil e J. GonzálezSe se quere ler, Premer.

Destes artigos, xa se dixo, van extraidos a maioría dos datos, aprendidas  ideas e tiradas  algunhas conclusiós,  sen pretender por iso atribuirlles aos seus autores, faltaría máis, os previsibles erros que esta entradiña poda conter, que serán, non habería ser doutro xeito, da miña exclusiva incumbencia. Quixera escusarme por non referenciar con chamadas ao pé, cal compre ao rigor esixido ao mérito debido, a cada un dos autores en cada referencia concreta que lles competese. O número de chamadas sería tal que entorpecería continuamente a lectura do artigo. Así, por unha maior axilidade de lectura dos posibles lectores, asumo unha falla de educación intelectual que, estou seguro, a liberal xenerosidade dos autores e autoras dos artigos saberá desculpar, por máis que esta expresión pública de débeda pra con eles non sexa suficiente. Mil gracias mil, miñas donas meus señores. Escusas, prego.

Outros Achegos:
a) Proba gráfica do perigo das andarabillas eólicas; do bló Aves da FonsagradaAcó.
b) Os voutres na prensa. Miscelánea de noticias. Na Voz, No Faro. No País.
c) Un achego á viaxe ate Galicia dun voutre escuro marcado con radiobaliza. Para saber como se moven.Visitar.
d)  Para repasar a pàxina do Fondo Amigos del Buitre e coñecer o seu traballo desinteresado. Acó.
e)  "Manual de gestión del hábitat y de las poblaciones de buitre negro en España"  un PDF de 157 pax. por Francisco Guil, Sandra Agudín, Fernando Silvestre, Rafael Higuero y Javier Inogés . Entrar.
f) A páxina de Vertebrados Ibéricos, un clásico neste blo, adicada ao voutre negro. Premer.
g) Para coñecer á  Fundación para la conservación del quebrantahuesos, asociación sen ánimo de lucro, facer clic.
h) Un fermoso percorrido en 3D polas rutas que seguen 3 voutres brancos dende o Sahel Sub Sahariano, na Mauritania, ate as Hoces de Riaza, en Segovia. Interesantísimo e moi didáctico percorrido de visita obrigada para todos os públicos. Imperdible. Entrada libre.

7 comentarios:

  1. Estás completamente equivocado, Rafa. Os Voitres fóron "soltados polos ecoloxistas e xa están criando na Capelada" (palabras textuais a un servidor por parte dun cazador moi entendido na materia).

    Falando en serio, unha entrada magnífica. Moi ilustrativa, ben documentada e necesaria, pero tamén moi comprometida. Porque hai cousas que non debemos esquecer, sí señor.
    Parabéns por todo. Polo texto e polas fotos estupendas, como sempre.
    Quero rematar cunha reflexión. Agora estámonos dando conta do exterminio que supuxo aquel episodio dos Alimañeiros. Quizá dentro dunha décadas fagamos o mesmo cos animais atropelados nas estradas. Non se falará daquela de grandes rapaces, senón de anfibios, réptiles, mustélidos, Avenoiteiras, Curuxas, Ourizos,etc..
    Porque deben ser tamén unhas cifras escalofriantes.

    Unha aperta e grazas de novo por esta entrada fantástica,

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moito obrigado, Xabi.

      Dende logo coas "lendas rurais modernas" podería facerse unha entrada graciosísima: as granxas de lobos,(coñecín a un que me xurou ter visitado unha en Galicia), os aviós que chimpan caixas cheas de víboras, os porcos bravos sementados por ecoloxistas...etc Moitas delas, paréceme, nacen da realidade da existencia de granxas cinexéticas (coellos, perdices, paspallás, faisáns) e da práctica anual polos cazadores de sementar o monte con elas. Así pensa o ladrón que todos son da súa condición.

      Coincido na apreciación de estarmos a vivir, (paréceme tercho expresado xa coma comentario naquela entrada do teu bló sobor de anfibios esmagados na estrada de San Xurxo), unha verdadeira aniquilación por esmagamento e atropelo nas estradas do país.

      A iniciativa que anda en marcha, penso que vencellada a Biodiversidade galega, de facer un rexistro de atropelos nas carreteras galegas, parece interesantísima. Eu ando xa rexistrando, antes dábame nonseique, todos os atropelos que atopo.

      Unha aperta.

      Eliminar
    2. E xa que me lembras os atropelos, pensei que sería oportuno incluilos no artigo entre os riscos certos que ameazan hoxendía á biodiversidade. E así o fixen. Escribin que existen miles ou ao mellor centomiles de víctimas anuais, pro se penso nos insectos, que tamén son de dios, que se estampan contra os paraventos dos coches, me parece que tería que engadirlle a cifra das unidades de millón.
      Saudiñas

      Eliminar
  2. nosoutros vimolos por varias veces e son acojonantes

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Impresionan, realmente impresionan e mirados de perto, pasando en planeo sen facer ruído teñen algo de maxestuoso.
      Agradecido, por andardes aí.
      Saúdos.

      Eliminar
  3. Rafael, muchas gracias por citarme en esta estupenda entrada. Pasados ya unos cuantos años desde que escribí esos artículos sigo recopilando información con la intención de publicar en algún momento una monografía sobre el tema. Si algún día ve la luz cuenta con ella y si estás interesado en la documentación que manejé para estos textos, puedo enviártela si me indicas una dirección de correo. En cuanto a las leyendas urbanas sobre repoblaciones de especies protegidas, todo el mundo sabe que el lobo vuelve a verse en Guadalajara porque los "ecologistas" los lanzamos desde helicópteros en el Alto Tajo, jeje. Nuevamente gracias. Unha aperta. Carlos Martín Paulos Rey. carlosmpaulos@gmail.com

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Muy agradecido, Carlos, por tan amables como animosas palabras.
      Realmente quién está agradecido es un servidor por los excelentes trabajos que has publicado sobre este tema e que me sirvieron para conocer una realidad por min ignorada.

      Esa monografía ojalá llegue a buen puerto y podamos leerla mejor pronto que tarde.

      LA leyenda rural de "el helicóptero de los ecologistas" esa fabulosa Arca de Noé moderna desde la cual se lanzan, y milagrosamente sobreviven al impacto, las más diversas especies vivientes,merece por si misma una monografía que no podrá estar escrita más que desde la ironía y el humor.

      Unha aperta.



      Eliminar