XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

sábado, 21 de xullo de 2012

Pildoriñas por Vilarrube

Andaba o mes de xuño ensinando os seus  últimos días da terceira semá cando dei en caer por Vilarrube pra testemuñar as desfeitas do porco bravo na parte do areal que linda co esteiro do Río das Mestas. Unha tristura. Igoalmente de esbandallado, fozado e revirado ca o marouzón que dá pra parte do esteiro do Río das Ferrerías. Unha grande tristura. Non aportarei documentos gráficos. Deixemos pasar o vrao sen maiores depresiós ca as que provoca a mentira revirada do Presidente  do Desgoberno.

Abondará con sabermos que en Vilarrube non quedan xa orquídeas: nen O. sphegodes, nen O. apífera, nen Serapias parviflora (había uha colonia moi cuca) nen os poucos, pro lanzais e fermosos pés de D. elata que se erguían pola parte das campeiras. Con todas acabou o porco. E a política de manexo do Tecor. E o mirar pra outro lado do colectivo ecoloxista. E o nulo interese social polos problemas medioambientais. Entre todos las mataron y el puerco solo se las comió.

Menos mal que na praia a inesperada presenza neses días dun pequeno grupo de pildoriñas: dúas Calidris alpina en traxe nupcial, unha noviña, penso eu, de Charadrius hiaticula, e un acomodado macho de Charadrius alexandrinus, aledaron as horas deses fermosos días de xuño nos que o sol, se quere, aparece; o nubeiro, se quere, non molla, e os perrumanos, misterio insondable, non quixeron  aparecer.

Só Vilarrube, as pildoriñas e unha lixeira brisa. Mundo Feliz, se non  faltaras ti.











Sen outras palabras ca as xustas pra agradecervos a vosa presenza nesoutro lado do mundo,  e  coa espranza de que estas fermosas e miúdas xentes da marea  vos fixeran máis levadeiro o acedo e desacougante son da tesoira insaciable  do Desgoberno, imos ir por hoxe deixando xear, acomodándonos na sabia reflexión  que asegura que non hai males, nen imbéciles, que cen anos duren.

Menos mal. Malo será.

A mandare.


Nota marxinal: era tamén esta unha entrada programada. que debería de deixarse ver o xoves a tardiña. A mesma ausencia de competencia dixital  que xa se confesou en ocasiós pasadas condéname a publicala manualmete. Eche o que hai.

Saibase, ao paso, que  os videomínimos non se deixaron de armar. Por razós que non acado, blogger, dende hai un tempo, dame sinais de erro e non me arrima as peliculiñas. Ben que o sinto, pois sigo facendo nelas e teño facturada unha pra cada entrada. Mágoa. Seguiremos teimando.

En obriga, por tanto.



¡¡¡ MOI BEN ADENA, MOI BEN !!!

2 comentarios:

  1. Mentras miro estas fotos túas quedo de xeonllos ante ti, Rafa. Eu, que igualmente teño unha bridge, sei mellor ca ninguén o complicado que resulta conseguir esa definición nas imaxes, equiparábel a unha toma reflex (por moito retoque que se lle faga). Certo que a túa Canon é algo mellor ca miña Fuji, pero aínda así estou ANONADADO coa calidade final que lograches nestas fotos das píllaras.

    Non teño maís palabras, mestre. Aos teus pés para sempre.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas gracias, Xabi, pro non te pases que non é pra tanto...en realidade foron unha xuntanza de condiciós positivas: chegueime, (logo de moito tempo arrastrándome moi amodo pola area e coller a súa confianza máis absoluta), ata catro ou cinco metros, ou menos...logo a luz o día das hiaticula era perfecta: á caída da tarde e a favor de raiola, pois en canto baixa a luz, nas do alexandrinus, a cousa cambia...e finalmente o imprescindible traballo de definición da imaxe no laboratorio que sempre a mellora. Algunha delas, a última por exemplo, vai sen recorte, calcula se se deixaron.

      Ben sabes que temos unhas cervexas (e algo máis) pendentes. Eu non me esquezo.
      Unha aperta.

      Eliminar